García Durán nas minas de Fontao

Juan García Durán Silleda 1944
Juan García Durán na mina. Fontao, 1944.

Juan García Durán foi o nome que tivo que adoptar na clandestinidade Luís Costa García, un sindicalista anarquista de Vilagarcía que pasou varias veces polas prisións franquistas e que logrou evadirse de case todas (polo que era coñecido como El Fugas). Exiliado en Francia e posteriormente en Australia, onde escribiu a súa autobiografía Por la libertad: Cómo se lucha en España, pasou despois a Montevideo, e logo aos Estados Unidos onde foi asesor de Historia Moderna e contemporánea de España na Biblioteca do Congreso. Volveu a Francia, licenciouse e doutorouse en Historia na Universidade da Sorbona coa tese Guerre civile espagnole 1936-1939. Interventions etrangères sur mer, converténdose nun dos mellores especialistas na Guerra civil.

Detido en 1936 e condenado a morte, foille conmutada a pena e permaneceu en prisión sete anos. Estivo na cadea da Coruña e logo foi trasladado ao penal de Alcalá de Henares. Saíu en liberdade vixiada en maio de 1943, e regresou á Coruña participando na reorganización da Confederación Rexional Galaica da CNT na clandestinidade. A policía detectou as súas actividades e efectuou redadas e detencións. Consciente do perigo que corría, a mediados de 1944 decidiu agacharse nas minas de wolfram de Fontao, onde o PSOE tiña artellada organización clandestina. A organización socialista estaba composta fundamentalmente de mineiros asturianos, cos que tiñan contacto algúns militantes socialistas de Compostela, entre eles Raimundo García Domínguez “Borobó”.

Recupero o fragmento das súas memorias, Pola liberdade. A loita antifranquista de Luís Costa, no que dá conta da súa breve estadía nas minas de Fontao nese ano de 1944.

Unha actividade crecente e sistemática empezou a inquedar á policía, que comezou a facer redadas en diversas localidades. A miña situación facíase cada día máis difícil. Por fin, decidiuse que debía marchar ás minas de volframio e estaño de Silleda.

Mediante unha carta de presentación para un socialista da dirección, fun empregado como vixilante. A miña misión consistía en vixiar os traballadores para que non lles vendesen o volframio a compradores privados, senón á empresa que os autorizaba a traballar no couto mineiro con esta condición. Como a empresa non adoitaba pagar máis do vinte por cento do valor no mercado negro, ademais dunha cota gratis, a xente utilizaba todos os medios imaxinarios para vendelo de estraperlo. O seu prezo, que oscilaba segundo a marcha da guerra, por ser o volframio materia indispensábel para a fundición de canóns, blindaxes e material resistente, chegou a duascentas pesetas o quilo e ao corte dos Pireneos descendeu a sete. Isto permitía unha tal abundancia de cartos que nalgúns quilómetros arredor sentíase un nun medio artificial que facía pensar que Jauja era unha realidade. Aínda que a miña misión non resultaba difícil, porque adoitaba facerme o cego para evitar contrariedades, desagradábame que me tomasen por parvo e que, por falta de tacto, me indispuxese contra eles.

Un día, ao observar unha precipitada manobra, vin que o que a executaba ría ironicamente ao chamarlle a atención un compañeiro para que fose máis prudente. Como con aquel sorriso quería indicar que eu era un estúpido quiteille unha bolsiña duns dez quilos. Inmediatamente ofreceume cincuenta pesos para que lla devolvese.

-Hai un momento tomoume vostede por parvo -respondinlle-; agora creme un mesquiño traficante. Como o aprender na vida nos resulta sempre caro, quero que non esqueza facilmente esta lección. Vaia vostede mesmo levar a bolsa á oficina.

Entrar nunha mina por primeira vez resulta impresionante; pero se, ademais, esta non ofrece ningunha seguridade, o medo a un desprendemento enléase ás pernas como unha corda e non nos permite camiñar. Como ía só, retrocedín ós corenta metros sen ter que avergoñarme do pánico.

Cando entrei de novo acompañado doutro vixilante, as sombras, animadas pola luz do candil, parecíanme tan estrañas como o eco que producían ao caer as pingueiras de auga.

A tal punto se exalta a imaxinación ao penetrar no corazón da terra, que un se sente ladrón ou fantasma que fose roubar ou descubrir os seus tesouros.

As pingueiras, co seu ritmo de reloxo, soan a eternidade.

[…] Xa na galería de saída un ruído de estrépito e uns berros fixéronme volver, correndo, cara ao lugar de onde procedían. Un home viña correndo como tolo, con manchas de sangue na cara e na súa camisa.

Un desprendemento de pedras e terra alcanzara un grupo de sete que, por traballar por contrato e para gañar máis tempo, non apontoaran debidamente.

Á luz dun só candil que quedara aceso e mais do meu, aquela morea de pedras e sombras que se movían a berros producían unha impresión estarrecedora. Dous non podían moverse e tres trataban de retirar unhas pedras que esmagaban ao xefe do grupo. O medo a un novo desprendemento non impedía que axudásemos a aqueles pobres homes, pero facía que nos movésemos con rapidez nerviosa.

Cando lograramos levar o primeiro a un sitio máis seguro empezaron a chegar outros mineiros. Sacamos os tres ao exterior no momento en que chegaban as padiolas. Trasladámolos á enfermería, pero o médico ía en Santiago e o practicante en Silleda. Quixemos levalos a Santiago, pero o enxeñeiro opúxose dicindo que primeiro tiña que velos o médico da empresa e que o ía telefonar.

Fixen o parte á dirección, que entreguei en seguida. Eran as dez da mañá. Pero á unha da tarde aínda non chegara o médico. Á unha e media morreu o xefe de grupo, que non aparentaba gravidade, pero a quen, sen dúbida, o golpe das pedras debeu producirlle hemorraxia interna. Os outros dous que tiñan, un unha perna e tres dedos dunha man rompidos, e o outro unha clavícula rompida e esgazaduras no ombro, empezaron a berrar como se a dor os atormentase de repente. A morte do seu compañeiro déralles a medida da súa gravidade e a impaciencia da espera empezaba a enlouquecelos.

Despois de insistir tres veces co enxeñeiro decidiuse, por fin, levalos no seu coche a Santiago.

Pola noite chamáronme ás oficinas onde moi amabelmente, despois de felicitarme pola miña actuación, me rogaron que rectificase o parte, poñendo as dúas da tarde:

-Síntoo, pero non quero facer nada que poida comprometerme diante da lei.

-Non se preocupe vostede, non se compromete en nada. Nós arranxarémolo todo. Isto non ten importancia; só é para efectos do seguro.

-Se non ten importancia non vexo por que modificar a hora, e se a ten, non debo facelo. ¿Algo máis?

Ao acabar o mes despedíronme. Como o perigo pasara, volvín á Coruña.

Vítimas da represión franquista en Silleda

atila-en-galicia

Este é o listado (seguramente incompleto) dos mortos pola represión franquista do concello de Silleda, ordenados pola data do seu falecemento:

José Rilo Buján (Ansemil, 1893), militante do PG, asasinado e mutilado no monte Candán o 16 de agosto de 1936.

Luis Muiños Lorenzo (O Castro, 1898), capataz no ferrocarril, paseado en Casas do Monte o 29 de agosto de 1936.

José Fares Fidalgo (Carboeiro, 1894), Secretario do Sindicato Mineiro de Fontao, detido en Pontevedra, aplícanlle a lei de fugas o 5 de setembro de 1936.

Ramón Muiños Lorenzo (O Castro, 1902), presidente da Unión Obrera de Ponte, detido na prisión de Silleda, paseado na Estrada o 9 de setembro de 1936.

Arturo Pérez Lázara (Arxentina, 1910), Secretario de Unión Obrera de Ponte, condenado á pena de morte e fusilado o 21 de outubro de 1936.

Emilio Alonso Paz (Siador, 1878), Alcalde de Silleda, militante de Izquierda Republicana, xulgado e condenado á pena de morte en Consello de guerra, fusilado en Pontevedra o 16 de marzo de 1937.

Víctor José Bugallo (Negreiros, 1904), zapateiro residente en Pontevedra, condenado á pena de morte e fusilado o 11 de maio de 1937.

Constantino Conde Penido (Mánduas, 1908), obreiro, vocal de Izquierda Republicana pola Bandeira, condenado á pena de morte e fusilado o 30 de xuño de 1937.

Antonio Vázquez García (Melide, 1911), veciño de Siador, condenado á pena de morte e fusilado o 30 de xuño de 1937.

Víctor Fráiz Villanueva (Mánduas, 1887), mestre e líder da FTE-UGT, condenado á pena de morte e fusilado o 14 de setembro de 1937.

Antonio Costoyas Ares (Negreiros, 1905), Tesoureiro de Unión Obrera de Ponte e concelleiro, condenado a prisión perpetua, morto na fuga da Prisión de Pamplona o 22 de maio de 1938.

Antonio Valladares González (Mánduas, 1919), empregado, condenado a cadea perpetua, mátano na fuga da Prisión de Pamplona o 22 de maio de 1938.

Manuel Noya Gómez (Brántega-Agolada, 1896), veciño de Silleda, xulgado e condenado a 20 anos. Morre na Illa de San Simón o 24 de novembro de 1938.

Manuel Villamayor Lázara (Fiestras, 1911), canteiro, preso en San Simón. Morre na Illa de San Simón cara a 1939.

José Natividad Serpa Araque (Venezuela, 1909), cuñado de José Fares, vive con el en Carboeiro. Obreiro das minas de Fontao, condenado a cadea perpetua, morre na Prisión de Pamplona o 24 de xullo de 1940.

Francisco Pardo Gómez (Novela-Santiso, 1893), veciño de Moalde, morre na prisión.

Miguel Nicolás Esperante (Rianxo, 1915), veciño de Chapa, preso en Silleda, San Simón e Madrid, pasa varios anos en batallóns de traballo, bótase ao monte, líder guerrilleiro, morre nun enfrontamento o 9 de marzo de 1948.

Eugenio Rueda Perosanz (Oviedo, 1915), preso que redime pena nas Minas de Fontao. Logo da súa posta en liberdade casa con Laura Nicolás e incorpórase ao grupo guerrilleiro Os Corcheiros comandado polo seu cuñado Miguel Nicolás. Foi executado en Ombre (Pontedeume) o 16 de agosto de 1948.

A familia do Siñor Afranio

Antón Alonso Ríos
Antón Alonso Ríos.

A historia de Antón Alonso Ríos como derradeiro presidente do Consello de Galiza, aquela institución creada por Castelao que representaba nos anos 70 o goberno lexítimo do noso país no exilio, non é aínda hoxe moi coñecida. Cando se restaurou a democracia en España, logo da morte de Franco, desde Catalunya e Euskadi reclamouse o retorno dos seus presidentes no exilio, os cales exerceron despois de presidentes das respectivas preautonomías, pois eran os depositarios da lexitimidade democrática da República. Non obstante, no caso de Alonso Ríos ninguén desde Galicia solicitou a volta á Terra de quen estaba chamado a ser o primeiro presidente da Autonomía galega. Antón morreu en Arxentina a finais de outubro de 1980, con 93 anos e canso de vivir.

O Siñor Afranio
O Siñor Afranio.

Alonso Ríos protagonizou unha das peripecias máis extraordinarias da Guerra Civil: el era deputado agrarista elixido na candidatura da Fronte Popular cando se soubo da sublevación fascista do 18 de xullo. Por aquel entón estaba en Tomiño, onde organizou o comité de defensa da República e dirixiu a resistencia contra o exército en Tui. Logo de tres días de loita, os republicanos desistiron ante a superioridade dos sublevados e Antón, xunto aos outros dirixentes, tivo que acocharse. Os sublevados iniciaron a súa persecución e o mesmo cacique de Tui prometeu unha recompensa de 50.000 pesetas a quen o entregase (vivo ou morto) ou fixese coñecer o lugar onde se atopaba. Alonso Ríos decidiu entón fuxir e fíxose pasar por un esmoleiro portugués autobautizándose como “Afranio de Amaral”, nome dun naturalista brasileiro. Con esta nova personalidade estivo fuxido polos montes e traballando como criado en varias aldeas durante tres anos. O seu pouco oficio de pobre e a súa xentileza provocou que a xente lle chamase “Siñor Afranio”. Finalmente, a mediados de 1938, logo de dous intentos frustrados, conseguiu pasar a Portugal pola Serra da Peneda. Embarcou en Lisboa e, vía Casablanca, partiu para o exilio en Buenos Aires. O mesmo Antón relatou moitos anos despois esta fuxida no libro O Siñor Afranio ou como me rispei das gadoupas da morte.

Pero o Siñor Afranio tiña familia. Mentres todo isto lle acontecía ao deputado Alonso Ríos, a súa familia non permanecía allea á represión do novo réxime. A súa muller Oliva Rodríguez (natural, como Antón, de Camporrapado –na parroquia de Cortegada, Silleda– coa que casara en Buenos Aires en 1914) e os seus catro fillos Oliva, Chamor, Ombú e Celta, instalados en Tomiño, onde Alonso Ríos exercía como mestre na escola Aurora del Porvenir, sufriron continuos interrogatorios e rexistros para que deran a coñecer o paradoiro do fuxido. De feito, en máis dunha ocasión levaron a muller, Oliva, e a filla maior para que foran declarar. Finalmente, a finais de agosto de 1936, Oliva decidiu marchar de Tomiño coa súa familia. Tomaron un autobús e viaxaron a Silleda, onde deixou os fillos, Oliva, Ombú e Celta, ao coidado da súa sogra Matilde Ríos. A muller marchou, xunto co fillo maior, Chamor, á casa da súa cuñada Matilde Alonso, mestra en Vilagarcía.

Escolas Aurora del Porvenir Tomiño
Escolas Aurora del Porvenir de Tomiño.

O feito de non deixar a Chamor en Silleda debeuse ao temor de Oliva a que puidese ser detido polas autoridades ou obrigado a ir á fronte. Chamor levaba sempre na solapa unha bandeira arxentina para facer patente diante de todos a súa condición de cidadán arxentino. Este temor fixo que Oliva intentase conseguir que Chamor saíse de España canto antes. Grazas á axuda do cónsul de Arxentina en Vilagarcía conseguiu embarcalo para Arxentina no outono de 1936. Unha vez que Chamor está seguro en Buenos Aires, Oliva continuou xestionando a viaxe de toda a familia a América.

Mentres tanto, os tres fillos permaneceron en Silleda, na casa de Matilde Ríos, ao coidado da súa tía Evangelina Alonso. Os dous irmáns pequenos asistían á escola que rexentaba a súa tía Rolindes Rodríguez (viúva de Jesús Alonso Ríos, irmán de Antón, mestre en Silleda, onde morreu en novembro de 1935). A filla maior, Buca, axudaba no negocio familiar e coidaba dos seus irmáns pequenos. Recibían de cando en vez a visita da nai, que continuaba coas xestións para sacar a familia do país desde Vilagarcía.

Finalmente, en xaneiro de 1937 Oliva presentouse en Silleda para recoller os fillos. Marcharon a Vilagarcía, onde colleron un automóbil na compaña da muller do cónsul, e dirixíronse á fronteira. A viaxe ata Lisboa foi accidentada porque a familia Alonso non as tiña todas consigo respecto dos trámites nos postos de control, e ían con medo, pero grazas á afouteza e decisión da muller do cónsul resolvéronse sen problemas todos os atrancos. Chegaron finalmente a Lisboa, onde embarcaron no vapor General Sanmartín rumbo a Arxentina o 13 de xaneiro de 1937.

O resto da familia de Alonso Ríos tamén sufriu as consecuencias da represión. A súa nai Matilde Ríos Neira e a súa irmá Evangelina (que rexentaba o comercio familiar), foron acusadas de colaborar cos republicanos silledenses facendo propaganda das ideas esquerdistas, e mesmo de proporcionarlles dinamita e municións dos seus establecementos comerciais.

As súas irmás Matilde e Dolores, tamén mestras, sufriron o proceso de depuración ao que se tivo que someter todo o maxisterio, unha purga minuciosa con expedientes a todos os mestres que os obrigaba a demostrar a súa fidelidade aos principios do réxime mediante avais. As irmás Alonso Ríos foron acusadas de ter ideas esquerdistas e de facer campaña polo seu irmán, aínda que finalmente non resultaron sancionadas.

A familia Alonso Ríos con Segundo Arceo
A familia Alonso Ríos con Segundo Arceo.

Tamén o seu sobriño político, Celso Carrón, xornalista e impresor lalinense casado con Encarnación Alonso, sufriu persecución e torturas por parte da Garda civil, a consecuencia do cal morrería en 1943.

Para rematar, o seu curmán Emilio Alonso Paz, alcalde de Silleda en 1936 e afiliado a Izquierda Republicana, viviu unha peripecia semellante á de Antón, máis curta no tempo, pero non menos dramática. Emilio marchou primeiro a Compostela o 21 de xullo de 1936 para volver a Aciveiro buscando refuxio, pasou por casas de amigos de Grobas, Ameixendo, Zobra e Barcia, ata que emprendeu o camiño cara a Portugal pasando a fronteira en Tamaguelos; logo seguiu por Pedras Salgadas e Vila Real, onde finalmente o detivo a policía portuguesa o 8 de setembro de 1936 e o entregou aos militares sublevados. Emilio Alonso permaneceu na prisión de Tui ata o 30 de setembro, xulgárono en Pontevedra o 16 de febreiro de 1937 e condenárono a pena de morte, que se cumpriu un mes despois, o 16 marzo.

A muller de Emilio, Elisa García Arguindey, mestra de Taboada, foi tamén sancionada no proceso de depuración con inhabilitación e traslado a outra escola. Os fillos de Emilio, Luis e Juan, tamén sufriron a persecución das autoridades franquistas e víronse obrigados a emigrar ou, para dicilo claramente, a exiliarse.

José María Vázquez, agrarista e galeguista

Participou na campaña anticaciquil de Silleda e foi o presidente da Irmandade Galeguista de Noia na República

José María Vázquez  con Rodrigo Romaní
Vázquez (esquerda) con Rodrigo Romaní en Noia nos anos trinta.

No desenvolvemento das loitas agrarias de principios dos anos vinte en Silleda, que constituíron un dos máis potentes fitos da mobilización social na Comarca do Deza, encontramos a algúns membros das elites dominantes que se puxeron do lado dos labregos, combateron a inmoralidade e contribuíron a denunciar as aldraxes do caciquismo. Traemos aquí a figura de José María Vázquez, un dos propagandistas e animadores deste movemento, que coas súas intervencións públicas e os seus artigos xornalísticos, foi un dos protagonistas dese movemento.

José María Vázquez Ulloa naceu na Estrada xusto ao inicio do século. Era fillo do avogado silledense Cesáreo Vázquez Martínez, que casara o ano anterior en Orazo con Consuelo Ulloa Villar, filla de Faustino Ulloa Estévez, o cacique liberal que controlou o concello da Estrada para o Marqués de Riestra, pero caido en desgraza no seo do riestrismo. Consuelo era neta de Juan Ramón Ulloa Pimentel, que fora alcalde de Lalín en 1866.

Cesáreo Vázquez Martínez, fillo do que fora notario de Trasdeza, José María Vázquez Gulías, desempeñou os cargos de fiscal e xuíz municipal en Silleda, e foi deputado provincial a principios do século XX, ata que en 1916 se trasladou a Santiago de Compostela como recadador de contribucións do concello. Cesáreo estaba emparentado por liña materna coa familia Martínez, que viñera controlando o poder político en Silleda durante a segunda metade do século XIX.

José María estudou o bacharelato en Compostela e alí fixo a carreira de dereito. Ao rematar a licenciatura e imbuído de ideas republicano-socialistas, integrouse con vintedous anos na loita agraria como eficaz propagandista pola súa fogosidade e elocuencia. A súa primeira aparición pública foi no mitin organizado en Silleda o 26 de marzo de 1922, no que tomou a palabra xunto ao catedrático de Veterinaria Jesús Culebras, José Campos da agraria de Forcarei e o líder obreiro e concelleiro compostelán José Pasín Romero. O comicio serviu para denunciar a fraude electoral das municipais de febreiro que anulou o trunfo dos agrarios. Días despois volve intervir na festa da árbore organizada pola Sociedade de Graba, co presidente da agraria do Pereiro, Indalecio López, José Manuel Puente e Emilio Alonso Paz. Foi en realidade outro mitin máis no que Vázquez anima aos de Graba a persistir na loita contra o caciquismo ao mesmo tempo que eloxia o comportamento das sociedades de emigrados polo seu apoio á campaña dos silledenses.

Será este un tema recorrente nos seus artigos para o xornal estradense El Emigrado, nos que vai dando conta das reivindicacións dos agrarios e denuncia os abusos que o omnímodo poder caciquil e as corruptas institucións cometen constantemente cos indefensos labregos. Sirva de mostra o titulado “En apretado haz”, dedicado “a los hermanos residentes en la Argentina y Cuba que con tanto amor nos ayudan en la lucha contra el caciquismo de Silleda”. Tamén escribe Vázquez no periódico pontevedrés El Progreso, para demandar a intervención dos poderes da capital da provincia ante o despotismo e as irregularidades na administración do concello.

Topamos de novo a José María no mitin da Agraria do Pereiro (Laro) o 28 de xuño con Jesús Filloy, no que o noso protagonista clama contra a guerra de Marrocos pola sangría de homes e recursos que supón para o país, mentres se carece de escolas, estradas ou ferrocarrís. Tamén intervén na campaña para a elección a deputado de Alfredo Pérez Viondi, candidato dos agrarios fronte a Vicente Riestra. No mitin da Bandeira, que ten lugar en setembro, incita aos presentes a perderlle o medo ao cacique e ás súas vinganzas, pois realmente carece xa de armas coas que amedrentalos. Vázquez tamén toma a palabra na Festa da Árbore da parroquia estradense de Guimarei xunto con representantes das agrarias silledenses.

Así se dirixía publicamente ao cacique nun artigo de 1922:
“Nada nos amilana; llevamos un ideal y no cejaremos hasta verlo satisfecho. Queremos implantar la justicia en donde ni sus huellas se notan. Anhelamos redimir un penoso cautiverio y eso lo haremos con el pueblo. Con él, con los hermanos a quien tu azotaste, somos fuertes, más pujantes que vosotros. Esas lágrimas de queja que derrama se trocarán súbitamente en lágrimas de venganza y odio. Entonces finirá el malestar y producirán las tierras, y se remunerará el trabajo y saciaremos el hambre y la sed que tenemos de justicia.”

A derrota de Pérez Viondi nas eleccións a Cortes de 1923 e uns meses despois a ditadura de Primo de Rivera, liquidan o movemento agrario silledense. José María Vazquez inicia unha carreira como funcionario da administración local que o afastará definitivamente das terras dezás. Aproba as oposicións a secretario de concellos en 1924 e ao ano seguinte encárgase por un breve período da secretaría de Caldas de Reis para pasar despois a desempeñar a praza en Ponte Caldelas. Finalmente en 1929 accede ao posto de secretario do concello de Noia.

José María Vázquez cos políticos de Noia
Personalidades políticas de Noia na República (José María Vázquez é o cuarto pola dereita).

En Noia vai establecer amizade co catedrático do Instituto Álvaro das Casas que tamén se acaba de instalar na vila e participa con el en 1930 na creación da Irmandade Galeguista que no seu manifesto fundacional asevera que se está a “entrever unha Galiza nova, que ven fortalecida de recordos e cobizosa de espranzas” engadindo os seus asinantes que traballarán “sin acougos” para “ollar a nosa bandeira azul e branca latendo en todol-os ventos, dend-a vila a freiguesía mais lonxana”. José María converterase en novembro no seu primeiro presidente. Colabora con Álvaro das Casas na organización xuvenil galeguista Ultreya. Integrado plenamente na reivindicación da Autonomía, asistiu como representante do concello de Noia, xunto ao alcalde Germán Vidal, á Asemblea para o debate do Estatuto de Galicia celebrada en Compostela en decembro de 1932.

Durante o franquismo José María Vázquez estivo implicado en actividades mineiras, como a exportación de volframio procedente das minas de Lousame en 1942 e unha prospección para encontrar ouro e estaño nos montes de Boiro e A Pobra do Caramiñal en 1950 xunto co seu irmán Cesáreo, que non deu os resultados agardados. Nos anos cincuenta e sesenta ocupou o posto de secretario do concello de Outes. Morreu en Noia o 4 de abril de 1987.