Antón Fraguas e o SEG na Terra de Deza

SEG en Lalín
SEG en Lalín diante da casa de Ramón Mª Aller (1934).

O Seminario de Estudios Galegos comezou a súa investigación da Terra de Deza en 1928, continuando en sucesivas campañas en 1930, 1931, 1932 e 1934, rematando en 1935.

O obxectivo era realizar un estudo integral da comarca; os membros do SEG recorreron Deza visitando castros, igrexas, pazos, romarías, facendo análises xeolóxicas, etc. Todo este material ía ser recollido nun libro que baixo o título Terra de Deza proxectaba editar o Seminario, semellante ao publicado logo dos seus traballos na Terra de Melide.

O SEG estaba dividido en Seccións: Arte e Arqueoloxía, Etnografía e Folclore, Historia, Xeoquímica, Música, … Cada unha delas dirixida por personalidades de prestixio cos que colaboraban varios axudantes (xeralmente alumnos da Universidade). En Lalín estiveron as figuran máis importantes do Seminario: Salvador Cabeza de León, Otero Pedrayo, Castelao, Cuevillas, Risco, Carro, Filgueira…

Antón Fraguas participou xa na primeira campaña a finais de xuño de 1928. Encadrado na sección de Prehistoria dirixida por Florentino Cuevillas na que tamén se incluíu González Barcia, proxectaban realizar un catálogo de castros e mámoas. Uns meses despois, o 5 de setembro, Fraguas facía o seu ingreso oficial no SEG co traballo “O castro de Soutolongo (Lalín)”, aínda que xa estaba vencellado á institución dende o ano anterior. Participou tamén na xeira de 1934, na sección de Xeografía, da man de Ramón Otero Pedrayo na que se integrou como alumno Xaime Illa Couto. Recorreron a comarca para dar conta das características do terreo e a paisaxe.

Foi precisamente a do verán de 1934 a campaña máis importante. Estiveron presentes un numeroso grupo de investigadores acompañados dos seus axudantes; mesmo se realizou en Lalín a reunión plenaria do Consello do Seminario. Só nesta estadía se fixeron 300 fotografías de monumentos e construcións populares, romarías, etc; levantáronse plantas duns 30 edificios, … Rodouse unha reportaxe cinematográfica (realizada por Barreiro, da Casa Folk) que recollía imaxes do traballo realizado: El Seminario de Estudios Gallegos en Deza, foi distribuído pola agrupación xuvenil “Ultreya” e exhibido en cines de Santiago, Padrón e Noia.

Nestas campañas de investigación, que duraban xeralmente unha semana, os seminaristas instalábanse en Lalín, concretamente na Fonda do Ferrador, e dende alí realizaban saídas diarias. Visita obrigada dos investigadores ao chegar á vila era a casa de Ramón Mª Aller, membro tamén do Seminario, quen lles facilitaba os contactos necesarios, sobre todo entre o clero, para realizar os seus traballos.

É precisamente diante desta casa onde está tirada a máis famosa das fotografías do SEG, realizada en xuño de 1934. Nela aparecen diante: Otero Pedrayo, Iglesias Vilarelle, Parga Pondal, Manuel Ferreiro, Pedro Brañas Cancelo, Ossorio Tafall, Robustiano Fernández Cochón, Vicente Risco, Sebastián González García Paz, Antonio Taboada Roca, Paulino Pedret Casado e Jesús Carro García. Detrás: Antón Fraguas Jaime Vidal Rey, Enrique Longa Vázquez, Ricardo García Suárez (Xoán Ledo), Xaime Illa Couto, Ferreirós Espinosa, Florentino López Cuevillas, Vicente Hermida e Anxelo Ramos Colemán.

O libro da Terra de Deza non chegou a ver a luz. Estaba en prensa, na imprenta de Anxel Casal, cando aconteceu o golpe de estado do 18 de xullo de 1936. Parte do material destinado a esta publicación foi usado na Historia de Galicia, que baixo a dirección de Otero Pedrayo, editaron en Buenos Aires en 1962.

Luís Suárez, o galeguista de Barcelona

Homenaxe a Castelao en Lugo 1932
Homenaxe a Castelao en Lugo (1932) no que participou Luis Suárez

Como nacionalistas, os galegos somos en Cataluña catalanistas de esquerda como somos galeguistas no noso país, e de conformidade con estes sentimentos, fieis partidarios das doutrinas políticas de Lluís Companys e Francesc Macià.

Con estas palabras o lalinense Luís Suárez Delgado dirixiuse ao resto dos partidos e convidados que participaban na inauguración do Centre Popular Federal, entidade filial de Esquerra Republicana de Catalunya, na Barcelona de marzo de 1936.

Luís Suárez foi durante a República a voz e o rostro dos galegos e galegas en Cataluña; chegou a Barcelona en 1924 para facerse un oco no mercado téxtil catalán, converténdose despois nun industrial da sombreirería, e dende o primeiro momento participou activamente na vida societaria dos galegos e galegas da cidade. De feito, integrouse moi pronto no Centro Galego de Barcelona, foi elixido para a súa directiva como vogal en 1929 e vicesecretario en 1930, e dirixiu a revista do centro, Galicia en Cataluña. Dimitiu como director da revista por desavinzas coa liña política marcadamente lerrouxista que quería impoñer o presidente, José Juncal Verdulla, e seguido por un numeroso grupo de socios, logo dunha tumultuosa asemblea, abandonaron o Centro Galego e fundaron o Centro Cultural Galego de Barcelona en 1931. Esta institución foi a que máis traballou pola causa de Galicia na década dos trinta en Cataluña, Luís Suárez foi o seu presidente, mantendo o cargo durante toda a vida da sociedade. Tamén presidiu o Pazo Galeguista, institución que inaugurou o seu local en Barcelona o ultimo día do ano 1933, que serviu de sede social para todos os nacionalistas e onde Álvaro Cunqueiro deu unha das súas charlas na visita á capital de Cataluña.

O pai de Suárez, José Suárez Gómez, tenente do Exército retirado, asentouse en Lalín a principios do século XX coa súa muller Matilde Delgado Quirós, e alí instalou un colexio de primeira ensinanza en 1912. Catro anos despois, cando Luís contaba con doce anos, morreu o seu pai e a nai quedou con oito fillos a seu cargo. Aínda que naceu no Barco de Valdeorras en 1903, o noso protagonista pasou a súa infancia e xuventude na vila de Lalín compartindo xogos co seu irmán maior José, a quen todos coñecemos como “Moca”, e cos rapaces do Barrio de Abaixo e da rúa Ramón Aller. Antes de cumprir os vinte anos emigrou a Cataluña, aínda que sempre se considerou lalinense e visitaba a nosa vila cando se achegaba a Galicia. De feito, tal foi a vinculación de Suárez co noso concello que no Libro de socios do Partido Galeguista aparece a inscrición de Luís Suárez como membro do Grupo Galeguista de Lalín o 11 de xuño de 1935.

Recoñecido como brillante orador, impartiu múltiples conferencias sobre temas galegos nos máis diversos foros, ademais de participar en cantas emisións radiofónicas se fixeron sobre Galicia e o seu Estatuto. Empregou sempre a lingua galega, coa que iniciaba as súas charlas, para pasar despois ao catalán, lingua que tamén dominaba. Por citar algunhas, presentou a Lois Peña Novo, quen falou sobre Galicia ante o problema da súa autonomía na conferencia inaugural do Centro Cultural Galego en 1931, e impartiu a súa primeira conferencia ese mesmo ano sobre o tema “A evolución da sociedade”. No Centro de Esquerra Republicana disertou sobre “Galicia ante o problema da autonomía” en febreiro de 1933, ano no que, ademais, participou nun acto organizado pola Juventud Nacional Catalana sobre “Pondal, precursor d’a renacenza”. A última das súas palestras foi a celebrada no Centro Cultural Galego en setembro de 1935 sobre o tema “Desenvolvemento histórico da cultura galega”.

Suárez estivo presente en cantos actos e manifestacións se fixeron na Cataluña republicana de apoio a Galicia e ao seu Estatuto. En 1932 presidiu con Castelao e Otero Pedrayo a delegación galega que asistiu aos actos organizados pola Generalitat a favor do Estatuto de Cataluña. Afiliouse ao Partido Galeguista e participou na campaña de propaganda do Estatuto que iniciou o partido trala constitución do Comité Central de Autonomía en xaneiro de 1933. Interveu no mitin de Mondariz con Alonso Ríos e Suárez Picallo e no de Ponteareas con Álvarez Gallego, Alonso Ríos, Paz Andrade e Otero Pedrayo. Neles, o lalinense expoñía os resultados da autonomía de Cataluña, cuxo Estatuto xa fora aprobado, o respecto que existía para os non cataláns e as vantaxes que supuña para toda a cidadanía de Cataluña contar cun goberno e cun Parlamento propios.

En marzo de 1933 foi un dos organizadores do Comité Galeguista de Barcelona, o grupo do Partido Galeguista en Cataluña, con Gerardo Calvo Abollo, Cesáreo Rodríguez e outros. Deseguida se converteu no líder dos galeguistas de Barcelona e como tal participou en varios actos de propaganda a favor do Estatuto, así coma noutros de afirmación galeguista, como a conmemoración do aniversario dos mártires de Carral ou o 25 de xullo, na capital catalá. Foi Suárez quen recibiu e acompañou a Castelao e Otero Pedrayo na viaxe que fixeron a Cataluña en agosto de 1933.

En novembro dese ano, no número 8 do periódico lalinense Razón, que dirixía o galeguista Xesús Iglesias Surribas, apareceu o seu artigo “Ante la próxima contienda”, no que Suárez recomendaba o voto ás candidaturas galeguistas nas eleccións que se celebrarían o 19 dese mes. E algo había influír Luís para que o seu irmán Eduardo fose o chofer dos membros do Seminario de Estudos Galegos nas súas xeiras polo Deza deses anos.

SEG no taxi de Mazaroco
Membros do SEG na xeira de 1934 pola Terra de Deza.

Luís Suárez volveu a Galicia en xaneiro de 1934 para asistir á III Asemblea do PG que se celebrou en Ourense como delegado dos galeguistas cataláns; en xullo regresou novamente para participar na homenaxe a Rosalía que tivo lugar en Compostela o 25 de xullo, acto no que pronunciou un discurso enaltecedor da memoria da poeta xunto con Suárez Picallo. Participou tamén no mitin das arengas que se celebrou esa noite na praza da Quintana con Castelao e os demais líderes do PG.

Convocadas as eleccións de febreiro de 1936 atopámolo outra vez nos actos propagandísticos do Frente Popular en Barcelona como representante dos nacionalistas galegos. E, cando en xuño se iniciou a campaña para o referendo do Estatuto, Suárez formou parte do comité catalán e participou no acto pro Estatuto galego no Palau de la Generalitat con Lluís Companys, Bonaventura Gassol e Carles Pi i Sunyer.

Descoñezo cal foi o seu destino despois do golpe de Estado do 18 de xullo de 1936, e se sufriu algún tipo de represalias ou procesamento logo da toma de Barcelona polas tropas franquistas en xaneiro de 1939. Non será ata principios dos anos cincuenta cando aparece novamente como directivo do Centro Galego de Barcelona impartindo conferencias. E xa nos anos sesenta e setenta como asiduo visitante de Lalín xunto coa súa muller Rosa Baulies, onde pasaban longas tempadas. Isto fixo que as autoridades municipais dos últimos anos do franquismo o promoveran como pregoeiro para a Feira do Cocido de 1975.

Colaborou coa revista Centro Galego de Barcelona editada en 1978. En 2012, nos actos do 120 aniversario do Centro Galego, bautizaron co seu nome un dos andeis da nova Biblioteca, como homenaxe a un dos seus socios insignes.

Luís Suárez morreu en Barcelona o 18 de xuño de 1987, con 83 anos. Deixou inéditos un bo feixe de poemas humorísticos e unha colección de poemas de Aninovo. Rescato un dos poucos poemas aparecidos na prensa e dedicado á súa vila de Lalín.

Qué sinto…?
Coitado de min…
Eu ben quixera saber.
Saber o que ten Lalín,
que sinto…
e non podo ver.

Paxariño, reiseñor,
que cantas no amañecer,
e baixas o Pontillón,
de cote, o río beber.
¿Cóntame, qué ten Lalín,
que sinto…
e non podo ver?

Algo teño, alá no fondo,
dos recunchos do meu ser,
que me falan de un Lalín
que sinto…
e non podo ver.

Canta paxariño, canta,
o Sol quérese poñer,
e mañán será outra data,
o Sol voltará nacer,
e ti con triños faime saber
o Anxel que ten Lalín,
que sinto…
e non podo ver.

Filgueira Valverde e o SEG na Terra de Deza

SEG en Lalín
SEG en Lalín.

O Seminario de Estudios Galegos comezou o a súa investigación da Terra de Deza en 1928, continuando en sucesivas campañas en 1930, 1931, 1932 e 1934, rematando en 1935.

O obxectivo era realizar un estudio integral da comarca; os membros do SEG recorreron o Deza visitando castros, igrexas, pazos, romarías, facendo análises xeolóxicas, etc. Todo este material ía ser recollido nun libro que baixo o título “Terra de Deza” proxectaba editar o Seminario, semellante ao publicado logo dos seus traballos na Terra de Melide.

O SEG estaba dividido en Seccións: Arte e Arqueoloxía, Etnografía e Folclore, Historia, Xeoquímica, Música, … Cada unha delas dirixida por personalidades de prestixio cos que colaboraban varios axudantes (xeralmente alumnos da Universidade). En Lalín estiveron as figuran máis importantes do Seminario: Salvador Cabeza de León, Otero Pedrayo, Castelao, Cuevillas, Risco, Carro, Fraguas…

Filgueira Valverde participou xa na primeira campaña de 1928, na Sección de Catálogo gráfico dirixida por Xesús Carro, na que inventariaron máis de 30 igrexas e multitude de cruceiros. Participou tamén nas xeiras de 1930, 1932 e 1934 na sección de Arqueoloxía e Arte con Sebastián González García Paz, e baixo a dirección de Xesús Carro. Na campaña de 1935 integrouse na Sección de Folklore e Etnografía que dirixía Vicente Risco

A campaña máis importante foi a do verán de 1934. Estiveron presentes un numeroso grupo de investigadores acompañados dos seus axudantes; mesmo se realizou en Lalín a reunión plenaria do Consello do Seminario. Só nesta estadía se fixeron 300 fotografías de monumentos e construcións populares, romarías, etc; levantáronse plantas duns 30 edificios, … Rodouse unha reportaxe cinematográfica (realizada por Barreiro, da Casa Folk) que recollía imaxes do traballo realizado: El Seminario de Estudios Gallegos en Deza, foi distribuído pola agrupación xuvenil “Ultreya” e exhibido en cines de Santiago, Padrón e Noia.

Nestas campañas de investigación, que duraban xeralmente unha semana, os seminaristas instalábanse en Lalín, concretamente na Fonda do Ferrador, e dende alí realizaban saídas diarias. Visita obrigada dos investigadores ao chegar á vila era a casa de Ramón Mª Aller, membro tamén do Seminario, quen lles facilitaba os contactos necesarios, sobre todo entre o clero, para realizar os seus traballos.

É precisamente diante desta casa onde está tirada a máis famosa das fotografías do SEG, realizada en xuño de 1934. Nela aparecen diante: Ramón Otero Pedrayo, Antonio Iglesias Vilarelle, Isidro Parga Pondal, Manuel Ferreiro Panadeiro, Pedro Brañas Cancelo, Bibiano Fernández Ossorio Tafall, Robustiano Fernández Cochón, Vicente Risco, Sebastián González García Paz, Antonio Taboada Roca, Paulino Pedret Casado e Jesús Carro García. Detrás: Antón Fraguas Fraguas, Jaime Vidal Rey, Enrique Longa Vázquez, Ricardo García Suárez (Xoán Ledo), Xaime Illa Couto, Ferreirós Espinosa, Florentino López Cuevillas, Vicente Hermida e Anxelo Ramos Colemán. Nesta fotografía orixinal non aparecía Filgueira Valverde, que quedaba fora de cadro. Sen embargo a imaxe máis difundida do SEG, que mesmo figura na Gran Enciclopedia Gallega, está manipulada para que nela apareza Filgueira.

SEG Deza manipulada 2-1

A derradeira campaña tivo lugar en 1935, e nela xa se fala de que os traballos van ser recollidos en tres volumes, debido á magnitude do estudio realizado.

Nesta última campaña, que se realizou a pricipios do mes de xullo, cando Castelao estaba aínda en Badaxoz, os seminaristas decidiron facerlle unha homenaxe para lembralo e compuxeron un poema colectivo. Trátase dun pequeno texto en forma de romance escrito a man por todos os membros do Seminario, cunha portada de Laxeiro e ilustrado con debuxos de Gómez Román, Risco e Vicente Hermida. Ten unha dedicatoria que di: “O Seminario adica este exemplar ao irmán Castelao, que o remitirá a Bóveda”. O poema titulado “Romance de unha fatal ocasión”, facendo referencia a o clásico do romanceiro castelán, non ten valor literario, pero si unha enorme importancia como testemuña da actividade dos seminaristas, das súas relacións e tamén de como pasaban o tempo logo dos seus traballos de campo. Comeza así:

“Mañanciña do San Xohan
mañanciña renomada
o Seminario dos sabios,
cara Deza camiñaba.
Na ecuatorial Aller vira
as estrelas que anunciaran:
trinta camiños que tecen
autos do Moca e Miranda.
Na casa do Ferrador
o seminario pousaba;
nas camas chinches de ouro
nas sabáns pulgas de prata.”

Podemos atopar nel referencias á Pousada do Ferrador, aos dous taxistas que os transportaban polo Deza: Moca e Miranda. Fálase tamén do final da Campaña do Deza e do próximo destino do Seminario, que sería a campaña nas Terras de Bergantiños… Pero sobre todo relata unha pequena festa que os seminaristas celebran a noite de San Xoán con loita de almofadas, colchóns que caen á rúa e unha brincadeira que lle gastan a Filgueira Valverde, coñecido pola súa misoxinia, ao meterlle unha boneca de palla na cama (á que bautizan como Teolinda).

“o casto leito luxaran
de Filgueira, con Teolinda
feita de un mollo de palla.”

Hai tamén unha referencia a Manuel Ferreiro, o alcalde republicano, que compartía con eles hotel, pois aloxábase na Pensión do Ferrador.

O libro da Terra de Deza non chegou a ver a luz. Estaba en prensa, na imprenta de Anxel Casal, cando aconteceu o golpe fascista do 18 de xullo. Parte do material destinado a esta publicación foi usado na Historia de Galicia, que baixo a dirección de Otero Pedrayo, editan en 1962 en Bos Aires.

O cruceiro de Cadaval

Cruceiro de Cadaval

O 30 de xuño de 1928 aparecía na primeira páxina do xornal El Pueblo Gallego, un artigo de Ramón Otero Pedrayo no que conta a historia do cruceiro da aldea de Cadaval, na parroquia do Castro de Dozón.

No remate da I guerra carlista, segundo lembra a inscrición, unha columna carlista acabou coa vida de 24 soldados gobernamentais, o 16 de xuño de 1839. Ao ano seguinte, os veciños do Castro contrataron a un canteiro para que labrara o cruceiro.

Otero Pedrayo visitou a aldea, viu o cruceiro e recolleu a historia no marco da primeira xeira que os membros do Seminario de Estudos Galegos realizaron polas terras de Deza.

Un cruceiro e unha data

Este é o artigo, que non volveu ser reproducido ata hoxe:

Un cruceiro e unha data

Pouca cousa. Un feito esquecido do que nin falan os libros e somentes vive na lembranza d’algús lugarciños da montaña galega, sendo un feito inda de onte que ten a virtú d’espertar en nós homes do século vinte, aquil bravo apaixoamento que brilaba, entre bágoas e xenerosas indinaciós, nas conversas dos homes do século dazanove, nosos pais e nosos abós.

O cruceiro non ten o prestixio étnico nin artísteco dos que recolle o lapiz de Castelao por toda a redondeza da Galiza. Non é románeco nin barroco, non’o traballoú a fesiticeira sinxeleza da arte popular ispirada na leenda relixiosa, nin diant’il se detén afervoada procisión campesía.

E un cruceiro ciril. Garda, eternamente, na montaña afastada, un movimento xusticieiro e piadoso do pobo.

O Castro de Dozón organizase en tres fatos de casas labregas antergas e unhas poucas novas ó correr da carretera. Son os aires ceibes e puros coma nádos na esgrevia beleza das serras (a Martiñá, o Faro, o Farelo, o Toxo do cabrito) que s’erguen curiosas d’hourizontes por riba d’outas terras ermas apenas traballadas n’os vales pequeneiros. A eirexa nova e pomposa inda tén vellas hedras no adral. Un camiño a ezquerda conforme se vai car’a Sant-Yago, cruzando por dous pobiños, por terras de pan e algún anaco de carballeira leva ó logar de Cadaval. Casiñas baixas, fortes, abrigadas pol’os treiteados de colmo, augas cantareiras, esgueitos abombamentos de terra de Montes. O cruceiro está n’un campiño: unha pedra de muiño sostén a crus de coluna que quer ser xónica. Un santiño c’un libro na cruz, e no fuste, pol’a parte do N. E. unha calivera. Dí a lápida:-“Hízose a la memoria de los soldados que an muerto en éste campo frente a la calavera el día 16 de junio de 1839. Un padrenuestro”.

A hestórea aconteceu d’iste xeito asegun contan os vellos. Os vintecinco soldados c’o seu xefe deixaron pasar unha grosa coluna carlista que levaba a direuceon de Lalín. Eran moitos, e cando ian xa lonxe ós liberales dispararon. Diron volta os carlistas, prenderon lume a casa onde se defendía a tropa, e fixerona toda prisoeira. O xefe fuxiú pol’os eidos, mais foi morto d’un tiro non sin que botara n’unha albariza o cinto das onzas. Os vintecinco homes, mozos arrincados da aldea ou veteranos do norte, foron fusilados en ringleira. Logo os lanceiros carlistas, de boinas brancas, fixeron patalexar os cabalos sobr’a grea de mortos. E seguiron seu viaxe. Dín que somentas se salvou un soldado a quen un carlista amigo dixo que se botara o chan pois íl faría de xeito que figuraba dispararlle. Os mortos díronlle terra no adral de Castro Dozón. O ano seguinte un canteiro chamado o Sr. Facundo ergueu o sinxelo e conmovedor moimento. Foi o precio da obra un día de traballo que botóu cada veciño nos eidos do mestre canteiro. O cinto do xefe foi atopado na albariza e sirviron as onzas pra facer rica unha familia.

Inda está en pé a casa na que se defenderon os soldados e o centeo verdega no campo sanguento. A iscrinceon non condena a ninguén. Paz pra todos. Siñala o feito terribre da morte e demanda unha pregaria ás pasaxeiras.

Impose a imitanza ó senso da inscriuceon. Mais o sentimento liberal de Galiza tén a obriga de lembrar o sacrifizo e d’agradecer os veciños da homilde aldea de Cadaval a piedade que souperon mostrar cás vítimas da guerra entre hirmaus.

R. OTERO PEDRAYO

Poden encontrar máis datos sobre esta historia aquí

O Seminario de Estudos Galegos no Deza

SEG en Lalín
SEG en Lalín, 1934.

A fotografía foi realizada en xuño de 1934, diante da casa de Ramón María Aller en Lalín. Nela aparecen os membros do Seminario de Estudos Galegos, que estaban realizando unha das “xeiras” ou traballos de conxunto na Terra de Deza, acompañados do alcalde de Lalín, Manuel Ferreiro.

O Seminario comezou o estudo da Terra de Deza en 1928, e continuouno en sucesivas campañas en 1930, 1931, 1932 e 1934, para finalizar en 1935. O obxectivo era realizar un estudo integral da Comarca. Para iso, os membros do SEG recorreron toda a zona visitando castros, igrexas, pazos, romarías, facendo análises xeolóxicas, etc. Todo este material ia ser recollido nun libro que baixo o título Terra de Deza proxectaba editar o Seminario, semellante ao que se publicou logo dos seus traballos na Terra de Melide.

O SEG estaba dividido en Seccións: Arte e Arqueoloxía, Etnografía e Folclore, Historia, Xeoquímica, Música, … Cada unha delas estaba dirixida por personalidades de prestixio cos que colaboraban varios axudantes (xeralmente alumnos da Universidade). En Lalín estiveron as figuran máis importantes do Seminario: Salvador Cabeza de León, Otero Pedrayo, Castelao, Xaquín Lorenzo, Cuevillas, Carro, Fraguas… Aquí contaban coa colaboración de Ramón María Aller, que publicou algúns traballos nos Arquivos do SEG.

Especialmente importantes foron as campañas de 1930, na que aproveitando a súa estancia nestas terras Ramón Otero Pedrayo deu unha conferencia no Casino de Lalín sobre a Historia de Galicia (a primeira vez que se escoitou a nosa lingua no Casino).

Estes traballos espertaron o interese dos emigrados e, durante a campaña de 1931, chegou a Lalín Jesús Puga, secretario das Sociedades “Club Lalín” e “Hijos del Partido de Lalín” de La Habana, a fin de ofrecer a axuda destas sociedades para costear a publicación dos traballos da Terra de Deza.

Pero a campaña máis importante foi a realizada no verán de 1934. Estiveron presentes un numeroso grupo de investigadores acompañados dos seus axudantes, mesmo se realizou en Lalín a Reunión Plenaria do Consello do Seminario. Só nesta estancia fixéronse 300 fotografías de monumentos e construcións populares, romarías, etc; levantáronse plantas duns 30 edificios, …. Rodouse unha reportaxe cinematográfica (Barreiro, da Casa Folk) que recollía imaxes do traballo dos investigadores e que, baixo o título El Seminario de Estudios Gallegos en Deza foi distribuído pola agrupación xuvenil “Ultreya” e exhibido en salas de Santiago, Padrón e Noia. O vicerreitor da Universidade Luis Iglesias e o director do Instituto de Pontevedra Bibiano Fernández Osorio-Tafall, impartiron sendas conferencias sobre temas agrarios. Ao finalizar esta “xeira” foron homenaxeados polo pobo de Lalín.

A esta campaña corresponde a fotografía, na que aparecen, en primeira fila: Ramón Otero Pedrayo, Antón Iglesias Vilarelle, Isidro Parga Pondal, Manuel Ferreiro Panadeiro, Pedro Brañas Cancelo, Bibiano Fernández Osorio-Tafall, Robustiano Fernández Cochón, Vicente Risco, Sebastián González García-Paz, Antonio Taboada Roca, Paulino Pedret Casado e Jesús Carro García. Detrás: Antón Fraguas, Jaime Vidal Rey, Enrique Longa Vázquez, Ricardo García Suárez (Xohán Ledo), Xaime Illa Couto, Ferreirós Espinosa, Florentino López Cuevillas, Vicente Hermida e Anxelo Ramos Colemán.

A derradeira campaña tivo lugar en 1935, e nela xa se fala de que os traballos van ser recollidos en tres volumes, debido á magnitude do estudo realizado. Foron despedidos cunha velada musical dos gaiteiros de Moneixas Os Dezas, presentados por Manuel González Rodríguez.

Os volumes de Terra de Deza non chegaron a ver a luz. Estaban en prensa, na imprenta de Ánxel Casal, cando aconteceu o golpe fascista do 18 de xullo. Parte do material destinado a esta publicación foi usado na Historia de Galicia, que baixo a dirección de Otero Pedrayo, se editou en Buenos Aires en 1962.

Manuel Igrexas