90 anos da República de Laxeiro

Hai 90 anos proclamábase a Segunda República en España. Caía a monarquía e instaurábase un novo réxime que traía liberdade e xustiza logo do caciquismo e a corrupción que representaba a monarquía borbónica. Manuel Ferreiro, que se fixo cargo do concello como novo alcalde republicano de Lalín dous días despois, comezou a desenvolver os ideais republicanos: democratización das administración municipal, preocupación polo ensino coa promoción de escolas e o impulso dun instituto de segunda ensinanza, extensión da cultura, atención ás infraestruturas rurais (camiños e fontes) e apoio ás reivindicacións dos obreiros da liña férrea en construción  Ourense-Santiago.

Para simbolizar este cambio en Lalín, encargoulle ao seu amigo Laxeiro unha alegoría da República para presidir o salón de sesións do Concello. Laxeiro pintou o cadro segundo os patróns clásicos: unha moza tocada cun gorro frixio e vestida cunha túnica branca que deixa un peito ao descuberto, na man dereita porta a bandeira tricolor e na esquerda sostén unha balanza, símbolo da xustiza; detrás o león, como símbolo de vixilancia e de combatividade e ao fondo un labrego arando e varias chemineas de fábrica en referencia ás actividades económicas como vehículo de progreso; o pintor engadiulle o escudo do concello.

Dende o verán de 1931 a imaxe estivo pendurada no salón do vello concello durante toda a etapa republicana. A pintura seguiu alí cando Ferreiro foi destituído polo gobernador civil en agosto de 1934 e substituído polo militante do Partido Radical Ricardo López, que deixou a alcaldía a Domingo Pablo Palmaz a principios de xaneiro de 1936. Co triunfo do Frente Popular nas eleccións de febreiro, Ferreiro volveu ocupar a alcaldía por un mes, para ser substituído por Xesús Golmar en abril de 1936.

Esta pequena fiestra de esperanza que significou o período republicano rematou co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 que significou a destrución dos ideais de democracia e benestar. Representando a barbarie, poucos días despois do golpe, os falanxistas entraron no Concello e apoderáronse dos símbolos republicanos para queimalos nunha fogueira, entre eles o cadro de Laxeiro. Un dos participantes, o que despois foi alcalde franquista, Alfonso Garra, consciente do valor da pintura, salvouna da fogueira e gardouna na súa casa onde permanece durante a ditadura e unha boa parte do actual réxime.

Ata que en 1988 a Asociación Cultural o Naranxo iniciou unha campaña para solicitar dos herdeiros de Alfonso Garra a devolución do cadro ao seu lexítimo propietario, o Concello de Lalín.

O asalto guerrilleiro da Saborida

O 14 de outubro de 1946 un grupo volante da IV Agrupación do Exército Guerrilleiro de Galicia asaltou na Saborida (Vilatuxe) oito ómnibus que se dirixían á feira da Bandeira obtendo un botín de máis de 150.000 pesetas.

Todos os anos, na feira dos Carballiños, os veciños e veciñas de Vilatuxe fan unha recreación do asalto a un autobús por un grupo de atracadores, un episodio perdido no tempo que deixou pegada na memoria da veciñanza. Este é o relato do que aconteceu a partir das fontes históricas.

curva da Saborida onde se produciu o asalto
curva da Saborida onde se produciu o asalto

Cando ás nove da mañá daquel 14 de outubro Secundino Muñoz, o condutor do autobús que levaba á feira da Bandeira a tratantes e feirantes de Dacón, colleu a curva da estrada do Carballiño a Silleda, a pouco menos dun quilómetro do lugar da Saborida, na parroquia de Vilatuxe, non imaxinaba o que lle agardaba á saída. No medio da estrada, un home con pasamontañas armado cun subfusil  deulle o alto berrándolle “¡Manos arriba, o si no disparamos!” e obrigouno a deter o ómnibus. Outros dous vehículos estaban xa parados á beira da estrada. Tres dos asaltantes subiron ao autobús e obrigaron a punta de pistola aos ocupantes a depositar todo o diñeiro que levaban nunha saca, rexistrando aos que non o fixeron. Ao rematar, obrigaron a baixar a todos os pasaxeiros e conducíronos a unha carballeira próxima onde xa estaban os viaxeiros dos outros dous vehículos, custodiados por tres guerrilleiros, obrigándoos a permanecer de costas a estrada e ameazándoos con dispararlles se se movían. Mentres, un dos asaltantes arrincou os cables do motor e tirounos lonxe para impedir que o coche puidese poñerse en marcha sen darlles tempo a fuxir. Cinco ómnibus máis procedentes de Dacón, O Carballiño e Ribadavia pasaron por un proceso semellante. Unha vez rematado o asalto ao último dos vehículos, os guerrilleiros fuxiron en dirección a Moa e Zobra.

un dos ómnibus asaltados
un dos ómnibus asaltados

A noticia chegou a Lalín cara as dez e media da mañá. Un automóbil de Vilatuxe que se dirixía a Rodeiro avisou do atraco no posto da Garda civil. Inmediatamente o capitán Santos Álvarez, comandante do posto de Lalín, ordenou montar un operativo e avisou vía telefónica ao posto de Silleda e outros limítrofes. Con toda a forza dispoñible saíu para o lugar do atraco. Os ómnibus asaltados xa lograran poñerse en marcha cara A Bandeira. O capitán interrogou aos veciños e indagou cara onde se dirixiran os guerrilleiros. Distribuíu aos gardas en distintas direccións recorrendo os montes e as aldeas da contorna. Estableceu controis en varios puntos da serra de Candán para tratar de cortarlles a retirada, pero resultaron infrutuosos, pois os asaltantes xa estaban lonxe. Agardou en Vilatuxe o regreso dos autobuses da feira da Bandeira e cara as cinco da tarde interrogou a Secundino Muñoz e outros condutores e feirantes. Das pescudas obtivo só vagas e imprecisas descricións dos guerrilleiros: sete homes armados, dous con arma longa e o resto con pistolas metralladoras, todos con bombas de man, dous deles cubertos con pasamontañas, con aspecto de non ser labregos, ben vestidos, con botas altas, pantalóns de coiro brich, gabardinas, todos falando en castelán excepto un que falaba galego con acento das Rías Baixas. Era este a quen os seus compañeiros chamaban “jefe”.

Pouco máis puido engadir o capitán Álvarez no seu informe. Só que ía continuar coas pescudas para tratar de localizar aos asaltantes e investigar se tiveran apoio por parte da veciñanza das localidades próximas.

Dous días despois, un grupo de trece gardas civís da comandancia de Ourense especializado na persecución de guerrilleiros, comandado polo cabo primeiro Juan González García-Martínez, achegouse ao lugar da Ermida da parroquia de Lebozán, a casa dos irmáns López González que sospeitaban puido servir de refuxio ao guerrilleiros. Interrogaron aos moradores e realizaron un exhaustivo rexistro. Os irmáns Ramón e Jesús manifestaron que non sabía nada dos asaltantes, pero Dorinda González, a criada da casa, declarou que o día 13 deulle de comer a cinco descoñecidos armados que apareceron polo casal. Como resultado do rexistro, a garda civil atopou unha pistola, unha escopeta e un revólver, 7.958 pesetas e seis pilas de lanterna de tipo tubular grande descargadas. Como os donos da vivenda non puideron xustificar a procedencia de armas e diñeiro, a garda civil detivo aos irmáns Ramón e Jesús López González e á criada da casa Dorinda González Crespo, que ingresaron na Cadea Provincial de Ourense esa mesma tarde.

Con estas detencións remata o atestado da garda civil sobre o asalto. Non houbo máis detidos e a Garda civil nunca logrou identificar os asaltantes.

Manuel Simón Campos Xanote
Manuel Simón Campos “Xanote”

O investigador da guerrilla antifranquista Xoán Carlos Abad sinala que os guerrilleiros que participaron no asalto puideron ser os membros do grupo volante da IV Agrupación do Exército Guerrilleiro de Galicia comandado por Manuel Simón Campos “Xanote”, que tiña como lugartenente a Avelino Otero Montes “Avelino”, e do que formaban parte Basilio Calvar Solla “O roxo de Domaio”, Agustín Álvarez Araujo “Tito” e Claudio Rodríguez Vázquez “Penis”. O grupo, que actuaba na comarca de Vigo, desprazouse a Deza no verán de 1946, onde contactou cos fuxidos Miguel Nicolás Esperante “Corcheiro” e o seu cuñado Eugenio Rueda Perosanz. Corcheiro e Rueda xa se mostraran activos dende os primeiros meses dese ano repartindo panfletos contra o réxime de Franco entre antigos republicanos. Coa súa incorporación completouse o grupo de sete homes que atracou a un falanxista de Az (Rodeiro) en setembro, conseguindo máis de dez mil pesetas, e o asalto aos feirantes na Saborida do que vimos falando. Como a guerrilla antifranquista carecía de apoios no exterior, para sobrevivir e mercar armamento, tiñan que recorrer a estes golpes económicos, que normalmente executaban contra persoas afíns ao réxime franquista.

Miguel Nicolás Corcheiro
Miguel Nicolás “Corcheiro”

Despois do asalto, Miguel Nicolás e Eugenio Rueda incorporáronse ao destacamento comandado por Manuel Simón que seguiu actuando na zona de Vigo. Cando o xefe do grupo e o seu lugartenente Avelino Otero foron abatidos nun enfrontamento coa garda civil preto de Lavadores o 21 de maio de 1947, volveron a Deza para integrarse na V Agrupación do Exército Guerrilleiro baixo o mando de Foucellas. Miguel morreu o 9 de abril de 1948 no asalto a casa de Rivas en Siador e o seu cuñado Eugenio foi detido e executado coa aplicación da lei de fugas en Ombre (Pontedeume) o 16 de agosto dese ano. O resto dos integrantes do comando que protagonizou o asalto da Saborida, Basilio Calvar, Agustín Álvarez e Claudio Rodríguez, dispersáronse logo da morte de “Xanote” e “Avelino” e alí se perde o seu rastro.