
Lalín, rincón gallego donde nací, villa de mis afectos y dolores, pequeña y alegre, de vastísimo horizonte dominador de encantador paisaje por la diversidad de matices que abarcan, por sus frondosas arboledas y exuberante vegetación, ¡cuántas prosperidades le deseé y cuán constante fue mi afán por su engrandecimiento, que no he visto cristalizar en realidad!
Así se expresaba Ramiro Goyanes Crespo nun artigo dedicado á súa vila datado en 1928.
A vida social e política do concello de Lalín durante o primeiro terzo do século XX sería difícil de entender sen a figura de Ramiro Goyanes, que foi, xa nun primeiro plano, pero moitas veces nun segundo e as máis delas na sombra, o artífice dunha boa cantidade de iniciativas e promotor de organizacións. O cemiterio, o hospitalillo, a Federación Agraria, as loitas polo poder municipal, teñen a súa pegada.
Porén, o que máis nos podería sorprender da súa biografía é que Ramiro Goyanes foi considerado en 1935 un dos primeiros literatos de España, e mesmo chegou a acadar o primeiro lugar nun concurso que organizaba unha popular revista da época.
Hoxe, o noso protagonista é unha figura practicamente descoñecida, a quen quizais se recorde polo seu sonoro apelido, de gran tradición na vila lalinense.
O seu pai, Jovita Goyanes Losada, foi un farmacéutico do Carballiño que acabou instalándose en Lalín logo do seu matrimonio en segundas nupcias con Segismunda Crespo Pampín, a filla de José Crespo Villar, o alcalde e cacique dese período. De tendencia radical (republicano-federal) nos anos da Revolución Gloriosa e democrático-progresista na Restauración, Jovita fora alcalde de Lalín entre 1863 e 1867 e despois deputado provincial.
Ao morrer a súa muller Segismunda, Jovita casou coa irmá, Avelina Crespo Pampín, e froito desta unión viu a luz en Lalín un 11 de xuño de 1871, Ramiro Goyanes Crespo, o primeiro dos fillos da parella.
Estudou o bacharelato no Instituto de Santiago de Compostela e Dereito na Universidade compostelá. Con 24 anos casou na capela da Casa de Des de Soutolongo con Juana Sotelo Santos. Dous anos despois presentouse ás oposicións para Rexistros da Propiedade en Madrid xunto co seu irmán Álvaro Goyanes e outros avogados lalinenses: Secundino Amigo, Manuel Fidalgo e Ángel Gontán. Todos, excepto Ángel Gontán, aproban as oposicións en xuño de 1898, ao pouco de nacer o segundo dos fillos das parella, Horacio, que morreu moi novo.
Ramiro foi nomeado ao ano seguinte rexistrador da propiedade de Vilalba, pero permutou a súa praza con Ricardo Vázquez Rey, que era o rexistrador de Lalín. Desde ese momento, xa instalado como rexistrador na nosa vila, onde van nacendo os seus fillos, prepara a súa carreira política. Neses primeiros anos do século XX é cando o seu tío, Antonio Crespo Pampín, adscrito ao Partido Liberal, se fai co poder municipal, converténdose no cacique comarcal e no representante do marqués de Riestra no distrito.
O primeiro cargo que ostentou foi o de representante en Lalín da Sociedade de Emigrados “Hijos del Partido de Lalín en Buenos Aires”, para o que foi nomeado ao pouco da súa constitución en 1909. Foi Ramiro Goyanes quen se encargou da instalación do cemiterio, o que xestionou o terreo para facer o hospitalillo e se fixo cargo da poxa das obras e de todos os trámites para a construción do edificio. Ramiro, até 1910 estaba vinculado politicamente ao seu tío, Antonio Crespo, pero a partir desa data e a través da súa amizade co conde de Romanones, un dos líderes do Partido Liberal, foi intentando ser encadrado como deputado a Cortes polo distrito de Lalín sen que as súas pretensións tivesen éxito.

E así chegamos a 1914. Nese ano as eleccións para deputados a Cortes polo distrito de Lalín presentáronse moi disputadas, pois había moito descontento coas actuacións caciquís nos concellos dezaos. O candidato encadrado polo distrito, que dende 1905 era feudo do Partido Liberal, era Ángel Álvarez Mendoza, un avogado que exercera como pasante no bufete de Montero Ríos e logo no do seu xenro Manuel García Prieto. Ángel Álvarez era o clásico deputado cuneiro, fora elixido en 1905 polo distrito de Castrojeriz (Burgos) e fracasou dous anos despois ao carecer do apoio ministerial. Recalou no distrito de Lalín e, grazas ao apoio de Montero Ríos e o beneplácito do marqués de Riestra, foi elixido deputado en 1910 polo artigo 29 da lei electoral (sen elección ao non presentarse máis que un candidato). Renunciou en 1913 ao ser nomeado subsecretario de Instrución Pública e volveu ser elixido en xuño dese ano novamente polo artigo 29.
A finais de 1913, o conde de Romanones, que presidía o Consello de Ministros, como consideraba que a candidatura de Álvarez Mendoza non estaba ben asentada, propúxolle a Ramiro Goyanes que se presentara, asegurándolle o seu apoio. Pero a principios de xaneiro de 1914 apareceu un novo candidato, José Antonio Bernárdez, notario do Carballiño, apoiado polas sociedades agrarias dezás logo de que o candidato inicialmente proposto, José Manuel García, un avogado de Vilatuxe establecido no Uruguai, renunciara a presentarse. Porén, esta terceira candidatura non chegou a materializarse.
“Si me estimáis digno de vuestra representación y noble mi pretensión, si la conceptuáis razonable, no me negareis vuestro amparo.” Así rezaba o manifesto electoral que se distribuíu na feira de Agolada do 12 de xaneiro, por medio do cal Ramiro Goyanes presentou a súa candidatura para deputado. O seu programa tiña como lema “La defensa de los intereses de Lalín, procurar su engrandecimiento, fomentar su progreso y desarrollo”. O manifesto foi denunciado por non levar pé de imprenta, o que o convertía nunha folla clandestina, e a persoa que o repartía foi detida.
A pesar deste revés, Ramiro seguiu facendo campaña solicitando o voto directamente e visitando os máis significados electores. Pero ante a presión do riestrismo, a intuición dun estrepitoso fracaso e a orde do Goberno que establecía a incompatibilidade dos cargos de deputado a Cortes e rexistrador da propiedade, desistiu finalmente de presentar a súa candidatura, e o día das eleccións, o 8 de marzo de 1914, ao non haber máis que un candidato, Ángel Álvarez Mendoza foi proclamado novamente deputado polo artigo 29.
A súa actividade política continuou a principios dos anos vinte, impulsando e apoiando a carreira do seu irmán Samuel Goyanes como líder do agrarismo dezao, ata que conseguiu converterse en presidente da Federación Agraria de Lalín en decembro de 1921. O obxectivo de Samuel era facerse coa alcaldía nas municipais de 1922 contando co apoio das sociedades agrarias, pero estas propuxeron como candidato a Cándido Soto e Samuel, frustrado nas súas aspiracións, pasouse ao bando do seu tío Antonio Crespo, polo que conseguiu así reter a alcaldía.
Ramiro deixou o Rexistro da Propiedade de Lalín a finais de 1923 para trasladarse a Yecla, na provincia de Murcia, con toda a súa familia. Foi rexistrador de Yecla até a súa xubilación. Pero ao caer a ditadura de Primo de Rivera, e grazas á intervención do seu vello amigo, o conde de Romanones, puido ver cumpridas as súas aspiracións de ter un cargo político. En agosto de 1930 foi nomeado gobernador civil da provincia de Guadalajara, posto no que permaneceu até que se proclamou a República o 14 de abril do ano seguinte. A súa actuación como gobernador pasou practicamente desapercibida, e ao rematar retornou ao seu posto de rexistrador na vila murciana.
Durante a época republicana continuou as colaboracións na prensa que iniciara anos atrás, sobre todo en periódicos técnicos como a Revista Crítica de Derecho Inmobiliario, pero tamén noutros políticos como El Resumen. Foron estes seus artigos os que o fixeron acredor do premio ao mellor “literato de España” en 1935.
Retirouse como rexistrador nos anos corenta e veu pasar os seus últimos anos á vila de Lalín, onde morreu o 8 de agosto de 1950. A súa viúva, Juana Sotelo, faleceu en Madrid cinco anos despois e foi soterrada en Lalín. Porén, ningún dos seus seus dez fillos, Adelina, Delia, Emma, Alfonso, Araceli, Marina, Augusto, María del Carmen, María Luisa e María Jesús Goyanes Sotelo, se asentou na nosa comarca. Os dous varóns seguiron os pasos do pai, Alfonso foi rexistrador en Grandas de Salime, Muros e Hellín, e Augusto secretario da Fiscalía de Taxas de Sevilla e xuíz.