A Sociedad de Instrucción y Recreo de Ventosa

Excursión ao Farelo 1932
Os excursionistas na cima do Farelo

O primeiro acto de culto á montaña que tivo lugar na terra de Deza non foi a pelegrinaxe ao Candán que se desenvolveu en agosto de 1933 con motivo do XXV aniversario da Sociedade Hijos de Silleda. O 26 de xuño do ano anterior tivo lugar a xeira ao monte Farelo organizada pola Sociedad de Instrucción y Recreo de Ventosa.

 A proclamación da Segunda República o 14 de abril de 1931 veu abrir un período de liberdade que tivo como consecuencia o desenvolvemento e potenciación da sociedade civil, coa creación de multitude de asociacións e agrupacións cos obxectivos de acción e difusión política e social, pero sobre todo cultural. Unha delas foi a Sociedad de Instrucción y Recreo de Ventosa y sus contornos que se constituíu na parroquia de Ventosa en marzo de 1932. Promovida por Adolfo Sarandeses, pero sobre todo polo mestre David Moreno, que foron elixidos presidente e secretario da sociedade no momento da súa fundación, propúxose levar adiante os obxectivos que enunciaba no seu nome, a instrución das xentes da zona sur do concello de Agolada e a organización de eventos que servisen para o lecer dos seus veciños.

A sociedade de Instrucción e Recreo ten evidentes precedentes nas asociacións de emigrantes de Buenos Aires e A Habana, que crearan en 1918 a Asociación Hijos de Ventosa y su partido en Buenos Aires (o dous de maio) e a Sociedad de Instrucción de los Hijos de Ventosa y su Término (o catorce de decembro), constituídas co obxectivo de fundar e soster escolas de instrución primaria na parroquia.

En marzo de 1920 creouse na mesma parroquia de Ventosa unha sociedade para promover a construción do edificio escolar, aínda que tamén funcionaba como sociedade de caza e pesca. Presidida por Julio Yebra Pimentel, nela figuraba como secretario un aínda mozo Adolfo Sarandeses. Emprenderon os traballos para a realización do edificio grazas aos fondos enviados polos americanos, que proxectaran un local de dúas plantas, de ampla fachada, pórtico, balcóns e reloxo. O 16 de agosto de 1923 tivo lugar o acto de colocación da primeira pedra do edificio da casa-escola coa participación do cubano José V. García, un dos fundadores da sociedade de Instrucción Hijos de Ventosa e o comisionado da sociedade de Buenos Aires, José Otero. Este primeiro intento fracasou, pois as primeiras aportacións enviadas desde Cuba para mercar o terreo e afrontar os gastos iniciais, non foron axeitadamente administradas e unha boa parte foi parar a mans privadas. Finalmente construíuse un edificio moito máis modesto que o proxectado, dunha soa planta dividida en dúas aulas, que é o que aínda hoxe se conserva.

Esta confianza na educación como medio de rexeneración e transformación social que manifestaban os emigrados de Ventosa, foi continuada na República pola Sociedad de Instrucción y Recreo.

Así, unha das primeiras accións da nova sociedade, foi a organización dun ciclo de seis conferencias culturais que se celebraron as tardes dos domingos a partir do 10 de abril. Os conferenciantes foron mestres de Agolada e doutros concellos (como Antonio Magariños, mestre do pósito de Cambados), peritos agrícolas, especialistas doutros campos, e agraristas como Benedicto García García, o presidente da Sociedade de Agricultores de Pescoso (Rodeiro).

Sabemos por unha nova de prensa do contido das conferencias do domingo 24 de abril. Jesús García Méndez, o mestre de Agolada, fixo un detido estudo sobre o abuso do alcol e os seu perniciosos efectos; Jesús Salinas Moreno, mestre de Az, explicou a Constitución española analizando sobre todo os artigos que trataban da ensinanza, a agricultura e o divorcio; e José Barrio Negro, perito agrícola agoladense, disertou sobre a influencia das distintas formas de goberno no desenvolvemento da agricultura, explicando a nova lexislación republicana.

A sociedade dotouse dun local social, un amplo salón onde instalaron unha biblioteca e onde se recibían xornais e revistas gráficas e agrarias. Polas noites, o local era usado polos socios como centro social onde acudían para ler e facer parladoiros. Tamén se realizaron no local veladas literario musicais e bailes de sociedade.

David Moreno
David Moreno

Así describía David Moreno, o secretario, a actividade que se desenvolvía na sociedade:

“El local social, que al mismo tiempo es vestíbulo, biblioteca, salón de sesiones, etc. porque las posibilidades del comienzo permiten otras exigencias, se ve de continuo y más aún a la caída de la tarde concurrido de hombres toscamente ataviados, con sus hercúleos brazos remangados y aprisionando entre las encallecidas manos un periódico o revista y los más, continuando la amena lectura del libro que el día anterior comenzaron; y es de oír las charlas que entre ellos se cruzan al final de sus lecturas, pretendiendo dar mayor ampliación a aquél su último párrafo o queriendo sacar lo que para ellos puede ser la parte más práctica; y siguen comentando, desmenuzando la lectura, formando proyectos, como si cada uno fuera un hombre de estado, o el ser indispensable de asuntos financieros o de otro cualquier variante, pero que al mismo tiempo van cogiendo a su manera los cabos del mundo exterior, de la vida que se agita y del loco empeño en que muchas veces la fantasía suele acompañar a las exaltadas inteligencias; y aquellos campesinos que antes en la vida eran sólo la parte material van ahora moldeando su inteligencia y adquiriendo juicios más reales que utópicos.”

Foron medrando os socios, e nunha reunión de principios do verán o presidente Adolfo Sarandeses propuxo a organización dunha excursión ao monte Farelo para o día 26 de xuño. Acordada a celebración, difundiuse por toda a contorna; a publicidade do evento chegou até o Seminario de Estudos Galegos, a onde o presidente enviou un convite para que os seminaristas souberan da xira.

O lugar de reunión foi o parque de Ventosa; ás 8 da mañá chegaron os excursionistas en coches, cabalos e a pé, para desde alí, emprender a ascensión ao monte. Máis de mil cincocentas persoas fixeron o traxecto animadas e algareiras, entoando alalás e muiñeiras. Chegaron á cima do Farelo ás once; alí o vicepresidente da sociedade, Juan Otero, dirixiulles unhas palabras de benvida. Ao mediodía xantaron as viandas que portaban. Ao remate do xantar, os grupos de excursionistas fixéronse fotografar por un afamado profesional de Melide que a organización convidou para a ocasión.

Ás catro da tarde o mestre de Trabancas, Antonio Sánchez, dirixiuse aos presentes para explicar o significado do acto, sinalando a irmandade reinante entre os concellos de Antas de Ulla, Agolada e Rodeiro aos que pertencían os excursionistas, para finalmente facer un pequeno resumo da historia de Galicia. Continuaron os discursos, e foi a quenda do mestre de Ventosa e secretario da sociedade, David Moreno, que fixo unha exaltación da fermosura da terra galega, manifestando que a pesares del non ser galego sentía un enorme amor polo país, comparándoo coas terras da súa Valencia de orixe. Rematou a quenda de palabra Francisco Amor, que disertou sobre o sistema planetario.

Clemente Fernández, Agolada
Clemente Fernández

Formouse despois un baile campestre amenizado por la banda de Ventosa, dirixida por Clemente Fernández. Ás seis da tarde rematou a xira, marchando os asistentes cara os seus fogares.

Uns meses despois, o 9 de setembro, a Sociedad de Instrucción y Recreo de Ventosa rendeu unha homenaxe de recoñecemento ao seu secretario, David Moreno, fundador e incansable impulsor da mesma. O presidente fíxolle entrega dun bastón adquirido por subscrición popular entre os socios e no acto pronunciaron cadanseu discurso José Barrio e o mestre Antonio Magariños, chegado de Cambados para a ocasión.

En decembro dese ano a xunta xeral acordou convidar a Castelao, Suárez Picallo e Manuel Fidalgo, a dar conferencias culturais en Ventosa, e segundo as noticias de prensa, obtivo unha resposta favorable de todos eles. Non teño constancia de que tales conferencias chegaran a ser impartidas, pois a partir de 1933 xa non atopei máis referencias á Sociedade de Ventosa, que probablemente foi esmorecendo e rematou a súa actividade ao marchar de Ventosa David Moreno, o mestre que foi o seu promotor e principal animador.

 

Os promotores da Sociedade

David Moreno Moreno, aínda que naceu en Tarazona de la Mancha (Albacete) o primeiro día de agosto de 1907, foi de moi novo coa familia para Valencia. Estudou na Normal da capital do Turia e fíxose mestre. Traballou na Escola Parroquial de Santo Tomás Apostol no curso 1930/31. O destino deparoulle o posto de mestre de Ventosa ao pouco de proclamarse a República. Instalouse na parroquia agoladense na casa de Ricardo Coego García, que estaba fronte á escola. Deseguida iniciou a súa actividade social tratando de promover as inquietudes culturais dos veciños de Ventosa. En colaboración co director da banda de música “La Armonía” de Ventosa, Clemente Fernández, escribiu a letra dun “himno republicano” ao que o compositor e director da banda lle puxo música, estreándose a peza en decembro de 1931.

Xa comentei a súa actividade como promotor e logo secretario da Sociedad de Instrucción y Recreo de Ventosa, pero tamén hai que facer mención ás conferencias no ciclo que organizaron en Agolada as Misións Pedagóxicas en xuño de 1932. Xunto cos seus compañeiros de maxisterio disertou sobre varios temas culturais nas parroquias do concello; a David tocoulle falar sobre “Amor al trabajo” na escola de Trabancas, “El ahorro” na de Borraxeiros, “Celo de los padres en la enseñanza” en Santa Comba, e “El comercio” na escola de Ferreiroa.

En canto á súa actividade xornalística, hai que sinalar as súas colaboracións para a revista Vida Gallega nos anos 1932 e 1933. Alí publicou algúns artigos referentes á vida cultural da parroquia de Ventosa, un relato da súa experiencia persoal como valenciano en terras galegas, e uns interesantes apuntes biográficos do director da banda de música da parroquia, Clemente Fernández. Polas novas da prensa sabemos tamén que foi un dos primeiros socios da Casa del Maestro de Pontevedra.

Permaneceu en Ventosa ate o final do curso de 1933/34, cando como consecuencia do concurso de traslados, logrou retornar á súa terra, sendo destinado á escola graduada de La Jana, no norte da provincia de Castellón, da que foi nomeado director en 1935. Permaneceu nesa escola case vinte anos. Alí coñeceu á súa muller, tamén mestra, coa que tivo catro fillos que naceron en La Jana. Cando a muller obtivo destino en Massamagrell, conseguiu unha permuta por consorte para o veciño concello de Museros. Correspondente de prensa de Las Provincias en Massamagrell, coñecido como autor de contos e afeccionado ao teatro, dirixiu moitas representacións en Massamagrell. Xubilouse aos setenta anos, logo de 44 de profesión.

As súas inquedanzas como investigador plasmáronse nas publicacións Historia de Masamagrell en 1977, en colaboración con Manuel León Contell, e Historia de Museros en 1980. Cego nos últimos anos, David Moreno morreu en Massamagrell o 12 de decembro de 1988, con 81 anos.

Adolfo Sarandeses Cortés 1932
Adolfo Sarandeses

Adolfo Sarandeses Cortés, o que foi presidente da Sociedade, naceu en Ventosa o último día de 1891. Industrial en Ventosa, fora correspondente de El Ideal Gallego en Agolada entre 1919 e 1923, e polas súas crónicas temos algunhas novas da vida agoladense deses anos. Casou en 1924 con Amelia González Fidalgo, irmá de José, o médico dos pobres de Rodeiro, e Benjamín, o avogado que foi alcalde de Lalín na ditadura de Primo de Rivera. En 1934 converteuse en recadador-depositario do concello de Agolada, posto conservou moitos anos. No franquismo foi inspector da ILEPSA. Morreu o 18 de decembro de 1977 na mesma parroquia de Ventosa.

 

Juan Otero González, o vicepresidente da sociedade, naceu o 2 de xuño de 1906 na mesma parroquia agoladense. Industrial de Ventosa, tivo unha gran participación na política local, pois foi un dos promotores da candidatura de Primo Castro Vila para as municipais de 1931 e era o presidente do Partido Republicano Gallego de Agolada en 1933.