Laureano García Guitián, inadaptado ou sobrevivente?

Laureano García Guitián

O primeiro artigo aparecido na prensa sobre a hoxe popular Feira do Cocido de Lalín publicouse no FARO DE VIGO o 4 de febreiro de 1969, nas vésperas da primeira celebración. O seu autor, Laureano García Guitián, un avogado de 62 anos, gababa os produtos locais, daba a receita do cocido “estilo Lalín” e remataba cunha brincadeira sobre a dificultade de obsequiar os visitantes cunha degustación dos ingredientes do prato, que haberían de ser substituídos por simples retratos do manxar. Escrito en galego, o artigo comeza así:

Eses “motes” que puxen ó teu escudo, telos ben ganados, e hoxe unha vez máis, por “argallar” a festa, non só no sentido gastronómico, senón tamén no seu alcance “social”. A isto podémoslle chamar a “Festa da cordialidade” de cuxa virtude o cocido é símbolo.

Está sería a súa derradeira colaboración nos xornais, pois morreu tres anos despois, o 9 de febreiro de 1972.

Coñecín a Laureano García, don Laureano como todos lle chamaban, sendo un neno. Era un habitual da taberna de Ramos, na Cacharela, onde acudía diariamente para tomar o seu “chuiquito”, que eu lle servín nalgunhas ocasión, e xantar de cando en vez un cocido cos seus convidados de Pontevedra. Non sabía que aquel señor elegante e educado, sempre tranquilamente sentado nunha das mesas e en animada conversa cos seareiros do bar, gardaba na súa memoria boa parte da historia do Lalín do século XX.

Nacera en Donramiro un 19 de xuño de 1906; era o máis vello dos fillos de Manuel García Diéguez, orixinario de Camba, que puxo comercio en Lalín, e Leonisa Guitián Salgado con quen casou un ano antes. Leonisa era filla de Lorenzo de Brindisi e Bernarda Salgado, que non chegaron ao altar, aínda que Lorenzo recoñeceuna como filla seguramente por presións do seu irmán, o famoso sacerdote e párroco de Donramiro, Laureano Guitián Rubinos, autor de Unha noite na casa do tío Farruco do Penedo, de quen o noso protagonista tomou o nome.

Cursou o bacharelato no Instituto de Santiago, sendo alumno destacado, sobre todo en Historia de España. Iniciou os estudos de Dereito na Universidade compostelá, nos que enredou case toda a década dos anos vinte, rematando a carreira por libre en 1930.

As súas primeiras actuacións públicas, aínda como estudante de Dereito, aconteceron nos actos de recoñecemento a Joaquín Loriga que lle tributaron en Lalín logo da súa xesta. Foi escollido para pechar a velada que os lalinenses organizaron na súa honra no salón teatro do Casino en xullo de 1926, e, como vicepresidente da comisión da homenaxe, pronunciou o discurso de inauguración da rúa que leva o nome do aviador na súa visita a Lalín en xuño do ano seguinte.

Por outro lado, deu mostras da súa vocación como escritor durante o servizo militar, que realizou como cabo no Rexemento de Infantería de Zaragoza en Compostela entre 1927 e 1928.  Foi premiado no certame literario anual do rexemento, na festa da Inmaculada, por un traballo titulado “Otilia”.

O mozo Laureano

Xornalista

Logo da caída da ditadura de Primo de Rivera iniciou a súa primeira aventura xornalística: fundou e dirixiu un periódico quincenal co titulo Lalín, que como era habitual na prensa da época levaba un lema, neste caso Laureano escolleu “Cultura”. O xornal apareceu en febreiro de 1930 editado pola Imprenta Lalinense de Celso Carrón, que tamén botou a andar por eses anos. Non se conservan exemplares, pero supoño, polas informacións aparecidas, que a súa duración non pasou de dous números.

Uns meses despois converteuse en redactor xefe de El País Gallego, o periódico dirixido por Juan Jesús González, voceiro dun grupo de socialistas e nacionalistas galegos. O xornal arrancou en novembro de 1930 a súa segunda época desde Lalín, impreso tamén por Carrón. No seu número dous apareceu un artigo titulado “Lalín tiene un alcalde”, no que ademais de facer unha crítica a Bernardo Madriñán, que ocupaba o cargo, carga as tintas contra o seu panexirista, Gustavo Pedro Fernández. O escrito non está asinado, pero é doado atribuírllo a García Guitián.

Político

Coa chegada da República incorporouse ao Centro Republicano de Lalín liderado por Manuel Ferreiro e converteuse nun infatigable propagandista. O seu discurso pechou o mitin posterior á manifestación do 1 de maio de 1931 convocada por socialistas e republicanos. Na campaña electoral das eleccións a Cortes Constituíntes de xuño de 1931 interveu nos mitins de Agolada e Carbia.

Ao ano seguinte participou nalgunhas das asembleas dos Centros Republicanos organizados en varias zonas do concello, destacando a de Soutolongo. Cando se produciu a mobilización contra a paralización das obras do ferrocarril en construción Ourense-Santiago, o comité de folga elixiu a Laureano como presidente, intervindo en mitins e reunións de traballadores e veciños. Ese mesmo ano foi designado delegado de Lalín na Asemblea da Federación Republicana Gallega. A principios de 1933 foi nomeado secretario interino do Concello de Rodeiro.

Candidatura do PRC para as eleccións a compromisarios.

Nese ano aconteceu o seu primeiro cambio de adscrición política: abandonou a esquerda republicana para militar no Partido Republicano Conservador de Miguel Maura. O PRC procedía da Derecha Liberal Republicana e pretendía incorporar ao republicanismo as masas conservadoras desde unha posición aconfesional. En xullo de 1934 García asistiu en Vigo á reunión constitutiva do partido, onde foi elixido para a súa comisión electoral. Foi candidato polo PRC nas eleccións de novembro dese ano, aínda que sen ningún éxito.

Destituído como secretario do concello Rodeiro en setembro de 1934, abriu despacho de avogado en Lalín sen abandonar a súa militancia. Nas eleccións a compromisarios para elixir o presidente da República que tiveron lugar en abril de 1936, foi candidato do Partido Republicano Conservador pola provincia de Pontevedra, e aínda que os conservadores foron o único partido non adscrito á Fronte popular que se presentou ás eleccións, ningún dos seus candidatos logrou a acta. Con todo, Laureano acadou 6.087 votos, procedentes case todos dos concellos dezaos.

Mantiña boas relacións persoais con Mario Fernández Crespo e Luís González Taboada, os líderes da Falange local, e foi dos poucos que os visitou na cadea de Lalín cando foron detidos a principios de maio de 1936. Foron estas amizades as que posibilitaron o seu ingreso na Falange despois do golpe de Estado, en xaneiro de 1937. En xuño actuou como xefe local interino de FET y de las JONS na ausencia de Luís González Taboada e finalmente foi nomeado xefe de Prensa e Propaganda da Falange lalinense o 22 dese mes. Desde ese posto exerceu a correspondencia de El Pueblo Gallego e pronunciou discursos e arengas nos mitins falanxistas como o da celebración da toma de Bilbao polas topas franquistas.

Co uniforme de Falange.

Este fervor falanxista de García Guitián non foi óbice para a súa detención en Vigo por insultar publicamente a Franco en xaneiro de 1939, cando estaba celebrando a toma de Barcelona polo exército franquista. Procesado por embriaguez e insultos ao xefe do Estado, foi condenado a un mes de arresto.

Xuíz

Nomeado xuíz municipal de Lalín en xullo de 1939, exerceu o cargo dende principios de setembro. O posto de xuíz municipal levaba parella a substitución do xuíz de instrución en caso de vacante ou ausencia do titular, cousa que aconteceu en moitas ocasións durante o seu mandato.

Este nomeamento debeu espertar as suspicacias dos “camisas viejas” e as envexas dos arribistas que cobizaban o posto. Uns anos antes a Falange de Lalín tivera que facer pública unha nota saíndo ao paso dos que criticaban a incorporación ao partido de vellos políticos republicanos afirmando que “aquellos que reconocieron su error; y con su adhesión a nuestra FET se pusieron desde un principio (…) al servicio de España a esos los recibimos con los brazos abiertos”.

Nun episodio máis das loitas de poder dentro da Falange pontevedresa, o falanxista estradense Manuel Paseiro remitiu ao Director Xeral de Seguridade o 30 de outubro de 1940 unha denuncia contra Fermín Bouza-Brey, xuíz de instrución da Estrada, e Laureano García, para que fosen cesados. Acusaba ao primeiro de ser un militante do Partido Galeguista e de  protexer os “roxos” nas súas actuacións xudiciais. Sobre García di que pertenceu a “diferentes partidos políticos del Frente Popular”, foi candidato a compromisario, e, no Movimiento “se encubrió con la camisa azul de Falange” e proferiu inxurias contra o xefe do Estado. Tamén afirma que foi proposto para o cargo “por su colega en ideología Fermín Bouza”, e como xuíz accidental de instrución a súa actuación foi aínda máis desastrosa que a de Bouza-Brey, “pues en mucha mayor escala y con mas desvergüenza, comete la misma clase de atropellos”.

Tivera ou non efecto a denuncia, a finais de 1940 Laureano cesou como xuíz municipal.

Avogado

Nos anos corenta dedicouse a exercer a súa profesión de avogado en Lalín, e dende 1947 tamén como letrado na Audiencia de Pontevedra, onde actuou como defensor nalgúns soados procesos penais. Casou en Castro de Cabras con Amalia Fernández Bodaño en 1944.

Entregando premios no Tiro de pichón

A principios da década dos cincuenta foi elixido presidente do Casino e iniciou unha campaña para recuperar a súa faciana cultural, organizando un ciclo de conferencias sobre temas científicos, médicos, literarios e musicais.

En 1953, coincidindo coa celebración da romaría do Monserrat, apareceu en El Pueblo Gallego un artigo seu sobre a orixe da festa titulado “Santuario de Monserrat”. Esta primeira colaboración na prensa logo de moitos anos parece o inicio dunha nova etapa do noso protagonista na que se dedicou á investigación sobre a historia local. Emprendeu o proxecto de facer unha Geografía e Historia del Partido de Lalín, da que se extractaron os artigos “Historia de la parroquia de Lalín” e “Historia del Santuario del Monserrat” publicados tamén no xornal vigués en setembro de 1962. Mágoa que a iniciativa nunca chegara a materializarse.

Na celebración da Hispanidade en Bugallido (Ames) en 1958, con Baldomero Cores e Maximino Castiñeiras.

Cen anos do atentado terrorista de Aspai

Nova sobre o atentado na prensa

O 16 de xaneiro de 1921 foi asasinado en Aspai (Chantada) o mestre de Rodeiro Aniceto Pereira, vítima dun atentado con paquete bomba.

Unha caixa en forma de libro que contiña un potente explosivo, depositada na entrada da súa casa, estoupou ao intentar abrila e causoulle a morte instantánea.

Moi cedo, na mañá daquel domingo de xaneiro de 1921, cando a muller do mestre de Aspai, Cándida Gómez, saíu da casa de Campo da Vila para acudir á misa, atopou no portal un paquete. Crendo que se trataba dun encargo do seu home que deixara algún veciño, levoullo ao dormitorio, pois Aniceto aínda quedaba na cama. Mentres baixaba de novo as escaleiras o seu home abriu o paquete, e cando xa estaba saído ao camiño escoitou unha forte explosión que fixo tremer toda a casa. Cándida volveu sobre os seus pasos para atopar o cadáver de Aniceto co rostro esnaquizado e bañado en sangue. O fillo, que estaba noutro cuarto, sufriu feridas leves.

Igrexa de Santa Uxía de Asma.

A bomba tiña a forma dun libro ou estoxo de tocador perfectamente vernizada e cun resorte o chaveta que a pechaba. Dentro había outro resorte en espiral que se supón foi o que produciu a chispa. Parece que a bomba estaba cargada con silicato de mercurio e melinita.

A noticia do atentado produciu unha enorme consternación en Chantada, na provincia de Lugo e en todo o país. A asociación de mestres de Chantada acordou a suspensión das clases  durante corenta e oito horas como sinal de protesta e o enterro de Aniceto constituíu unha enorme manifestación de dó á que acudiron miles de veciños de Chantada e as autoridades locais e provinciais.

Aniceto Pereira Gutiérrez era o primeiro mestre da escola nacional da parroquia de Santa Uxía de Asma,  que fora creada o ano anterior, e levaba só catro meses en Aspai. Aprobara as oposicións no verán de 1920 e este era o seu primeiro destino como mestre titular. Trasladouse a Asma coa súa muller Cándida Gómez Doval, coa que casara a principios dos anos dez, e o seu fillo José Antonio nado en 1911.

Aniceto nacera en Santa Baia de Camba en 1887, fillo de Antonio Pereira e María Gutiérrez. Os pais enviárono ao Seminario de Lugo onde estivo varios anos e de onde saíu para facerse mestre. Ingresou na Normal de Pontevedra en 1913 para facer a reválida como mestre elemental en setembro do ano seguinte. O seu primeiro destino foi a escola graduada de Ponteareas onde traballou como interino dende outubro de 1916. Ao ano seguinte foi destinado á escola de Ventoxo, en Forcarei, e en 1919 foi nomeado para a parroquia de Eidián en Agolada. Durante estes anos presentouse, aínda que sen éxito, ás oposicións de maxisterio.

Durante a súa estadía como mestre da escola de nenos de Eidián, unha escola de nova creación, foi denunciado por un cacique da parroquia que recolleu sinaturas entre os pais para intentar que as autoridades académicas o retiraran do seu posto, sen logralo. Ao ano seguinte aprobou as oposicións e foi destinado a Aspai en setembro de 1920.

O xulgado de Chantada iniciou de inmediato as investigación para descubrir aos autores do atentado, que inicialmente foi atribuído a móbiles políticos relacionados coa loita agrarista. O movemento agrario era especialmente vizoso neses anos na comarca chantadina, contaba con sólidos apoios como o xornal El Regionalista, dirixido por José Costa Figueiras, e sostiña un duro enfrontamento co caciquismo.

Ao pouco as investigacións, orientadas polas sospeitas dos veciños de Santa Uxía de Asma, apuntaron a outro veciño, Daniel Ledo López, un mozo que retornara había algúns anos de América ao que atribuían ideas socialistas e anarquistas, e do que dicían que fora pirotécnico; e ao pai deste, Antonio Ledo López, coñecido como o mestre da Cuqueira, por ter sido mestre de ferrado de Santa Uxía antes da instalación da escola nacional en Aspai. Dicíase que Antonio estaba resentido co novo mestre porque lle quitara o seu medio de vida e porque ademais castigara e expulsara a dous dos seus fillos da escola. O certo e que ambos foron detidos e acusados do atentado. No rexistro do seu domicilio “foron achados un frasco contendo ácido nítrico e unha cantidade de xofre”.

Noticia do xuízo na prensa.

Foron xulgados na Audiencia de Lugo nun proceso que comezou o 31 de xullo do ano seguinte e durou tres días, e no que chegaron a declarar 82 testemuñas. A pesar diso e ante a inexistencia de probas concluíntes, o tribunal emitiu un veredicto de inculpabilidade.

Recorrido o veredicto polo fiscal e a acusación particular, o xuízo volveu repetirse a principios de novembro co mesmo resultado. O crime quedou sen resolver.

A viúva de Aniceto, Cándida Gómez, non tiña dereito de pensión polo escaso tempo de servizos e os mestres de Chantada fixeron unha subscrición para axudala mentes se tramitaba o expediente para pedir ao Goberno a concesión dunha pensión extraordinaria e vitalicia, que se aprobou en xullo dese ano.

O fillo, José Antonio Pereira, ingresou na Escola Normal de Pontevedra grazas a unha bolsa e fíxose mestre en 1933. Foi mestre na parroquia de Santa Baia de Camba, na que nacera o seu pai, e un dos socios fundadores da Casa del Maestro de Pontevedra.

Vítimas da represión franquista en Rodeiro

atila-en-galicia-4

Este é o listado (seguramente incompleto) dos mortos pola represión franquista do concello de Rodeiro, ordenados pola data do seu falecemento:

José Vales Failde (San Salvador de Camba, 1891), enxeñeiro agrícola. Destinado en Palencia, foi vicesecretario do Partido Republicano Radical Socialista de Palencia en 1930. A finais de 1935 foi nomeado enxeñeiro xefe do Servizo Provincial de Reforma Agraria de Granada. Fixo o catastro da provincia de Cádiz. Foi paseado en Granada en agosto de 1936 polos falanxistas de Cádiz.

Manuel Santeiro Boo (Chantada, 1903), mestre. Casou en Trasulfe-Fafián con Marina Arias García en 1928. Director da Escola Graduada de Ortigueira. Foi paseado na Coruña o 25 de agosto de 1936.

Victorino Areán Diéguez (Portela, 1910), implicado nos incidentes das eleccións xerais de xuño de 1931 en Rodeiro. Foi detido o 1 de agosto de 1936 por tenencia de armas. Trasladado a Pontevedra o 8 de setembro para ser xulgado, o Consello de guerra non chegou a celebrarse. O 9 de outubro foi asasinado no quilómetro catro da estrada de Pontevedra a Pontecaldelas.

Severino García Teijeiro (Guillar, 1895), practicante, nomeado practicante municipal do Concello de Rodeiro en 1931. Era vicepresidente da Sociedad de Agricultores de Santa Marina de Pescoso. Foi detido o 3 de setembro de 1936 por tenencia de armas e “propaganda comunista”. Trasladado a Pontevedra foi acusado de auxilio á rebelión. Xulgado en Consello de guerra o 6 de outubro de 1936, foi absolto. O 9 de outubro pretextando un traslado á cadea da Estrada, foi sacado da prisión pola Garda civil, que o levou nun autocar á Estrada onde foi asasinado.

José María Vázquez Diéguez (Santa Mariña de Pescoso, 1900), casado cunha filla de Juan Calvo, vivía na súa casa de Ponte Pedroso, na que adoitaban refuxiarse os membros do grupo do Largo. O 5 de novembro de 1939, cando a Garda civil asalta a vivenda, sae fuxindo, sendo abatido polos disparos dos gardas que rodean a casa.

Benjamín García Diéguez, Largo de Barbeitos (Negrelos, 1916), alistouse no Tercio en 1936, e en 1938 desertou. Integrouse no grupo guerrilleiro de Recaré, realizando pequenos atracos e repartindo propaganda. Foi ferido pola Garda civil o 5 de novembro de 1939 e detido. Xulgado en Pontevedra en Consello de guerra, foi condenado a pena de morte. Foi fusilado o 28 de agosto de 1940.

Ramón Sánchez, Areán (San Cristovo do Az, 1912), fuxido nos montes de Rodeiro polo temor ás represalias pola súa actuación durante o réxime republicano. Xunto con Benjamín García incorporouse ao grupo guerrilleiro de Recaré. Trala caída do Largo marchou de Rodeiro e refuxiouse na fronteira portuguesa onde se dedicaba ao contrabando cun cómplice policía. Foi detido en Pazos (Cadós-Bande) o 12 de setembro de 1940. Xulgado e condenado a morte en Consello de guerra, foi executado en Ourense o 14 de abril de 1941.

A xeografía do Arnego en 1931

No número 482 da revista Vida Gallega, que viu a luz o 20 de abril de 1931, poucos días despois da proclamación da II República, apareceu un artigo sobre o río Arnego da autoría de Heliodoro Gallego Armesto.

Río Arnego
Río Arnego, 1931.

 

Heliodoro Gallego, nado na Pobra de Trives en 1872, era doutor en Ciencias e catedrático da Escola de Artes e Oficios de Santiago de Compostela, da que chegou a ser director; ademais dende o 1908 ao 1918 foi profesor auxiliar interino da Facultade de Ciencias da Universidade compostelá. Porén, se por algo é coñecido o protagonista desta historia foi por ser autor do traballo Matemáticos españoles contemporáneos (1924) que serviu para divulgar a figura do coruñés Durán Loriga.

Como publicista colaborou puntualmente no Boletín da Real Academia Galega, pero sobre todo con Vida Gallega, onde publicou entre 1921 e 1933 (un ano antes da súa morte) multitude de artigos xeográficos sobre rutas (a serie “A través de Galicia”), estradas, cidades, vilas, concellos, santuarios, mosteiros, montañas e ríos.

O artigo sobre o Arnego, que formaba parte da serie “Ríos gallegos”, recolle algúns datos interesantes sobre a súa situación e a da comarca nesa época. Hai unha enumeración das pontes que existían -Armucela, Salnés, O Hospital, Pedroso, Os Cabalos, Vilariño, Carmoega, Toiriz e Arnego- e as estradas que o atravesaban. Menciónanse os castros de Lamazares e Marcelín, o mosteiro da Granxa (que supoñemos sexa o de Órrea) e o pazo de Trasulfe, ao que non había moito quitaran as ameas. Tamén dá noticia das obras de construción do ferrocarril Zamora-Coruña que comezaran neses anos, tema do que era especialista, pois xa editara unha guía co título Los ferrocarriles de Galicia. Remata Heliodoro a súa descrición cunha pequena nota histórica.

Heliodoro Gallego Armesto 1932
Heliodoro Gallego.

Reproducimos aquí o artigo completo tal e como apareceu na revista.

EL ARNEGO

Desarrolla su curso este río en la zona más avanzada del NE. de la provincia de Pontevedra, encontrando su origen en la gran cadena montañosa que separa aquella provincia de las de Lugo y Orense y delimita a la vez las cuencas hidrográficas del Miño y el Ulla.

Una serie de pequeños arroyos formando abanico entre las sinuosidades de tales montañas van reuniéndose poco a poco hasta formar el río, que puede ya considerarse como tal a la altura de la parroquia de Santiago de Arnego, en cuyos términos pasa bajo el puente de Armucela. Encuentra luego otros caudales más escasos, procedentes del Monte Peña de Francia, y cambia la dirección de su curso que era de E. a O. tomando resuelta y decididamente la de S. a N. con ligera inclinación al O. sin ofrecer ya en todo su curso grandes inflexiones, a pesar de ser sinuoso.

Encuentra en Carboentes el puente Salnés y entre Alceme y Rodeiro el llamado del Hospital que da paso a la moderna carretera de Lalín a Monforte de Lemos. Pasa luego, entre Alemparte y Pedroso, bajo el que lleva este último nombre y después de Parada bajo el de Cabalos.

Al llegar a este punto el río Arnego se inclina durante un corto trayecto, pasando entre las parroquias de Cadrón y Ferreiroa para cuyo servicio tienen el puente de Vilariño, y volviendo su curso al N. otra vez, pasa sucesivamente bajo los puentes de Carmoega y Touriz, para seguir ondulando en terreno más despoblado hasta alcanzar otro puente en la parroquia de Santa María de Arnego, conocido con este mismo nombre, y kilómetros más abajo acaba su curso rindiendo sus aguas al Ulla en términos de Brocos.

Nace y muere este río en lugares de idéntica toponimia: su origen Arnego, su fin Arnego. O toma él su nombre del de estas parroquias o, por el contrario, son ellas quienes, situadas al principio y al fin, de su curso, que es de 42 kilómetros, dan nombre al río. El caso no es único Galicia, otros ríos hay en ella que, cual este, nacen y mueren en lugares que llevan su mismo nombre.

Las aguas del río Arnego, cuyas márgenes se hacen en varios lugares escarpadas y bastante profundas, abundan en excelentes truchas y anguilas y en el último tramo de su curso en buenos salmones que suben del Ulla.

Las mojoneras que deslindan la cuenca hidrográfica de este río forman una línea que, partiendo de su extremo NE. sigue una serie de alturas que, elevándose sucesivamente desde el río Ulla, alcanzan en los montes que limitan la provincia de Lugo, primero el pico del Farelo que se alza a 960 metros sobre el nivel del mar y después la Sierra del Faro, que en su punto más alto, que lo es a la vez de toda esta cuenca, tiene una ermita dedicada a Nuestra Señora del Faro y un vértice geodésico cuya cota es de 1.172 metros.

Sigue después tal línea por las cumbres de los montes que separan la provincia de Orense, en dirección de E. a O. para volver al N. internándose por la de Pontevedra por las crestas de los Montes Peña de Francia (96 m. n. m.); cruza luego la Tierra de Deza, de relieve topográfico más indefinido, alcanza la Feria del Vento, continúa por el Monte del Cárrio (853 m. n. m) y después de atravesar la villa de Las Cruces, desciende otra vez al Ulla.

Toda la cuenca hidrográfica del río Arnego pertenece el partida judicial de Lalín, apareciendo su terreno distribuido en los municipios de Carbia, Golada, Lalín y Rodeiro, e integrado por 58 términos parroquiales con 242 entidades de población que reúnen 3.832 edificios y 16.245 habitantes, habiendo además otros 1.839 que habitan 446 edificios aislados y diseminados por el campo.

La extensión superficial de esta cuenca es de 467 kilómetros cuadrados lo que da una población relativa de 39 habitantes por kilómetro cuadrado.

Su altura media sobre el nivel del mar es de 400 metros, estando su punto más bajo, la confluencia del Arnego con el Ulla solamente a 171, y además de los puntos detallados al reseñar sus lindes, abundan en ella los castros, entre los que sobresalen como más notables los de Lamazares y Marcelín; guarda también notables monumentos entre los que descuella el antiguo monasterio de Granja y por último abundan en ella las casas solariegas, muchas de ellas interesantes y de las cuales citaremos solamente, como tipo, la de Trasulfe, que presenta al exterior una escalera, una solana y una chimenea decorativa, muy típicas del país. Su original portada forma bello conjunto con la entrada de la capilla. Lástima que al reformar recientemente este pazo le quitasen las almenas que tanto carácter le daban.

El terreno de la cuenca hidrográfica del Arnego se presenta en su principio y fin escabroso y áspero; en su mitad superior forma el Valle de Camba o de Rodeiro.

Las principales producciones de la cuenca son trigo, centeno, avena, maíz, lino, legumbres, patatas, hortalizas, frutas, y algún vino. En la parte inculta abundan los pinos, robles y matorrales con buenos pastos que crían ganado vacuno, lanar, cabrío y de cerda, y también caza mayor y menor.

Toda esta cuenca está, por ahora, alejada de las vías férreas, y decimos por ahora; puesto que el ferrocarril en construcción de Zamora a Coruña, ha de cruzarla por su parte S. Disponen por tanto solamente sus habitantes para comunicarse con el resto del mundo y entre sí de las siguientes carreteras.

Una que asciende desde Las Cruces a través de la parroquia de Touriz para cruzar el río Arnego por el puente de aquel nombre, pasado el cual asciende por la cuesta del Baladoiro cruzando la de Brántega, deja a la izquierda el collado de Peña Mayor y el Castro Marcelín, y por fin entre altas tierras llega a La Golada, en cuyo lugar cruza otra que por la derecha viene de Lalín y por la izquierda se dirige a Betanzos.

Sigue ascendiendo por Trabanca hasta alcanzar la línea divisoria con la provincia de Lugo, dejando por su derecha el alto pico del Faro, y por términos de Antas de Ulla enlaza en Monterroso con otras. La dirección general de esta carretera es de O. á E. en la parte N. de la cuenca.

En la misma dirección la atraviesa otra por su parte S. que procedente de Lalín y por altas tierras de relieve topográfico muy difuso penetra por Albarellos, Castro de Cabras y Alceme, cruza el río y siguiendo después la margen derecha de uno de sus pequeños afluentes asciende a través del valle por Rodeiro y Camba, para alcanzar las alturas de la Sierra del Faro y una vez cruzada esta, seguir a Chantada.

Otras dos carreteras cruzan la cuenca hidrográfica de río Arnego de S. a N. procedentes ambas de Lalín o sus inmediaciones. Penetra la primera por la Feria del Viento y sigue por las faldas orientales del Monte del Cárrio y a través de las parroquias de Fuente Cabalos, Bermés, Val y Camposancos llega a Las Cruces desde donde desciende por Cumeiro y Ferreiros, para salvar el Ulla y seguir a Arzúa.

La otra, parte también de Lalín, y una vez alcanzada la divisoria, desciende hasta cruzar el arroyo que baja de Albarellos, asciende después por Alperiz para volver a descender de nuevo por Parada hasta cruzar el Arnego por Puente Cabalos, y ascender otra vez. Desde aquí por Ferreiróa a La Golada, desde donde baja al Ulla para seguir a Betanzos.

El año 1.836 fue batida en la feria de Rodeiro por fuerzas militares de Pontevedra una partida de 40 carlistas de los que murieron siete, entre ellos un ex-fraile dominico de Lugo y un oficial portugués.

Heliodoro Gallego co claustro da Escola de Artes e Oficios da Coruña, 1924
Heliodoro Gallego co claustro da Escola de Artes e Oficios da Coruña, 1924.

O artigo foi reproducido por La Voz de Galicia uns meses despois, concretamente o 17 de outubro dese ano de 1931.

Eusebio Vence Calviño, un propagandista católico

Eusebio Vence Calviño
Eusebio Vence Calviño en 1918.

Cando un dezao le xuntos os apelidos Vence e Calviño dase conta de inmediato de que está diante dun conterráneo. Isto aconteceu cando vin unha referencia a un frade franciscano de nome “León Vence Calviño”. Figuraba como director da revista La Voz de San Antonio, unha publicación que se editaba en Sevilla a principios do século XX.

Pero en realidade non se chamaba León, senón que ese foi o nome que adoptou ao ingresar na orde franciscana. Nacido na parroquia de Riobó, en Rodeiro, o 29 de decembro de 1857, foi bautizado como Eusebio Vence Calviño. Era fillo de Manuel Vence García e Benita Calviño Araujo, a curmá de Benito Antonio Calviño Mejuto, que foi xuíz e despois alcalde de Lalín entre 1897 e 1901. Os seus pais destinárono ao Seminario de Lugo, onde se ordenou sacerdote en 1881 e empezou a colaborar na prensa eclesiástica. Foi administrador de El Lucense, un xornal de tendencia carlista que viu a luz de 1883 a 1902. Xa naquela época era recoñecido como un excelente orador e os seus sermóns eran solicitados como se dun famoso predicador se tratase. Temos algunhas mostras da súa prosa xornalística na revista Galicia, que dirixiu na Coruña Andrés Martínez Salazar.

En 1888 morreu a súa nai e ao ano seguinte o seu pai. Parece que se trasladou a Vigo por algúns problemas de saúde e en 1890 converteuse en capelán das monxas do Colexio da Ensinanza de Vigo. Na cidade da oliva desenvolveu unha intensa actividade xornalística: foi redactor de Faro de Vigo, chegou a dirixir La Integridad de Tui por un breve período, foi redactor de El Criterio Gallego de Pontevedra e fundou en Vigo o periódico católico El Restaurador.

Foi nese ano de 1893 cando decidiu tomar os hábitos franciscanos. Trasladouse ao Convento de Loreto, en Sevilla, tomando o nome de Frei León. Algúns anos despois foi nomeado Gardián do Convento de Franciscanos de Badaxoz, e alí dirixiu La Voz de San Antonio en dous períodos: de 1902 a 1905 e de 1917 a 1920. Asinaba os seus artigos na revista franciscana co pseudónimo “Campo de Mato” o nome do seu lugar de nacemento na parroquia de Riobó.

Eusebio visitou varias veces o seu concello natal e nalgunha ocasión tivo un especial protagonismo en Rodeiro, como por exemplo na celebración da primeira misa do seu paisano Germán Vales, o irmán de Javier Vales Failde, na que pronunciou o sermón en 1911. Por certo, pouco tempo puido exercer o sacerdocio Germán Vales, pois morreu ao cabo de dous anos. Tamén seguiu colaborando ocasionalmente na prensa galega, publicando artigos sobre moral e costumes en El Norte de Galicia de Lugo e El Compostelano.

Frei León Vence Calviño tomou posesión como Superior do Convento de Santa María da Rábida en Palos de la Frontera (Huelva) no ano 1923. O mosteiro da Rábida débelle a súa importancia histórica ao feito da chegada de Cristovo Colón, que atopou refuxio e atención entre os seus frades. Como Superior do Convento, Frei León foi o encargado de recibir e agasallar os tripulantes do voo do Plus Ultra en 1926.

Guía historíca ilustrada del Monasterio de la Rábida
Portada da Guía del Monasterio de la Rábida.

Froito do seu coñecemento do mosteiro, Vence escribiu a obra Guía Histórica del Monasterio de Santa María de la Rábida, que se publicou en 1929 co pensamento posto na Exposición Iberoamericana que se ía celebrar en Sevilla nese ano. A Guía contén unha descrición do convento e dos lugares colombinos de Huelva, un repaso pola historia do monumento e tamén algunhas notas sobre a biografía de Colón e o descubrimento de América, que o seu autor –afirma- están tiradas do Arquivo Xeral de Indias de Sevilla. O libro, de 121 páxinas, contén abundantes fotografías. Por este labor divulgativo, a Sociedad Colombina Onubense nomeouno Socio Honorífico. Tamén colaborou no xornal El Guadalete de Xerez da Fronteira.

Algunhas fontes dan a Vence como autor dunha novela, Juanita Quirós, asinada co seu pseudónimo habitual en La Voz de San Antonio, Campo de Mato; porén, non puiden confirmar este extremo.

Eusebio Vence Calviño finou no Mosteiro da Rábida o 8 de marzo de 1932, con 75 anos.

Capa da Guía histórica del Monasterio de la Rábida