Manuel González, o escolante de Soutolongo

Manuel Gonzalez
Manuel González Rodríguez

Se o nome de Soutolongo se fixo popular en toda Galicia nos anos da República foi grazas a Manuel González, que asinaba os seus artigos e colaboracións na pensa como Soutolongo ou Escolante de Soutolongo.

Manuel González Rodríguez, a quen todos coñecían como Cancelo, foi o mestre de Soutolongo de 1933 ate a súa xubilación en 1964. Varias xeracións de mozos da parroquia recibiron as súas ensinanzas e os seus consellos, pois Manuel era moito máis que un mestre, era un amigo e un conselleiro para toda a veciñanza.

Naceu en 1903 na veciña parroquia de Botos. Era fillo de Francisco González “Casamaro” e Benita Rodríguez. Estudou maxisterio na Escola Normal de Pontevedra e o mesmo ano de rematar os estudos, en 1923, foi contratado pola sociedade Unión do Partido de Lalín de Buenos Aires para ser o mestre da escola laica que viñan de crear no lugar de Porreiros, na parroquia de Gresande. A escola dos “americanos” estaba baseada en principios pedagóxicos máis modernos e a pesar da oposición do clero local, deseguida se fixo moi coñecida; a ela empezaron a acudir tamén rapaces de Soutolongo e Botos a pesar da distancia.

Homenaxe a Victorino González. Cristimil, 1928.
Homenaxe a Victorino González na que participa Manuel González. Cristimil, 1928.

A principios dos anos trinta aprobou as oposicións de Maxisterio e foi destinado á parroquia estradense de Ribeira. Alí comezou o seu labor galeguista, participou nos actos de propaganda do Estatuto de Galicia e propuxo a idea de erixir un monumento a Pardo de Cela na Estrada por subscrición popular, para o que realizou unha intensa campaña no periódico estradense El Emigrado.

En 1933 obtivo o traslado a escola de Soutolongo, que había ser o seu destino definitivo. Un ano antes casara en Botos con Dolores Brandido Palmaz. Iniciou nesta parroquia a propaganda galeguista cunha serie de conferencias que impartía á saída da misa dos domingos coa colaboración de Benito Rivas, daquela estudante de Dereito. En Soutolongo tamén organizou conferencias e actos conmemorativos da proclamación da República, ademais de desenvolver unha intensa e innovadora labor pedagóxica na escola, con clases de agricultura, excursións culturais a cidades galegas, etc.

Así concibía a escola rural nun artigo de 1930:

Estas escolas ‑sen excluír coñecementos xerais‑ deben conceder primacía aos temas agropecuarios como son: mellora da técnica agrícola, arrombando todo o arcaico e nulo; emprego de boas sementes, adubos e modernos instrumentos agrícolas; selección de gandos; nocións de patoloxía animal e vexetal, e modo de combater tales enfermidades; cría de aves de curral; formación de viveiros con especies forestais selectas para repoboar, enriquecer e facer fermosos os nosos desérticos montes; cría e coidados de especies froiteiras, tamén escollidas, (maceiras, pereiras, castiñeiros, nogueiras, etc.) para hortas, paseos, ribeiras de ríos, etc.; industrias rurais (queixerías, manteiguerías e outros); cooperativas, nas súas variadas manifestacións; caixas de crédito; socorros mutuos, etc.

Para conseguir o que antecede, hai que transmutar todas as escolas rurais da nosa Terra, proporcionándolles un campo para experimentación e viveiro, cría de aves e de abellas; libros de temas rurais; conferencias frecuentes; estaciones meteorolóxicas, etc. Mais, cando chegarán a cristalizar estas ideas en toda Galicia? Co centralismo? Sen galeguizar os centros docentes da nosa Terra?

Manuel González colaborou cos membros do Seminario de Estudos Galegos que estaban realizando por eses anos as súas xeiras polas terras de Deza. Activo militante e propagandista galeguista, fixo unha entusiasta campaña a prol da autonomía de Galicia no periódico lalinense Razón, foi un dos membros da mesa da IV Asemblea do Partido Galeguista en abril de 1935 e un dos oradores do mitin das Arengas o 24 de xullo dese ano.

Escola de Soutolongo emigración
Escola de Soutolongo

Asistiu ao mitin de Azaña en Comillas con outros corenta dezaos e fixo desa viaxe unha longa crónica para Eco de Galicia. Participou nos actos da coalición republicano-galeguista que se organizou a finais de 1935 e nos mitins da Frente Popular para as eleccións de febreiro de 1936.

Co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936, foi depurado, aínda que grazas ás relacións familiares da súa muller non foi sancionado. Iso si, tivo que afiliarse a Falange e viuse obrigado a facer unha serie de artigos laudatorios das fazañas imperiais españolas para o periódico pedagóxico El Noticiero Gallego. Os anos da ditadura foron para Manuel de exilio interior, aínda que mantivo algunha correspondencia cos galeguistas exiliados en América e estivo a piques de participar na monumental Historia de Galicia de Otero Pedrayo publicada en Buenos Aires.

Seguiu traballando como mestre en Soutolongo, ata que a enfermidade o obrigou a unha xubilación anticipada en 1964. Nos anos posteriores volveu facer algunhas colaboracións na prensa sobre persoeiros da historia local e reivindicativos das necesidades do concello. Foi Manuel quen pronunciou o panexírico de Ramón Mª Aller na misa de aniversario do seu falecemento en abril de 1967.

Pasou os últimos anos da súa vida en Madrid, cos coidados da súa filla, e alí morreu o 7 de xuño de 1974.

Manuel González é autor de máis dun centenar de artigos e colaboracións na prensa galega e da emigración. Escribiu sobre pedagoxía, historia, etnografía, socioloxía, política, … Os periódicos El Pueblo Gallego, Correo de Galicia, El Emigrado, Razón, Eco de Galicia, A Nosa Terra, El País, Cultura Gallega, Faro de Vigo ou La Voz de Galicia, tiveron a sinatura de “Soutolongo” nas súas páxinas.

Xesús Iglesias Surribas, infatigábel xornalista

Jesús Iglesias Surribas
Xesús Iglesias Surribas.

Hai anos viaxei á Habana seguindo a pista do que fora o xornalista máis importante da nosa comarca, Xesús Iglesias Surribas. Sabía que logo da súa experiencia na época republicana como director do periódico Razón, marchara novamente a Cuba e alí, xunto co silledense Adolfo Víctor Calveiro, creara a revista Cultura Gallega. Pero aí perdíase a súa pista. Retornaría despois? Marcharía de Cuba coa Revolución?

Na Habana entrevisteime con fillo e o neto de Máximo López Carral, o que fora o seu compañeiro nas angueiras do “Club Lalín”, quen retornara a Galicia e fundara con el o periódico agrarista Verdad y Justicia a principios dos anos vinte. Percorrín as rúas Amargura e Aguacate, onde tivera os seus obradoiros. Logrei atopar a que fora a súa última casa e falar con algúns dos veciños que aínda o recordaban, a el e á súa compañeira Josefina. Finalmente achegueime ao Cemiterio de Colón onde puiden localizar a súa partida de defunción:

Jesús Iglesias Surribas, natural de España, 84 años, viudo, hijo de Benito y Rosa, murió en el Hospital Emergencia de bronconeumonía el 5 de mayo de 1978.

Xesús naceu na parroquia de Anseán o 7 de marzo de 1891, era fillo de Benito Iglesias de Anseán e Rosa Surribas García de Cristimil. A súa irmá Elisa, catorce anos máis vella, casada con Manuel Fernández Villar, de Vilatuxe, levouno con ela cando marchou a Cuba en 1905. Con catorce anos, Xesús puido facer algúns estudos na Habana e deseguida empezou a traballar en varios oficios, ata que definitivamente se asentou como axudante nunha imprenta. Introduciuse na vida da colonia galega da Habana e fíxose socio de “Hijos del Partido de Lalín” na capital cubana, unha sociedade que se fundou en 1910 co propósito de auxiliar a súa homónima arxentina no obxectivo de construír un hospital-asilo en Lalín. Non obstante, e a diferenza dos bonaerenses, os cubanos xa tiñan claro desde o principio que, ademais da edificación do hospital, os fins da sociedade debían ser contribuír ao fomento do ensino e axudar ás sociedades agrarias na súa loita anticaciquil. Da man do seu amigo Máximo López Carral, en 1915 convértese en vicesecretario de Hijos de Lalín e ofrécese á sociedade para traballos de imprenta e proporcionar carteis e anuncios gratuítos. Durante a segunda metade dos anos dez, Iglesias pertenceu ás directivas de “Hijos de Lalín” ocupando diversos postos.

Porén, os seus obxectivos de fomentar o ensino e crear un periódico non se ven cumpridos con “Hijos de Lalín”, pois a maior parte dos seus membros tiñan como meta primordial a construción do hospital, que se prolonga no tempo. En 1920, xunto con outros emigrantes lalinenses, crean na pensión onde se reunían, a pensión de Avelina Presas, en Sol, o “Club Lalín “Amor y Progreso” Sociedad de Instrucción, Auxilio y Protección al Trabajo”. Xesús pertenceu á comisión redactora do Regulamento da sociedade e foi o primeiro vicesecretario da súa Xunta directiva cando se legalizou en xuño. Desde o “Club Lalín” impulsou a construción de escolas; ademais, formou parte do “Comité de Sociedades Gallegas de Instrucción de la Habana”.

O Club Lalín despide a Jesús Iglesias
O Club Lalín despide a Jesús Iglesias en 1921.

Ao ano seguinte, o 30 maio de 1921, embarca rumbo á Coruña no vapor Odriozola; como despedida, o “Club Lalín” ofrécelle un xantar na sala “La Tropical”. Parece que se instala en Prado, para darlle forma ao seu vello proxecto de edición dun periódico, ao mesmo tempo que colabora como correspondente na comarca de Eco de Galicia. Por fin, o 18 de abril de 1922 aparece o quincenal Verdad y Justicia, baixo a dirección de Máximo López, que tamén retornara de Cuba a principios do ano anterior para instalarse na súa parroquia de Moneixas e poñer alí unha escola na que impartía clases para adultos. Xesús aparece como administrador do periódico, pero terá que substituír a Máximo na dirección cando este decide marchar novamente a Cuba en setembro dese mesmo ano, logo da persecución do cura de Moneixas e de sufrir un atentado. Iglesias implícase tamén no movemento agrarista e trata de levar adiante Verdad y Justicia, que foi atacado polo clero local por masón e espiritista e mesmo chegou a ser prohibida a súa lectura polo bispo de Lugo a principios de 1923. Coa ditadura de Primo de Rivera, o periódico adopta unha actitude conciliadora co directorio na liña do agrarismo dezao, pero o conflito remata por estalar a finais de 1924 con motivo da elección da nova directiva da Sociedade de Gresande. Como consecuencia disto, os opositores a Cándido Soto foron denunciados e Surribas foi acusado de non ter feito o servizo militar, polo que tivo que fuxir precipitadamente a Cuba. O periódico cesou a súa publicación e, aínda que volveu saír meses despois con outra dirección, estaba xa tocado de morte e cesou definitivamente a principios de 1926. Por desgraza non se conserva ningún exemplar de Verdad y Justicia, o que impide que poidamos seguir esta etapa da historia local con maior detalle.

Xesús retoma o seu traballo de impresor na Habana e volve participar activamente nas sociedades de emigrantes dezás: vocal de “Hijos de Lalín” en 1926, vicepresidente en 1927, secretario de actas en 1929, vicepresidente en 1931… E no “Club Lalín”, do que será presidente en 1928 e secretario en 1930, é un dos impulsores da proposta de dotar coa cantidade de 1.000 pesetas para a creación e sostemento de casas-escola a todas as parroquias do Concello de Lalín. Grazas a esta doazón construíronse as escolas de Alemparte, Vilanova e Prado. Coa caída de Primo de Rivera, Surribas retoma o proxecto da edición de Verdad y Justicia, do que finalmente só aparece un número a finais de 1929, baixo a responsabilidade de Xesús Froiz. En 1933, xa en plena República, decide retornar a Galicia para crear un novo proxecto xornalístico: o periódico Razón, que verá a luz o 18 de xullo de 1933. Subtitulado Periódico independiente, e dirixido por Surribas, conta coa administración de Celso Carrón, que é tamén o impresor, e coa colaboración de Xesús Froiz. No editorial do primeiro número escribe Iglesias:

“Las peripecias que hemos encontrado a nuestro paso cuando estuvimos al frente de “Verdad y Justicia”, no fueron causa para amilanar nuestro camino; antes al contrario, ello nos sirvió de acicate para reunir todas nuestras energías y emprenderla directamente sin rebajas. Nuestro grito era de justicia y de razonamiento, era la protesta de la dignidad pública que se encarnaba en nosotros, que sosteníamos la campaña en defensa del deshonor y la procacidad de los traficantes de vendicta pública, que se transformó como un sol que va a purificar las burdas pestilencias con que quisieron mancharnos”.

Razón apoia o réxime republicano e a xestión municipal de Manuel Ferreiro, reclama a autonomía para Galicia, reivindica a continuidade das obras do ferrocarril, critica o tratado con Uruguai e móstrase favorable á creación de cooperativas agrarias. Está na liña do Partido Galeguista, ao que pertence Xesús Froiz e no que ingresan Celso Carrón e o propio Surribas o 20 de febreiro de 1934.

Esta nova aventura xornalística ten o seu final nese mesmo ano, logo das eleccións xerais de novembro que dan o triunfo á CEDA. Novamente, o ambiente vólvese irrespirable para Xesús e decide marchar outra vez á illa caribeña. Embarca en Vigo no transatlántico francés Mexique, o 25 de maio.

Jesús Iglesias na festa do Corpiño 1923
Jesús Iglesias con Celso Carrón e outros amigos na festa do Corpiño, 1923.

Ao pouco do seu retorno á Habana xa emprende un novo proxecto: convértese no administrador de Cultura Gallega, unha revista mensual ilustrada que apareceu o 5 abril de 1936 e mantívose até marzo de 1940. Dirixida polo silledense Adolfo Víctor Calveiro, e con Eladio Vázquez Ferro como subdirector, é unha das últimas publicacións galegas importantes de Cuba. Tirábase na imprenta de Xesús, na rúa Aguacate, 520. Surribas contribuíu xenerosamente cos seus cartos a superar períodos de graves dificultades. Nos seus obradoiros tamén se editou a revista Cultura Hispánica nos anos cincuenta, e algúns libros de exiliados galegos como Con los ojos del recuerdo. España de Ramón Fernández Mato.

Tampouco abandona a actividade societaria: foi elixido vicepresidente de propaganda da “Agrupación Artística Gallega”, presidente de “Hijos de Lalín” en 1939 e vogal da comisión patrocinadora da Conferencia de españoles por la Paz en Cuba en 1952.

Sabemos, pola efémera correspondencia que mantivo co seu sobriño Higinio Iglesias, que o 7 novembro de 1957 sufriu unha trombose, que lle impediu volver falar. Deixa todas as súas actividades e mesmo dáse de baixa na sociedade “Hijos de Lalín”; será a súa compañeira Josefina Ribut quen o coide. Logo do triunfo da Revolución, en xaneiro de 1959 a súa saúde empeora e teñen que amputarlle unha perna. Morre a súa compañeira Josefina e a súa filla Mª Joaquina Columga Ribut, que consideraba a Xesús como o seu padrasto, faise cargo del ata a súa morte en maio de 1978. Foi Mª Joaquina quen sufragou os gastos do enterro e o nicho no panteón da Sociedad Cangas de Onís, Parres y Amieva do cemiterio de Colón da Habana, onde foi soterrado.

Desgraciadamente, cando viaxei a Cuba, xa non puiden contactar con ela, pois marchara a Estados Unidos en 1980, no éxodo do Mariel. Instalouse en Miami e morreu en xuño 1998. Así pois, non puiden recuperar ningún documento do que había ser un dos mellores arquivos para reconstruír parte da historia da nosa comarca.

José Manuel Vázquez, o xornalista republicano de Bermés

Correspondente de El Pueblo Gallego e El País durante a República, foi un dos promotores da homenaxe ás vítimas da represión no Deza.

A casi cuatro décadas
Portada do seu libro.

José Manuel Vázquez Castro naceu en Cuba en 1914. Alí estaban emigrados os seus pais José María Vázquez Belay (José do Roque) e Estrella Castro Fernández. José Manuel é xa dende moi novo un rapaz apaixonado pola lectura e namorado dos libros. Nos anos vinte a familia regresa a Bermés e o seu pai, como moitos retornados cubanos imbuídos das ansias de emancipación e transformación social, intégrase no republicanismo lalinense. Foi un dos candidatos da lista encabezada por Manuel Ferreiro que gañou as eleccións de xuño de 1931. Elixido concelleiro, formou parte como vocal da Comisión de Instrución Pública. Con Antonio Jar integrouse da delegación lalinense na Asemblea Rexional de Concellos que aprobou o proxecto de Estatuto de Autonomía en decembro de 1932.

A finais de 1931 o noso protagonista, con só dezasete anos, convértese en correspondente do xornal El Pueblo Gallego en Bermés. A parroquia conta cun activo grupo de republicanos, entre os que destacan Francisco Asorey e o sindicalista José Fondevila. Desde as páxinas do periódico José Manuel Vázquez fai de portavoz das necesidades de Bermés: clama pola unión entre os veciños, o aproveitamento de montes e bosques, reivindica a construción da escola, a creación dunha biblioteca, o arranxo do cemiterio e a mellora das vías de comunicación. Polas crónicas sabemos tamén da súa febril actividade neses anos. Impartiu unha conferencia no Centro Republicano de Bermés co tema “A República base de progreso” en setembro de 1932. Organizou un concurso de beleza entre as mozas das parroquias da contorna, no que participaron 23 rapazas; o xurado proclamou “miss Deza” a Elena Iglesias, representante de Noceda. Animou a formación dunha nova banda de música baixo a dirección de Manuel Moure, que se chamou “El Porvenir”. Conseguiu finalmente a instalación da escola. Foi tamén nesta época cando se lle puxo o nome do matemático José Rodríguez González á estrada de Lalín a Cruces ao seu paso por Bermés. Vázquez foi obxecto dunha homenaxe en Sello organizada polo seu amigo Manuel Romero, que exercía alí de correspondente de El Pueblo Gallego.

Desde febreiro de 1936 José Manuel Vázquez volve exercer como correspondente en Bermés, nesta ocasión do xornal de Pontevedra El País, portavoz oficioso de Izquierda Republicana. As súas crónicas dan conta da manipulación exercida pola Igrexa nas eleccións de febreiro, da reposición da corporación democrática de Lalín e a festa posterior ou do pesar dos republicanos dezaos pola morte de Antón Vilar Ponte. Desde a páxinas do periódico pontevedrés volve reivindicar o arranxo da estrada Lalín-Cruces, a necesidade da educación e critica o fanatismo das aldeas auspiciado e incentivado polo clero.

Cando estala a sublevación fascista do 18 de xullo, e a pesar do seu recoñecido republicanismo, José Manuel síntese seguro pola súa condición de súbdito cubano. Pero a medida que os paseos, as detencións, os procesos e as execucións se van facendo cotiás, comeza a temer pola súa vida. Cando a principios de 1937 se estende o rumor de que os “cubanos” serían recrutados e irían a primeira liña, decide alistarse como voluntario na Brigada Flechas Negras, unha unidade mixta formada por mandos e persoal técnico italiano (procedentes do Corpo Truppe Volontaire, a forza enviada pola Italia fascista de Mussolini en apoio aos sublevados) e tropa española. Posteriormente a Brigada transformouse na División Flechas Negras e combateu na fronte Norte, logo na Batalla do Ebro e finalmente na campaña de Cataluña.

Ao rematar a Guerra volve a Bermés, sen que saibamos das súas actividades. En febreiro de 1947 casa con Amalia Fernández Sánchez, unha moza de Belelle que se criara en Bermés. Ao ano seguinte naceu a súa filla María Luz. Neses anos a vida no concello volvese asfixiante para os marcados polo estigma do republicanismo coa instalación en Lalín do Sector Interprovincial da Garda civil (a Brigadilla), un corpo especial dirixido polo comandante Manuel Montero, dedicado a persecución da guerrilla antifranquista que detén, interroga e tortura a calquera sospeitoso de non ser “adicto” ou colaborador do réxime. José Manuel decide marchar a Buenos Aires.

Na capital arxentina entra en contacto coa sociedade Unión del Partido de Lalín, que mantén viva entre os emigrados dezaos a loita contra a ditadura. Comeza a escribir nos periódicos antifranquistas bonaerenses unha serie de artigos relatando a represión na comarca de Deza. Especialmente significativo foi o titulado “La horrenda tragedia de Lalín”, aparecido en España Republicana no que denuncia como responsables do terror do 36 ao sarxento da Garda Civil Julio Rodríguez, ao alcalde Bernardo Madriñán e aos dirixentes falanxistas Jesús García, Amancio Moure e Mario Fernández. Tamén da conta da loita guerrilleira nos montes e aldeas da comarca, e fai análises da represión e da responsabilidade da Igrexa, nas colaboracións que publica no periódico Galicia (Órgano da Federación de Sociedades Gallegas) entre 1953 e 1954.

José Manuel Vázquez, xunto con outros lalinense exiliados a finais dos anos 40, que se integran na Sociedade Unión del Partido de Lalín, José Ferreiro, Francisco Blanco Barreiro e Jaime Agra Blanco, propóñenlle en 1951 á directiva da Sociedade a idea de facer un recoñecemento público aos mártires republicanos. En agosto do ano seguinte a Asemblea xeral da UPL acorda tributar unha homenaxe ás vítimas da represión facendo unha placa que os recorde. José Manuel Vázquez forma parte de comisión encargada de elaborar a lista e unha vez rematado o traballo en xullo de 1953, fíxase a data da inauguración para o 14 de abril de 1954, aniversario da República. A placa instálase nos locais da Federación de Sociedades Galegas e Vázquez é o encargado de escribir o discurso que le o presidente da UPL Bernardino Dobarro no acto oficial.

José Manuel Vázquez continúa coas súas colaboracións na prensa antifranquiata e tamén nalgúns xornais arxentinos, como Clarín. En 1973, ante os síntomas evidentes de descomposición da ditadura, publica un folleto que recolle unha recompilación dos seus artigos dos anos 50, co título A casi cuatro décadas del martirio de Galicia: 1936-1973, dirixido ás novas xeracións, para que non se esqueza ás vítimas da represión. O libriño foi enviado clandestinamente a familiares dos represaliados de Lalín.

Vázquez finou en Buenos Aires o 4 de outubro de 1997 quizais pensando como en 1932: “Tenemos por desgracia en nuestra tierra una combinación de política que no favorece en nada nuestras aspiraciones.”

Homenaxe aos emigrados: A festa do Candán

Pelegrinaxe ao Candán

“Só nunha áspera alusión do xenio pondaliano ou nas volutas acendidas dun crescendo de Wagner se podería atopar certa traducción á grandiosidade desta paisaxe, dirixida máis á fantasía que á comprensión; esta cima magnífica desde a que os pobos e aldeas son breves anotacións cromáticas tocadas a penas co pincel; os camiños fibriñas nerviosas sensibilizando a carnación telúrica; os regatos lonxas de luz tremendo entre os verdes; os rabaños partículas de pulverización e onde o home só ten que aferrarse á continuidade da súa conciencia para non perderse a si mesmo.” Así comezaba Blanco Amor a crónica do acto.

O 15 de agosto de 1933 celebrouse na cima do monte Candán unha festa pagá, un acto de culto á montaña e de exaltación de Galicia, con motivo do XXV aniversario da Sociedade “Hijos de Silleda” en Bos Aires. A Sociedade constitúese en 1908 co obxectivo de fomentar a instrución entre os veciños do Concello (“Haced que vuestros hijos sobrepasen / el triste nivel en que nacieron” rezaban uns versos do seu himno). Froito desta preocupación foi a creación de tres centros laicos de ensino primario, que contribuíron a labrar unha nova conciencia cidadá: a escola Rosalía de Castro en Freixeiro, parroquia de Laro, inaugurada en 1917; a escola Bernardino Rivadavia en Penadauga (Escuadro) e a escola Francisco Giner de los Ríos no Marco (Siador), creada a principios dos anos vinte. Tamén foi a Sociedade “Hijos de Silleda” a que promoveu a Federación de Sociedades Galegas da Arxentina, que agrupaba as Sociedades de emigrados de toda Galicia e foi o principal factor do envío da delegación constituída polo silledense Antón Alonso Ríos, Suárez Picallo e Julio Sigüenza que tiveron unha importante participación na xeración dunha política nacional e na organización do agro e na prensa, chegando Alonso Ríos e Suárez Picallo a deputados na República.

Nos días previos a prensa galega da noticias da convocatoria, e o periódico lalinense Razón publica o programa e anima a asistir á festa.

O acto de homenaxe, organizado pola Corporación Municipal, a delegación de “Hijos de Silleda” e as Sociedades agrarias do Concello, celebrase no monte Candán por ser das parroquias de Parada e Laro, ao pe do monte, os emigrantes que fundaron e deron impulso á Sociedade e pola situación do mesmo, desde o que se domina unha boa parte de Galicia, querendo así significar que as arelas dos emigrantes non eran só de melloras locais, senón para toda a nación.

Congregouse na cima do monte unha grande concorrencia de veciños (uns seiscentos) dos concellos de Silleda, Lalín, Forcarei e Cerdedo. Logo do xantar, as cinco da tarde, ten lugar a sesión pública do Concello de Silleda dedicada á Sociedade “Hijos de Silleda”.

Á sombra dunha enorme peneda no máis alto da montaña, a Corporación municipal reúnese, sentados o alcalde Emilio Alonso Paz, o secretario Francisco Pichel, e os concelleiros sobre as carpazas e formando marco derredor a multitude de pe ou sentada nas penas. Abre o acto o alcalde, explicando que o motivo do mesmo é enviar unha mensaxe cordial e efusiva aos emigrantes, e cede a presidencia ao concelleiro Victoriano Souto Alvarez (que fora fundador e primeiro presidente da Sociedade “Hijos de Silleda”) en medio dos aplausos da concorrencia. O concelleiro fai un discurso reseñando a orixe modesta e a gran obra da Sociedade, facendo votos porque o Concello de Silleda siga administrado por cidadáns honrados e celosos da xustiza como a Corporación que alí está presente. A continuación intervén Antón Alonso Ríos como Delegado especial da Sociedade, que da as gracias pola demostración de simpatía e irmandade ao Concello e expresa o agradecemento dos socios de “Hijos de Silleda” que contribuíron a levantar as escolas por ver que o seu esforzo queda recoñecido.

A continuación o Alcalde Emilio Alonso pide ao Secretario que de conta da xestión municipal para que esta sexa coñecida polos emigrados. Enumera este os principais logros da Corporación republicana: superávit no presuposto, baixa do imposto de Consumo, creación de 18 escolas, dunha Biblioteca municipal, construción e reparación de pontes e fontes, adquisición de sementais e sementes, alcatranado para Silleda, Chapa e Laro, cemiterio en Laro, constitución dunha bolsa de traballo e rexistro de colocación e paro obreiro.

Con vivas á Sociedade e aos emigrados, o alcalde pecha a sesión, ordenando se envíe unha copia da acta a Sociedade en Bos Aires.

Ten lugar despois o mitin político para exaltar a liberdade, a personalidade nacional e a vontade de Galicia de ser dona dos seus destinos, empezando pola aprobación do Estatuto e o establecemento de ampla e efectiva autonomía. Aínda que estaba previsto, non puideron asistir nin Ramón Otero Pedrayo nin Vicente Risco. Os que si o fixeron foron Ramón de Valenzuela, que entoa un canto á mocidade cheo de exaltación e de acendido amor a Galicia rematando cun “¡Viva Galiza ceibe!”.

Suárez Picallo saúda aos emigrados que contribuíron coas súas ideas, o seu alento e os seus recursos, a que a súa terra oprimida, espremida e escravizada no corpo e no espírito, cortada na metade do curso da súa historia, desviada dos seus naturais designios e sufocada no seu impulso creador da propia cultura pola imposición brutal e imperialista do centralismo castelán, rache as cadeas que a atan, sacuda as tutelas que a aniquilan e envilecen e xurda un día aureolada de gloria no concerto dos pobos libres.

Intervén despois Blanco Amor que fai unha invocación á Poesía galega, falando da necesidade dos poetas: “A patria non a fan nin os heroes nin os guerreiros; a patria créana os poetas. Un pobo que non ten poetas, ou que non sabe escoitar a súa palabra, é un pobo estéril condenado á eterna servidume espiritual. Galicia vive e triunfará da opresión e de todo intento asimilista, Galicia salvarase porque ten poetas e o noso pobo sabe escoitar”.

Pecha o acto Antón Alonso Ríos cunha afirmación da vontade de Galicia, e nun ton profético, sinala os camiños da terra, por onde di que se esparexerá o sangue de todos se é necesario. Remata con estas palabras: “Nos, desde o alto desta montaña, nunha soa voz, como un so home, proclamamos a vontade, a firme e inquebrantable vontade de Galicia de ser libre”.

Pedímoslle outra vez as palabras a Blanco Amor para resumir esta homenaxe: “Tal vez o acto mais grandioso e memorable de todos cantos se fixeron para exaltar Galicia. A Sociedade “Hijos de Silleda” merecíao dende fai moito tempo. Aos 25 anos de labor continuada e sen desmaio, eu só teño unha palabra para animarnos mutuamente no camiño emprendido: ¡Adiante!”.

Manuel Igrexas

O edificio que nunca foi hospital

 

Hospitalillo
O edificio do Hospitalillo en 1955.

O 7 de agosto de 1909, un grupo de emigrados da comarca de Deza funda en Bos Aires a Sociedade Hijos del Partido de Lalín, “con el fin de allegar fondos para la construcción de un Hospital en la villa de Lalín”.

O obxectivo inicial (a creación dun sanatorio rexido por relixiosas), irase matizando ao longo do tempo. Xa nos primeiros anos se fala de que estas relixiosas deben ocuparse tamén de “enseñar las primeras letras a los niños pobres”.

Así, o primitivo proxecto pasa a ser Escola-Hospital. E aínda se lle fan máis cambios cando xurde a idea de destinalo tamén a Asilo para os nenos orfos. Remata denominándose Escuela-Hospital-Asilo.

Desde que se funda a sociedade, empeza a recollida de fondos para poñer en marcha o proxecto. Solicítase axuda aos emigrados dezaos de Cuba e Uruguai. Mercase o terreo e encárganse uns planos para o futuro edificio. Son estes que hoxe se publican (hai que advertir que estes planos xa foran dados a coñecer no traballo que Xosé M. Malheiro dedicou as Escolas de americanos no Deza).

O proceso é complexo, debido a distancia, os americanos vense na obriga de nomear unha Sub-comisión da Sociedade en Lalín para que sexa esta a que leve a execución das obras. O Presidente desta Sub-comisión é o Rexistrador da propiedade Ramiro Goyanes Crespo, sobre o que descansa a responsabilidade directa da obra.

Empeza a construción do edificio en 1916, pero os planos iniciais vanse modificando, reducíndose o proxectado inmoble a outro moito máis pequeno, que foi o que finalmente se construíu.

Inaugurase o edificio, despois de múltiples problemas, en 1921, pero non empeza a funcionar e só o fai como centro sanitario (en realidade unha simple sala de primeiros auxilios atendida por un médico) durante un breve período en 1923.

Hernán Poza Juncal 1933
Hernán Poza Juncal, director da Escola-Hospital-Asilo.

O 1 de setembro de 1924 inaugurase oficialmente a escola da Sociedade Hijos del Partido de Lalín baixo a dirección de Hernán Poza Juncal. As aulas son impartidas por dous mestres, o propio Poza Juncal e Braulio Brandido (que acabará renunciando por “incompatibilidade”), acolle a uns trinta alumnos da vila e non precisamente dos máis humildes, e ademais algúns deles pagan unha pequena cantidade.

Con estas características, non é de estrañar que reciba fortes críticas da outra sociedade lalinense en Bos Aires, a Unión del Partido de Lalín que lle atribúe falta de programa e cualifícaa de escola para “los señoritos de la villa” acusando a Hijos de Lalín de non prestar a súa axuda alí onde mais falta fai, nas aldeas.

No curso 1926/27 ponse en marcha unha campaña para crear unha “Biblioteca Escolar circulante” para a que se piden doazóns a institucións e particulares. Esta campaña foi moi ben acollida e conseguiuse crear unha biblioteca bastante ben dotada. Pero parece que a escola ten problemas coas autoridades da Ditadura de Primo de Rivera, que ordenan a clausura en agosto de 1927, e aínda que volve abrir o 20 de setembro, a Biblioteca permanece pechada ata 1929.

En 1928 iniciase unha campaña na vila que ten moita repercusión na prensa da época, reclamando para Lalín un Instituto de Bacharelato, solicitándose dos emigrantes que cedan o edificio do Hospitalillo para instalalo alí. Participan na campaña José Mª Calviño, o correspondente de El Pueblo Gallego, Xesús Golmar e incluso o propio Ramón Otero Pedrayo escribe un artigo para apoiar as reivindicacións dos lalinenses. A visita de Antonio Troitiño, Presidente de Hijos de Lalín, en marzo de 1929 para coñecer in situ a situación, leva a que ao seu regreso á Arxentina, nunha asemblea da Sociedade celebrada en xuño, se decida a cesión do edificio para Instituto de segunda ensinanza. Previamente o Concello acordara sufragar os gastos de conservación do edificio e os do persoal non docente.

O proxecto non chega a realizarse polos cambios de goberno da fin da Ditadura, pero a Escola do Hospitalillo remata a súa actividade.

Durante a República, o Alcalde Manuel Ferreiro tenta de novo poñer en marcha o Instituto, e mesmo se chegan a convocar dúas prazas de profesores dende o Concello, pero aínda que oficialmente se concede en 1933, o cambio de goberno de novembro impide outra vez que se materialice. O edificio do Hospitalillo utilizouse como local para mitins e reunións políticas: alí celebrou a súa Asemblea Xeral o Partido Republicano Gallego en setembro de 1933, a homenaxe a Ferreiro en febreiro do 34, o primeiro mitin de Castelao logo do seu exilio en Estremadura en setembro de 1935, o de Casares Quiroga en decembro do mesmo ano, e outros moitos. Tamén acolleu un dos cuartos do edificio o estudio de Laxeiro logo da súa volta de Madrid como pensionado en 1933.

Ao producirse o levantamento fascista do 18 de xullo, Falange incauta o edificio e convérteo no seu Cuartel. Foi usado tamén como cadea ante a incapacidade da Prisión do Concello para o grande número de detidos que se produciu despois da sublevación.

En 1939 Ramón Aller obtivo permiso da Asociación Hijos de Lalín para instalar o “Colegio Sagrado Corazón” que funcionou alí ata 1952.

O 1 de agosto de 1952 firmase un convenio entre os representantes de Hijos de Lalín e o Alcalde Alfonso Garra polo que a Sociedade cede solar e edificio ao Estado para construír un Instituto Laboral de segunda ensinanza. Como consecuencia derrubase o inmoble para construír un novo edificio.

En 1959 inaugurase o Instituto Laboral.

Manuel Igrexas