Laureano García Guitián, inadaptado ou sobrevivente?

Laureano García Guitián

O primeiro artigo aparecido na prensa sobre a hoxe popular Feira do Cocido de Lalín publicouse no FARO DE VIGO o 4 de febreiro de 1969, nas vésperas da primeira celebración. O seu autor, Laureano García Guitián, un avogado de 62 anos, gababa os produtos locais, daba a receita do cocido “estilo Lalín” e remataba cunha brincadeira sobre a dificultade de obsequiar os visitantes cunha degustación dos ingredientes do prato, que haberían de ser substituídos por simples retratos do manxar. Escrito en galego, o artigo comeza así:

Eses “motes” que puxen ó teu escudo, telos ben ganados, e hoxe unha vez máis, por “argallar” a festa, non só no sentido gastronómico, senón tamén no seu alcance “social”. A isto podémoslle chamar a “Festa da cordialidade” de cuxa virtude o cocido é símbolo.

Está sería a súa derradeira colaboración nos xornais, pois morreu tres anos despois, o 9 de febreiro de 1972.

Coñecín a Laureano García, don Laureano como todos lle chamaban, sendo un neno. Era un habitual da taberna de Ramos, na Cacharela, onde acudía diariamente para tomar o seu “chuiquito”, que eu lle servín nalgunhas ocasión, e xantar de cando en vez un cocido cos seus convidados de Pontevedra. Non sabía que aquel señor elegante e educado, sempre tranquilamente sentado nunha das mesas e en animada conversa cos seareiros do bar, gardaba na súa memoria boa parte da historia do Lalín do século XX.

Nacera en Donramiro un 19 de xuño de 1906; era o máis vello dos fillos de Manuel García Diéguez, orixinario de Camba, que puxo comercio en Lalín, e Leonisa Guitián Salgado con quen casou un ano antes. Leonisa era filla de Lorenzo de Brindisi e Bernarda Salgado, que non chegaron ao altar, aínda que Lorenzo recoñeceuna como filla seguramente por presións do seu irmán, o famoso sacerdote e párroco de Donramiro, Laureano Guitián Rubinos, autor de Unha noite na casa do tío Farruco do Penedo, de quen o noso protagonista tomou o nome.

Cursou o bacharelato no Instituto de Santiago, sendo alumno destacado, sobre todo en Historia de España. Iniciou os estudos de Dereito na Universidade compostelá, nos que enredou case toda a década dos anos vinte, rematando a carreira por libre en 1930.

As súas primeiras actuacións públicas, aínda como estudante de Dereito, aconteceron nos actos de recoñecemento a Joaquín Loriga que lle tributaron en Lalín logo da súa xesta. Foi escollido para pechar a velada que os lalinenses organizaron na súa honra no salón teatro do Casino en xullo de 1926, e, como vicepresidente da comisión da homenaxe, pronunciou o discurso de inauguración da rúa que leva o nome do aviador na súa visita a Lalín en xuño do ano seguinte.

Por outro lado, deu mostras da súa vocación como escritor durante o servizo militar, que realizou como cabo no Rexemento de Infantería de Zaragoza en Compostela entre 1927 e 1928.  Foi premiado no certame literario anual do rexemento, na festa da Inmaculada, por un traballo titulado “Otilia”.

O mozo Laureano

Xornalista

Logo da caída da ditadura de Primo de Rivera iniciou a súa primeira aventura xornalística: fundou e dirixiu un periódico quincenal co titulo Lalín, que como era habitual na prensa da época levaba un lema, neste caso Laureano escolleu “Cultura”. O xornal apareceu en febreiro de 1930 editado pola Imprenta Lalinense de Celso Carrón, que tamén botou a andar por eses anos. Non se conservan exemplares, pero supoño, polas informacións aparecidas, que a súa duración non pasou de dous números.

Uns meses despois converteuse en redactor xefe de El País Gallego, o periódico dirixido por Juan Jesús González, voceiro dun grupo de socialistas e nacionalistas galegos. O xornal arrancou en novembro de 1930 a súa segunda época desde Lalín, impreso tamén por Carrón. No seu número dous apareceu un artigo titulado “Lalín tiene un alcalde”, no que ademais de facer unha crítica a Bernardo Madriñán, que ocupaba o cargo, carga as tintas contra o seu panexirista, Gustavo Pedro Fernández. O escrito non está asinado, pero é doado atribuírllo a García Guitián.

Político

Coa chegada da República incorporouse ao Centro Republicano de Lalín liderado por Manuel Ferreiro e converteuse nun infatigable propagandista. O seu discurso pechou o mitin posterior á manifestación do 1 de maio de 1931 convocada por socialistas e republicanos. Na campaña electoral das eleccións a Cortes Constituíntes de xuño de 1931 interveu nos mitins de Agolada e Carbia.

Ao ano seguinte participou nalgunhas das asembleas dos Centros Republicanos organizados en varias zonas do concello, destacando a de Soutolongo. Cando se produciu a mobilización contra a paralización das obras do ferrocarril en construción Ourense-Santiago, o comité de folga elixiu a Laureano como presidente, intervindo en mitins e reunións de traballadores e veciños. Ese mesmo ano foi designado delegado de Lalín na Asemblea da Federación Republicana Gallega. A principios de 1933 foi nomeado secretario interino do Concello de Rodeiro.

Candidatura do PRC para as eleccións a compromisarios.

Nese ano aconteceu o seu primeiro cambio de adscrición política: abandonou a esquerda republicana para militar no Partido Republicano Conservador de Miguel Maura. O PRC procedía da Derecha Liberal Republicana e pretendía incorporar ao republicanismo as masas conservadoras desde unha posición aconfesional. En xullo de 1934 García asistiu en Vigo á reunión constitutiva do partido, onde foi elixido para a súa comisión electoral. Foi candidato polo PRC nas eleccións de novembro dese ano, aínda que sen ningún éxito.

Destituído como secretario do concello Rodeiro en setembro de 1934, abriu despacho de avogado en Lalín sen abandonar a súa militancia. Nas eleccións a compromisarios para elixir o presidente da República que tiveron lugar en abril de 1936, foi candidato do Partido Republicano Conservador pola provincia de Pontevedra, e aínda que os conservadores foron o único partido non adscrito á Fronte popular que se presentou ás eleccións, ningún dos seus candidatos logrou a acta. Con todo, Laureano acadou 6.087 votos, procedentes case todos dos concellos dezaos.

Mantiña boas relacións persoais con Mario Fernández Crespo e Luís González Taboada, os líderes da Falange local, e foi dos poucos que os visitou na cadea de Lalín cando foron detidos a principios de maio de 1936. Foron estas amizades as que posibilitaron o seu ingreso na Falange despois do golpe de Estado, en xaneiro de 1937. En xuño actuou como xefe local interino de FET y de las JONS na ausencia de Luís González Taboada e finalmente foi nomeado xefe de Prensa e Propaganda da Falange lalinense o 22 dese mes. Desde ese posto exerceu a correspondencia de El Pueblo Gallego e pronunciou discursos e arengas nos mitins falanxistas como o da celebración da toma de Bilbao polas topas franquistas.

Co uniforme de Falange.

Este fervor falanxista de García Guitián non foi óbice para a súa detención en Vigo por insultar publicamente a Franco en xaneiro de 1939, cando estaba celebrando a toma de Barcelona polo exército franquista. Procesado por embriaguez e insultos ao xefe do Estado, foi condenado a un mes de arresto.

Xuíz

Nomeado xuíz municipal de Lalín en xullo de 1939, exerceu o cargo dende principios de setembro. O posto de xuíz municipal levaba parella a substitución do xuíz de instrución en caso de vacante ou ausencia do titular, cousa que aconteceu en moitas ocasións durante o seu mandato.

Este nomeamento debeu espertar as suspicacias dos “camisas viejas” e as envexas dos arribistas que cobizaban o posto. Uns anos antes a Falange de Lalín tivera que facer pública unha nota saíndo ao paso dos que criticaban a incorporación ao partido de vellos políticos republicanos afirmando que “aquellos que reconocieron su error; y con su adhesión a nuestra FET se pusieron desde un principio (…) al servicio de España a esos los recibimos con los brazos abiertos”.

Nun episodio máis das loitas de poder dentro da Falange pontevedresa, o falanxista estradense Manuel Paseiro remitiu ao Director Xeral de Seguridade o 30 de outubro de 1940 unha denuncia contra Fermín Bouza-Brey, xuíz de instrución da Estrada, e Laureano García, para que fosen cesados. Acusaba ao primeiro de ser un militante do Partido Galeguista e de  protexer os “roxos” nas súas actuacións xudiciais. Sobre García di que pertenceu a “diferentes partidos políticos del Frente Popular”, foi candidato a compromisario, e, no Movimiento “se encubrió con la camisa azul de Falange” e proferiu inxurias contra o xefe do Estado. Tamén afirma que foi proposto para o cargo “por su colega en ideología Fermín Bouza”, e como xuíz accidental de instrución a súa actuación foi aínda máis desastrosa que a de Bouza-Brey, “pues en mucha mayor escala y con mas desvergüenza, comete la misma clase de atropellos”.

Tivera ou non efecto a denuncia, a finais de 1940 Laureano cesou como xuíz municipal.

Avogado

Nos anos corenta dedicouse a exercer a súa profesión de avogado en Lalín, e dende 1947 tamén como letrado na Audiencia de Pontevedra, onde actuou como defensor nalgúns soados procesos penais. Casou en Castro de Cabras con Amalia Fernández Bodaño en 1944.

Entregando premios no Tiro de pichón

A principios da década dos cincuenta foi elixido presidente do Casino e iniciou unha campaña para recuperar a súa faciana cultural, organizando un ciclo de conferencias sobre temas científicos, médicos, literarios e musicais.

En 1953, coincidindo coa celebración da romaría do Monserrat, apareceu en El Pueblo Gallego un artigo seu sobre a orixe da festa titulado “Santuario de Monserrat”. Esta primeira colaboración na prensa logo de moitos anos parece o inicio dunha nova etapa do noso protagonista na que se dedicou á investigación sobre a historia local. Emprendeu o proxecto de facer unha Geografía e Historia del Partido de Lalín, da que se extractaron os artigos “Historia de la parroquia de Lalín” e “Historia del Santuario del Monserrat” publicados tamén no xornal vigués en setembro de 1962. Mágoa que a iniciativa nunca chegara a materializarse.

Na celebración da Hispanidade en Bugallido (Ames) en 1958, con Baldomero Cores e Maximino Castiñeiras.

Enrique Vidal Abascal, presidente do Partido Galeguista de Lalín

Vidal Abascal por Maside 1934
Retrato de Vidal Abascal por Maside, 1934.

É de todos coñecida a figura de Vidal Abascal como matemático e astrónomo e mesmo como pintor. Porén, a pesar de el mesmo mencionalo nalgunha ocasión, é practicamente descoñecida a súa implicación política nos anos da República. Enrique Vidal Abascal foi membro do Grupo Lalín do Partido Galeguista, e chegou a presidir o Grupo Galeguista de Lalín entre 1935 e 1936.

Fillo de Enrique Vidal Bobo e neto de Juan Vidal Lores, un dos dirixentes do Partido Demócrata-Progresista en 1880, que rematou como presidente do Centro Maurista de Lalín en 1917, o ano da súa morte. O seu pai, Enrique Vidal Bobo, era funcionario do Estado e foi delegado de Facenda en Oviedo, onde naceu Enrique Vidal Abascal o 12 de outubro de 1908. Polos traslados do pai viviu en Ourense (a partir dos dous anos), A Coruña, e finalmente Santiago de Compostela.

Estudou o bacharelato nos institutos da Coruña e Santiago de Compostela. Marchou á Universidade Complutense de Madrid para estudar Ciencias Exactas, que rematou en 1931. A pesar diso, Enrique pasaba coa súa familia as vacacións de verán na casa familiar de Lalín, onde entrou en contacto con Ramón María Aller Ulloa, amigo do seu pai. E tamén con outros mozos lalinenses con inquedanzas galeguistas.

Aínda que obtivo o posto de profesor auxiliar de Xeometría Analítica na Complutense, en abril de 1933 gañou a cátedra de Matemáticas do Instituto de Santa Cruz da Palma. Pouco había durar a súa estadía nas Canarias, pois a principios do curso 1933-34 foi nomeado director do Instituto de Monforte, que acababa de ser creado.

É a finais dese ano de 1934 cando Enrique Vidal ingresa no Grupo Lalín do Partido Galeguista, concretamente o 27 de setembro figura a súa inscrición no Libro Rexistro de Socios do PG.

Logo dunha intensa campaña realizada na comarca en 1932 por Alonso Ríos, Suárez Picallo e Castelao, constituíuse finalmente o Grupo de Lalín do Partido Galeguista en xaneiro de 1934 con Manuel Noguerol, Xosé María Calviño, Jaime Arias, Xesús Iglesias Surribas, Siro García Guitián, Fernando Goyanes, Plácido Goyanes, Angel García Guitián, Luís Pérez, Luís Villaverde, Salvador García, Celso Carrón, Pío Aller e Xosé Otero Abeledo (Laxeiro).

En setembro dese ano incorpóranse ao PG Xesús Golmar, Xesús Fernández Corredoira, Xesús Froiz e Enrique Vidal Abascal.

Nese ano creouse tamén o Grupo Galeguista de Botos, baixo o liderado de Manuel González, o mestre de Soutolongo, e con Francisco Pichel como un dos membros mais activos. En febreiro de 1935 creouse un grupo en Moneixas e en xullo outro en Santiso.

Enrique Vidal foi elixido vogal da directiva do Grupo Lalín do Partido Galeguista na xuntanza de marzo de 1935 xunto con Fernando Calviño Ozores e Fernando Goyanes Goyanes. A directiva estaba presidida por Xesús Golmar, figurando Xesús Fernández Corredoira como vicepresidente, Ángel García Guitián como secretario, Amancio Iglesias Trabazo como vicesecretario, Rafael Teijeiro Caíñas como tesoureiro e Xosé Otero Abeledo (Laxeiro) como bibliotecario.

Nese ano de 1935 Enrique Vidal foi pensionado polo Ministerio para estudar a reforma do ensino das matemáticas en Suíza, desde onde enviou un artigo a El Pueblo Gallego co título “Como se enseña a leer y escribir”. Ao remate da bolsa no país helvético, e unha vez retornado a Lalín, foi nomeado presidente do PG de Lalín, segundo nos fai saber Manuel González nunha das súas crónicas en A Nosa Terra. A principios dese curso de 1935/36, Vidal Abascal pasou a ser catedrático de Matemáticas do Instituto da Estrada, porén, segundo as novas da prensa, continuou presidindo o Grupo Galeguista de Lalín ata que este se disolve logo do golpe de Estado do 18 de xullo de 1936.

Enrique Vidal Abascal
Enrique Vidal Abascal, autorretrato.

Un mes antes da sublevación fascista, Enrique Vidal escribiu en Lalín un artigo para El Pueblo Gallego, “Lalín patria de matemáticos”, unha homenaxe a Xosé Rodríguez González e Ramón María Aller Ulloa, no que dicía:

Lalín, punto singular en la esfera del mundo, retiene la emoción de la Edad Media unida a la fecundidad del siglo diecinueve; rompe el cielo de Galicia para mirar a través de él y hacer un continuo del pensamiento medieval. Eremita que dialoga con Dios, pero en que el movimiento y el poderoso talento creador sustituye a la contemplación; a la catedral gótica la sustituyen pilares de cálculos; a la emoción del conocimiento; a las lámparas refulgentes el resplandor de la cercanía de la verdad; motor renacentista engastado en amor de filosofía.

A Sección Adoradora Nocturna de Lalín

Adoración Nocturna Española - logo 3

A Adoración Nocturna Española, asociación piadosa dedicada ao culto do Sacramento, foi fundada en Madrid por Luis de Trelles Noguerol en 1877, estendéndose rapidamente pola maioría das dioceses de España. En Compostela créase en 1882 baixo o patrocinio do Cardeal Payá y Rico. A súa expansión forma parte do asociacionismo devocional que responde á mobilización dos católicos e a unha pretensión contrarrevolucionaria ante os avances do movemento obreiro.

Segundo as nosas noticias, a Sección Adoradora Nocturna de Lalín fúndase en 1903, o 30 de outubro dese ano celebra a súa primeira vixilia. O seu creador e primeiro presidente foi o avogado e xornalista Hipólito Codesido Sánchez e o seu impulsor o sacerdote e párroco de Lalín Antonio Neira Sanjurjo (que falece pouco antes de celebrarse a vixilia inaugural).

Sobre a personalidade de Hipólito Codesido, acérrimo partidario das ideas tradicionalistas, xa temos comentado noutros artigos que foi fundador e director do periódico local La Defensa (1905/1908) “Defensor de la Religión y de los intereses materiales de esta comarca”. Anteriormente xa dirixira en Betanzos o semanario Las Mariñas (1886), apaixoado defensor dos principios católicos. Trasladado a Pontevedra, onde ocupa un cargo de funcionario no Goberno civil, dirixe Galicia Recreativa: Semanario popular Utile et Dulce (1890-1892) e El Criterio Gallego: Diario católico de la mañana (1893), ambos de inspiración católica e o último carlista.

A súa vinculación con Lalín ven polo matrimonio con Gumersinda Silva, sobriña e herdeira do que fora Alcalde deste Concello e logo deputado provincial Antonio Taboada Iglesias. A principios do século XX instálase na vila como avogado e participa na loita política contra o líder do Partido Liberal Antonio Crespo, apoiando aos conservadores de Laureano Blanco.

Impulsa a creación da Sección Adoradora Nocturna aglutinando ao sector máis integrista da vila, que topa nela unha canle non só para a súa expresión relixiosa, senón ademais unha forma encuberta de militancia político-relixiosa (ao xeito doutras estruturas apoiadas pola xerarquía eclesiástica que desembocaban moitas veces nunha forma de militancia política: Hijas de María, Juventudes Católicas,…).
Acompáñano na primeira Directiva Jerónimo Rodríguez García, como secretario e o comerciante José Asorey Novais como tesoureiro. Participan tamén como vocais: Ramón Santaló, Manuel Villaverde e José Rivas.

En 1907 Hipólito Codesido abandona a presidencia e sucédeo José Asorey, que marcha de Lalín ao ano seguinte, quedando como presidente Secundino Gutiérrez.

A Sección celebra as súas vixilias ordinarias na igrexa de Donramiro, baixo a dirección do novo párroco Buenaventura Cañizares. Tamén en Donramiro conmemoran as vixilias de aniversario, defuntos, fin de ano, festa do patrón San Pascual Bailón, … En 1908 acordan trasladar as vixilias á igrexa parroquial de Lalín (situada no que hoxe é a praza de Loriga, pois a nova igrexa estaba aínda en construción) para facilitar a concorrencia dos fregueses.

A Adoración Nocturna estendese polas parroquias do Concello. En xuño de 1904, créase a sección de Moneixas, a que máis tempo perdurou, gracias ao impulso do sacerdote Andrés Cagide logo da súa chegada a parroquia en 1916; como proba a celebración do 25 aniversario da súa fundación cunha gran festa relixiosa en Lalín en 1929, á que acudiron representantes da maioría das seccións Galicia e do Consello Supremo de España e a sección de Madrid.

A de Vilatuxe, unha das máis activas, fúndase en xullo de 1904, presidida por José García Mámoa, co párroco Primo Madriñán como director espiritual. En agosto de 1907 constitúese a do Corpiño e en xuño do ano seguinte a de Barcia.

Unha ampla representación da Adoración Nocturna de Lalín acode á peregrinación a Zaragoza en setembro de 1908. Están presentes as seccións do Corpiño, Vilatuxe, Moneixas, Barcia e Lalín cos seus directores e presidentes, ademáis do deputado provincial Antonio Domínguez Fociños, coa súa muller e dúas das súas fillas, e algúns sacerdotes dezaos. Boa parte dos asistentes continúan despois viaxe a Lourdes.

Celebran anualmente, polo verán, a Festa das Espigas, que aproveitan para a propagación da Adoración por outras parroquias. A festa organizábana conxuntamente todas as seccións do concello, participando nela comisións de Lugo, Parada e Senande. Temos noticias das celebradas en Botos en 1906, Soutolongo en 1907 e Bendoiro en 1908.

Manuel Igrexas