José María Vázquez, agrarista e galeguista

Participou na campaña anticaciquil de Silleda e foi o presidente da Irmandade Galeguista de Noia na República

José María Vázquez  con Rodrigo Romaní
Vázquez (esquerda) con Rodrigo Romaní en Noia nos anos trinta.

No desenvolvemento das loitas agrarias de principios dos anos vinte en Silleda, que constituíron un dos máis potentes fitos da mobilización social na Comarca do Deza, encontramos a algúns membros das elites dominantes que se puxeron do lado dos labregos, combateron a inmoralidade e contribuíron a denunciar as aldraxes do caciquismo. Traemos aquí a figura de José María Vázquez, un dos propagandistas e animadores deste movemento, que coas súas intervencións públicas e os seus artigos xornalísticos, foi un dos protagonistas dese movemento.

José María Vázquez Ulloa naceu na Estrada xusto ao inicio do século. Era fillo do avogado silledense Cesáreo Vázquez Martínez, que casara o ano anterior en Orazo con Consuelo Ulloa Villar, filla de Faustino Ulloa Estévez, o cacique liberal que controlou o concello da Estrada para o Marqués de Riestra, pero caido en desgraza no seo do riestrismo. Consuelo era neta de Juan Ramón Ulloa Pimentel, que fora alcalde de Lalín en 1866.

Cesáreo Vázquez Martínez, fillo do que fora notario de Trasdeza, José María Vázquez Gulías, desempeñou os cargos de fiscal e xuíz municipal en Silleda, e foi deputado provincial a principios do século XX, ata que en 1916 se trasladou a Santiago de Compostela como recadador de contribucións do concello. Cesáreo estaba emparentado por liña materna coa familia Martínez, que viñera controlando o poder político en Silleda durante a segunda metade do século XIX.

José María estudou o bacharelato en Compostela e alí fixo a carreira de dereito. Ao rematar a licenciatura e imbuído de ideas republicano-socialistas, integrouse con vintedous anos na loita agraria como eficaz propagandista pola súa fogosidade e elocuencia. A súa primeira aparición pública foi no mitin organizado en Silleda o 26 de marzo de 1922, no que tomou a palabra xunto ao catedrático de Veterinaria Jesús Culebras, José Campos da agraria de Forcarei e o líder obreiro e concelleiro compostelán José Pasín Romero. O comicio serviu para denunciar a fraude electoral das municipais de febreiro que anulou o trunfo dos agrarios. Días despois volve intervir na festa da árbore organizada pola Sociedade de Graba, co presidente da agraria do Pereiro, Indalecio López, José Manuel Puente e Emilio Alonso Paz. Foi en realidade outro mitin máis no que Vázquez anima aos de Graba a persistir na loita contra o caciquismo ao mesmo tempo que eloxia o comportamento das sociedades de emigrados polo seu apoio á campaña dos silledenses.

Será este un tema recorrente nos seus artigos para o xornal estradense El Emigrado, nos que vai dando conta das reivindicacións dos agrarios e denuncia os abusos que o omnímodo poder caciquil e as corruptas institucións cometen constantemente cos indefensos labregos. Sirva de mostra o titulado “En apretado haz”, dedicado “a los hermanos residentes en la Argentina y Cuba que con tanto amor nos ayudan en la lucha contra el caciquismo de Silleda”. Tamén escribe Vázquez no periódico pontevedrés El Progreso, para demandar a intervención dos poderes da capital da provincia ante o despotismo e as irregularidades na administración do concello.

Topamos de novo a José María no mitin da Agraria do Pereiro (Laro) o 28 de xuño con Jesús Filloy, no que o noso protagonista clama contra a guerra de Marrocos pola sangría de homes e recursos que supón para o país, mentres se carece de escolas, estradas ou ferrocarrís. Tamén intervén na campaña para a elección a deputado de Alfredo Pérez Viondi, candidato dos agrarios fronte a Vicente Riestra. No mitin da Bandeira, que ten lugar en setembro, incita aos presentes a perderlle o medo ao cacique e ás súas vinganzas, pois realmente carece xa de armas coas que amedrentalos. Vázquez tamén toma a palabra na Festa da Árbore da parroquia estradense de Guimarei xunto con representantes das agrarias silledenses.

Así se dirixía publicamente ao cacique nun artigo de 1922:
“Nada nos amilana; llevamos un ideal y no cejaremos hasta verlo satisfecho. Queremos implantar la justicia en donde ni sus huellas se notan. Anhelamos redimir un penoso cautiverio y eso lo haremos con el pueblo. Con él, con los hermanos a quien tu azotaste, somos fuertes, más pujantes que vosotros. Esas lágrimas de queja que derrama se trocarán súbitamente en lágrimas de venganza y odio. Entonces finirá el malestar y producirán las tierras, y se remunerará el trabajo y saciaremos el hambre y la sed que tenemos de justicia.”

A derrota de Pérez Viondi nas eleccións a Cortes de 1923 e uns meses despois a ditadura de Primo de Rivera, liquidan o movemento agrario silledense. José María Vazquez inicia unha carreira como funcionario da administración local que o afastará definitivamente das terras dezás. Aproba as oposicións a secretario de concellos en 1924 e ao ano seguinte encárgase por un breve período da secretaría de Caldas de Reis para pasar despois a desempeñar a praza en Ponte Caldelas. Finalmente en 1929 accede ao posto de secretario do concello de Noia.

José María Vázquez cos políticos de Noia
Personalidades políticas de Noia na República (José María Vázquez é o cuarto pola dereita).

En Noia vai establecer amizade co catedrático do Instituto Álvaro das Casas que tamén se acaba de instalar na vila e participa con el en 1930 na creación da Irmandade Galeguista que no seu manifesto fundacional asevera que se está a “entrever unha Galiza nova, que ven fortalecida de recordos e cobizosa de espranzas” engadindo os seus asinantes que traballarán “sin acougos” para “ollar a nosa bandeira azul e branca latendo en todol-os ventos, dend-a vila a freiguesía mais lonxana”. José María converterase en novembro no seu primeiro presidente. Colabora con Álvaro das Casas na organización xuvenil galeguista Ultreya. Integrado plenamente na reivindicación da Autonomía, asistiu como representante do concello de Noia, xunto ao alcalde Germán Vidal, á Asemblea para o debate do Estatuto de Galicia celebrada en Compostela en decembro de 1932.

Durante o franquismo José María Vázquez estivo implicado en actividades mineiras, como a exportación de volframio procedente das minas de Lousame en 1942 e unha prospección para encontrar ouro e estaño nos montes de Boiro e A Pobra do Caramiñal en 1950 xunto co seu irmán Cesáreo, que non deu os resultados agardados. Nos anos cincuenta e sesenta ocupou o posto de secretario do concello de Outes. Morreu en Noia o 4 de abril de 1987.

A pelegrinaxe ao Candán

Pelegrinaxe ao Candán

O 15 de agosto de 1933 celebrouse na cima do monte Candán unha festa pagá, un acto de culto á montaña e de exaltación de Galicia, con motivo do XXV aniversario da Sociedade “Hijos de Silleda” en Bos Aires.

A Sociedade constitúese en 1908 co obxectivo de fomentar a instrución entre os veciños do Concello (“Haced que vuestros hijos sobrepasen / el triste nivel en que nacieron” rezaban uns versos do seu himno). Froito desta preocupación é a creación de tres centros laicos de ensino primario: a escola Rosalía de Castro en Freixeiro (Laro), inaugurada en 1917; a Bernardino Rivadavia en Penadauga (Escuadro) e a Francisco Giner de los Ríos en O Marco (Siador), creada a principios dos anos vinte; que en 1933 tiñan o proxecto de converter en “Escolas Especiais de Economía Rural” para formar aos labregos, ao asumir a República o labor pola que foran fundadas.
Tamén foi “Hijos de Silleda” a promotora da Federación de Sociedades Galegas de Bos Aires, que agrupaba ás Sociedades de emigrados de toda Galicia, proxecto do que foi principal animador o silledense Antón Alonso Ríos.
Desde a súa fundación, a Sociedade combateu ao caciquismo cunha intensa propaganda, sempre a cargo do incansable Alonso Ríos, por medio de manifestos e periódicos, excitando aos silledenses a acudir ás eleccións, alentándoos para que non se deixasen dominar pola forza caciquil e apoiando ás sociedades agrarias. A primeira Corporación republicana de Silleda é resultado desa intensa labor dos emigrados.

O acto de homenaxe, organizado polo Concello, a delegación de “Hijos de Silleda” e as Sociedades agrarias, celebrase no monte Candán porque das parroquias de Parada e Laro, ao pe do monte, eran os emigrantes que fundaron e deron impulso á Sociedade e pola súa situación, desde a que se domina unha boa parte de Galicia, querendo así significar que as arelas dos emigrantes non eran só de melloras locais, senón para toda a nación.

Pelegrinaxe ao Candán 2
Pelegrinaxe ao Candán.

Congrégase na cima do monte unha grande concorrencia de veciños (uns seiscentos) de Silleda, Lalín, Forcarei e Cerdedo. Logo do xantar, as cinco da tarde, ten lugar a sesión pública do Concello dedicada a “Hijos de Silleda”.
Á sombra dunha enorme peneda no máis alto da montaña, a reúnese a Corporación, sentados o alcalde Emilio Alonso, o secretario Francisco Pichel, e os concelleiros sobre as carpazas e formando marco derredor a multitude. Abre o acto o alcalde, explicando que o motivo do mesmo é enviar unha mensaxe cordial e efusiva aos emigrantes, e cede a presidencia ao concelleiro Victoriano Souto (que fora fundador e primeiro presidente da Sociedade “Hijos de Silleda”) en medio dos aplausos da concorrencia. Souto fai unha reseña da orixe modesta e a gran obra da Sociedade, facendo votos porque Silleda siga administrado por cidadáns honrados e celosos da xustiza como a Corporación que alí está presente. A continuación intervén Alonso Ríos como Delegado especial da Sociedade, para agradecer en nome dos socios de “Hijos de Silleda” a demostración de simpatía, recoñecemento e irmandade ao Concello.
Despois, o Secretario da conta da xestión municipal, enumerando os principais logros da Corporación republicana para que sexan coñecida polos de Bos Aires. Con vivas á Sociedade e aos emigrados, o alcalde pecha a sesión.
De seguido comeza o mitin político para exaltar a liberdade, a personalidade nacional e a vontade de Galicia de ser dona dos seus destinos, empezando pola aprobación do Estatuto e o establecemento de ampla e efectiva autonomía. Aínda que estaban anunciados, non puideron asistir Ramón Otero Pedrayo que ía dar unha lección de Xeografía e Vicente Risco que falaría sobre “Como Galicia xurde na historia dos pobos”. Si o fixeron Ramón de Valenzuela, que entoa un canto á mocidade cheo de exaltación e de acendido amor a Galicia rematando cun “¡Viva Galiza ceibe!”.
Suárez Picallo da un Saúdo emocionado os emigrados que contribuíron a que a súa terra oprimida rache as cadeas que a atan e xurda un día aureolada de gloria no concerto dos pobos libres.
Intervén Eduardo Blanco Amor que fai unha invocación á Poesía galega, falando da necesidade dos poetas: “a patria créana os poetas. Un pobo que non ten poetas, ou que non sabe escoitar a súa palabra, é un pobo estéril condenado á eterna servidume espiritual”.
Pecha o acto Antón Alonso Ríos cunha afirmación da vontade de Galicia. Nun ton profético, sinala os camiños da terra, por onde di que se esparexerá o sangue de todos se é necesario. Remata con estas palabras: “Nos, desde o alto desta montaña, nunha soa voz, como un so home, proclamamos a vontade, a firme e inquebrantable vontade de Galicia de ser libre”.
Este foi, en palabras de Blanco Amor, “Tal vez o acto mais grandioso e memorable de todos cantos se fixeron para exaltar Galicia. A Sociedade “Hijos de Silleda” merecíao dende fai moito tempo. Aos 25 anos de labor continuada e sen desmaio, eu só teño unha palabra para animarnos mutuamente no camiño emprendido: ¡Adiante!”.

O Concello de Silleda está en débeda con “Hijos de Silleda” e con Antonio Alonso Ríos, aos que ten que agradecer moitas das iniciativas de cultura e progreso do primeiro tercio do século XX. E ademais, os edificios das escolas que creou a Sociedade, dos que se apropiou no franquismo a “Comisión de incautación de bienes de procedencia marxista”, pasando despois á Organización sindical, foron finalmente incorporados ao Patrimonio municipal e nunca devoltos aos seus lexítimos propietarios. Compre xa facer unha nova homenaxe que serva de recoñecemento público desta labor dos emigrados silledenses.

Manuel Igrexas