
O 27 de outubro de 1906 organizábase na parroquia de Gresande (Concello de Lalín) a que ía ser a máis importante Sociedade Agraria da Terra de Deza e a que estivo máis tempo en activo, xa que chegou aos últimos anos da República.
Foi o seu promotor Ramón González Vigide, nacido en Quintá (parroquia de Cristimil), que despois de pasar pola emigración sudamericana, retorna a principios do século XX, instalando un comercio en Cristimil ao que puxo por nome La Honradez. Ramón inicia unha campaña co obxectivo de concienciar aos seus conveciños na necesidade da educación (el mesmo impartiu clases gratuítas aos rapaces de Cristimil), e da asociación dos labregos nunha organización para facer que a súas reivindicacións foran escoitadas. Coa axuda do seu irmán Daniel e de Ramón Gamallo García e Antonio Vidal Otero funda a Sociedade de Agricultores de Gresande, á que imprime un carácter liberal e anticlerical. Ramón dedícase tamén a dar conferencias os días festivos aproveitando a saída da misa, sendo o seu tema preferente a loita contra o clero e o clericalismo, que consideraba un dos grandes males do Estado español. Este esforzo non foi comprendido moitos veciños, que chegaron a consideralo como un perturbado.
A de Gresande non foi a primeira Sociedade agraria, xa que a precederon a de Lalín, fundada en 1903, e a d’A Xesta, creada dous anos despois. Pero estas estaban fortemente influenciadas pola Igrexa (recordemos que o seu promotor era o carlista Hipólito Codesido), funcionando na práctica como sindicatos católicos.
A Sociedade estende a súa implantación polas parroquias limítrofes: se desde o primeiro momento participan nela os veciños de Cristimil, pronto se lle unen tamén labregos de Barcia, Anseán, Vilatuxe, Lebozán e Zobra, chegando a contar na época de maior expansión con case cinco mil asociados. Dan idea do forte poder de convocatoria alcanzado polos de Gresande as críticas que a sociedade recibe na prensa católica por dedicarse a cuestións políticas.
De seguida a Sociedade de Gresande toma contacto coas agrarias da provincia, nun proceso de organización que culminaría en 1908 coa constitución do Directorio de Teis. O Directorio, que terá en Chinto Crespo a figura máis popular, dirixirá a loita agrarista en Pontevedra, tendo como eixo de actuación a cuestión foral, sen esquecer a loita anticaciquil e a mellora das condicións de vida dos labregos, puntos comúns a todo o agrarismo.
Esta primeira época de expansión do movemento agrario plásmase na fundación dun gran número de sociedades en toda Galicia (no Deza créanse entre 1908 e 1911 sociedades en Anzo, Soutolongo, Prado, Bendoiro, Silleda, Bandeira e Laro, sen esquecer o Sindicato Agrícola Católico de Insua e Duxame). O agrarismo instaura tamén unha nova forma de facer política, baseada na mobilización activa do electorado e na fiscalización polos agrarios do labor das autoridades municipais vixiando o cumprimento da lei na elaboración dos repartos de consumos, de impostos.
Os de Teis acabarían converxendo coa outra organización agrarista galega, Solidaridad Gallega, nacida en 1907 a imitación e co apoio da súa homónima catalá, e na que se integra a católica Sociedad de Agricultores de Lalín.
Ao longo de 1909 intensifícase a campaña antiforal coa celebración de centos de mitins en todo o país e coa decisión de presentar candidatos agrarios ás eleccións municipais. A Sociedade de Gresande organiza o primeiro mitin antiforal da nosa comarca en colaboración coa Sociedade de Lalín. O 8 de agosto dese ano, no Campo da feira, ante unha gran concentración de labregos, falan os delegados do Directorio Emilio Rodal e a moza Elena Estévez. Foron presentados polo presidente da Sociedade de Lalín, Plácido Vidal, pechando o acto González Vigide, presidente dos de Gresande.
Un salvador movimiento de vindicación va cundiendo por los campos de Galicia. El agricultor, consciente ya de sus derechos y de su fuerza, inició una campaña redentora que tarde o temprano, según el entusiasmo que llevemos a ella, finalizará con una completa victoria; la victoria de la justicia y la razón sobre la insoportable tiranía que se llama el foro y el subforo.
En esta santa cruzada debemos aunarnos los agricultores del partido de Lalín reclamando un puesto en la vanguardia de las fuerzas agrarias, en esta gran falange de los eternamente expoliados que ansían su emancipación económica, y redimir la tierra -la santa madre tierra que a todos nos acoge y sustenta- de la esclavitud del foro, anacrónica institución en pugna con el moderno concepto jurídico y social de la propiedad.
Es preciso que sumemos nuestros esfuerzos con los de toda la población rural gallega, que secundó con admirable entusiasmo el grito redencionista lanzado por nuestros hermanos los agricultores de Teis; es necesario que ni uno solo se niegue a la lucha y que todos defendamos con igual ardimiento la bandera gallardamente tremolada por aquel Directorio, representante y guía de cuatrocientos mil agricultores organizados en toda la región, es preciso que nadie ceje en la campaña entablada contra el señorío, aunque para ello sean necesarios los mayores sacrificios.
Se trata de nuestra liberación y redención económica. Si luchamos con fe, si unimos nuestros esfuerzos, si nos asociamos hasta constituir una sola fuerza compacta y decidida, arrollaremos a nuestros enemigos, y nuestro será el pleno dominio de la tierra, no por el despojo sino por el imperio de la ley.
Agricultores: para templar vuestro espíritu, para enteraros de cuales son vuestros derechos y cuan grande vuestra fuerza, acudid al mitin antiforal que se celebrará el día 8 de Agosto a las dos de la tarde en el campo de la feria de la villa de Lalín.
Que ni uno solo deje de acudir al llamamiento.
¡Abajo los foros! ¡Viva la unión agraria!
La Comisión organizadora, Ramón Fernández, Felipe González, Plácido Vidal, Ramón Abeledo, Ramón González, Benito Villamarín.
Proclama convocando ao mitin antiforal de Lalín. 1909
O apoio da Sociedade de Gresande será esencial para o trunfo dos candidatos agrarios que o sindicato católico de Lalín presenta ás eleccións municipais do 15 de agosto. Cinco concelleiros agrarios resultan elixidos, encabezados por Plácido Vidal, no que supón a primeira vitoria política do movemento solidario no Deza.
Este trunfo fai tremer o poder do cacique local, Antonio Crespo, instalado na Alcaldía desde 1902. O caciquismo toma represalias contra o concelleiro Plácido Vidal, declarándoo prófugo, para privalo da posibilidade de exercer o cargo. Mesmo foron procesados catro párrocos que apoiaran aos agrarios, acusados de coacción electoral.
Ante este panorama, os de Gresande centran a súa actuación noutros campos, como no eido educativo, tratando de construír e mellorar as escolas (desta preocupación son boa proba as placas dedicadas a dous benfeitores do ensino o 14 de xaneiro de 1912, que aínda poden contemplarse hoxe nas fachadas das igrexas de Barcia e Vilatuxe) e á divulgación técnica, mercando e regalando arados de ferro para convencer aos labregos das vantaxes do seu uso.
Non por iso abandonan as actuacións político-reivindicativas. Cando xorde novamente unha oportunidade, en 1913, presentan a José Manuel García García, avogado de Vilatuxe establecido en Montevideo e presidente honorario da Sociedade, como candidato a deputado a Cortes polo distrito de Lalín. A campaña ten o seu cénit no mitin redencionista que celebran en Lalín o 7 de setembro, e no que interveñen Chinto Crespo, López Aydillo e o máximo líder do agrarismo deses anos Basilio Álvarez, o abade de Beiro. Pero corren malos tempos para o movemento agrario, e nesta ocasión non logran atraer ao resto das sociedades, moitas delas esmorecendo polas represalias do caciquismo contra os seus dirixentes. Finalmente, ante a falta de apoios, José Manuel García non chega a presentar a súa candidatura, deixando o campo libre para que o liberal Ángel Álvarez Mendoza sexa novamente proclamado deputado polo famoso artigo 29.
Ante este novo fracaso, os de Gresande crean un comité para organizar Sociedades nos concellos de Deza que aínda non contan con elas. Esta iniciativa recibe o apoio dos emigrados dezaos en Cuba e froito dela será a creación das agrarias de Agolada e Rodeiro.
Tralo paréntese da guerra europea, comeza a fase de apoxeo organizativo do agrarismo (1919-1923), que terá outra volta na nosa comarca á Sociedade de Gresande como grande protagonista. Pero esa é outra (longa) historia…
E xa na República aparecerá o Comité Republicano de Gresande-Cristimil, herdeiro directo da Sociedade, converténdose nun dos máis activos axentes políticos dese período. O fundador, Ramón González Vigide, morre o 4 de agosto, ao pouco de proclamarse o réxime que faría realidade as súas aspiracións. O seu foi o primeiro enterro civil, e constituíu unha homenaxe do agrarismo e o republicanismo lalinense a quen consideraban o seu precursor. En xaneiro de 1933, o Comité de Cristimil-Gresande diríxese ao Concello para solicitar que unha das rúas de Lalín leve o nome “do infatigábel batallador e propulsor da liberdade Ramón González Vigide”.
Chegarían xa os tempos de cumprir coa débeda de esquecemento de quen foi un dos protagonistas da loita pola democracia e a dignidade dos labregos?
Manuel Igrexas