Antón Fraguas e o SEG na Terra de Deza

SEG en Lalín
SEG en Lalín diante da casa de Ramón Mª Aller (1934).

O Seminario de Estudios Galegos comezou a súa investigación da Terra de Deza en 1928, continuando en sucesivas campañas en 1930, 1931, 1932 e 1934, rematando en 1935.

O obxectivo era realizar un estudo integral da comarca; os membros do SEG recorreron Deza visitando castros, igrexas, pazos, romarías, facendo análises xeolóxicas, etc. Todo este material ía ser recollido nun libro que baixo o título Terra de Deza proxectaba editar o Seminario, semellante ao publicado logo dos seus traballos na Terra de Melide.

O SEG estaba dividido en Seccións: Arte e Arqueoloxía, Etnografía e Folclore, Historia, Xeoquímica, Música, … Cada unha delas dirixida por personalidades de prestixio cos que colaboraban varios axudantes (xeralmente alumnos da Universidade). En Lalín estiveron as figuran máis importantes do Seminario: Salvador Cabeza de León, Otero Pedrayo, Castelao, Cuevillas, Risco, Carro, Filgueira…

Antón Fraguas participou xa na primeira campaña a finais de xuño de 1928. Encadrado na sección de Prehistoria dirixida por Florentino Cuevillas na que tamén se incluíu González Barcia, proxectaban realizar un catálogo de castros e mámoas. Uns meses despois, o 5 de setembro, Fraguas facía o seu ingreso oficial no SEG co traballo “O castro de Soutolongo (Lalín)”, aínda que xa estaba vencellado á institución dende o ano anterior. Participou tamén na xeira de 1934, na sección de Xeografía, da man de Ramón Otero Pedrayo na que se integrou como alumno Xaime Illa Couto. Recorreron a comarca para dar conta das características do terreo e a paisaxe.

Foi precisamente a do verán de 1934 a campaña máis importante. Estiveron presentes un numeroso grupo de investigadores acompañados dos seus axudantes; mesmo se realizou en Lalín a reunión plenaria do Consello do Seminario. Só nesta estadía se fixeron 300 fotografías de monumentos e construcións populares, romarías, etc; levantáronse plantas duns 30 edificios, … Rodouse unha reportaxe cinematográfica (realizada por Barreiro, da Casa Folk) que recollía imaxes do traballo realizado: El Seminario de Estudios Gallegos en Deza, foi distribuído pola agrupación xuvenil “Ultreya” e exhibido en cines de Santiago, Padrón e Noia.

Nestas campañas de investigación, que duraban xeralmente unha semana, os seminaristas instalábanse en Lalín, concretamente na Fonda do Ferrador, e dende alí realizaban saídas diarias. Visita obrigada dos investigadores ao chegar á vila era a casa de Ramón Mª Aller, membro tamén do Seminario, quen lles facilitaba os contactos necesarios, sobre todo entre o clero, para realizar os seus traballos.

É precisamente diante desta casa onde está tirada a máis famosa das fotografías do SEG, realizada en xuño de 1934. Nela aparecen diante: Otero Pedrayo, Iglesias Vilarelle, Parga Pondal, Manuel Ferreiro, Pedro Brañas Cancelo, Ossorio Tafall, Robustiano Fernández Cochón, Vicente Risco, Sebastián González García Paz, Antonio Taboada Roca, Paulino Pedret Casado e Jesús Carro García. Detrás: Antón Fraguas Jaime Vidal Rey, Enrique Longa Vázquez, Ricardo García Suárez (Xoán Ledo), Xaime Illa Couto, Ferreirós Espinosa, Florentino López Cuevillas, Vicente Hermida e Anxelo Ramos Colemán.

O libro da Terra de Deza non chegou a ver a luz. Estaba en prensa, na imprenta de Anxel Casal, cando aconteceu o golpe de estado do 18 de xullo de 1936. Parte do material destinado a esta publicación foi usado na Historia de Galicia, que baixo a dirección de Otero Pedrayo, editaron en Buenos Aires en 1962.