Na parroquia silledense de Cortegada, coñecida na altura pola concorrida feira de Camporrapado, naceu Jesús Filloy o 22 de marzo de 1874. Era fillo de Soledad Filloy. Trece anos despois viría ao mundo o seu paisano Antón Alonso Ríos, con quen Jesús estableceu unha fonda relación de amizade. Pouco sabemos dos seus primeiros anos, só da súa emigración a América, establecendose no Uruguai.
Á volta do periplo migratorio instalouse en Vilatuxe, integrouse na Sociedad de Agricultores de Gresande e iniciou á súa actividade como propagandista agrario. As primeiras noticias sobre a súa participación na campaña agrarista é a da súa intervención no mitin da Sociedade de Gresande o 10 de outubro de 1920 xunto con Manuel Rozados e José Campos Valiñas baixo a atenta vixilancia do primeiro tenente de alcalde de Lalín Domingo Pablo Palmaz Brandido acompañado do sarxento e varios números da Garda Civil. Filloy falou da súa experiencia como emigrante e da necesidade de resolver o mal estado económico dos labregos para a súa completa liberación.
Volvemos atopalo no mitin anticaciquil que se celebrou en Freixeiro, na parroquia de Laro, o 5 de maio de 1921. Filloy, acompañado de Manuel Rozados, José Campos Valiñas e Xesús Culebras dirixiulles a palabra aos labregos co obxectivo de conciencialos na necesidade da organización en asociacións. Ao mes seguinte tivo lugar en Siador outro mitin con representación das sociedades silledenses (Laro, Parada, Graba, Bandeira e Pereiro) e as de Lalín (Gresande, Anzo e Bermés). Interviron José Gil Souto, José Manuel Puente e Jesús Filloy, que dedicou seu discurso á explicación do que representa o cacique, a quen cualificou de raposo, mostrando os diversos xeitos de trampear o presuposto municipal para beneficiar os seus intereses. Tamén denunciou o matonismo co que intentaban facer calar as reivindicacións dos agrarios.
Nese mesmo ano de 1921, cando a Sociedade de Gresande iniciou o proxecto de constitución dunha Federación comarcal agraria, Jesús Filloy foi, xunto con Ramón Fernández o encargado de poñela en marcha. A pesar dos atrancos que o caciquismo puxo para a súa formación (que mesmo chegaron a enviar á Garda Civil para impedir as reunións preparatorias), finalmente constituíse o 11 de decembro, baixo a presidencia do avogado Samuel Goyanes Crespo. Entre os seus obxectivos estaba a redención foral, a venda directa do gando, a modernización da agricultura e a elección de representantes agrarios nas institucións políticas.
Xa organizados, os agrarios puxéronse como obxectivo o asalto ao poder municipal dando a batalla en Agolada, Lalín e Silleda. Jesús Filloy participou nos mitins da campaña electoral que finalmente lles outorgou o trunfo nas eleccións municipais de febreiro de 1922, aínda que a vitoria dos lalinenses quedou desvirtuada pola traizón do seu candidato Samuel Goyanes e a dos silledenses foi anulada pola Xunta electoral provincial, con enorme protesta.
Filloy continuou o seu labor de propagandista coa presenza en asembleas e mitins das agrarias, como na celebrada pola Sociedade de Agricultores do Pereiro en xuño, na que tratou de concienciar aos labregos da necesidade da educación para a redención do campesiñado, poñendo como exemplo as escolas que sostiñan os americanos fronte ás do Estado, por impartir aquelas unha ensinanza moderna e laica, mentres que as escolas estatais seguen con vellos métodos e sobre todo controladas e dirixidas pola Igrexa.

A finais de xullo participou como representante da Federación dezá no Congreso Regional Agrario de Tui que presidiu Basilio Álvarez, no que presentou unha proposición para o establecemento de escolas laicas en todas as parroquias, aínda que finalmente non chegou a aprobarse. Interveu como orador no mitin de clausura do Congreso. O seu discurso rematou con estas palabras:
“Hubo un día en que me avergoncé de ser gallego, por la falta de energía, por la humillación y por la pasividad del pueblo gallego. Hoy me siento orgulloso de serlo y en voz alta proclamo el pujante resurgir de Galicia.”
Ante as tensións que estalaron na Federación polo comportamento do presidente, Samuel Goyanes, que pactou co seu tío o alcalde Antonio Crespo traizoando aos agrarios, acordouse a súa expulsión e a designación de Jesús Filloy para o cargo, pero este renunciou e finalmente foi nomeado a Ramón Fernández. Ocorreu o mesmo na Sociedade de Gresande, onde logo de desbaratar un intento de convertela nun sindicato católico como pretendía Cándido Soto, ofrecéronlle un posto na Directiva, ao que tamén renunciou.
Filloy é un asiduo colaborador do periódico lalinense Verdad y Justicia que fundaran en abril de 1922 Máximo López Carral e Jesús Iglesias Surribas, do que se converte en director logo do regreso de Máximo López a Cuba en setembro de 1922. Desde as súas páxinas criticou a actuación de Ramón Fernández ao fronte da Federación Agraria, que propiciou a elección de Cándido Soto como alcalde en abril de 1923 grazas ao patrocinio do deputado Manuel Sáinz de Vicuña e o apoio do Marqués de Riestra. Aínda que o paso de Soto pola alcaldía foi efémero, pois en setembro Primo de Rivera deu un golpe de estado co que se iniciou a Ditadura.
Nun principio os agrarios apoiaron ao Directorio, confiando nas promesas de rexeneración e no proclamado anticaciquismo do que fachendeaba o ditador. Jesús Filloy participou en xuño de 1924 na campaña de mitins polos concellos da comarca nos que se pretende difundir a Unión Patriótica, o partido creado por Primo de Rivera para conseguir unha base social que o apoiara.
Pero deseguida veu a decepción, ao comprobar como os vellos caciques volveron facerse coas rendas do poder. Cando se desatou a batalla polo control da Sociedade de Gresande, que Cándido Soto quería utilizar como plataforma política, Filloy, xunto con Francisco Cacheda, Jesús Iglesias e Jesús González Peña, opuxéronse presentando unha candidatura alternativa que encabezaba o propio Jesús Filloy. Resultou finalmente derrotado en decembro de 1924 por un escaso marxe. Os líderes da facción perdedora foron ameazados e perseguidos. Filloy foi denunciado por facer propaganda comunista, republicana e revolucionaria, aínda que a denuncia non chegou a prosperar.

A última nova que temos de Jesús Filloy é a súa participación na homenaxe que o 7 de outubro de 1928 lle renderon en Cristimil a Victorino González, dirixente da Unión do Partido de Lalín de visita na súa parroquia natal. Esta foi a derradeira reunión dos líderes agrarios, pois alí estiveron Ramón González Vigide, Peña Surribas e Ramón Fernández Villar.
As poucas novas que puidemos recuperar sobre a súa personalidade poden apoiar a hipótese de que o noso protagonista servise de inspiración a Antón Alonso Ríos para o personaxe do “Americán” da novela Da Saudade, Amor, Arte e Misticismo. A súa loita pode resumirse como a da “protesta contra los escarnios que cometen los caciques con el pueblo gallego, que no conformes con robar vidas y haciendas roban la instrucción y la cultura ciudadana.”