Cen anos do atentado terrorista de Aspai

Nova sobre o atentado na prensa

O 16 de xaneiro de 1921 foi asasinado en Aspai (Chantada) o mestre de Rodeiro Aniceto Pereira, vítima dun atentado con paquete bomba.

Unha caixa en forma de libro que contiña un potente explosivo, depositada na entrada da súa casa, estoupou ao intentar abrila e causoulle a morte instantánea.

Moi cedo, na mañá daquel domingo de xaneiro de 1921, cando a muller do mestre de Aspai, Cándida Gómez, saíu da casa de Campo da Vila para acudir á misa, atopou no portal un paquete. Crendo que se trataba dun encargo do seu home que deixara algún veciño, levoullo ao dormitorio, pois Aniceto aínda quedaba na cama. Mentres baixaba de novo as escaleiras o seu home abriu o paquete, e cando xa estaba saído ao camiño escoitou unha forte explosión que fixo tremer toda a casa. Cándida volveu sobre os seus pasos para atopar o cadáver de Aniceto co rostro esnaquizado e bañado en sangue. O fillo, que estaba noutro cuarto, sufriu feridas leves.

Igrexa de Santa Uxía de Asma.

A bomba tiña a forma dun libro ou estoxo de tocador perfectamente vernizada e cun resorte o chaveta que a pechaba. Dentro había outro resorte en espiral que se supón foi o que produciu a chispa. Parece que a bomba estaba cargada con silicato de mercurio e melinita.

A noticia do atentado produciu unha enorme consternación en Chantada, na provincia de Lugo e en todo o país. A asociación de mestres de Chantada acordou a suspensión das clases  durante corenta e oito horas como sinal de protesta e o enterro de Aniceto constituíu unha enorme manifestación de dó á que acudiron miles de veciños de Chantada e as autoridades locais e provinciais.

Aniceto Pereira Gutiérrez era o primeiro mestre da escola nacional da parroquia de Santa Uxía de Asma,  que fora creada o ano anterior, e levaba só catro meses en Aspai. Aprobara as oposicións no verán de 1920 e este era o seu primeiro destino como mestre titular. Trasladouse a Asma coa súa muller Cándida Gómez Doval, coa que casara a principios dos anos dez, e o seu fillo José Antonio nado en 1911.

Aniceto nacera en Santa Baia de Camba en 1887, fillo de Antonio Pereira e María Gutiérrez. Os pais enviárono ao Seminario de Lugo onde estivo varios anos e de onde saíu para facerse mestre. Ingresou na Normal de Pontevedra en 1913 para facer a reválida como mestre elemental en setembro do ano seguinte. O seu primeiro destino foi a escola graduada de Ponteareas onde traballou como interino dende outubro de 1916. Ao ano seguinte foi destinado á escola de Ventoxo, en Forcarei, e en 1919 foi nomeado para a parroquia de Eidián en Agolada. Durante estes anos presentouse, aínda que sen éxito, ás oposicións de maxisterio.

Durante a súa estadía como mestre da escola de nenos de Eidián, unha escola de nova creación, foi denunciado por un cacique da parroquia que recolleu sinaturas entre os pais para intentar que as autoridades académicas o retiraran do seu posto, sen logralo. Ao ano seguinte aprobou as oposicións e foi destinado a Aspai en setembro de 1920.

O xulgado de Chantada iniciou de inmediato as investigación para descubrir aos autores do atentado, que inicialmente foi atribuído a móbiles políticos relacionados coa loita agrarista. O movemento agrario era especialmente vizoso neses anos na comarca chantadina, contaba con sólidos apoios como o xornal El Regionalista, dirixido por José Costa Figueiras, e sostiña un duro enfrontamento co caciquismo.

Ao pouco as investigacións, orientadas polas sospeitas dos veciños de Santa Uxía de Asma, apuntaron a outro veciño, Daniel Ledo López, un mozo que retornara había algúns anos de América ao que atribuían ideas socialistas e anarquistas, e do que dicían que fora pirotécnico; e ao pai deste, Antonio Ledo López, coñecido como o mestre da Cuqueira, por ter sido mestre de ferrado de Santa Uxía antes da instalación da escola nacional en Aspai. Dicíase que Antonio estaba resentido co novo mestre porque lle quitara o seu medio de vida e porque ademais castigara e expulsara a dous dos seus fillos da escola. O certo e que ambos foron detidos e acusados do atentado. No rexistro do seu domicilio “foron achados un frasco contendo ácido nítrico e unha cantidade de xofre”.

Noticia do xuízo na prensa.

Foron xulgados na Audiencia de Lugo nun proceso que comezou o 31 de xullo do ano seguinte e durou tres días, e no que chegaron a declarar 82 testemuñas. A pesar diso e ante a inexistencia de probas concluíntes, o tribunal emitiu un veredicto de inculpabilidade.

Recorrido o veredicto polo fiscal e a acusación particular, o xuízo volveu repetirse a principios de novembro co mesmo resultado. O crime quedou sen resolver.

A viúva de Aniceto, Cándida Gómez, non tiña dereito de pensión polo escaso tempo de servizos e os mestres de Chantada fixeron unha subscrición para axudala mentes se tramitaba o expediente para pedir ao Goberno a concesión dunha pensión extraordinaria e vitalicia, que se aprobou en xullo dese ano.

O fillo, José Antonio Pereira, ingresou na Escola Normal de Pontevedra grazas a unha bolsa e fíxose mestre en 1933. Foi mestre na parroquia de Santa Baia de Camba, na que nacera o seu pai, e un dos socios fundadores da Casa del Maestro de Pontevedra.

Aquel 18 de xullo

Hai 80 anos producíase en Marrocos a sublevación militar que pretendía derrocar a II República, levantamento que fracasou, pero deu lugar á guerra civil ou guerra dos tres anos. En Deza non vivimos a sublevación, pero si as súas terribles consecuencias. Este é o relato do que aconteceu nesas xornadas cruciais.

Xesús Golmar - comprimido
Xesús Golmar, alcalde de Lalín.

A partir de febreiro de 1936, cando o Frente Popular gaña as eleccións, e propicia a reposición das corporacións municipais elixidas democraticamente en 1931, iniciouse unha nova etapa de recuperación das conquistas do primeiro bienio, o que trouxo consigo o desenvolvemento dos partidos de esquerda e dos sindicatos. O cambio político máis significativo produciuse no Concello de Lalín, ao ser substituída en abril a Corporación encabezada por Manuel Ferreiro por unha Comisión Xestora presidida polo galeguista Xesús Golmar, da que forman parte Manuel Diéguez Varela, Luís Frade, Bernardino Rodríguez Ferradás e Julio Calviño; Ferreiro foi nomeado secretario do Concello.

Neste primeiro semestre de 1936 non houbo incidentes graves na Comarca. Os obreiros do ferrocarril en construción estiveron en folga, coas conseguintes manifestacións, sen que se produciran altercados; detiveron os dirixentes lalinenses da Falange (que fora declarada ilegal) aínda que foron liberados ao día seguinte; e seguiron as habituais pelexas nas festas parroquiais, que ás veces remataban con feridos. Porén, en Deza non houbo manifestacións anticlericais, asaltos ou queima de igrexas; as procesións saíron sempre á rúa e nin se chegou a facer efectiva a secularización dos cemiterios; tampouco houbo agresións ou detencións de dereitistas.

Un dos acontecementos políticos máis importantes foi a Asemblea de alcaldes da Comarca, celebrada o 3 de xuño, na que acordaron constituír unha mancomunidade para xestionar melloras para a zona, e, evidentemente, a celebración do Plebiscito polo Estatuto de Autonomía o 28 de xuño, que supuxo unha intensa campaña de mitins, moitos deles protagonizados por Antón Alonso Ríos.

A sublevación
As novas da sublevación militar en Marrocos chegan a Deza por radio o mesmo día 18. Esa noite achéganse a Lalín grupos de obreiros de Prado e Bendoiro á procura de noticias. Ao día seguinte desprázase a Pontevedra unha delegación encabezada por Manuel Ferreiro, cos alcaldes de Silleda e Carbia, acompañados de dirixentes políticos do Frente Popular e líderes sindicais, onde se entrevistan co Gobernador civil para recibir instrucións. Ao regreso ordenan a requisa de armas aos dereitistas e organizan patrullas cos gardas municipais e dirixentes obreiros. Non obstante, non chegaron a constituírse Comités de defensa e a autoridade estivo sempre en mans dos alcaldes.

Emilio Alonso Paz
Emilio Alonso Paz, alcalde de Silleda.

En Lalín mobilízanse as sociedades obreiras “La Fraternidad” de Donsión, “La Equidad” de Botos e “Obreros de La Gesta” e os seus dirixentes acoden á vila para poñerse ás ordes das autoridades republicanas. Porén, a Garda Civil vixía e impide as concentracións. Declárase a folga xeral o 20 de xullo, pecha o comercio e o Casino. Ordénase a requisa de armas e explosivos das armerías e póñense as polvoreiras das obras do ferrocarril baixo custodia das autoridades. Ferreiro convoca pola mañá os presidentes das sociedades obreiras para dispor a defensa da República e o alcalde Golmar dá instrucións para que a Garda civil reparta as armas do cuartel entre os obreiros, pero o sarxento comandante négase alegando que só obedece as autoridades militares.

En Silleda tamén se convoca a folga xeral e os republicanos proceden á requisa de armas e explosivos. Na vila de Cruces, ante a ausencia da Garda Civil concentrada en Silleda, os dirixentes republicanos dispoñen patrullas e vixían as estradas que levan á vila, que estivo baixo o seu control ata a mañá do día 21.

Non houbo ningún enfrontamento, agresión nin detención dos elementos de dereitas. As atribucións das autoridades republicanas limitáronse ao control da orde pública.

Expedición a Pontevedra
Na tarde do día 20 organízase en Lalín unha columna formada polos obreiros que foran chegando á vila durante a mañá, mobilizados polas sociedades. Uns douscentos traballadores, con poucas armas, parten en seis camións previamente requisados cara a Pontevedra en apoio á República. Á cabeza desta expedición van Manuel Ferreiro e os dirixentes obreiros José Fondevila e José Crespo. Ao seu paso por Silleda únenselles outro grupo en turismos e camionetas.

Cando chegan á capital, xa fora declarado o estado de guerra e a cidade está baixo o control do Exercito. Os de Deza regresan, algúns a pé. En Silleda espéranos xa forzas da Garda Civil, que secundou en todo momento a sublevación, e un grupo de falanxistas e gardas cívicos. Cachéanos e desármanos practicamente sen resistencia, aínda que hai algún incidente co disparo de armas sen consecuencias. Curiosamente non se produce ningunha detención e a maioría regresan ás súas casas.

Benjamín Salgado Uribe
Benjamín Salgado, alcalde de Carbia.

Os alcaldes e dirixentes políticos, máis conscientes da nova situación, agóchanse: Manuel Ferreiro e Primo López, de Izquierda Republicana de Carbia, marchan a Compostela, pero serán detidos en agosto. Emilio Alonso Paz, o alcalde de Silleda, inicia unha fuxida polos montes do Candán, para marchar cara Ourense e pasar a fronteira portuguesa, onde foi capturado pola policía e entregado ás autoridades franquistas. Máis sorte tivo Marcelino García, que foxe tamén cara ao Candán, iniciando unha vida clandestina que non volverá á normalidade ata 1965. O alcalde de Cruces, Benjamín Salgado, agóchase en Arzúa onde permanece acubillado ata que se presenta ante as autoridades en 1945. Este é tamén o caso de Manuel Parga Díaz, dirixente comunista de Silleda, agochado primeiro en Compostela e logo na Coruña, onde finalmente se entrega.

Outros lograron permanecer ocultos, como José Moreira Espiño o primeiro Tenente-Alcalde de Silleda, que pasou catro anos nun caseto preto da súa casa ou Manuel Gil Amigo, o que fora presidente da “Unión Obrera de Ponte”, a quen finalmente descobren e deteñen en outubro de 1939.

Os primeiros días
A partir do día 21, toda a Comarca está baixo o control da Garda Civil, que comeza a recibir as primeiras ordes para iniciar a represión. En Lalín deteñen a Manuel Guillán Abalo, un mestre de Pontevedra afiliado ao PC que pasaba aquí as vacacións. En Cruces, ao regresar a Garda Civil de Silleda para dar conta da declaración do estado de guerra e colocar o bando, prodúcense as primeiras detencións: os irmáns Villar Cimadevila e o seu cuñado Manuel Blanco; rexistran os locais do “Comité de Izquierda Republicana” e apodéranse da documentación que lles servirá para inculpar aos republicanos. En Silleda levan á cadea a Miguel Nicolás Esperante, o que anos despois se converteu no famoso guerrilleiro “Corcheiro”.

O día 22 apresan o sindicalista José Crespo Torres. O 25, un grupo de falanxistas e gardas civís cercan a José Fondevila na súa casa de Bermés; ferido, consegue escapar ocultándose en casas de veciños durante algúns meses; finalmente logra pasar a Portugal, sortear a policía e embarcar para Francia, desde onde pasa á zona republicana para combater no exército leal. Porén, capturan a outro veciño de Bermés, José Vázquez.

Ordénase a destitución das corporacións republicanas: o 24 de xullo depoñen o Alcalde de Lalín e ao día seguinte aos de Silleda e Carbia. O 28 tócalle a quenda ao de Rodeiro; a principios de agosto os de Agolada e Dozón. Son substituídos por Alcaldes Delegados de Orde Pública, coñecidos militantes da dereita, que en moitos casos xa exerceran como alcaldes previamente á proclamación da República ou mesmo durante o bienio negro, como Bernardo Madriñán en Lalín ou Amalio Calviño en Rodeiro. Tiñan como misión o control e vixilancia da orde e a emisión de informes que foron os que xunto aos da Grada Civil propiciaron as condenas dos consellos de guerra.

E así chegamos ao mes de agosto, cando a maquinaria do terror actúa xa a pleno rendemento…

O movemento obreiro na Comarca de Deza ata 1936

Os antecedentes
Podemos situar os inicios do movemento obreiro na Comarca o 29 de xuño de 1904 coa fundación da primeira sociedade obreira: La nueva idea de Oficios varios de Lalín. A agrupación solicita a inclusión na UGT en outubro, ingresando oficialmente o 9 de novembro de 1908. Das condicións de traballo nesta época e das primeiras reivindicacións sociais, da conta a folga dos canteiros de Lalín de 1906, que reclaman media hora de descanso para comer, que finalmente lles foi concedida.

Tamén en 1904 se constitúe a Sociedade de Oficios y profesiones varias de Fontao en Vila de Cruces (o 6 de outubro). Temos novas fragmentarias da conflitividade obreira nas Minas Tiro e Sidón de Fontao durante 1906 e 1907, onde estalan varios altercados que rematan con incidentes violentos. Esta primitiva agrupación transfórmase na Sociedade de Obreros, mineros subterraneos y similares o 13 de agosto de 1911.

En Lalín, os canteiros crean unha nova sociedade o 9 de maio de 1913, denominada Sociedad de Canteros de la villa de Lalín y sus contornos, que supoñemos continuadora da anterior. É esta agrupación a que promove a folga dese ano para demandar un aumento de salario. Este sindicato terá continuidade ao longo dos anos dez e vinte, manténdose ata a II República.
Sabemos da súa colaboración nos primeiros momentos do Directorio (Ditadura de Primo de Rivera), cando un dos vocais da Xunta directiva, Manuel Presas, é nomeado concelleiro corporativo en abril de 1924.
Nos anos seguintes vaise fortalecendo, e chega a organizar a celebración do 1º de maio, aínda que durante moitos anos a manifestación foi prohibida polas autoridades, limitándose os actos a unha reunión no seu local social, daquela situado en Donramiro. En 1929 autorízase por fin a manifestación, e os obreiros celebran unha comida e pola tarde unha festa verbena na Praza da Constitución.

A II República
A situación socioeconómica da Comarca de Deza, fundamentalmente agraria, sufrirá unha transformación coas obras de construción do ferrocarril Zamora-A Coruña. A liña ferroviaria fora aprobada no “Plan de Ferrocarriles” de 1926, a iniciativa do Ministro de Facenda da Ditadura, José Calvo Sotelo. Estaba divida en catro tramos, o terceiro (Ourense-Santiago) atravesa os concellos de Lalín e Silleda. As obras, que contaban cun orzamento de 353 millóns e ocuparon a máis de 15.000 obreiros nas épocas de maior actividade, comezaron en 1929.

As dificultades para rematar o proxecto principiaron coa República: o novo titular de Facenda, o socialista Indalecio Prieto, sostiña que era unha “obra de prestixio” do vello réxime, de pouca rendibilidade. Isto, unido á crise económica, que propiciou unha política de contención do gasto público e equilibrio orzamentario, fixeron que o ferrocarril non fose prioritario para os sucesivos gobernos republicanos. Así, entre 1932 e 1935, as dificultades de presuposto paralizaron os traballos e os contratistas aproveitaron o atraso nos pagamentos para endurecer as xa de por si cativas condicións laborais, orixinando acesas protestas entre o persoal. Como consecuencia, os traballos aínda estaban pola metade cando estoupa a Guerra civil, sendo o tramo terceiro o que acumulaba máis retraso.

A construción do ferrocarril trouxo á Comarca traballadores de variada procedencia: labregos, cuadrillas portuguesas, os canteiros de Pontevedra, os capataces e os mineiros andaluces, afeitos ás tarefas subterráneas. E cos traballadores o movemento obreiro cobra un pulo considerable. Ao longo do trazado da vía xorden sociedades obreiras, a maioría de carácter parroquial, que exercerán nos anos da República un protagonismo social e político notable, e en constante progresión, constituíndo un dos axentes máis dinámicos e o principal movemento de masas na Comarca.

O primeiro sindicato que se organiza ao abeiro das obras, e o que terá maior proxección, a Sociedad de Obreros de PonteNova Donsión, créase en marzo de 1931. A primeira directiva elixida o 21 de abril, presídea Manuel Neira Rodríguez. José Crespo o vicepresidente, Luís Frade, vicesecretario, Ramiro Granja, tesoureiro e José Montouto, vicetesoureiro, terán tamén un destacado papel nas loitas sindicais e políticas ao longo do período republicano. O sindicato contaba neses momentos con 180 afiliados e aos poucos meses ingresa na UGT. Manuel Neira, o primeiro dirixente obreiro de importancia, procedía da emigración cubana, tamén José Donsión e José Blanco son “americanos”. A presenza de ex-emigrantes (expulsados de América polas súas actividades sindicais ou obrigados a regresar pola crise de 1929) é destacada en todos os sindicatos da comarca. José Fondevila, o comunista de Bermés, logo de retornar dos Estados Unidos en 1931, intégrase na Sociedade de Donsión, substituíndo a Manuel Neira como presidente, logo da morte deste en decembro de 1931. Tamén o sindicato mais representativo de Silleda: a Unión Obrera de Ponte, ten como secretario a Arturo Pérez Lázara, de procedencia arxentina. José Fares Fidalgo, retornado de Venezuela, xoga un destacado papel na organización da Sociedade de mineiros de Fontao.

Pero ademais deste, xorden, como xa comentamos, outros sindicatos en todas as parroquias polas que atravesa a liña férrea: Sociedad Obrera de Villanueva, constituída en agosto 1931, Los Carrilanos de Pontenoufe (A Xesta), La Democracia de Sante (A Xesta), Sociedad de Obreros de La Gesta, La Equidad de Botos, La Unión de Botos, Sociedad Obrera de Bendoiro e Sociedad Obrera de la Edificación de Prado, no Concello de Lalín. En Silleda, fóra da xa mencionada Unión Obrera de Ponte constituída en agosto de 1931, temos a Sociedad de Obreros de Oficios varios de la edificación de Silleda que se funda en setembro do mesmo ano, a Sociedad de Oficios Varios de Graba e a Sociedad de Trabajadores de Bandeira y sus contornos. Para completar a lista das organizacións obreiras, hai que facer mención ao Sindicato de Obreros de las Minas de Estaño de Silleda, presidido por Joaquín Mosteiro, creado en 1935 tras a reapertura das minas de Fontao en Vila de Cruces.

Finalmente, a antiga Sociedad de canteros y oficios varios de Lalín transformase en Centro Obrero-Casa del Pueblo, presidido por Avelino Souto e con Manuel Quintana como secretario. A sociedade xa tiña o proxecto de construír un local social propio dende 1927, para o que adquirira un terreo no Campo da feira de Lalín. As obras comezan en setembro de 1932, e contan cunha subvención da Corporación municipal “por ser das primeiras sociedades obreiras de Lalín e abarcar a todo o Concello”. O edificio, unha pequena casa de planta baixa, remátase en 1935, e comeza a funcionar como Centro Obreiro (a memoria popular lémbrao como Casa dos obreiros). Neste Centro terá a súa sede a Federación de Sociedades Obreras y de Agricultores del Partido de Lalín, constituída o 28 de outubro de 1931 con José Crespo Torres como secretario xeral e José Fondevila como subsecretario, na que se integran moitos dos sindicatos xunto con algunhas sociedades agrarias que avivecen coa chegada da República.
Da maioría destas agrupacións temos documentado o seu ingreso na UGT.

Os conflitos sociais
Os conflitos sociais destes primeiros anos da República eran fundamentalmente defensivos: centrábanse no recoñecemento sindical, na defensa dos postos de traballo e a esixencia de aplicación da normativa laboral. Así o vemos na folga xeral nas obras do ferrocarril de maio de 1931, coa participación de máis de mil obreiros, para demandar o cumprimento da xornada de 8 horas e un aumento de salario, que requiriu a presenza do Gobernador civil para mediar nas negociacións. Finalmente chégase a un acordo, pero a Compañía Gamboa e Domingo, concesionaria das obras, non o cumpre e en xuño prodúcense novos paros. O incumprimento da xornada de oito horas polos patróns tamén orixina as protestas da Sociedad de oficios varios de Lalín e da Sociedad de Oficios Varios de Graba diante dos respectivos Concellos.
A mediados de xuño xurde un novo conflito, ao negarse os contratistas a desembolsar máis diñeiro mentres o Goberno non conceda os créditos para a obra. O día 18, ante os rumores de paralización das obras, as protestas e manifestacións estendese por toda Galicia. O día 26 celebrase en Ourense unha asemblea popular á que acoden nutridas comisións das sociedades obreiras de Silleda e Lalín.

A actividade sindical é complicada nestes primeiros momentos da República, a patronal tentou abortar no seu albor o fenómeno sindicalista. Aproveitando a ignorancia e o individualismo da abundante man de obra barata, fixeron uso dos seus estreitos vencellos coa rede caciquil para atrancar o desenvolvemento do movemento societario. A persecución diríxese contra os líderes sindicais (detencións de Fondevila, dun dirixente obreiro na Abeleda por repartir os recibos da sociedade, de 8 persoas en Botos polas protestas polos incumprimentos da empresa); moitas veces usando á propia Garda civil para tentar facerlle a vida imposible ás nacentes sociedades obreiras (denuncia de Fondevila ao Comandante da Garda civil, polo atropelo de varios números destinados nas obras, que intentaron pola forza obrigar a volver ao traballo aos obreiros de Ponte Taboada con amezas de uso das armas, logo de terse declarado legalmente a folga).

Aínda así as protestas continúan. En decembro do 31, as sociedades obreiras de Donsión e Botos demandan a Compañía, ao negarse o contratista a cumprir as bases de traballo fixadas polo Comité Paritario InterProvincial de Construcción de Ferrocarriles (creado polo Ministerio de Traballo de Largo Caballero), que entraran en vigor a mediados de setembro. Na mobilización participa a Sociedade de Bendoiro, que percorre as obras levando á folga a todos os obreiros. Ao remate, celébrase un mitin na Praza de Lalín no que interveñen Fondevila e Celso Carrón. Iníciase unha folga de 800 obreiros á que porá fin a intervención dunha comisión do Comité Paritario.

Xa en marzo de 1932, ante o insistente rumor dunha nova paralización das obras, declarase a folga. En Lalín celébrase unha asemblea aberta o día 21, na que se acorda iniciar un paro xeral. Fórmase comité de folga con representantes das sociedades obreiras e asociacións profesionais, no que participan comerciantes, industriais, avogados, médicos, etc. O que manifesta o carácter interclasista desta protesta, xa que afecta non só ao movemento obreiro senón tamén ás mesmas autoridades republicanas locais ou a cativa burguesía vilega, interesada na construción do ferrocarril como unha fonte de progreso económico. O Comité de folga elixe unha Comisión executiva (presidida polo avogado Laureano García, na que non hai ningún representante obreiro) e trasladase a Ourense, Santiago e Pontevedra para coordinar as protestas cos comités Pro-Ferrocarril desas cidades. O paro en Lalín é total, concéntranse forzas da Garda Civil e prodúcense algúns incidentes (tiroteo ao autobús de liña Pontevedra-Lalín que non secundara o paro e cortes na liña telegráfica). O día 24 celebrase unha asemblea xeral multitudinaria a que asisten 5.000 persoas. O 26 dimite a corporación de Lalín, e ao día seguinte a de Silleda, onde se celebran manifestacións. Pídese a solidariedade doutros concellos, a dimisión do gobernador, envíanse telegramas aos deputados galegos en Madrid retirándolles a confianza. Varios representantes do Comité de folga son detidos en Pontevedra, o que provoca novas protestas.

Logo de oito días de folga xeral, a solución chega, aínda que de xeito parcial, ao introducir o goberno algúns cambios no proxecto de financiamento das obras, que permiten a súa continuación.

Pero o éxito da folga é un espellismo xa que a principios de abril as obras paralízanse outra vez, ao negarse os propietarios dos terreos a permitir a súa continuación ante o temor de que non se paguen as expropiacións. Isto fai que a empresa despida a todos os obreiros, que pasan por momentos dramáticos, como denuncia a Sociedad Obrera de Ponte ao Goberno civil, pedindo se prohiba exportación e acaparamento de artigos de primeira necesidade para que os obreiros en paro non “se vean arrastrados a cometer actos de violencia para poder subsistir”.

Visita ministros a Lalín 1934

Tocante á imbricación política do movemento obreiro, xa mencionamos a afiliación da maioría das Sociedades á UGT, e polo tanto, a conexión co PSOE. Sabemos dos intentos de formación dunha agrupación do PSOE en Bermés encabezada por Fondevila que en xullo de 1936 ingresa na Federación Socialista Provincial. O mesmo Fondevila e outros dirixentes obreiros participan nas eleccións xerais de novembro de 1933 como apoderados do PSOE. En xaneiro de 1936 existe unha organización das Juventudes Socialistas en Lalín e hai constancia dunha Agrupación Socialista en maio. En canto ao Partido Comunista, existía dunha célula con vinte militantes en 1933. Iso explicaría a inclusión dun agrarista lalinense, José Villar Pájaro, na candidatura do PC ás eleccións de novembro e a celebración en Lalín de mitins comunistas nesa campaña. En xullo de 1936 hai na Comarca oito células cuns cen afiliados.

Logo do abandono do goberno polo PSOE en xuño e da derrota da esquerda nas eleccións de novembro de 1933 (Bienio Negro), ao longo do ano seguinte prodúcese unha radicalización dos socialistas, cara á unidade obreira, a loita antifascista e solucións políticas propiamente socialistas. Esta mudanza de posturas é tamén patente na UGT que inicia unha política de unidade de acción con todas as forzas obreiras e propicia a formación das Alianzas Obreiras. Como queda patente no mitin do 1º de maio de 1934 de Silleda, organizado pola Sociedad Obrera de Ponte, de filiación ugetista. No manifesto que difunde o sindicato insístese na necesidade de unión de todas as organizacións obreiras e campesiñas, sen distinción de ideoloxías, para acadar o poder e na loita contra o fascismo. Estas son as súas reivindicacións:

“Liberación de nuestros presos. Libertad para la prensa revolucionaria. Amplio derecho de organización, manifestación y huelga. Supresión de todas las leyes represivas y de excepción”.
“Por la inmediata continuación de las obras de nuestro ferrocarril. Por un subsidio de tres pesetas diarias para los parados. Por la excepción temporal de todo tributo o renta a los campesinos pobres. Contra la carestía de los artículos de primera necesidad”
O Manifesto remata cun “¡Viva el Frente Unico de los trabajadores!”.

A Revolución de Asturias, en outubro de 1934, significou un duro golpe para o movemento obreiro na Comarca. Aínda que a folga xeral non ten moita repercusión (en Silleda pechan algúns comercios e quedan sen comunicacións telegráficas polo corte de varios postes da liña), a onda de represión que se desencadea coa clausura de locais e detención de militantes, é aproveitada polos patróns para endurecer as condición de traballo e tomar represalias contra os obreiros máis reivindicativos. Son detidos varios líderes sindicais: Fondevila, José Crespo, José González Blanco e Luís Varela Sobrado, acusados de coaccionar aos obreiros.

En 1935 a loita sindical faise en condicións cada vez máis difíciles pola represión dos gobernos da dereita, que clausuran varias sociedades e mesmo prohiben os actos do primeiro de maio dese ano, como sucede co mitin previsto en Silleda.

Ante a actitude dos gobernos radical-cedistas, a necesidade da unidade de todas as forzas de esquerdas faise sentir na Comarca e en xuño fórmase en Lalín un Bloque antifascista, no que participan os partidos republicanos e as organizacións obreiras. Os puntos sobre os que se basea o bloque son a amnistía, a solución do paro, as liberdades civís, a reposición dos concellos de elección popular, a autodeterminación das nacionalidades e a rebaixa de impostos.

A sintonía entre as organizacións de esquerdas locais da lugar a constitución meses despois da Casa da República, na que se integran Izquierda Republicana, Unión Republicana, o Partido Galeguista e afiliados do PSOE e do Partido Comunista. Tamén no mitin de Casares Quiroga en decembro hai unha importante presenza das Sociedades cos seus símbolos e as organizacións do Partido Comunista de Lalín e Silleda envían a súa adhesión.

O trunfo da Fronte Popular en febreiro do 1936, fai que a mobilización obreira acade novas cotas. Entre os meses de abril a xullo prodúcense na Comarca varios conflitos de entidade: folga dos mineiros de Fontao, folga e manifestación en Lalín o 5 de maio para solicitar a expulsión das obras dos obreiros non afiliados, nova folga do Ferrocarril do 8 ao 22 de xuño, folga xeral en Lalín pola detención do alcalde Xesús Golmar a principios de xullo.

O 18 de xullo estalla a rebelión militar en África, as noticias chegan a Lalín e os partidos da Fronte Popular comezan a organizarse. Manuel Ferreiro convoca aos presidentes das Sociedades obreiras para informalos e pedirlles que se manteñan alerta. Logo dunha viaxe a Pontevedra o 19, con Luís Frade e os alcaldes de Silleda e Vila de Cruces, declárase a folga xeral e deciden enviar reforzos á capital para defender a República. O 20 xullo, baixo a supervisión de Fondevila, José Crespo e o propio Ferreiro, organízase unha expedición armada a Pontevedra na que participan uns douscentos obreiros de Lalín e Silleda. Ao chegar a capital encóntranse con que o exercito xa saíu á rúa e os hidroavións de Marín sobrevoan a cidade. Teñen que regresar e xa os agardan grupos de falanxistas e gardas civís en Silleda onde se producen enfrontamentos.

A represión
Entre de agosto e setembro son detidos e encarcerados os directivos dos partidos políticos, sociedades e sindicatos non afectos ao Movimiento. Logo son xulgados en Consellos de guerra, en aplicación dunha curiosa xustiza ao revés que condena por rebelión a aqueles que se mantiveron fieis ao goberno lexítimo. As directrices da represión van encamiñadas á imposición de castigos exemplares aos líderes políticos e obreiros para estrangular calquera intento de rebeldía ou folga.

No movemento obreiro, as primeiras vítimas serán os dirixentes máis destacados, como José Fondevila, ao que un grupo de falanxistas e gardas civís intentan deter en Bermés o 25 de xullo. Consegue escapar, aínda que ferido, e permanece agochado algúns meses. Finalmente marcha a Portugal, consegue sortear á policía e embarca para Francia desde onde pasa á zona republicana. Tamén logran agocharse e así librar dunha morte segura, Manuel Gil Amigo, que fora presidente da Unión Obrera de Ponte e José Moreira Espiño de Silleda.

Pero estes foron casos excepcionais. A maioría dos sindicalistas máis significados foron detidos. Algúns paseados polos falanxistas como José Fares Fidalgo, Secretario do Sindicato mineiro de Fontao, Ramón Muíños Lorenzo, concelleiro e presidente da Unión Obrera de Ponte, Luís Frade Pazos, presidente da Colocación obreira e Tenente-Alcalde de Lalín, José López Bermúdez, presidente de La Democracia de Prado, Ramiro Granja, presidente de Fraternidad de Donsión, Luís Varela Sobrado, presidente de La Equidad de Botos, e José Montouto, da directiva da Sociedade de Donsión.

Foron fusilados tras consello de Guerra sumarísimo, Arturo Pérez Lázara, José Crespo Torres, presidente da Sociedade de Bendoiro, e José Donsión Muíños, da directiva de La Fraternidad. Algúns dos condenados á pena de morte salváronse por ser súbditos estranxeiros, como José Blanco ou José Vázquez, aínda que este acabaría morrendo en prisión. Tamén morreron na cadea, Antonio Costoyas, tesoureiro da Unión Obrera de Ponte, José Carballude, da directiva de La Fraternidad, Rogelio Cagide e Jesús Cea Asorey do Sindicato de Fontao.

Os demais sufriron penas de prisión e saíron a principios dos anos 40, aínda que obrigados a presentarse á Garda Civil e estigmatizados socialmente por “roxos”.

Moitos sufriron a confiscación dos bens, ou tiveron que pagar multas, o que deixou ás súas familias na miseria. Ademais, os locais e as propiedades das Sociedades obreiras foron incautados (como aconteceu coa Casa dos obreiros de Lalín). Por non falar da depuración dos funcionarios públicos: empregados municipais, carteiros e sobre todo mestres.

Manuel Igrexas

Lume, pistolas e dinamita. Violencia social e política no Deza

Palacete dos Crespo
Palacete dos Crespo en Donramiro.

A violencia é unha dimensión antropolóxica complexa e omnipresente como forma de relación social para a resolución non pautada de conflitos nas sociedades humanas. Esta violencia social é un desaxuste presente en calquera proceso de reprodución ou vertebración social, sobre todo no conflito entre gobernantes e gobernados, debéndose falar neste caso de violencia política. Maniféstase como forma de disidencia ou protesta e nos intentos colectivos de cambio social. É unha forma de canalizar os conflitos cando non existen outros medios por non situarnos en sociedades plenamente democráticas.

Imos facer un breve repaso por algunhas destas formas de violencia social e política que apareceron na Comarca do Deza durante o período da Restauración.

As primeiras manifestacións desta violencia que aparecen nos anos oitenta do século XIX son os motíns contra os consumos (o imposto de consumos era un imposto indirecto que gravaba os bens de primeira necesidade “de comer, beber y arder”). En 1870, na parroquia de Vilatuxe tivo lugar un motín contra a capitación e, en marzo do ano seguinte, houbo outro en Lalín contra o cobro do imposto persoal, nos dous interviu a Garda civil disparando sobre os amotinados. En 1882, esta vez en Rodeiro, volveu xurdir a protesta contra os consumos en forma de motín que rodeou o concello e obrigou a alcalde e concelleiros a fuxir perseguidos polos paisanos. Dous anos despois volveron producirse estas desordes cando os veciños de Az recibiron con disparos e pedradas os recadadores do imposto de cédulas persoais.

En ocasións, a violencia política era a única canle de expresión fronte a unha administración local controlada polo caciquismo. Así, vemos aparecer os primeiros atentados políticos na nosa comarca nunha serie de sucesos acontecidos arredor de 1880: na noite do 1 de xuño de 1880 lanzan unha bomba de dinamita contra a casa do alcalde de Lalín, Antonio Taboada Iglesias, que destrúe a maior parte do edifico, aínda que o alcalde e a súa familia resultaron ilesos; o 9 de outubro do ano seguinte asasinan en Rodeiro o secretario do Concello Ángel Fernández Valladares “Bagarelos”, que xa sufrira un atentado en setembro do ano anterior. Parece que os dous feitos están relacionados, pois Antonio Taboada e Ángel Fernandez eran correlixionarios militantes do Partido Conservador e xa foran denunciados en diversas ocasións ante o Gobernador civil polos abusos que cometían na administración. Estes atentados conseguen afastar o alcalde Taboada de Lalín, pois en 1883 trasládase a Pontevedra logo de obter o nomeamento de deputado provincial.

Xa no século XX veremos de novo actuar a dinamita no atentado ao dono da Casa de Quintela, Jorge Quiroga, en abril de 1906, a quen lle lanzan dúas bombas cando ía á cabalo en dirección a Lalín.

Tamén o incipiente movemento obreiro utiliza a violencia como forma de expresión das súas reivindicacións, algo que podemos ver no atentado que o propietario das minas de estaño de Fontao, Enrique Burbury, sufre en xullo de 1907, cando lanzaron unha bomba contra a casa que habitaba en Silleda, aínda que non resulta ferido. Non era o primeiro, pois algúns anos antes, en 1891, a vivenda xa fora queimada.

Por outro lado, o alcalde de Lalín, Antonio Crespo, representante do Marqués de Riestra na Comarca do Deza e quen dominaba caciquilmente a política local dende 1902, sofre catro atentados entre 1914 e 1915. Xa en 1909 o incipiente movemento agrario puxera en perigo a súa hexemonía no concello, cando nas municipais dese ano resultaran elixidos cinco concelleiros agrarios. Crespo tomou represalias contra Plácido Vidal (líder dos agrarios), declarándoo prófugo, para privalo da posibilidade de exercer o cargo e logrou procesar a catro párrocos que os apoiaban, acusándoos de coacción electoral. A partir dese momento a estratexia para castigar os desafectos céntrase no imposto de consumos, pois Crespo fai un reparto parcial, sen garantías e sen permitir a presenza dos concelleiros da oposición, aumenta as cotas arbitrariamente… Nas eleccións municipais de novembro de 1913, nas que de novo perigaba a súa maioría, consegue a vitoria grazas a detención de candidatos da oposición e á suspensión das eleccións do distrito de Vilatuxe. Con estes precedentes, e ante o novo abuso que supuxo o reparto de consumos de 1914, cando en maio se celebra o xuízo de agravios, unha gran masa preséntase diante da Casa do Concello para reclamar, pero ao ver que se atopaba pechada, diríxense á casa do alcalde en Donramiro, reclamando a súa presenza, e como este non aparece, aporrean as portas e lanzan pedras e paus contra as fiestras. Ante esta situación, o alcalde foxe. O 8 de xullo dese ano lanzan unha bomba contra a súa vivenda. O 8 de xuño do ano seguinte, cando regresaba á casa desde Lalín, dispáranlle un tiro de escopeta, que o alcanzou na cabeza, ocasionándolle varias lesións (os médicos extraéronlle 17 perdigóns), aínda que sen causarlle a morte. O 21 de decembro dese ano Crespo volveu ser vítima doutro atentado: dúas bombas de dinamita estalaron, cun intervalo de dez minutos, na súa casa; a primeira causou o derrubamento de parte do edificio, destruíu as carruaxes da cocheira e arrancou de raíz a porta da entrada, e a segunda bomba fixo que se fundira case todo o tellado, aínda que unha vez máis, nin Crespo nin a súa filla (únicos habitantes da casa) sufriron danos.
Como consecuencia deste último atentado, foron detidos varios dos seus inimigos políticos: o concelleiro Gonzalo López Gutiérrez, os curas de Barcia e Bendoiro, e José Blanco Aguirre, o fillo do tamén concelleiro Arturo Blanco Rodríguez, aínda que foron liberados ás poucas horas ao non poder probárselles ningunha implicación. Por estes feitos serían procesados e xulgados na Audiencia de Pontevedra en abril de 1916 José Blanco Aguerre e José Ferreira, que foron absoltos ao ditarse veredicto de inculpabilidade.

Tamén as organizacións campesiñas do movemento agrario desenvolveron un amplo repertorio de formas de protesta para resistir á (re)presión dos notables que exercían o poder local e para mobilizar os indecisos. Entre estas estratexias estivo o recurso á violencia. Xa en 1906 foron queimadas as palleiras de Francisco Varela, de Siador, e nese mesmo ano as de Manuel Gallego de Muimenta. A Sociedad de agricultores y oficios varios de Golada viña loitando desde a súa fundación pola rexeneración do concello, tratando de derrubar a tiranía do cacique Ulrico Fociños; neste empeño, e como as trabas caciquís son tan indignantes, sobre todo debido ao pucheirazo que os caciques organizan nas eleccións municipais de 1922 (aplicar o artigo 29 cando existían varias candidaturas), recorren ás accións violentas queimando a casa e os alpendres que os Fociños posúen na feira de Agolada, derrubando balados, tallando árbores e organizando un boicot. As eleccións son finalmente anuladas pola Xunta electoral e, ante a presión da agraria, convócanse novos comicios en decembro. Pero o lume volveu aparecer na palleira dos Fociños, en Borraxeiros. Trunfan finalmente os candidatos societarios, que conseguen a maioría no concello e José Diéguez Fernández, o presidente da agraria, é elixido alcalde en abril de 1923. O último episodio violento acontece en Rodeiro xa coa Segunda República proclamada cando, en marzo de 1931, varios membros do recentemente creado Comité Republicano colocan explosivos nos hórreos de dous veciños de Az e na reitoral de Guillar, por seren contrarios á Sociedade de Agricultores de Santa María de Pescoso.

Pero o episodio máis dramático foi o asasinato de Benito Rivas, secretario do Xulgado municipal de Silleda e principal cacique do concello, en xaneiro de 1923. O concello de Silleda viña sufrindo as consecuencias da política caciquil do riestrismo nas mans de Rivas, que culminaron co roubo das eleccións de 1922 cando, a pesar do trunfo dos agrarios por unha abafante maioría, as eleccións foron anuladas e ao repetírense xa amañadas, dánlle o trunfo aos caciques. Os matóns de Rivas actuaban contra todo aquel que se destacara en favor dos agrarios, con malleiras e acoitelamentos. Mesmo a fins de 1921, e para facer desaparecer documentos comprometedores sobre a súa xestión, chegara a simular un roubo na Casa do Concello de Silleda. As continuas denuncias das sociedades agrarias e mesmo da Federación de Sociedades Gallegas de Bos Aires ante o Ministro da Gobernación e Gobernador civil, non producen efecto.

As sociedades agrarias silledenses, apoiadas polos emigrados americanos de Hijos de Silleda, que mesmo chegaron a constituír un Comité Auxiliar de las Asociaciones Agrarias del Municipio de Silleda en Bos Aires, xa levaban amoestando a Rivas e cominándoo a que desistira das súas prácticas caciquís:

“Que Vd. ha sido dentro de ese municipio el primer promotor y ejecutor del atentado personal por cuestiones políticas, y, por consiguiente, el único responsable de las consecuencias de tales hechos. TENGALO Vd. POR SABIDO”

É por isto polo que se chega á dramática decisión da morte: “o resignarse a ser pisoteados y escarnecidos cada día en sus intereses, en sus derechos, en sus personas y en su dignidad por el cacique, o …¡matarlo!”. Desta maneira, o 7 de xaneiro de 1923 Luís Muíños acaba coa vida de Benito Rivas con sete disparos.

Así xustificaban o atentado dende Bos Aires: “el pueblo de Silleda, en uso de su soberanía inalienable fulminó sentencia de muerte contra uno de sus miembros, lo que hizo en forma irregular, ciertamente, pero ante una total subversión de las funciones judiciales por parte de sus funcionarios regulares, completados para mantener la arbitrariedad, la impunidad y la injusticia. Muiños fue la encarnación del sentimiento público que ejecutó, también en forma irregular, aquella sentencia.”

Luís Muíños foi xulgado na Audiencia provincial de Pontevedra polo asasinato de Benito Rivas o 18 e 19 de decembro de 1924 e condenado a cadea perpetua. A Federación de Sociedades Galegas de Bos Aires estableceu unha pensión para Muíños.

Manuel Igrexas
Publicado na revista Kacharela do IES Laxeiro en 2012.
Reproducido en Faro de Vigo (edición Deza-Tabeirós), 1-7-2012.