Vítimas da represión franquista en Lalín

guerra-civil

Este é o listado (seguramente incompleto) dos mortos pola represión franquista do concello de Lalín, ordenados pola data do seu falecemento:

Manuel Ferreiro Panadeiro. Nado en Lodeiro en 1903. En 1930 funda o Centro Republicano de Lalín e dirixe o seu periódico Atrás. Foi elixido alcalde de Lalín como cabeza da candidatura republicana que gaña as eleccións en 1931. Fiel á disciplina da FRG, cando se disolve, intégrase en Izquierda Republicana. Ao producirse a sublevación fascista, organiza un intento de resistencia en Lalín enviando a Pontevedra unha columna de obreiros mobilizados polos sindicatos en apoio á República. Ao fracasar, refúxiase en Compostela, onde permanece agochado ata que o deteñen nos primeiros días de agosto. Foi trasladado a Pontevedra, onde o xulgan en Consello de Guerra o 21 de agosto. Condenado á pena de morte, foi fusilado no quilometro un da estrada a Campañó o 27 de agosto de 1936.

Eligio Quintá Ramos. Nado en Cristimil en 1914. Estivera afiliado á Sociedad Obrera de Donsión. Estaba cumprindo o servizo militar en Ferrol, onde foi paseado o 6 de outubro de 1936.

Xesús Froiz Gómez. Nacido en Moneixas en 1902, era xornalista e poeta, na República foi garda municipal. Militante do Partido Galeguista, animador e propagandista de Os Dezas de Moneixas, colaborou en Verdad y Justicia e A Nosa Terra, dirixiu La Nueva España e foi redactor de Razón. O 4 de agosto de 1936 detéñeno e ingresa en prisión, onde permanece ata o 9 de outubro, cando o levan para pasealo na Estrada.

Gonzalo López Rodríguez. Foi paseado o 11 de outubro de 1936 en Serantes (Ferrol).

Luis Frade Pazos. Naceu en Bendoiro en 1894. Fundador da sociedade obreira de Ponte-Nova, da que foi elixido vicepresidente en xaneiro de 1931. Foi concelleiro republicano en Lalín. Nomeado en marzo de 1936 recadador municipal, ocúpase da dirección do concello en colaboración con Manuel Ferreiro. Chantaxeado polas autoridades fascistas, foi obrigado a pagar unha suposta débeda que tiña co Concello coa promesa de que non lle ía pasar nada. Pero igualmente foi detido o 27 de outubro e internado na Prisión de Lalín. O 4 de novembro trasládano xunto con outros 38 detidos á Illa de San Simón, de onde o sacan cinco días despois para asasinalo o 9 de novembro en Tenorio.

Eliseo Garra Lalín. Nace en 1893 en Lalín. Membro do Centro Republicano de Lalín, foi nomeado Inspector de camiños do concello en 1933. No período do Frente Popular era o encargado da confección do Padrón de habitantes. Foi un dos condutores dos automóbiles que trasladaron aos obreiros a Pontevedra o 20 de xullo. Detido o 15 de setembro, agarda na Prisión de Lalín ata o 4 de novembro o traslado a illa de San Simón. Sácano o día 9, aínda que segundo algunhas testemuñas, o seu asasinato podería deberse á confusión do seu apelido con outro dos detidos. Foi paseado o 9 de novembro en Tenorio.

Ramiro Granja González. Nace en Filgueira en 1889. Foi un dos fundadores da Sociedade obreira de Ponte-Nova en 1931 da que sería presidente 1936. En maio dese ano Luis Frade noméao axente executivo para o cobro de impostos municipais. Foi un dos primeiros mobilizados ante as noticias do golpe de Estado, acudindo a Lalín con varios compañeiros da Sociedade o 19 de xullo. Detéñeno o 1 de setembro e intérnano no Cuartelillo de Falange instalado no Hospitalillo. Alí foi torturado e obrigado a asinar unha declaración inculpatoria. Acabaría sendo trasladado o 4 de novembro ao lazareto de San Simón, de onde o sacan cinco días despois para darlle o paseo en Tenorio.

José López Bermúdez. Nado en Cádiz en 1907, residía en Bendoiro, onde foi elixido presidente da Sociedade La Democracia desa parroquia. Activo sindicalista, é un dos líderes obreiros que participa na reunión convocada por Ferreiro o 20 de xullo para mobilizar aos traballadores en defensa da República. Foi detido o 20 de outubro, permanecendo na Prisión de Lalín ata o 4 de novembro, cando o trasladan a San Simón. De alí sae para a morte o 9 de novembro de 1936 en Tenorio.

José Montouto Rodríguez. Nace en 1890 en Donsión. Participou na fundación da sociedade de Ponte-Nova, da que foi elixido vicetesoureiro en 1931. Foi detido o 9 de setembro de 1936, permanecendo na Prisión de Lalín ata o 4 de novembro, cando o trasladan ao Lazareto, do que sae o 9 para a súa execución en Tenorio.

Luis Varela Sobrado. Naceu en Palmou en 1907. Canteiro, co inicio das obras do ferrocarril, trasládase a Botos. Afíliase a Sociedade obreira La Equidad converténdose no seu presidente. Foi detido en novembro de 1934 xunto con José González, acusado de coacción aos obreiros do ferrocarril con motivo dos sucesos de outubro. Foi detido o 1 de setembro de 1936 e internado no Cuartelillo de Falage instalado no Hospitalillo. Trasladado a Prisión de San Simón o 4 de novembro, sácano o día 9 para asasinalo en Tenorio

José Crespo Torres. Nado en Bendoiro en 1905, emigrante retornado de Bos Aires, era vicepresidente da Sociedade Obreira de Donsión en 1931. Fundou a Sociedade obreira La Democracia de Bendoiro. Nomeado alguacil-porteiro do concello en 1934, foi detido con José Fondevila polos sucesos de outubro dese ano. Detido en Lalín o 23 de xullo de 1936, foi trasladado a Pontevedra o 15 de setembro e xulgado en Consello de Guerra o 18 de novembro. Condenado á pena de morte, foi fusilado o 2 de decembro.

Benito Fernández Balboa. Nado en Lalín en 1903. Foi nomeado garda municipal na República. Detido o 15 de setembro de 1936, foi trasladado a San Simón en outubro. Xulgado en Consello de Guerra o 20 de novembro, foi condenado a reclusión perpetua. O 4 de xaneiro de 1937, co pretexto dun traslado de prisión foi asasinado.

José Donsión Muíños. Nado en Donsión en 1902. Emigrado en Arxentina de onde retorna en 1934. Canteiro de profesión, traballaba nas obras do ferrocarril. Pertencía á directiva da Sociedade Obreira La Fraternidad de Donsión. Detido o 3 novembro de 1936, foi trasladado ao día seguinte a San Simón. Xulgado en Consello de Guerra o 2 marzo de 1937, foi condenado á pena de morte. O 16 marzo foi executado en Monteporreiro.

Adolfo Blanco Barreira. Nado en Cristimil en 1904. Pertencía ao Comité Republicano de Gresande-Cristimil. Detido en Lalín o 25 de agosto de 1936. O 4 de novembro foi trasladado a Pontevedra onde o xulgan en Consello de Guerra sendo condenado a reclusión perpetua. Trasladado ao penal de San Cristobal en Pamplona, participa na fuga, sendo abatido pola Garda civil o 22 de maio de 1938.

José Carballude González. Nado en Donsión en 1904. Canteiro e obreiro do ferrocarril. Membro da directiva da Sociedade Obreira La Fraternidad de Donsión afecta á UGT. Detido en Lalín o 7 de setembro de 1936. O 4 de novembro foi trasladado a Pontevedra onde foi xulgado en 1937 e condenado a reclusión perpetua. Trasladado ao penal de San Cristobal en Pamplona onde participa na fuga do penal, sendo abatido pola Garda civil o 22 de maio de 1938.

Amadeo Enríquez Baldonero. Nado en Vilanova en 1916. Morto mentres está en filas.

Celso Lamas Coego. Nado en Cristimil en 1917. Chamado a filas, morto ao intentar pasarse ao bando leal.

José Vázquez Fernández. Nado en Cuba en 1906, fillo de José Vázquez Fernández de Bermés, retorna coa familia a Galicia en 1926. Peón nas obras do ferrocarril e afiliado á Sociedad de Oficios Varios de Donsión. Foi detido en Pontevedra o 25 de xullo de 1936. Xulgado en Consello de guerra o 20 novembro foi condenado á pena de morte, aínda que lle foi conmutada pola inferior, reclusión perpetua, por ser súbdito cubano. Trasladado á prisión de Pamplona en maio de 1937, a causa das duras condicións da cadea, morre por tuberculose o 21 de maio de 1940.

Benito González González. Nado en Lebozán en 1918. Zapateiro, fora detido e estivo preso en Pontevedra. Pretendía unirse á guerrilla en 1947 con outros tres compañeiros, pero foron descubertos pola Garda civil que os agardaba no lugar establecido para o contacto e Benito foi abatido no muíño de Lebozán o 9 de decembro de 1947.

Miguel Lamas Iglesias. Nace en Vilatuxe en 1902. Membro da Directiva da Sociedade Fraternidad de Donsión. Detido na Prisión de Lalín o 22 de agosto de 1936. O 8 setembro foi trasladado á Illa de San Simón. Xulgado o 18 novembro en Consello de Guerra foi condenado a reclusión perpetua. Foi liberado en 1941. Volven detelo en 1948 acusado de axudar á guerrilla. Xulgado na Coruña o 22 de marzo de 1949, foi condenado a un ano e seis meses de prisión. Como consecuencia da súa estadía no cárcere acabaría morrendo en Donsión ao pouco de ser liberado o 14 abril de 1951.

Aquel 18 de xullo

O 18 de xullo de 1936 producíase en Marrocos a sublevación militar que pretendía derrocar a II República, levantamento que fracasou, pero deu lugar á guerra civil ou guerra dos tres anos. En Deza non vivimos a sublevación, pero si as súas terribles consecuencias. Este é o relato do que aconteceu nesas xornadas cruciais.

Xesús Golmar - comprimido
Xesús Golmar, alcalde de Lalín.

A partir de febreiro de 1936, cando a Fronte Popular gaña as eleccións e propicia a reposición das corporacións municipais elixidas democraticamente en 1931, iniciouse unha nova etapa de recuperación das conquistas do primeiro bienio, o que trouxo consigo o desenvolvemento dos partidos de esquerda e dos sindicatos. O cambio político máis significativo produciuse no Concello de Lalín, ao ser substituída en abril a corporación encabezada por Manuel Ferreiro por unha Comisión Xestora presidida polo galeguista Xesús Golmar, da que forman parte Manuel Diéguez Varela, Luís Frade, Bernardino Rodríguez Ferradás e Julio Calviño; Ferreiro foi nomeado secretario do Concello.

Neste primeiro semestre de 1936 non houbo incidentes graves na comarca. Os obreiros do ferrocarril en construción estiveron en folga, coas conseguintes manifestacións, sen que se produciran altercados; detiveron os dirixentes lalinenses da Falange (que fora declarada ilegal) aínda que foron liberados ao día seguinte; e seguiron as habituais pelexas nas festas parroquiais, que ás veces remataban con feridos. Porén, en Deza non houbo manifestacións anticlericais, asaltos ou queima de igrexas; as procesións saíron sempre á rúa e nin se chegou a facer efectiva a secularización dos cemiterios; tampouco houbo agresións ou detencións de dereitistas.

Un dos acontecementos políticos máis importantes foi a Asemblea de alcaldes da Comarca, celebrada o 3 de xuño, na que acordaron constituír unha mancomunidade para xestionar melloras para a zona, e, evidentemente, a celebración do Plebiscito polo Estatuto de Autonomía o 28 de xuño, que supuxo unha intensa campaña de mitins, moitos deles protagonizados por Antón Alonso Ríos.

A sublevación
As novas da sublevación militar en Marrocos chegan a Deza por radio o mesmo día 18. Esa noite achéganse a Lalín grupos de obreiros de Prado e Bendoiro á procura de noticias. Ao día seguinte desprázase a Pontevedra unha delegación encabezada por Manuel Ferreiro, cos alcaldes de Silleda e Carbia, acompañados de dirixentes políticos da Fronte Popular e líderes sindicais, onde se entrevistan co gobernador civil para recibir instrucións. Ao regreso ordenan a requisa de armas aos dereitistas e organizan patrullas cos gardas municipais e dirixentes obreiros. Non obstante, non chegaron a constituírse Comités de defensa e a autoridade estivo sempre en mans dos alcaldes.

Emilio Alonso Paz
Emilio Alonso Paz, alcalde de Silleda.

En Lalín mobilízanse as sociedades obreiras La Fraternidad de Donsión, La Equidad de Botos e Obreros de La Gesta e os seus dirixentes acoden á vila para poñerse ás ordes das autoridades republicanas. Porén, a garda civil vixía e impide as concentracións. Declárase a folga xeral o 20 de xullo, pecha o comercio e o Casino. Ordénase a requisa de armas e explosivos das armerías e póñense as polvoreiras das obras do ferrocarril baixo custodia das autoridades. Ferreiro convoca pola mañá os presidentes das sociedades obreiras para dispor a defensa da República e o alcalde Golmar dá instrucións para que a Garda civil reparta as armas do cuartel entre os obreiros, pero o sarxento comandante négase alegando que só obedece as autoridades militares.

En Silleda tamén se convoca a folga xeral e os republicanos proceden á requisa de armas e explosivos. Na vila de Cruces, ante a ausencia da garda civil concentrada en Silleda, os dirixentes republicanos dispoñen patrullas e vixían as estradas que levan á vila, que estivo baixo o seu control ata a mañá do día 21.

Non houbo ningún enfrontamento, agresión nin detención dos elementos de dereitas. As atribucións das autoridades republicanas limitáronse ao control da orde pública.

Expedición a Pontevedra
Na tarde do día 20 organízase en Lalín unha columna formada polos obreiros que foran chegando á vila durante a mañá, mobilizados polas sociedades. Uns douscentos traballadores, con poucas armas, parten en seis camións previamente requisados cara Pontevedra en apoio á República. Á cabeza desta expedición van Manuel Ferreiro e os dirixentes obreiros José Fondevila e José Crespo. Ao seu paso por Silleda únenselles outro grupo en turismos e camionetas.

Cando chegan á capital xa fora declarado o estado de guerra e a cidade está baixo o control do Exercito. Os de Deza regresan, algúns a pé. En Silleda espéranos xa forzas da garda civil, que secundou en todo momento a sublevación, e un grupo de falanxistas e gardas cívicos. Cachéanos e desármanos practicamente sen resistencia, aínda que hai algún incidente co disparo de armas sen consecuencias. Curiosamente non se produce ningunha detención e a maioría regresan ás súas casas.

Benjamín Salgado Uribe
Benjamín Salgado, alcalde de Carbia.

Os alcaldes e dirixentes políticos, máis conscientes da nova situación, agóchanse: Manuel Ferreiro e Primo López, de Izquierda Republicana de Carbia, marchan a Compostela, pero serán detidos en agosto. Emilio Alonso Paz, o alcalde de Silleda, inicia unha fuxida polos montes do Candán, para marchar cara Ourense e pasar a fronteira portuguesa, onde foi capturado pola policía e entregado ás autoridades franquistas. Máis sorte tivo Marcelino García, que foxe tamén cara ao Candán, iniciando unha vida clandestina que non volverá á normalidade ata 1965. O alcalde de Cruces, Benjamín Salgado, agóchase en Arzúa onde permanece acubillado ata que se presenta ante as autoridades en 1945. Este é tamén o caso de Manuel Parga Díaz, dirixente comunista de Silleda, agochado primeiro en Compostela e logo na Coruña, onde finalmente se entrega.

Outros lograron permanecer ocultos, como José Moreira Espiño o primeiro Tenente-Alcalde de Silleda, que pasou catro anos nun caseto preto da súa casa ou Manuel Gil Amigo, o que fora presidente da Unión Obrera de Ponte, a quen finalmente descobren e deteñen en outubro de 1939.

Os primeiros días
A partir do día 21, toda a comarca está baixo o control da garda civil, que comeza a recibir as primeiras ordes para iniciar a represión. En Lalín deteñen a Manuel Guillán Abalo, un mestre de Pontevedra afiliado ao PC que pasaba aquí as vacacións. En Cruces, ao regresar a garda civil de Silleda para dar conta da declaración do estado de guerra e colocar o bando, prodúcense as primeiras detencións: os irmáns Villar Cimadevila e o seu cuñado Manuel Blanco; rexistran os locais do Comité de Izquierda Republicana e apodéranse da documentación que lles servirá para inculpar aos republicanos. En Silleda levan á cadea a Miguel Nicolás Esperante, o que anos despois se converteu no famoso guerrilleiro “Corcheiro”.

O día 22 apresan o sindicalista José Crespo Torres. O 25, un grupo de falanxistas e gardas civís cercan a José Fondevila na súa casa de Bermés; ferido, consegue escapar ocultándose en casas de veciños durante algúns meses; finalmente logra pasar a Portugal, sortear a policía e embarcar para Francia, desde onde pasa á zona republicana para combater no exército leal. Porén, capturan a outro veciño de Bermés, José Vázquez.

Ordénase a destitución das corporacións republicanas: o 24 de xullo depoñen o alcalde de Lalín e ao día seguinte aos de Silleda e Carbia. O 28 tócalle a quenda ao de Rodeiro; a principios de agosto os de Agolada e Dozón. Son substituídos por Alcaldes Delegados de Orde Pública, coñecidos militantes da dereita, que en moitos casos xa exerceran como alcaldes previamente á proclamación da República ou mesmo durante o bienio negro, como Bernardo Madriñán en Lalín ou Amalio Calviño en Rodeiro. Tiñan como misión o control e vixilancia da orde e a emisión de informes que foron os que xunto aos da garda civil propiciaron as condenas dos consellos de guerra.

E así chegamos ao mes de agosto, cando a maquinaria do terror actúa xa a pleno rendemento…

José Manuel Vázquez, o xornalista republicano de Bermés

Correspondente de El Pueblo Gallego e El País durante a República, foi un dos promotores da homenaxe ás vítimas da represión no Deza.

A casi cuatro décadas
Portada do seu libro.

José Manuel Vázquez Castro naceu en Cuba en 1914. Alí estaban emigrados os seus pais José María Vázquez Belay (José do Roque) e Estrella Castro Fernández. José Manuel é xa dende moi novo un rapaz apaixonado pola lectura e namorado dos libros. Nos anos vinte a familia regresa a Bermés e o seu pai, como moitos retornados cubanos imbuídos das ansias de emancipación e transformación social, intégrase no republicanismo lalinense. Foi un dos candidatos da lista encabezada por Manuel Ferreiro que gañou as eleccións de xuño de 1931. Elixido concelleiro, formou parte como vocal da Comisión de Instrución Pública. Con Antonio Jar integrouse da delegación lalinense na Asemblea Rexional de Concellos que aprobou o proxecto de Estatuto de Autonomía en decembro de 1932.

A finais de 1931 o noso protagonista, con só dezasete anos, convértese en correspondente do xornal El Pueblo Gallego en Bermés. A parroquia conta cun activo grupo de republicanos, entre os que destacan Francisco Asorey e o sindicalista José Fondevila. Desde as páxinas do periódico José Manuel Vázquez fai de portavoz das necesidades de Bermés: clama pola unión entre os veciños, o aproveitamento de montes e bosques, reivindica a construción da escola, a creación dunha biblioteca, o arranxo do cemiterio e a mellora das vías de comunicación. Polas crónicas sabemos tamén da súa febril actividade neses anos. Impartiu unha conferencia no Centro Republicano de Bermés co tema “A República base de progreso” en setembro de 1932. Organizou un concurso de beleza entre as mozas das parroquias da contorna, no que participaron 23 rapazas; o xurado proclamou “miss Deza” a Elena Iglesias, representante de Noceda. Animou a formación dunha nova banda de música baixo a dirección de Manuel Moure, que se chamou “El Porvenir”. Conseguiu finalmente a instalación da escola. Foi tamén nesta época cando se lle puxo o nome do matemático José Rodríguez González á estrada de Lalín a Cruces ao seu paso por Bermés. Vázquez foi obxecto dunha homenaxe en Sello organizada polo seu amigo Manuel Romero, que exercía alí de correspondente de El Pueblo Gallego.

Desde febreiro de 1936 José Manuel Vázquez volve exercer como correspondente en Bermés, nesta ocasión do xornal de Pontevedra El País, portavoz oficioso de Izquierda Republicana. As súas crónicas dan conta da manipulación exercida pola Igrexa nas eleccións de febreiro, da reposición da corporación democrática de Lalín e a festa posterior ou do pesar dos republicanos dezaos pola morte de Antón Vilar Ponte. Desde a páxinas do periódico pontevedrés volve reivindicar o arranxo da estrada Lalín-Cruces, a necesidade da educación e critica o fanatismo das aldeas auspiciado e incentivado polo clero.

Cando estala a sublevación fascista do 18 de xullo, e a pesar do seu recoñecido republicanismo, José Manuel síntese seguro pola súa condición de súbdito cubano. Pero a medida que os paseos, as detencións, os procesos e as execucións se van facendo cotiás, comeza a temer pola súa vida. Cando a principios de 1937 se estende o rumor de que os “cubanos” serían recrutados e irían a primeira liña, decide alistarse como voluntario na Brigada Flechas Negras, unha unidade mixta formada por mandos e persoal técnico italiano (procedentes do Corpo Truppe Volontaire, a forza enviada pola Italia fascista de Mussolini en apoio aos sublevados) e tropa española. Posteriormente a Brigada transformouse na División Flechas Negras e combateu na fronte Norte, logo na Batalla do Ebro e finalmente na campaña de Cataluña.

Ao rematar a Guerra volve a Bermés, sen que saibamos das súas actividades. En febreiro de 1947 casa con Amalia Fernández Sánchez, unha moza de Belelle que se criara en Bermés. Ao ano seguinte naceu a súa filla María Luz. Neses anos a vida no concello volvese asfixiante para os marcados polo estigma do republicanismo coa instalación en Lalín do Sector Interprovincial da Garda civil (a Brigadilla), un corpo especial dirixido polo comandante Manuel Montero, dedicado a persecución da guerrilla antifranquista que detén, interroga e tortura a calquera sospeitoso de non ser “adicto” ou colaborador do réxime. José Manuel decide marchar a Buenos Aires.

Na capital arxentina entra en contacto coa sociedade Unión del Partido de Lalín, que mantén viva entre os emigrados dezaos a loita contra a ditadura. Comeza a escribir nos periódicos antifranquistas bonaerenses unha serie de artigos relatando a represión na comarca de Deza. Especialmente significativo foi o titulado “La horrenda tragedia de Lalín”, aparecido en España Republicana no que denuncia como responsables do terror do 36 ao sarxento da Garda Civil Julio Rodríguez, ao alcalde Bernardo Madriñán e aos dirixentes falanxistas Jesús García, Amancio Moure e Mario Fernández. Tamén da conta da loita guerrilleira nos montes e aldeas da comarca, e fai análises da represión e da responsabilidade da Igrexa, nas colaboracións que publica no periódico Galicia (Órgano da Federación de Sociedades Gallegas) entre 1953 e 1954.

José Manuel Vázquez, xunto con outros lalinense exiliados a finais dos anos 40, que se integran na Sociedade Unión del Partido de Lalín, José Ferreiro, Francisco Blanco Barreiro e Jaime Agra Blanco, propóñenlle en 1951 á directiva da Sociedade a idea de facer un recoñecemento público aos mártires republicanos. En agosto do ano seguinte a Asemblea xeral da UPL acorda tributar unha homenaxe ás vítimas da represión facendo unha placa que os recorde. José Manuel Vázquez forma parte de comisión encargada de elaborar a lista e unha vez rematado o traballo en xullo de 1953, fíxase a data da inauguración para o 14 de abril de 1954, aniversario da República. A placa instálase nos locais da Federación de Sociedades Galegas e Vázquez é o encargado de escribir o discurso que le o presidente da UPL Bernardino Dobarro no acto oficial.

José Manuel Vázquez continúa coas súas colaboracións na prensa antifranquiata e tamén nalgúns xornais arxentinos, como Clarín. En 1973, ante os síntomas evidentes de descomposición da ditadura, publica un folleto que recolle unha recompilación dos seus artigos dos anos 50, co título A casi cuatro décadas del martirio de Galicia: 1936-1973, dirixido ás novas xeracións, para que non se esqueza ás vítimas da represión. O libriño foi enviado clandestinamente a familiares dos represaliados de Lalín.

Vázquez finou en Buenos Aires o 4 de outubro de 1997 quizais pensando como en 1932: “Tenemos por desgracia en nuestra tierra una combinación de política que no favorece en nada nuestras aspiraciones.”

A placa de Buenos Aires

Placa homenaxe aos asasinados pola ditatura franquista en Deza
Placa homenaxe aos asasinados pola ditatura franquista en Deza

En Buenos Aires, colgada nun dos locais da Federación de Sociedades Galegas, hai unha placa de bronce cunha alegoría da República que a Sociedade de emigrantes Unión del Partido de Lalín instalou en 1954 en homenaxe aos que caeron “en defensa de la libertad de la República española y los derechos humanos”. Figura nela un listado de 52 persoas, co seu respectivo cargo ou profesión, agrupados por concellos, “asesinados por pensar y desear para todos un mundo mejor”.

A sociedade Unión del Partido de Lalín. Auxiliar y de fomento de sociedades agrarias y culturales en el partido [judicial], fundárase en Bos Aires en 1921, cun marcado carácter agrarista e co obxectivo do fomento do ensino laico. Co golpe de estado do 18 de xullo a sociedade apoia con manifestos ao goberno lexitimo e durante a guerra civil organiza en colaboración con Hijos de Silleda e Pro-escuelas en Bandeira, coas que formou a Intersocietaria, unha serie de actos cívicos e culturais para recadar fondos para a República. Ao rematar da guerra continúa denunciando os crimes do franquismo sobre todo os da comarca dezá, aínda que tamén se manifestaron nunha carta aberta contra as condenas a morte de varios fuxidos galegos en 1949.

En agosto de 1952 a Asemblea xeral da UPL acorda tributar unha homenaxe póstuma a todos os mortos do Partido Xudicial de Lalín (o seu ámbito de actuación) en defensa da República facendo unha placa que os recorde. A idea de facer un recoñecemento público e perdurable aos mártires republicanos xurdira o ano anterior no seo da Comisión Directiva, á que se incorporaran algúns dezaos exiliados a finais dos anos corenta, vítimas da onda represiva desencadeada contra a guerrilla; entre eles José Ferreiro (irmán do líder republicano fusilado Manuel Ferreiro), Francisco Blanco Barreira e Jaime Agra Blanco (xulgados en 1949 e condenados a desterro que deciden exiliarse na Arxentina).
En xullo de 1953 rematan os traballos da comisión encargada da elaboración da lista dos represaliados e ponse en marcha a homenaxe. Fíxase a data definitiva da inauguración e acórdase que a placa se instale no local da Federación de Sociedades Galegas.

Finalmente, o 14 de abril de 1954, coincidindo cos actos do aniversario da República, inaugúrase con discursos do presidente da Sociedade Bernardino Dobarro e do Secretario xeral da Federación, pechando o acto unha ofrenda floral.

Nos meses seguintes, a UPL pon a venda unha fotografía da Placa, que adquiriron e aínda conservan moitos emigrados dezaos en Bos Aires.

Segundo as nosas investigacións, o listado dos mártires da República na Comarca de Deza que aparece nesta placa é bastante exhaustivo, tendo en conta que foi elaborado partindo fundamentalmente de fontes orais, polo que hai algúns erros na transcrición de apelidos e outros mesmo aparecen co seu alcume. Así vemos recollidos os fusilados e paseados, os que perderon a vida nas prisións (incluídos os abatidos na evasión da cadea de Pamplona), os que morreron a consecuencia do seu paso polo cárcere e tamén as vítimas da represión á guerrilla durante os anos corenta. Puidemos localizar a case todos os sinalados na lista, pero quedan algúns casos dubidosos, especialmente aqueles que son identificados como militares, que supoñemos son soldados alistados nas filas do exercito franquista e paseados polos informes que os denunciaban como republicanos, enviados polas novas autoridades.

Ofrecemos a continución o listado cos nomes e apelidos correctos:

LALÍN
Manuel FERREIRO PANADEIRO
Luis FRADE PAZOS
Emilio AREÁN MOURE
José LÓPEZ BERMÚDEZ
Adolfo BLANCO BARREIRA
José CARBALLUDE GONZÁLEZ
José CRESPO TORRES
Benito FERNÁNDEZ BALBOA
Amadeo ENRÍQUEZ BALDONEDO
José DONSIÓN MUIÑOS
Jesús FROIZ GÓMEZ
Eliseo GARRA LALÍN
Ramiro GRANJA GONZÁLEZ
Celso LAMAS COEGO
Miguel LAMAS IGLESIAS
Amancio LÓPEZ
Gonzalo LÓPEZ RODRÍGUEZ
José MONTOUTO RODRÍGUEZ
Eligio QUINTÁ RAMOS
Luis VARELA SOBRADO
José VÁZQUEZ FERNÁNDEZ

SILLEDA
Emilio ALONSO PAZ
Constantino CONDE PENIDO
Antonio COSTOYAS ARES
Miguel NICOLÁS ESPERANTE
José FARES FIDALGO
Luis MUIÑOS LORENZO
Ramón MUIÑOS LORENZO
Manuel NOYA GÓMEZ
Francisco PARDO GÓMEZ
Arturo PÉREZ LÁZARA
José RILO BUJÁN
Antonio VALLADARES GONZÁLEZ
Antonio VÁZQUEZ GONZÁLEZ
José Natividad SERPA ARAQUE

CARBIA
Eduardo BREA CAJIDE
Ramón RAMOS LAMAS
Rogelio CAJIDE RODRÍGUEZ
Ramón CAJIDE RODRÍGUEZ
Manuel CARBALLAL PENA
Jesús CEA ASOREY
Manuel CEA ASOREY
Antonio GÓMEZ LÓPEZ
Primo LÓPEZ RIVADULLA
Ramón TORREIRO RIAL
Rogelio SALGADO REY
Manuel SARMIENTO DEBÉN
Manuel VILLAR CIMADEVILA
Enrique VILLAR CIMADEVILA
Luis VILLAR CIMADEVILA

AGOLADA
Julio BARRIO NEGRO

RODEIRO
Victorino AREÁN DIÉGUEZ

Antonio Jar “Barbote”, o republicano de Vilatuxe

img093

Antonio Jar Dobarro, que foi coñecido como “Barbote”, naceu en Vilatuxe o 3 de abril de 1896. Era fillo de José Jar Cobas e María Josefa Dobarro Villaverde. Ao pouco de casar con Carmen Taboada, marchou a Cuba onde traballou na telefónica. Non logrou adaptarse ao clima da illa caribeña e enfermou, decidindo regresar a Galicia, pensando xa en morrer aquí. Pero en Vilatuxe logrou recuperarse, primeiro traballou de canteiro e montou unha taberna, que atendía a súa muller, despois mercou un carro de bois e dedicábase a carrexar pedra e facer outros transportes. En 1919 foi nomeado carteiro de Vilatuxe.

Amigo de Marcelino García, participou con el, Manuel Ferreiro e outros mozos dezaos na difusión dos ideais republicanos pola comarca. Membro do Centro Republicano de Lalín, converteuse nun dos líderes do republicanismo dezao. Encabezou a lista republicana polo distrito de Vilatuxe nas eleccións municipais do 5 de xuño de 1931. Foi elixido concelleiro, e o 20 de xuño tomou posesión, sendo designado segundo tenente de alcalde na corporación que presidiu Manuel Ferreiro. Ao constituírse as comisións municipais o 4 de xullo, foi nomeado presidente da Comisión de Instrución Pública. Jar foi un dos concelleiros máis activos na Corporación, autor de varias propostas tendentes a depurar o caciquismo, como a de cambiar o réxime da beneficencia municipal, facendo desaparecer as prazas de médicos e farmacéuticos titulares para que os beneficiarios puidesen acudir ao que eles decidiran. Tamén foi o encargado de instruír o expediente para revisar as contas do concello da época da ditadura. Logo da suspensión do primeiro tenente de alcalde José Taboada Rodríguez, Jar pasou a ocupar o seu posto. A corporación nomeouno representante do concello de Lalín na Asemblea para o debate do Estatuto de Galicia celebrada en Compostela en decembro de 1932. Ante a deficiente xestión que se viña levando a cabo, designárono para ocupar o posto de recadador de cédulas de Lalín.

Durante todo o período continuou ostentado cargos na directiva do Centro Republicano lalinense, adscrito á Organización Republicana Gallega Autónoma, e en xaneiro de 1934 foi elixido membro da Executiva provincial do Partido Republicano Galego.

Logo da vitoria da dereita nas eleccións de novembro de 1933, césano como recadador. O novo goberno vai destituíndo a todas as corporacións democráticas, á de Lalín tocoulle a quenda en agosto de 1934 e Jar, xunto cos seus compañeiros foi suspendido. Os republicanos lalinenses integráronse no novo partido Izquierda Republicana e Jar foi elixido presidente do comité de Lalín, e despois delegado na Asemblea provincial. Foi el o encargado de presentar o mitin de Casares Quiroga que se celebrou na capital do Deza o 8 decembro de 1935, dirixíndose aos asistentes en galego para defender a actuación da corporación democrática lalinense e criticando á xestora radical que estaba no goberno local. A súa muller morrera anos atrás e nese ano casou en segundas nupcias con Josefa Castro.

Co trunfo do Frente Popular en febreiro de 1936 foi reposto como concelleiro. Case de inmediato prodúcese un conflito entre os republicanos, e Jar ten que ceder a presidencia de Izquierda Republicana a Manuel Ferreiro. O enfrontamento mantense e o 4 de marzo, nunha tensa sesión plenaria que preside o delegado do Gobernador, Antonio Jar, que conta co apoio doutros dezaseis concelleiros, presenta unha moción de censura contra Ferreiro. Pide a súa renuncia como alcalde presentando unha candidatura alternativa. O delegado suspende a sesión sen que se produza a votación. O conflito solucionase coa intervención do Gobernador civil que disolve a Corporación, destitúe a Ferreiro, Jar e aos concelleiros que o apoian e nomea unha Xestora que preside o galeguista Xesús Golmar con novos edís. Jar retírase da actividade pública.

Nos primeiros momentos trala sublevación fascista do 18 de xullo, Jar non foi molestado polas novas autoridades. Sen embargo, a raíz da denuncia dun veciño de Vilatuxe polas súas actividades en Lalín e Silleda o 19 e 20 de xullo, xunto a Manuel Guillán Abalo e Marcelino García, foi detido o 8 de novembro de 1936. No momento da detención lévano ante a casa do seu amigo Marcelino, en Soutolongo, para que chame por el e así poder detelo, cousa que non conseguen. Iníciase a súa causa mentres Jar permanece na Prisión de Lalín. Trasládano a Pontevedra para o xuízo o 20 de xaneiro. A vista, na que foi acusado de “oposición al Movimiento Nacional”, ten lugar o 1 de marzo, e rematou cunha sentencia absolutoria, pois o tribunal considérao un “elemento pasivo” sen implicacións nas actuacións do que os militares chaman “movemento revolucionario”. Pero na sentencia chámase a atención sobre o procesado cualificándoo de “militante extremista” e solicitando para el unha sanción en forma de forte multa. De feito, así o acorda o xeneral xefe da 8º Corpo de Exército, que lle impón unha multa de 20.000 pts a pagar nun prazo de 8 días. Jar alega que non pode facer fronte ao pago, pois está endebedado e a venda dos seus bens non alcanzaría nin con moito para satisfacer esa cantidade. O Tribunal procede ao embargo dos bens: varias leiras en Vilatuxe. Finalmente foi posto en liberdade o 22 maio de 1937, logo de pasar máis de seis meses en prisión, quedando a disposición do Delegado de Orde Pública.

Jar xa non quixo regresar a Vilatuxe, onde a súa familia era insultada e chegaron a apedrar a casa. No cárcere fixo amizade con Antonio Dios, veciño do Pino, que lle aconsellou mercar unha casa na parroquia de Salcedo, en Pontevedra; acondicionouna e levou a toda a familia. En Salcedo traballou na finca, tivo viñedo e vacas, mercou un camión con outro socio e dedicouse ao transporte de patacas e gando. Logo ampliou o negocio mercando outro camión no que traía peixe a Lalín e levaba millo e trigo a Pontevedra. Pero a multa seguía pendente, en decembro de 1946 solicitou a condonación, que finalmente foi concedida polo Consello de Ministros en abril de 1948. En 1950 trasladouse ao Pino, construíu unha casa e puxo unha fábrica de bloques. Marchou a Zaragoza durante uns anos, onde instalou unha carnicería. Regresou a Pontevedra e montou outra fábrica de bloques.

Morreu o 16 novembro de 1959 e foi soterrado no cemiterio de Salcedo.

Manuel Igrexas