Xosé María Calviño, o carteiro anarquista e galeguista

Xosé María Calviño Mariño
Xosé María Calviño Mariño

“O bon Calviño do Carballiño con letras miñas. Crónica vivente do Galeguismo, amigo de Vilar Ponte e Castelao, lembranza desperta e entusiasta. Había que encalotrarlle a idea de escribir a súas memorias”. Así o lembra Otero Pedrayo en carta a Francisco Fernández del Riego datada o 19 de febreiro de 1956. Por desgraza para a historia da cultura galega, Calviño nunca chegou a redactar esas memorias.

Se este insigne galeguista chegase a escribilas, unha boa parte delas habían transcorrer no concello de Lalín, onde chegou en 1927 como carteiro urbano da Estafeta da capital municipal, que tiña a Antonio López Varela como administrador. Tratarei de reconstruír a súa traxectoria anterior a este destino. Cos datos do Rexistro civil podo confirmar que naceu o 29 de agosto de 1892 na parroquia de Figueiroa do antigo concello de Cerdedo. Era fillo de José Calviño Cabada que tiña 30 anos no momento do seu nacemento e de Mª Dolores Mariño Beiro que daquela contaba con 24 anos. Os seus avós foron Manuel Calviño e Ramira Cabada e José Mariño e Manuela Beiro. A familia tiña algún parentesco con Basilio Álvarez, o abade de Beiro, que debeu ter algunha intervención na educación de Xosé María, ata o punto que chegou a rumorearse que era fillo do abade.

Por notas do propio Calviño sábese que emigrou á Arxentina, probablemente a finais da primeira década do século XX. O dato procede dunha nota de pésame que Xosé María Calviño enviou ao diario El Pueblo de Valencia con motivo da morte de Vicente Blasco Ibáñez. Nesta mensaxe de condolencia afirma que coñeceu ao escritor valenciano na Arxentina, polo que se pode colixir que o noso protagonista estaba no país austral en 1909, cando o escritor visitou o país para unha serie de conferencias, ou ben entre 1910 e 1914,  pois a aventura americana do escritor abarca eses anos. Como coñeceu a Blasco Ibáñez?, foi Calviño un dos colonizadores das cidades de Cervantes ou Nova Valencia fundadas polo escritor?

Xosé María tivo outros dous irmáns, Manuel, que emigrou aos Estados Unidos cara a 1911 e finalmente marchou a San Luís de Potosí (México) onde casou con Consuelo Vargas; e outra irmá de nome María Elena. Parece que despois da morte da súa nai, o pai volveu casar.

Palace Hotel anos 30 3
Palace Hotel na Coruña

Retornou da Arxentina a mediados nos anos dez e instalouse na Coruña. Alí traballou como camareiro no Palace Hotel, un dos mellores establecementos hostaleiros da cidade. Inaugurado en 1916, nel hospedáronse as personalidades da época que visitaban a capital. Como moitos emigrantes galegos, no país austral entrou en contacto coa ideoloxía libertaria, e cando retornou afiliouse ao Sindicato de Camareiros da CNT. Hai novas da súa actividade sindical, promovendo a afiliación das camareiras do Palace Hotel, e falando polos camareiros no mitin para pedir o indulto para José Sánchez Barros, un cabo natural do Temple (Cambre), que participara no movemento de insubordinación contra a guerra en Málaga. O mitin celebrouse na praza de touros da Coruña o 29 de agosto de 1923, logo dun paro na cidade. Na súa intervención Calviño pediu que se formase unha fronte única contra o Estado para acabar coa guerra de Marrocos.

Na cidade do obelisco Calviño era tamén asiduo dos parladoiros do Kiosco Alfonso que presidía Juan Rof Codina, e nos que participaban Antón Vilar Ponte e Álvaro Cebreiro; con ambos estableceu unha fonda amizade, que perdurou nos anos. Neste parladoiro tamén entrou en contacto cos membros da xeración Nós que ían pasando pola cidade: Castelao, Vicente Risco, Otero Pedrayo, Florentino Cuevillas, Arturo Noguerol, Nóvoa Santos… Alí iniciou o seu achegamento ao galeguismo, que rematou co seu ingreso na Irmandade da Fala da Coruña.

José María Calviño - Cebreiro
Xosé María Calviño por Álvaro Cebreiro

Do seu traballo no Palace tirou tamén o coñecemento de grandes figuras da cultura e da escena española hospedados no hotel nos seus desprazamentos á Coruña. Nun dos seus artigos de vellez recorda a Margarida Xirgú, María Guerrero ou Emilia Pardo Bazán que se aloxaban no Palace, mentres el se dedicaba a observalas e admiralas (“los observaba y “medía” con admiración y asombro”); e o caso de Sofía Casanova coa que mantivo algunhas conversas e con quen sostivo correspondencia nos seus derradeiros anos. Con motivo da morte de Casanova en xaneiro de 1958, o xornal La Noche publicou unha das súas últimas cartas, dirixida uns meses antes a Calviño e escrita en galego, na que o trata como “meu querido paisaniño”. No Café Oriental, situado nos baixos do Palace, foi testemuña dos últimos anos de Manuel Murguía, que tomaba alí diariamente o café acompañado polas súas fillas.

Café Oriental Palace Hotel
Café Oriental

Nestes primeiros anos vinte desenvolveu unha grande actividade política no galeguismo sen abandonar a súa militancia cenetista. En 1920 foi un dos participantes na Sociedade Galega de Pubricacións Nós, constituída para poñer en marcha o boletín Nós, que presidida por Vicente Risco, estaba integrada tamén por Otero Pedrayo, Arturo Noguerol, Castelao, Losada Diéguez, Leonardo Rodríguez, Francisco Lamas, e os irmáns Villar Ponte. Co seu paisano Antón Losada Diéguez mantivo unha relación de amizade e admiración, que se pode rastrexar a través da súa correspondencia, na que Calviño acudía ao de Boborás na demanda de consello para a súa actuación política.

Cos seus amigos Antón Villar Ponte e Álvaro Cebreiro, foi un dos integrantes da delegación coruñesa da Irmandade Nazonalista Galega (ING), escisión das Irmandades da Fala capitaneada por Risco logo da IV Asemblea Nacionalista de 1922. Os outros membros desta delegación eran José Calviño Domínguez (con quen nalgunhas publicacións o confunden) e Alfredo Canalejo. A ING organizou a V Asemblea Nacionalista na Casa Consulado da Coruña o 18 e 19 de marzo dese ano e nela aprobouse unha proposta que presentaron Xaime Quintanilla, o propio Xosé María Calviño, Ramón Vilar Ponte e César Parapar Sueiras, para poñer en marcha a “Confederación do Traballo Galego”, unha organización sindical de carácter nacionalista, que o golpe militar de Primo de Rivera frustrou.

Calviño e Antón Vilar Ponte foron convidados por José García Acuña, o presidente da Federación Provincial Agraria, a participar no congreso de Lugo organizado pola Confederación Regional de Agricultores previsto para setembro de 1923 como representantes de senllas sociedades agrarias. Calviño pediulle consello a Losada Diéguez sobre a conveniencia de asistir, pois ante o ofrecemento de representar á Sociedade Agraria de Porto do Son, coa que non tiña ningunha relación, e a pesar de que se considera “apolítico”, opina que os dirixentes da ING deben acudir a asemblea para defender alí o programa nacionalista e denunciar que os líderes das sociedades agrarias son “señoritos das vilas”. Novamente a ditadura primoriveirista impediu a celebración do Congreso.

Nada podo dicir sobre a súa traxectoria de 1923 a 1927. Só que nesa última data chegou a Lalín, con 35 anos, para desempeñar o posto de carteiro, e tamén se converteu en correspondente do xornal El Pueblo Gallego. A partir dese momento, as súas crónicas no xornal vigués proporcionan abundante información sobre as súas actividades e arelas.

Xosé María Calviño EPG-1933 2
Xosé María Calviño nos anos vinte.

O movemento agrario foi unha das primeiras preocupacións que Calviño manifestou nas súas colaboracións no periódico vigués. Son constantes os seus artigos para incitar aos labregos a asociarse, e ás sociedades agrarias a poñerse en marcha logo do parón que supuxeron os primeiros anos da ditadura e facer públicas as súas reivindicacións. Esta labor tivo recoñecemento cando foi nomeado secretario da Federación Agraria de Lalín xa en 1928. Os seus posicionamentos políticos causáronlle algunhas críticas entre os vellos agraristas lalinenses e viuse obrigado a responder desde a tribuna do xornal. Foi tamén correspondente en Lalín do diario agrarista ourensán La Zarpa, aínda que con menos asiduidade, pois hai poucas informacións no periódico sobre a comarca dezá por eses anos.

Outra das súas inquedanzas é a mellora do ensino. Anima a asociarse aos mestres da comarca de Deza, preocúpase pola situación deplorable das escolas rurais e da novas sobre o labor das sociedades de emigrantes nos seus esforzos por construír e mellorar escolas no Deza. Especial repercusión tivo a súa campaña de 1928 para reivindicar un instituto de ensino secundario en Lalín. Calviño tratou de convencer aos emigrantes da sociedade Hijos del Partido de Lalín para que doasen o edificio do Hospitalillo para a institución educativa. Implicou ao seu amigo Otero Pedrayo que escribiu un artigo en El Pueblo Gallego defendendo a necesidade do Instituto e apoiando as reivindicacións de Xosé María. A campaña tivo éxito e finalmente os arxentinos cederon o edificio, aínda que os cambios políticos frustraron a concreción do proxecto.

Calviño tamén colaborou nas xeiras que o Seminario de Estudos Galegos fixo pola terra de Deza entre 1928 e 1935. Desde o seu posto na oficina de Correos enviou a todos os carteiros rurais un cuestionario remitido por Florentino Cuevillas no que solicitaba información sobre os castros ou mámoas existentes nas parroquias que servía. A enquisa cos datos obtidos servíulle a Cuevillas como guía para deseñar os percorridos da campaña de 1934.

As obras do ferrocarril Ourense-Santiago, os problemas no seu trazado, a reivindicación de melloras nas condicións laborais dos carrilanos, a publicidade das demandas das sociedades obreiras, e as continuas paralizacións nas obras, foron outra das súas preocupacións. Desde as columnas do xornal vigués promoveu a candidatura de Roberto Nóvoa Santos para deputado polo Deza ante as previstas eleccións a Cortes de 1931, que finalmente non chegaron a celebrarse. Ningún dos problemas ou preocupacións dos dezaos estivo ausente nas columnas de El Pueblo Gallego que asinaba J.M.C.M.

Voda de Xosé María Calviño 1928
Voda de Xosé María Calviño e Esclavitud Moure. Ourense, 1928.

Xosé María casou o 5 de novembro de 1928, na igrexa de Santa Eufemia de Ourense, coa veciña de Boborás Esclavitud Moure Moure. A voda constituíu toda unha declaración de galeguismo. Casounos Basilio Álvarez, Vicente Risco foi o padriño, e Otero Pedrayo e Florentino Cuevillas eran testemuñas.

O labor social e político de Calviño no xornal vigués non pasou desapercibido para os republicanos lalinenses, que viron nel un aliado dos seus postulados. De feito colaborou con eles e a súa intervención foi clave para que o vello amigo Antón Vilar Ponte fose o cabeza de cartel do primeiro mitin republicano celebrado en Lalín en decembro de 1930. Quixeron incluílo na candidatura que presentaron ás municipais do 12 de abril, pero Calviño declinou o convite, alegando novamente o seu “apoliticismo”. Durante o período republicano, aínda apoiando decididamente a República, mostrouse independente e moitas veces crítico coa actuación da corporación municipal presidida por Manuel Ferreiro.

Abandonou finalmente o “apoliticismo” cando o 23 de xaneiro de 1934, un grupo de galeguistas lalinense deciden nunha xuntanza crear o grupo local Partido Galeguista. Con Calviño formaban este núcleo inicial Manuel Noguerol, Xaime Arias, Xesús Iglesias Surribas, Siro García Guitián, Fernando Goyanes, Plácido Goyanes, Anxel García, Luis Pérez, Luis Villaverde, Salvador García, Celso Carrón, Pío Aller e Laxeiro. Xosé María transmítenos nas súas crónicas as actividades deste grupo, sempre cunha actitude crítica, como cando se queixa pola pouca resposta da vila de Lalín ante a conmemoración do 25 de xullo de 1935, na que di que apenas se notou a efeméride, pois practicamente non se vían bandeiras galegas nos balcóns, e só un panfleto do grupo local fixo lembrar a data.

Cando se produciu o golpe de Estado do 18 de xullo de 1936, Calviño estaba en situación de excedencia voluntaria como carteiro. Aínda que lle foi incoado expediente, non teño informacións sobre que tipo de represión sufriu. A súa filla Ángela, unha nena nesa época, recordaba que foi apartado do corpo. Hai constancia das súas contribucións ás subscricións para o Exército, un medio que se usaba para mostrar o apoio ao levantamento e evitar as represalias políticas. Marchou de Lalín e poucas novas hai del nos anos da guerra. Só unha crónica de prensa da conta da súa presenza en xullo de 1937 no bautizo da filla do seu amigo Arturo Gallego, o mestre de Salceda de Caselas que fora alcalde na ditadura primoriveirista; Xosé María e a súa muller, Esclavitud, foron os padriños da nena.

Logo do final da guerra reingresou no corpo de carteiros en maio de 1940 e destínano á cartería da Administración principal de Correos de Vigo. Non permaneceu moitos anos nese posto, pois de seguida lle concederon o traslado para O Carballiño.

Esclavitud Moure, a súa muller, morreu en marzo de 1950, deixando a Xosé María ao coidado das dúas fillas do matrimonio: María Dolores, que nacera a principios de 1930 e Ánxela, uns anos despois. As mozas estudaron en Ourense, Dolores fíxose mestra e Ángeles rematou o bacharelato no Colexio Cisneros. Pola correspondencia de Otero Pedrayo sabemos que as fillas de Calviño acudían moitas veces a Trasalba onde eran recibidas pola súa nai. En 1956 Dolores emigrou a Venezuela, instalándose finalmente en Puerto Rico. Ánxela permaneceu co seu pai no Carballiño e acabou rexentando a librería Correos (máis coñecida como quiosco Calviño) que montou o seu pai nos soportais da Praza Maior da vila do Arenteiro.

Xosé María seguía traballando como carteiro e foi correspondente de Faro de Vigo e La Región no Carballiño. Xubilouse en 1952 e seguiu colaborando na prensa. Escribiu na revista Ambiente, Órgano semanal de Acción Católica de Carballino e a principios dos anos cincuenta comezou as súas colaboracións en La Noche, utilizando ás veces o pseudónimo “C. de Figueroa”; acabou sendo correspondente do xornal no Carballiño dende 1956.

Calviño con Otero Pedrayo
Calviño con Otero Pedrayo

En La Noche, ademais das habituais crónicas da vida social do Carballiño, e de dar especial conta daquelas novas relacionadas cos vellos amigos galeguistas, como a conferencia de Otero en 1952 ou o pasamento de Manuel Peña Rey en 1957, realizou algunhas campañas culturais. En 1956 promoveu unha homenaxe a Emilia Pardo Bazán a través dunha serie de artigos que lembran a pegada da novelista nas terras do Avia. Os actos tiveron lugar o 16 de setembro, 105 aniversario do nacemento de Pardo Bazán, coincidindo coas festas de San Cibrán, o patrón da vila. Sumouse desde as páxinas do vespertino santiagués aos actos de homenaxe a Ramón María Aller, recordando a súa estadía en Lalín e a súa amizade co sacerdote. E fíxose eco da proposta de darlle nome de persoeiros da cultura ás novas rúas da vila de Lalín, criticando o esquecemento de Nóvoa Santos, con raíces na parroquia da Xesta.

Moitas foron as propostas de Xosé María nas páxinas de La Noche, unha das que merece destacarse foi o seu proxecto de celebración dunha feira exposición do libro galego lanzado nun extenso artigo publicado a véspera do 25 xuño de 1964. Calviño propón a realización dunha feira cultural o ano seguinte, coincidindo co ano santo xacobeo, que servise para difusión do libro e da literatura galega, e na que estarían presentes tanto escritores en lingua galega como os que escribían en castelán.

Esta iniciativa, que Calviño non viu realizada, materializouse anos despois en Puerto Rico grazas en boa parte á intervención da súa filla Dolores, que rexentaba na cidade de Mayagüez un negocio de pastelería co seu home, o madrileño Vicente Guijarro. O profesor de socioloxía da Universidade portorriqueña, Baldomero Cores, co gallo do Ano Internacional do Libro, propúxolle ao director da Biblioteca Xeral da Universidade, Henry Nieves, a idea de facer unha exposición do libro galego para o Día das Letras Galegas. Ante as dificultades para realizar o proxecto, Dolores Calviño, que con outros emigrados formaba parte da Junta de Cultura Gallega, ofreceu a súa biblioteca, na que había moitos libros galegos, herdados do seu pai, e algúns deles, ademais, coa dedicatoria dos seus propios autores; o seu home mostrouse disposto a axudar no aspecto económico. Así puido realizarse a Exposición Bibliográfica do libro Galego en Puerto Rico en 1972. Ao ano seguinte celebrouse a II Mostra do Libro Galego, grazas novamente á colaboración de Dolores e o seu home. Por este labor de difusión da cultura galega foille concedido o Pedrón de honra á Universidade de Mayagüez en 1973. O matrimonio Guijarro-Calviño recibiu nos actos das Letras galegas do ano seguinte o agradecemento público da Universidade de Puerto Rico coa entrega dun pergameo e unha figura conmemorativa.

Calviño no Carballiño
Calviño no Carballiño

Uns anos antes, o 21 de novembro de 1971, finou en Arcos Xosé María Calviño con 79 anos, “un home de gran corazón, unha alma nobre, que se algo ten de torto é só a súa garabata”, sen deixar escritas esas memorias que Otero Pedrayo lle reclamaba.