Un rapaz de Soutolongo na RAE

A familia de Manuel Ferreiro I

Gregorio Salvador Caja

O recente pasamento do académico da Real Academia Española Gregorio Salvador Caja acontecido o 26 de decembro pasado, trouxo á actualidade a súa biografía, e sobre todo para os dezaos o feito de que parte da súa infancia transcorreu no concello de Lalín. E efectivamente, Gregorio pasou tres anos da súa infancia en Ludeiro, na parroquia de Soutolongo.

Gregorio era o irmán pequeno de Antonio Salvador Caja, un funcionario do Ministerio de Traballo que chegou a Pontevedra nos primeiros anos da República. Adscrito á Delegación de Traballo de Pontevedra, foi coñecedor da comarca dezá, que nesa época era un dos principais focos de conflitos laborais polas obras do ferrocarril Ourense-Santiago. Antonio casou en xaneiro de 1934 en Soutologo coa mestra Marcelina Ferreiro Panadeiro, a irmá do alcalde de Lalín, Manuel Ferreiro, nunha cerimonia na que foron apadriñados polo propio Ferreiro e pola súa tía, a tamén mestra Concepción Ferreiro. Asinaron como testemuñas o delegado de Traballo de Pontevedra, o administrador de Correos de Lalín, Andrés Iglesias Rueda, o avogado Domingo Pablo Palmaz, o comerciante Luis Taboada Fernández e o perito agrícola e secretario do Centro Republicano de Lalín, Gonzalo Goyanes Sánchez.

Antonio converteuse en inspector de traballo en 1935 e nunha coñecida figura política da capital, colaborando na prensa local con artigos sobre o mundo laboral como “El paro, una injusticia social”, que apareceu en El País. O pasamento da nai levou ao pai, daquela secretario do concello de Cúllar de Baza (Granada), a enviar a Pontevedra a Gregorio, de pouco máis de sete anos, para que se ocupasen del o seu irmán Antonio e a súa cuñada Marcelina, que vivían, tal como recordaba Gregorio, nunha “casa de azulejos verdes, junto al río”. O rapaz asistiu á escola preparatoria do Instituto. Ao ano seguinte, logo do triunfo da Fronte Popular nas eleccións de febreiro, Antonio foi nomeado a principios de marzo Delegado de Traballo da provincia de Pontevedra. Cando se produciu o golpe de Estado do 18 de xullo, Antonio Salvador acudiu á chamada do gobernador Gonzalo Acosta Pan para organizar o Comité de Defensa da República no Goberno civil no que tamén participaron Alexandre Bóveda, Ramiro Paz, Amancio Caamaño, José Adrio Barreiro,… Ante a inutilidade da resistencia aos militares, rendéronse e foron detidos.

Así lembraba moitos anos despois Gregorio a detención do seu irmán: “A la semana de empezar la guerra, llegaron a las tres de la madrugada y se llevaron a mi hermano, que era el delegado provincial de Trabajo. Salvó la vida porque lo reconoció un jurídico militar de los sublevados que había sido su amigo de la infancia.”

Antonio estivo detido na Normal de Pontevedra onde compartiu as últimas horas de Alexandre Bóveda antes do seu fusilamento, testemuño que recolleu anos despois o programa A Trabe de Ouro da TVG. Xulgado en Pontevedra por rebelión militar, foi condenado a cadea perpetua. Estivo un tempo no campo de concentración da Illa de San Simón, sufrindo as duras condicións da vida penitenciaria do lazareto da que tamén deixou testemuño no documental Aillados (2001), no que interveu xunto con outros presos. De seguido foi trasladado á Prisión Central de Burgos, pensada para 850 reclusos que chegou a albergar case 4.000, a maioría prisioneiros políticos das zona baixo dominio rebelde. Ao amoreamento engadiuse a deficiente alimentación e a aparición das enfermidades contaxiosas e infecciosas como a tuberculose, a avitaminose, o tifo e o cólera.

Mentres tanto, a súa muller Marcelina, que fora mestra interina na Xesta, Coiro (Cangas) e Vilarello (Dozón), e que acababa de aprobar o cursiño de selección profesional para o ingreso no Maxisterio, foi cesada como mestra. Co home na cadea, o irmán fusilado o 27 de agosto, moi sinalada politicamente e sen medios de vida en Pontevedra, vense para a casa paterna en Ludeiro co seu sobriño Gregorio, que non podía regresar a Granada, en mans do goberno leal. Alí viviron durante toda a guerra con Fernando, Mª Esther e José, os irmáns de Marcelina que aínda quedaban na casa.

Fonte de Ludeiro.

Gregorio Salvador, a quen os veciños chamaban “o andaluz”, compartiu eses anos cos rapaces de Ludeiro e doutros lugares da parroquia de Soutolongo. A súa tía Marcelina exerceu tamén como mestra e é moi posible que asistise á escola de Soutolongo que rexentaba o recordado Manuel González “Cancelo”. Pouco deixou escrito Gregorio sobre esa etapa da súa mocidade:

“Pasé, de niño, cuatro años en Galicia, primero en Pontevedra y luego, la mayor parte de la guerra civil, en una aldea del interior. Me habían partido España y al otro lado estaba casi toda mi familia y con el otro bando, viendo lo que veía, estaba indudablemente mi corazón.” Comenta no artigo “Un español pintado por sí mismo” aparecido en El Sol en 1990.

O andaluz de Ludeiro tamén tiña que botar unha man nas tarefas da casa, e a súa labor principal foi a de ir coas vacas. “Como las vacas son pacíficas y solo hay que estar pendiente de si se meten en el otro prado, tuve mucho tiempo para leer. La biblioteca de la casa era amplia y necesitaba ese vivir otras vidas, ampliar mi horizonte”; “los días que llovía me echaba una capa por encima y con ella tapaba el libro para que no se mojara», conta nunha entrevista. Lembra a lectura dos Episodios Nacionales de Benito Pérez Galdós e dos contos de Vidas sombrías de Pío Baroja mentres coidaba as vacas. E tamén o seu coñecemento da poesía galega no que se iniciou neses anos de Soutolongo.

Escola de Soutolongo

Coincidindo case coa fin da guerra, Gregorio regresou a Cúllar co seu pai, por pouco tempo, pois en de outubro de 1939 xa marchou a Granada para estudar o bacharelato. Marcelina aínda permaneceu en Ludeiro dous anos máis, ata que por fin Antonio Salvador saíu da prisión de Burgos ao concederlle a liberdade provisional a principios de 1941. O matrimonio instalouse en Lugo, onde Marcelina logrou montar unha xestoría e Antonio conseguiu un traballo como administrativo da empresa Gómez de Castro, a propietaria da liña de autobuses que facía o traxecto Lugo-Vigo, con parada en Soutolongo. En Lugo naceu o seu primeiro fillo, Antonio, a finais de 1941.

Marcelina e Antonio seguiron vindo por Soutolongo todos os veráns, e anos despois instaláronse en Vigo. Acabaron construíndo unha casa en Ludeiro onde pasaron os últimos anos de vida. Coa fin da ditadura franquista, Marcelina foi rehabilitada como mestra en 1979.

A relación de Gregorio Salvador coa súa familia galega non rematou en 1939. Gregorio volveu en varias ocasións a Ludeiro, para visitar e rememorar a casa onde pasou varios anos de rapaz; e ademais a súa filla Aurora acabou casando co seu curmán Antonio Salvador Ferreiro, o fillo de Marcelina e Antonio.

Hai que contar tamén a historia dos outros irmáns de Manuel Ferreiro. Queda para outro artigo…

Manuel Ferreiro, o primeiro fusilado polo fascismo

Manuel Ferreiro
Manuel Ferreiro Panadeiro.

O 27 de agosto de 1936, ás 5,30 da mañá, un pelotón de fusilamento acababa en Pontevedra coa vida de Manuel Ferreiro Panadeiro, o que fora alcalde de Lalín nos primeiros catro anos do réxime republicano. Foi o primeiro dezao procesado e sentenciado a morte polos militares que se rebelan contra a II República o 18 de xullo. E non por azar:

Manuel Ferreiro naceu o 24 de xuño de 1903 no lugar de Ludeiro da parroquia de Soutolongo, no concello de Lalín. Era fillo de Benito Ferreiro Álvarez e Ventura Panadeiro Lalín.

Estudou o Bacharelato no Seminario de Lugo, trasladándose despois a Madrid, onde iniciou a carreira de Dereito. Alí adquiriu conciencia política, implicándose na loita estudantil contra a Ditadura de Primo de Rivera.

En 1930 xa o atopamos en Deza participando en actos de propaganda republicana, na constitución do Centro Republicano de Lalín o 8 de xuño, e como director do seu periódico Atrás, que aparece en setembro. Ferreiro e o seu veciño e correlixionario Marcelino García Villar son elixidos presidente e secretario do Centro Republicano, que se adhire á Federación Republicana Gallega.

Preséntanse ás eleccións municipais do 12 de abril de 1931, pero a candidatura republicana non acada representación polas manobras caciquís dos monárquicos. O novo goberno provisional anula as eleccións e o día 16 proclámase a República en Lalín, constituíndose unha Xunta Municipal Provisional baixo a presidencia de Ferreiro, que días máis tarde é designado deputado provincial. As eleccións municipais repítense o 5 de xuño copando todos os postos a candidatura republicana encabezada por Manuel Ferreiro.

A súa xestión á fronte do Concello ten como eixes a educación (programa de construción de escolas e reivindicación dun Instituto para Lalín) e as infraestruturas (camiños, pontes e fontes).

Ferreiro e os republicanos lalinenses mantéñense fieis á disciplina da FRG, que chega a celebrar en Lalín unha asemblea provincial en setembro de 1933. Cando se disolve, pasa a integrarse en Izquierda Republicana.

Logo do trunfo das dereitas nas eleccións de novembro de 1933, desde o Goberno civil realízanse varias inspeccións ao Concello co propósito de atopar anomalías que o prexudicasen e así poder suspender á Corporación. O 2 de febreiro de 1934 un delegado gobernativo destitúe ao Alcalde, aínda que é inmediatamente reposto polo Gobernador ante o escándalo político que chega ata o Ministerio. En desagravio, o día 11 organizouse unha homenaxe popular á que acudiron moitos lalinenses para expresarlle o seu apoio. Finalmente, o 8 de agosto, o Goberno civil suspende á Corporación, substituíndoa por unha afín ao Partido Radical de Lerroux presidida por Ricardo López Varela.

Logo do triunfo do Frente Popular nas eleccións de febreiro de 1936, o Consello de Ministros ordena a reposición das corporacións suspendidas durante o bienio negro, e Manuel Ferreiro volve á alcaldía o día 21. Sen embrago, un enfrontamento entre os edís, fai que Antonio Jar (o que fora líder de Izquierda Republicana), secundado por outros 16 concelleiros, presente unha moción de censura contra o alcalde Ferreiro o 4 de marzo. A solución do conflito ven da man do Gobernador civil, que nomea o 11 de abril unha Comisión Xestora provisional de sete membros na que é elixido presidente o galeguista Xesús Golmar, pasando Ferreiro a ocupar o cargo de Secretario do Concello.

O 18 de xullo chegan a Lalín por radio as novas do Alzamento militar. Ao día seguinte desprázase a Pontevedra Manuel Ferreiro e os alcaldes de Silleda e Carbia acompañados de dirixentes políticos do FP e líderes sindicais. Alí entrevístanse co Gobernador civil Gonzalo Acosta Pan. Ao regreso ordenan a requisa de armas e declaran a folga xeral.

A tarde do 20 organízase unha columna composta de obreiros mobilizados polos sindicatos. Uns douscentos milicianos, con poucas armas, parten cara Pontevedra en apoio á República en camións previamente requisados. Á cabeza desta expedición van Manuel Ferreiro e os dirixentes obreiros José Fondevila e José Crespo. Ao seu paso por Silleda únenselles outros elementos da FP en turismos e camionetas. Cando chegan á capital, xa fora declarado o estado de guerra e a cidade estaba baixo o control do Exercito, polo que non teñen outra opción que a de regresar.

Ferreiro, máis consciente do perigo, decide non retornar a Lalín e diríxese a Compostela, cidade na que permanece agochado en varios hoteis ata que o deteñen nos primeiros días de agosto, logo dunha intensa busca. Inmediatamente é trasladado a Pontevedra, onde o mesmo día 4 iníciase a súa causa. Acúsano de traizón coa agravante de perversidade. É a xustiza ao revés, acusando de traizón a aqueles que se mantiveron fieis ao goberno lexítimo.

Durante a indagación do proceso, o xulgado militar chega a trasladarse a Lalín para tomar declaracións xa que moitas testemuñas (dirixentes políticos e obreiros) están xa presos na cadea lalinense.

O consello de guerra sumarísimo celébrase o 21 de agosto, presidido polo tenente coronel Luis Ledo Godoy. Actúa como fiscal o capitán Ramón Rivero de Aguilar e como defensor o tamén capitán Fernando Ponte Pérez. Logo das testemuñas de cargo, nas que os lalinenses xa encarcerados tratan de eludir a súa responsabilidade, declaran José Acuña, Víctor Casas e Luis Poza Pastrana, tamén presos no cárcere de Pontevedra, propostos por Ferreiro como testemuñas de descargo.

Tal é como estaba decidido de antemán foi condenado a pena de morte. A vista resultou unha farsa xurídica para encubrir a simple represión política: tratábase de impoñer castigos exemplares aos principais dirixentes políticos para que servisen de advertencia para a poboación, de aí a publicidade que se lle deu ao xuízo, sentenza e execución. Aprobada pola superioridade, fixouse o cumprimento da pena para o día 27 de agosto.

Ferreiro foi conducido desde a Prisión de Pontevedra ao quilometro un da estrada a Campañó, onde un piquete ás ordes do alférez da Garda civil Francisco Muñoz Paz, executou a sentenza, “recibiendo el reo seis balazos de arma de fuego portátil en región lateral izquierda del torax, todas ellas penetrantes”, segundo se le na súa Causa.

Ese mesmo día danlle sepultura, en silencio e case as agachadas, a súa nai, dúas irmás e o seu tío, o sacerdote Manuel Panadeiro, nun nicho municipal do cemiterio de Pontevedra.

Esta non foi a única nota tráxica dese día no Deza. O terror fascista faise presente o mesmo 27, cando varios veciños da parroquia das Trabancas (Agolada), atopan un cadáver na cuneta da estrada de Lalín a Monterroso. Trátase dun home vestido cun mono, que ninguén pode identificar. Traen o corpo a Lalín para expoñelo publicamente fronte ao Concello. Máis tarde saberase a súa identidade: Luís González Yáñez, axente de Inspección e Vixilancia de Monforte, a quen os falanxistas viñeron asasinar lonxe da súa vila.

Ata varios anos despois, a familia non puido reclamar o cadáver de Manuel Ferreiro para darlle unha sepultura digna. Finalmente, en 1941 logran por fin o traslado e entérrano no cemiterio de Soutolongo, onde hoxe repousan os seus restos.

O alcalde Ferreiro era o símbolo da República nas Terras de Deza, das ilusións e esperanzas que o réxime democrático espertou nunha Comarca que padeceu como poucas o caciquismo máis brutal. O fascismo quixo destruír coa súa execución a quen consideraba como un elemento “perigoso”, porque intentou, como el mesmo escribiu, “sobre as cinzas do pasado, pórse en pé e empezar o camiño”.

Manuel Igrexas

Manuel Ferreiro, republicano

Ferreiro Paratcha
Manuel Ferreiro co deputado Laureano Gómez Paratcha.

A figura de Manuel Ferreiro representa a unha xeración de homes que traen a liberdade, a democracia e o progreso a un Concello e unha Comarca dominada polo clientelismo, cando na República se abre o primeiro período de luz e esperanza no século XX.

Un 24 de xuño do ano 1903 nace en Lodeiro Manuel Ferreiro Panadeiro, os seus pais Benito Ferreiro Álvarez e Ventura Panadeiro eran labregos. A infancia de Ferreiro desenvólvese nun Lalín baixo o control caciquil de Antonio Crespo que se converte en Alcalde en 1903 e permanecerá neste posto durante 20 anos.

Esta época caracterízase polo progresivo empobrecemento do agro, que non é capaz de afrontar os novos retos do capitalismo e ten como única saída a emigración cara América. Pero tamén é o espertar da conciencia campesiña, cos inicios do movemento agrarista encabezado pola Sociedade de Agricultores de Gresande-Cristimil e outras como a de Soutolongo, estes agraristas van emprender tamén a loita contra o caciquismo, aínda que non acadan éxito.

Estuda no Seminario de Lugo, como moitos fillos de labregos da época. Nos anos vinte, trasládase a Madrid, onde obtén o título de Bacharel Universitario e inicia a carreira de Dereito. Alí entra en contacto co movemento democrático, e cos estudantes participa na oposición a Ditadura de Primo de Rivera; un réxime que se prometía rexenerador, pero que só serviu para acentuar o atraso económico e cultural da Comarca.

De regreso a Lalín en 1930, con outros mozos entre os que está o seu inseparable compañeiro e veciño Marcelino García Villar funda o Centro Republicano, que inicia unha campaña de propaganda con conferencias e mitins, chegando a crear mesmo un periódico, Atrás, para difundir as ideas republicanas. Os republicanos de Lalín adscríbense á Federación Republicana Galega, liderada por Casares Quiroga.

Concorren ás eleccións municipais do 12 de abril, aínda que por manexos antidemocráticos, non logran representación. Ao ser proclamada a República, o 16, Ferreiro é nomeado presidente do Comité revolucionario. Aos poucos días convértese en deputado provincial polo distrito de Lalín-A Estrada. Comeza entón a transformación do Concello e da Comarca, reunindo aos mestres e alcaldes para crear Comités republicanos en todas as parroquias.

O 5 de xuño celébranse novas eleccións municipais, ao anular o goberno as anteriores, e nestas resulta elixida na súa totalidade a lista da Federación Republicana Galega encabezada por Ferreiro, na que foran eliminados os elementos das vellas elites, a pesar de que intentarán ter algunha representación.

Esta primeira corporación democrática de Lalín, vai emprender o labor de rexeneración. O eixo principal da súa actuación é a educación: crean novas escolas, con subvención do Concello; impulsan o proxecto de creación dun Instituto (que non chegou a realizarse polos cambios políticos nos gobernos de Madrid) e unha escola laboral (granxa agrícola experimental que serviría para a modernización da agricultura); crea unha biblioteca circulante para a difusión da cultura por todo o Concello; mesmo lle conceden unha beca a Laxeiro, para que poda facer estudios de arte en Madrid. Melloras nas estradas e nas rúas da vila, construción dunha rede de camiños rurais con novas pontes para mellorar a comunicación, un plan para dotar de fontes a todas as parroquias… (todo isto a pesar do cativo presuposto do Concello naquela época)

Ferreiro reúnese cos alcalde da zona, organizando unha Federación de Municipios da zona norte de Pontevedra. E chega a constituír xa en xuño de 1936 unha mancomunidade de Concellos do Partido xudicial de Lalín, para abaratar os servizos.

Desde a alcaldía, apoia o proxecto de Estatuto de Autonomía para Galicia, que é aprobado por unanimidade pola Corporación en xaneiro de 1933. Colabora tamén co Seminario de Estudios Galegos nas súas estadías en Lalín para a investigación sobre as Terras do Deza.

Sempre atento ás demandas das clases populares, defende nos Xurados Mixtos aos obreiros e participa con toda a corporación nas folgas e protestas pola paralización das obras do ferrocarril.

Cando en novembro de 1933 a dereita gaña as eleccións xerais, comeza unha campaña de acoso e derribo para as corporacións progresistas da Comarca. O novo gobernador envía a Lalín comisións de inspección para tratar de atopar irregularidades na xestión de Ferreiro, que xustifiquen a súa destitución.

Por este motivo, tribútanlle unha homenaxe popular o 11 de febreiro de 1934 na que participan representacións de todos os sectores socias.

O gobernado civil destitúe finalmente á corporación en agosto, pasando a ocupar a Alcaldía Ricardo López Varela, do partido Radical, daquelas no goberno central.

En 1935 ingresa co resto dos compañeiros do PRG no novo partido Izquierda Republicana, liderado por Manuel Azaña. Este partido co resto das forzas de esquerda (galeguistas, socialistas e comunistas) constitúen o Bloque antifascista de Lalín, o embrión da futura Fronte Popular. Con eles intervén nos mitins para as eleccións de febreiro do 36 en toda a Comarca.

Ao gañar a Fronte Popular as eleccións, o Goberno repón as corporacións democráticas e o 21 de febreiro, Manuel Ferreiro volve ocupar a Alcaldía, aínda que por un breve período, ata o 11 de abril, cando por disensións internas en Izquierda Republicana, vese obrigado a dimitir e cede a presidencia da corporación ao galeguista Xesús Golmar ao fronte dunha comisión xestora, pasando a ocupar o posto de Secretario interino do Concello. Esta xestora será a que goberne ata o 18 de xullo. Pero Ferreiro segue sendo o dirixente mais importante da Fronte Popular, e asiste en representación de Lalín a Asemblea a prol da Autonomía de Galicia do 17 de maio onde se acorda o plebiscito para o Referendo do Estatuto.

O 19 de xullo, ao ter noticias do inicio o Alzamento, marcha a Pontevedra con outros alcaldes da Comarca e representantes das sociedades obreiras para poñerse a disposición das autoridades lexítimas. Ao día seguinte declara en Lalín a folga xeral e organiza unha expedición de obreiros que marchan a capital para defender a República. Cando chegan a Pontevedra, xa estaba declarado o estado de guerra e os militares ocuparan a cidade. Os de Lalín regresan e comeza a represión.

Ferreiro, consciente do perigo, refuxiase en Compostela, onde o deteñen o 3 de agosto, e inmediatamente trasládano a Pontevedra para xulgalo en Consello de Guerra polo procedemento sumarísimo. Acusado do delito de traizón coa agravante de perversidade, non ten opción ningunha para a súa defensa. A súa causa estaba xa decidida de antemán, os golpistas quería dar escarmento coa súa condena. Sentenciado a pena de morte, fusílano en Campañó o 27 de agosto. Obrigan a enterralo no Cemiterio Municipal da capital e só en 1941 permiten o traslado dos seus restos ao cemiterio de Soutolongo.

Debemos como demócratas pedir que o seu proceso sexa revisado. E tamén os de tantos compañeiros de Lalín como Xesús Froiz, Luís Frade, José Montouto, Ramiro Granja, Luís Varela Sobrado, José López Bermúdez, Adolfo Blanco Barreira, José Crespo Torres, José Donsión, Benito Fernández Balboa… condenados e executados, ou simplemente asasinados, por defender a liberdade e a democracia.

Manuel Igrexas

Homenaxe ao Alcalde Ferreiro

Homenaxe ao alcalde Ferreiro
Homenaxe ao alcalde Ferreiro, 1934.

Esta fotografía foi tomada por Gabriel Alonso (habitual colaborador de Razón e El Pueblo Gallego) o 11 de febreiro de 1934, no patio do “Hospitalillo” con motivo da Homenaxe Popular que se lle tributou ao Alcalde de Lalín, Manuel Ferreiro Panadeiro (que aparece no centro da fotografía).

Os feitos foron estes: O 2 de febreiro, fíxoselle ao Concello presidido por Ferreiro unha inspección ordenada polo gobernador civil de Pontevedra, do Partido Radical, que desde novembro de 1933 gobernaba no Estado (lembremos que a corporación republicana de Lalín, elixida por votación popular o 5 de xuño de 1931, pertencía, case na súa totalidade, ao Partido Republicano Gallego). Como consecuencia destas inspeccións administrativas ordenouse a fulminante destitución do Alcalde Manuel Ferreiro e ás poucas horas ordenouse de novo a súa reposición no cargo con todas as honras.

Como mostra de desagravio, e para agradecerlle o traballo desenvolvido ata aquel momento, un grupo de amigos de Ferreiro constituíuse en Comisión coa fin de organizar unha homenaxe popular. Este grupo estaba encabezado por Gonzalo Goyanes (o que fora secretario do Centro Republicano de Lalín), Jesús Iglesias Surribas (director de Razón) e Jaime Agra; que organizan unha festa ao estilo das que se facían na época.

O banquete (servido polo “Hotel do Ferrador”) tivo lugar no salón principal do Hospitalillo. Como curiosidade podemos dicir que o Menú constaba de: entrantes, pisto, cocido, pescada frita, sobremesas variadas, café e licores.

A homenaxe, á que asistiron mais de cen persoas, foi amenizada por dúas bandas de música. Ao finalizar pronunciaron unhas palabras Gonzalo Goyanes, en nome da Comisión, Antonio Jar (primeiro Tenente Alcalde) o concelleiro Luis Frade e o Administrador de Correos Andrés Iglesias (un dos fundadores da Agrupación ao Servizo da República de Lalín). Deu as grazas Manuel Ferreiro; reproducimos aquí algúns parágrafos do seu discurso, segundo recollen as crónicas da época:

“Mi obra no es la que yo hubiera deseado hacer en bien del pueblo. Toda mi buena voluntad la he puesto a su servicio y si no hice más fue por que no pude. He sido el primer presidente de la Comisión Gestora puesto por el Gobierno provisional de la República, y soy el primer alcalde republicano de Lalín porque lo merecía, modestia aparte. Ni cambié de trayectoria ni me aupé en los faldones de nadie cobijándome en el que mas me conviniese, y calentase. Alcalde lo soy por el voto popular y este mismo voto que me dio la Alcaldía me lo ha de quitar. A todos doy las gracias y… señores: ¡Viva la República!”.

Para finalizar as bandas de música tocaron o Himno Galego, que escoitaron en pe e descubertos todos os asistentes.

Entre os asistentes ao acto que aparecen na fotografía, aparte dos anteriormente mencionadas, sinalaremos a José Otero Abeledo “Laxeiro”, Benito Rodríguez, José Alonso, Alfonso García González, Aurelio Serrano Vidarte, Marcelino García, Ramón Palmaz, Fernando Calviño, Salvador Madriñán, Manuel García, Julio Brandido, Xesús Froiz, Secundino Agra

Pero finalmente o Alcalde Manuel Ferreiro e toda a Corporación municipal foron suspendidos de funcións e cargos o 8 de agosto dese mesmo ano e substituídos por unha Comisión Xestora do Partido Radical presidida por Ricardo López Varela.

Manuel Igrexas

Centenario de Manuel Ferreiro, alcalde republicano de Lalín

Manuel Ferreiro
Manuel Ferreiro.

Un 24 de xuño do ano 1903 nacía en Lodeiro Manuel Ferreiro Panadeiro, o que sería o primeiro Alcalde elixido democraticamente en Lalín.

Ferreiro estuda no Seminario de Lugo, trasladándose logo a Madrid, onde inicia a carreira de Dereito. De regreso a Lalín crea con outros mozos o Centro Republicano e funda o periódico Atrás como difusor das ideas republicanas.
Convértese en Alcalde de Lalín ao ser proclamada a República, o 16 de abril de 1931. Aos poucos días é nomeado deputado provincial polo distrito de Lalín-A Estrada. Permanece na alcaldía ata o 8 de agosto de 1934, en que é destituído polo gobernador civil xunto con toda a Corporación.

Logo do trunfo da Fronte Popular nas eleccións de febreiro de 1936, o Goberno repón as corporacións democráticas e o 21 de febreiro e Manuel Ferreiro volve ocupar a Alcaldía por un breve período, ata o 11 de abril, cando lla cede a Xesús Golmar, pasando a ocupar o posto de Secretario interino do Concello. O 20 de xullo, ao ter noticias do inicio o Alzamento, ponse á fonte dun grupo de dezaos que marcha a Pontevedra en defensa da República.

Detéñeno o 3 de agosto en Compostela. Trasladado a Pontevedra, xúlgano en Consello de Guerra sumarísimo o día 21 polo delito de rebelión militar (en aplicación dunha curiosa xustiza ao revés que condena por rebelión a aqueles que se mantiveron fieis ao goberno lexítimo). Condenado á pena de morte, fusílano ás 5,30 h. do 27 de agosto. O seu proceso aínda non foi revisado.
Hoxe, que se cumpren cen anos do seu nacemento, e como homenaxe á súa memoria, traemos a estas páxinas un seu artigo aparecido no xornal El Pueblo Gallego o 26 de agosto de 1933, no que Ferreiro explica e defende a súa labor á fronte do Concello de Lalín.

UN COMEZO…
Como número de diversión vense nas festas populares os “cabaliños”; os nenos, principalmente, soben a eles cun entusiasmo delirante, na crenza de efectuar unha grande viaxe; dáse o sinal regulamentario e de seguida os xinetes encóntranse a vertixinosa velocidade, voltas, e máis voltas, e máis voltas, risos, berros; e cando a alegría é máis desbordante os cabalos van parando, sen necesidade de usar as rendas; e cando todos esperaban ter percorrido grandes distancias sorpréndense no mesmo sitio, e mándanlles baixar para que outros suban e se repita o propio.
Os nosos rexedores municipais, ata a chegada da República, tomaran boa copia do distraído número; e así non procuraban, nos seus programas, outra cousa que a maior diversión, en canto durase a quenda. Por eso, sobre as cinzas do pasado, houbo, agora, que pórse en pe e empezar o camiño. ¿Qué camiño? Para os pobos todos se prefiren ao da inercia. ¿Quén ten ideado outro mellor? Quen o teña que pase e siga; porque aquí nunca se combateu con programas mellores: buscouse sempre a trampa para derribar ao inimigo; e como agora encóntranas dificilmente, gástanse en convencernos da ingratitude e o esquecemento dos pobos para os seus benfeitores.
Pero, ¿que solución, que programa, que camiño, que dirección levamos? No aspecto sanitario fanse intensas xestións para a creación, polo Estado, dun centro secundario de sanidade. ¿Que non se consegue?; farao o Concello. Lévanse feito dezasete fontes en distintos puntos do concello, e en proxecto unha infinidade. Creáronse 23 escolas, e estase en tramitación de sesenta expedientes para a construcción doutros tantos edificios, que fará o Estado, cunha pequena subvención que corresponde ao Concello. Coa prestación dos veciños estase levando a efecto o plan de camiños, sendo moi poucas as parroquias ás que non chega xa o automóbil, construíndo para iso máis de vinte pontes. Púxose en execución unha estrada provincial, tantos anos proxectada, que chega a unhas seis parroquias fertilísimas, ata o de agora totalmente incomunicadas. Está en estudio, e moi pronto se levará a efecto, unha Granxa agrícola, con campos de experimentación en distintos puntos do concello. Alcatranáronse as rúas da vila, adquiriuse o terreo da praza, onde se fará, entre outras cousas, o Pazo Municipal; conseguiuse a variante da travesía do Pontillón, cuxa estrada dá a Lalín unha das rúas máis fermosas. Compráronse máis de dous mil volumes para a inauguración dunha Biblioteca circulante, que xa funciona en varias parroquias. Creouse un Centro de Ensino Secundario, que funcionará en outubro próximo, onde recibirán ensino multitude de rapaces da localidade, e ata as rapazas, do que me felicitarei, se brillan tanto na ciencia como na súa fermosura.
En fin… ¿Compensación ao empeño desta obra? O inefable pracer de vela saír das nosas mans: o mesmo que sentíamos cando alcanzabamos cunha boa lousa a algún daqueles embaixadores que en Madrid nos enviaba Martínez Anido, con frecuencia, sendo estudiantes: Nos non nos subimos aos “cabaliños”.
MANUEL FERREIRO
Alcalde de Lalín