
O espírito combativo da Sociedade de Agricultores de Gresande esmoreceu coa ditadura de Primo de Rivera, pois a súa actividade, xa baixo o control de Cándido Soto e con Ramón Fernández Villar, Manuel Vigide e José Peña Surribas nos principais cargos directivos, limitábase a seguir as directrices da Federación de Sociedades Agrarias do Partido de Lalín controlada por Gonzalo López Gutiérrez e o agrarismo católico.
Entre as escasas actividades desenvolvidas hai que facer constar a que tivo lugar no local da Sociedade en agosto de 1928: unha reunión entre representantes das sociedades agrarias da comarca de Deza e delegados do Matadoiro do Porriño para tratar a venda de gando a MARUCOGA e crear un núcleo abastecedor na zona. Na mesma reunión acordouse solicitar aos Hijos de Lalín en Buenos Aires a cesión do Hospitalillo para dedicalo a Instituto.
Sobre a inacción da Sociedade, o daquela mestre da escola de Porreiros, Manuel González Rodríguez, manifestaba nunha carta dirixida a Jesús Blanco en outubro de 1928 o seguinte:
“Sobre la “Sociedad de Agricultores de Gresande”, le diré que sólo de nombre existe, porque son pocos los asociados. Débese esto a la falta de espíritu de colectividad, a la insidia y el fatalismo (herencia de árabes), la falta de ideales, la compleja psicología, etc., hacen de esta gente desidiosa y “suicida” un pueblo en decadencia.”
A última nova que temos sobre a actividade da Sociedade de Agricultores de Gresande é a presenza dun representante da entidade no IV Congreso Rexional Agrario celebrado no Porriño en maio de 1931, recén proclamada a República.
Pero os veciños máis progresistas de Cristimil e Gresande, que permanecían fóra do ámbito da Sociedade Agraria, van atopar coa proclamación da II República unha nova canle de acción: o Comité Republicano de Gresande-Cristimil.
O Centro Republicano de Lalín constituíuse o 8 de xuño de 1930 con Manuel Ferreiro como presidente e Marcelino García como secretario. De seguido comezaron as actividades de propaganda que culminarían co mitin celebrado o 7 de decembro no campo da feira de Lalín con Antón Vilar Ponte como principal orador, ao que acudiron representantes republicanos dalgunhas parroquias, entre eles están os de Gresande e Cristimil.
Aos poucos días da proclamación da República, o 24 de abril de 1931, o alcalde Manuel Ferreiro, convocou os mestres para que organizaran nas respectivas parroquias núcleos republicanos que “convenientemente instruidos y orientados puedan ser el más firme baluarte para la defensa del régimen”. Constituíronse efectivamente moitos destes comités parroquiais, e temos constancia da existencia dos Gresande e Cristimil, pois participaron varios delegados deses comités nas reunións do Centro Republicano de Lalín que tiveron lugar en 1931.
Na primeira corporación republicana, que tomou posesión o 20 de xuño de 1931, figura como concelleiro Francisco Cacheda, de Cristimil, membro da Unión del Partido de Lalín de Buenos Aires quen, nunha das súas visitas á parroquia natal en 1924, foi un dos que se opuxo ao control de Cándido Soto sobre a Sociedade de Gresande. Cacheda retornou definitivamente en 1928 e desde ese momento foi un dos impulsores do republicanismo na zona.
Os de Cristimil e Gresande tamén participaron nas asembleas republicanas da zona sur de Lalín (formada polas parroquias de Soutolongo, Vilatuxe, Vilanova, Barcia, Doade, Gresande, Cristimil, Lebozán e Zobra), como a que tivo lugar en Soutolongo o 6 de marzo de 1932 presidida polo concelleiro Antonio Jar Dobarro. En maio tivo lugar unha nova reunión, esta vez en Vilatuxe, tamén presidida por Antonio Jar na que, entre outros acordos, se solicita do Concello de Lalín que haxa un único recadador de arbitrios, para así reducir o presuposto, pois víñanse contratando 12 persoas para as tarefas do cobro. A seguinte da que temos noticia celébrase en Barcia en xullo.
En 1933 vemos como os comités de Gresande e Cristimil se agruparon para formar o Comité Republicano de Cristimil-Gresande, presidido por Francisco Blanco Barreira, que mantivo unha gran actividade durante ese ano e o seguinte. Francisco Blanco era irmán de Jesús Blanco, un dos fundadores da Unión del Partido de Lalín que chegou a presidir nos anos vinte e dirixente da Federación de Sociedades Gallegas Agrarias e Culturales de Buenos Aires.
A través do periódico Razón, que dirixía Jesús Iglesias Surribas, moi vinculado a estas parroquias por nacer e criarse na parroquia veciña de Anseán, temos noticia de varias reunións do Comité. Unha delas foi a celebrada o 1 de outubro de 1933, e nela acordouse solicitar a construción da estrada Prado-Vilatuxe, protestar polo imposto de consumos e manifestar “la aspiración y deseo de este Comité, sea rotulada una de las calles de Lalín con el nombre del infatigable batallador y propulsor de la libertad Ramón González Vigide.”
Entre os membros máis destacados do Comité hai que mencionar a Francisco Blanco Barreira, que foi o seu presidente, o seu irmán Adolfo Blanco, o mestre Tomás Peiteado Mariñas, Eligio Quintá Ramos, José González García (Pepe de Gresande), Ramiro González Santomé, Antonio Santomé Granja e José Bouzas Golmar.
Logo do levantamento fascista do 18 de xullo de 1936, os membros do Comité organizáronse para recoller armas e foron á vila de Lalín para defender a República. Ante a inutilidade da resistencia, volveron ás súas parroquias e devolveron as armas requisadas. Non por iso libraron da represión:
Francisco Blanco, o seu irmán Adolfo, Tomás Peiteado, José González e Ramiro Santomé foron detidos o 25 de agosto e ingresaron na prisión de Lalín. Trasladados á Illa de San Simón en novembro, foron xulgados en Pontevedra o 18 de febreiro de 1937. Adolfo Blanco e Tomás Peiteado foron condenados a reclusión perpetua polo delito de rebelión e trasladados á Fortaleza de San Cristóbal de Pamplona en xullo. Adolfo Blanco participou na fuga do penal e foi abatido pola Garda civil o 22 de maio de 1938. Tomás Peiteado conseguiu a liberdade provisional en 1940, pero foi inhabilitado como mestre e tivo que sobrevivir dando clases particulares en Gresande e Bendoiro. Francisco Blanco e Ramiro González foron condenados a 15 anos polo delito de auxilio á rebelión, e José González a 12 anos polo mesmo delito. Os tres saíron en liberdade provisional en 1940. Francisco foi detido novamente en 1948 acusado de colaborar coa guerrilla, xulgado na Coruña en marzo de 1949 e condenado finalmente a 6 meses de prisión. Cando saíu en liberdade marchou á Arxentina, onde foi un dos promotores da placa en homenaxe ás vítimas da represión que a Unión del Partido de Lalín instalou en 1954 nos locais da Federación de Sociedades Galegas de Buenos Aires. José González tamén emigrou a Arxentina.
Eligio Quintá Ramos, que estaba cumprindo o servizo militar en Ferrol, foi paseado o 6 de outubro de 1936. Antonio Santomé Granja estivo un tempo fuxido ata que puido reintegrarse á vida normal cando amainou a onda represiva.