Vítimas da represión franquista en Lalín

guerra-civil

Este é o listado (seguramente incompleto) dos mortos pola represión franquista do concello de Lalín, ordenados pola data do seu falecemento:

Manuel Ferreiro Panadeiro. Nado en Lodeiro en 1903. En 1930 funda o Centro Republicano de Lalín e dirixe o seu periódico Atrás. Foi elixido alcalde de Lalín como cabeza da candidatura republicana que gaña as eleccións en 1931. Fiel á disciplina da FRG, cando se disolve, intégrase en Izquierda Republicana. Ao producirse a sublevación fascista, organiza un intento de resistencia en Lalín enviando a Pontevedra unha columna de obreiros mobilizados polos sindicatos en apoio á República. Ao fracasar, refúxiase en Compostela, onde permanece agochado ata que o deteñen nos primeiros días de agosto. Foi trasladado a Pontevedra, onde o xulgan en Consello de Guerra o 21 de agosto. Condenado á pena de morte, foi fusilado no quilometro un da estrada a Campañó o 27 de agosto de 1936.

Eligio Quintá Ramos. Nado en Cristimil en 1914. Estivera afiliado á Sociedad Obrera de Donsión. Estaba cumprindo o servizo militar en Ferrol, onde foi paseado o 6 de outubro de 1936.

Xesús Froiz Gómez. Nacido en Moneixas en 1902, era xornalista e poeta, na República foi garda municipal. Militante do Partido Galeguista, animador e propagandista de Os Dezas de Moneixas, colaborou en Verdad y Justicia e A Nosa Terra, dirixiu La Nueva España e foi redactor de Razón. O 4 de agosto de 1936 detéñeno e ingresa en prisión, onde permanece ata o 9 de outubro, cando o levan para pasealo na Estrada.

Gonzalo López Rodríguez. Foi paseado o 11 de outubro de 1936 en Serantes (Ferrol).

Luis Frade Pazos. Naceu en Bendoiro en 1894. Fundador da sociedade obreira de Ponte-Nova, da que foi elixido vicepresidente en xaneiro de 1931. Foi concelleiro republicano en Lalín. Nomeado en marzo de 1936 recadador municipal, ocúpase da dirección do concello en colaboración con Manuel Ferreiro. Chantaxeado polas autoridades fascistas, foi obrigado a pagar unha suposta débeda que tiña co Concello coa promesa de que non lle ía pasar nada. Pero igualmente foi detido o 27 de outubro e internado na Prisión de Lalín. O 4 de novembro trasládano xunto con outros 38 detidos á Illa de San Simón, de onde o sacan cinco días despois para asasinalo o 9 de novembro en Tenorio.

Eliseo Garra Lalín. Nace en 1893 en Lalín. Membro do Centro Republicano de Lalín, foi nomeado Inspector de camiños do concello en 1933. No período do Frente Popular era o encargado da confección do Padrón de habitantes. Foi un dos condutores dos automóbiles que trasladaron aos obreiros a Pontevedra o 20 de xullo. Detido o 15 de setembro, agarda na Prisión de Lalín ata o 4 de novembro o traslado a illa de San Simón. Sácano o día 9, aínda que segundo algunhas testemuñas, o seu asasinato podería deberse á confusión do seu apelido con outro dos detidos. Foi paseado o 9 de novembro en Tenorio.

Ramiro Granja González. Nace en Filgueira en 1889. Foi un dos fundadores da Sociedade obreira de Ponte-Nova en 1931 da que sería presidente 1936. En maio dese ano Luis Frade noméao axente executivo para o cobro de impostos municipais. Foi un dos primeiros mobilizados ante as noticias do golpe de Estado, acudindo a Lalín con varios compañeiros da Sociedade o 19 de xullo. Detéñeno o 1 de setembro e intérnano no Cuartelillo de Falange instalado no Hospitalillo. Alí foi torturado e obrigado a asinar unha declaración inculpatoria. Acabaría sendo trasladado o 4 de novembro ao lazareto de San Simón, de onde o sacan cinco días despois para darlle o paseo en Tenorio.

José López Bermúdez. Nado en Cádiz en 1907, residía en Bendoiro, onde foi elixido presidente da Sociedade La Democracia desa parroquia. Activo sindicalista, é un dos líderes obreiros que participa na reunión convocada por Ferreiro o 20 de xullo para mobilizar aos traballadores en defensa da República. Foi detido o 20 de outubro, permanecendo na Prisión de Lalín ata o 4 de novembro, cando o trasladan a San Simón. De alí sae para a morte o 9 de novembro de 1936 en Tenorio.

José Montouto Rodríguez. Nace en 1890 en Donsión. Participou na fundación da sociedade de Ponte-Nova, da que foi elixido vicetesoureiro en 1931. Foi detido o 9 de setembro de 1936, permanecendo na Prisión de Lalín ata o 4 de novembro, cando o trasladan ao Lazareto, do que sae o 9 para a súa execución en Tenorio.

Luis Varela Sobrado. Naceu en Palmou en 1907. Canteiro, co inicio das obras do ferrocarril, trasládase a Botos. Afíliase a Sociedade obreira La Equidad converténdose no seu presidente. Foi detido en novembro de 1934 xunto con José González, acusado de coacción aos obreiros do ferrocarril con motivo dos sucesos de outubro. Foi detido o 1 de setembro de 1936 e internado no Cuartelillo de Falage instalado no Hospitalillo. Trasladado a Prisión de San Simón o 4 de novembro, sácano o día 9 para asasinalo en Tenorio

José Crespo Torres. Nado en Bendoiro en 1905, emigrante retornado de Bos Aires, era vicepresidente da Sociedade Obreira de Donsión en 1931. Fundou a Sociedade obreira La Democracia de Bendoiro. Nomeado alguacil-porteiro do concello en 1934, foi detido con José Fondevila polos sucesos de outubro dese ano. Detido en Lalín o 23 de xullo de 1936, foi trasladado a Pontevedra o 15 de setembro e xulgado en Consello de Guerra o 18 de novembro. Condenado á pena de morte, foi fusilado o 2 de decembro.

Benito Fernández Balboa. Nado en Lalín en 1903. Foi nomeado garda municipal na República. Detido o 15 de setembro de 1936, foi trasladado a San Simón en outubro. Xulgado en Consello de Guerra o 20 de novembro, foi condenado a reclusión perpetua. O 4 de xaneiro de 1937, co pretexto dun traslado de prisión foi asasinado.

José Donsión Muíños. Nado en Donsión en 1902. Emigrado en Arxentina de onde retorna en 1934. Canteiro de profesión, traballaba nas obras do ferrocarril. Pertencía á directiva da Sociedade Obreira La Fraternidad de Donsión. Detido o 3 novembro de 1936, foi trasladado ao día seguinte a San Simón. Xulgado en Consello de Guerra o 2 marzo de 1937, foi condenado á pena de morte. O 16 marzo foi executado en Monteporreiro.

Adolfo Blanco Barreira. Nado en Cristimil en 1904. Pertencía ao Comité Republicano de Gresande-Cristimil. Detido en Lalín o 25 de agosto de 1936. O 4 de novembro foi trasladado a Pontevedra onde o xulgan en Consello de Guerra sendo condenado a reclusión perpetua. Trasladado ao penal de San Cristobal en Pamplona, participa na fuga, sendo abatido pola Garda civil o 22 de maio de 1938.

José Carballude González. Nado en Donsión en 1904. Canteiro e obreiro do ferrocarril. Membro da directiva da Sociedade Obreira La Fraternidad de Donsión afecta á UGT. Detido en Lalín o 7 de setembro de 1936. O 4 de novembro foi trasladado a Pontevedra onde foi xulgado en 1937 e condenado a reclusión perpetua. Trasladado ao penal de San Cristobal en Pamplona onde participa na fuga do penal, sendo abatido pola Garda civil o 22 de maio de 1938.

Amadeo Enríquez Baldonero. Nado en Vilanova en 1916. Morto mentres está en filas.

Celso Lamas Coego. Nado en Cristimil en 1917. Chamado a filas, morto ao intentar pasarse ao bando leal.

José Vázquez Fernández. Nado en Cuba en 1906, fillo de José Vázquez Fernández de Bermés, retorna coa familia a Galicia en 1926. Peón nas obras do ferrocarril e afiliado á Sociedad de Oficios Varios de Donsión. Foi detido en Pontevedra o 25 de xullo de 1936. Xulgado en Consello de guerra o 20 novembro foi condenado á pena de morte, aínda que lle foi conmutada pola inferior, reclusión perpetua, por ser súbdito cubano. Trasladado á prisión de Pamplona en maio de 1937, a causa das duras condicións da cadea, morre por tuberculose o 21 de maio de 1940.

Benito González González. Nado en Lebozán en 1918. Zapateiro, fora detido e estivo preso en Pontevedra. Pretendía unirse á guerrilla en 1947 con outros tres compañeiros, pero foron descubertos pola Garda civil que os agardaba no lugar establecido para o contacto e Benito foi abatido no muíño de Lebozán o 9 de decembro de 1947.

Miguel Lamas Iglesias. Nace en Vilatuxe en 1902. Membro da Directiva da Sociedade Fraternidad de Donsión. Detido na Prisión de Lalín o 22 de agosto de 1936. O 8 setembro foi trasladado á Illa de San Simón. Xulgado o 18 novembro en Consello de Guerra foi condenado a reclusión perpetua. Foi liberado en 1941. Volven detelo en 1948 acusado de axudar á guerrilla. Xulgado na Coruña o 22 de marzo de 1949, foi condenado a un ano e seis meses de prisión. Como consecuencia da súa estadía no cárcere acabaría morrendo en Donsión ao pouco de ser liberado o 14 abril de 1951.

A placa de Buenos Aires

Placa homenaxe aos asasinados pola ditatura franquista en Deza
Placa homenaxe aos asasinados pola ditatura franquista en Deza

En Buenos Aires, colgada nun dos locais da Federación de Sociedades Galegas, hai unha placa de bronce cunha alegoría da República que a Sociedade de emigrantes Unión del Partido de Lalín instalou en 1954 en homenaxe aos que caeron “en defensa de la libertad de la República española y los derechos humanos”. Figura nela un listado de 52 persoas, co seu respectivo cargo ou profesión, agrupados por concellos, “asesinados por pensar y desear para todos un mundo mejor”.

A sociedade Unión del Partido de Lalín. Auxiliar y de fomento de sociedades agrarias y culturales en el partido [judicial], fundárase en Bos Aires en 1921, cun marcado carácter agrarista e co obxectivo do fomento do ensino laico. Co golpe de estado do 18 de xullo a sociedade apoia con manifestos ao goberno lexitimo e durante a guerra civil organiza en colaboración con Hijos de Silleda e Pro-escuelas en Bandeira, coas que formou a Intersocietaria, unha serie de actos cívicos e culturais para recadar fondos para a República. Ao rematar da guerra continúa denunciando os crimes do franquismo sobre todo os da comarca dezá, aínda que tamén se manifestaron nunha carta aberta contra as condenas a morte de varios fuxidos galegos en 1949.

En agosto de 1952 a Asemblea xeral da UPL acorda tributar unha homenaxe póstuma a todos os mortos do Partido Xudicial de Lalín (o seu ámbito de actuación) en defensa da República facendo unha placa que os recorde. A idea de facer un recoñecemento público e perdurable aos mártires republicanos xurdira o ano anterior no seo da Comisión Directiva, á que se incorporaran algúns dezaos exiliados a finais dos anos corenta, vítimas da onda represiva desencadeada contra a guerrilla; entre eles José Ferreiro (irmán do líder republicano fusilado Manuel Ferreiro), Francisco Blanco Barreira e Jaime Agra Blanco (xulgados en 1949 e condenados a desterro que deciden exiliarse na Arxentina).
En xullo de 1953 rematan os traballos da comisión encargada da elaboración da lista dos represaliados e ponse en marcha a homenaxe. Fíxase a data definitiva da inauguración e acórdase que a placa se instale no local da Federación de Sociedades Galegas.

Finalmente, o 14 de abril de 1954, coincidindo cos actos do aniversario da República, inaugúrase con discursos do presidente da Sociedade Bernardino Dobarro e do Secretario xeral da Federación, pechando o acto unha ofrenda floral.

Nos meses seguintes, a UPL pon a venda unha fotografía da Placa, que adquiriron e aínda conservan moitos emigrados dezaos en Bos Aires.

Segundo as nosas investigacións, o listado dos mártires da República na Comarca de Deza que aparece nesta placa é bastante exhaustivo, tendo en conta que foi elaborado partindo fundamentalmente de fontes orais, polo que hai algúns erros na transcrición de apelidos e outros mesmo aparecen co seu alcume. Así vemos recollidos os fusilados e paseados, os que perderon a vida nas prisións (incluídos os abatidos na evasión da cadea de Pamplona), os que morreron a consecuencia do seu paso polo cárcere e tamén as vítimas da represión á guerrilla durante os anos corenta. Puidemos localizar a case todos os sinalados na lista, pero quedan algúns casos dubidosos, especialmente aqueles que son identificados como militares, que supoñemos son soldados alistados nas filas do exercito franquista e paseados polos informes que os denunciaban como republicanos, enviados polas novas autoridades.

Ofrecemos a continución o listado cos nomes e apelidos correctos:

LALÍN
Manuel FERREIRO PANADEIRO
Luis FRADE PAZOS
Emilio AREÁN MOURE
José LÓPEZ BERMÚDEZ
Adolfo BLANCO BARREIRA
José CARBALLUDE GONZÁLEZ
José CRESPO TORRES
Benito FERNÁNDEZ BALBOA
Amadeo ENRÍQUEZ BALDONEDO
José DONSIÓN MUIÑOS
Jesús FROIZ GÓMEZ
Eliseo GARRA LALÍN
Ramiro GRANJA GONZÁLEZ
Celso LAMAS COEGO
Miguel LAMAS IGLESIAS
Amancio LÓPEZ
Gonzalo LÓPEZ RODRÍGUEZ
José MONTOUTO RODRÍGUEZ
Eligio QUINTÁ RAMOS
Luis VARELA SOBRADO
José VÁZQUEZ FERNÁNDEZ

SILLEDA
Emilio ALONSO PAZ
Constantino CONDE PENIDO
Antonio COSTOYAS ARES
Miguel NICOLÁS ESPERANTE
José FARES FIDALGO
Luis MUIÑOS LORENZO
Ramón MUIÑOS LORENZO
Manuel NOYA GÓMEZ
Francisco PARDO GÓMEZ
Arturo PÉREZ LÁZARA
José RILO BUJÁN
Antonio VALLADARES GONZÁLEZ
Antonio VÁZQUEZ GONZÁLEZ
José Natividad SERPA ARAQUE

CARBIA
Eduardo BREA CAJIDE
Ramón RAMOS LAMAS
Rogelio CAJIDE RODRÍGUEZ
Ramón CAJIDE RODRÍGUEZ
Manuel CARBALLAL PENA
Jesús CEA ASOREY
Manuel CEA ASOREY
Antonio GÓMEZ LÓPEZ
Primo LÓPEZ RIVADULLA
Ramón TORREIRO RIAL
Rogelio SALGADO REY
Manuel SARMIENTO DEBÉN
Manuel VILLAR CIMADEVILA
Enrique VILLAR CIMADEVILA
Luis VILLAR CIMADEVILA

AGOLADA
Julio BARRIO NEGRO

RODEIRO
Victorino AREÁN DIÉGUEZ

Manuel Ferreiro, o primeiro fusilado polo fascismo

Manuel Ferreiro
Manuel Ferreiro Panadeiro.

O 27 de agosto de 1936, ás 5,30 da mañá, un pelotón de fusilamento acababa en Pontevedra coa vida de Manuel Ferreiro Panadeiro, o que fora alcalde de Lalín nos primeiros catro anos do réxime republicano. Foi o primeiro dezao procesado e sentenciado a morte polos militares que se rebelan contra a II República o 18 de xullo. E non por azar:

Manuel Ferreiro naceu o 24 de xuño de 1903 no lugar de Ludeiro da parroquia de Soutolongo, no concello de Lalín. Era fillo de Benito Ferreiro Álvarez e Ventura Panadeiro Lalín.

Estudou o Bacharelato no Seminario de Lugo, trasladándose despois a Madrid, onde iniciou a carreira de Dereito. Alí adquiriu conciencia política, implicándose na loita estudantil contra a Ditadura de Primo de Rivera.

En 1930 xa o atopamos en Deza participando en actos de propaganda republicana, na constitución do Centro Republicano de Lalín o 8 de xuño, e como director do seu periódico Atrás, que aparece en setembro. Ferreiro e o seu veciño e correlixionario Marcelino García Villar son elixidos presidente e secretario do Centro Republicano, que se adhire á Federación Republicana Gallega.

Preséntanse ás eleccións municipais do 12 de abril de 1931, pero a candidatura republicana non acada representación polas manobras caciquís dos monárquicos. O novo goberno provisional anula as eleccións e o día 16 proclámase a República en Lalín, constituíndose unha Xunta Municipal Provisional baixo a presidencia de Ferreiro, que días máis tarde é designado deputado provincial. As eleccións municipais repítense o 5 de xuño copando todos os postos a candidatura republicana encabezada por Manuel Ferreiro.

A súa xestión á fronte do Concello ten como eixes a educación (programa de construción de escolas e reivindicación dun Instituto para Lalín) e as infraestruturas (camiños, pontes e fontes).

Ferreiro e os republicanos lalinenses mantéñense fieis á disciplina da FRG, que chega a celebrar en Lalín unha asemblea provincial en setembro de 1933. Cando se disolve, pasa a integrarse en Izquierda Republicana.

Logo do trunfo das dereitas nas eleccións de novembro de 1933, desde o Goberno civil realízanse varias inspeccións ao Concello co propósito de atopar anomalías que o prexudicasen e así poder suspender á Corporación. O 2 de febreiro de 1934 un delegado gobernativo destitúe ao Alcalde, aínda que é inmediatamente reposto polo Gobernador ante o escándalo político que chega ata o Ministerio. En desagravio, o día 11 organizouse unha homenaxe popular á que acudiron moitos lalinenses para expresarlle o seu apoio. Finalmente, o 8 de agosto, o Goberno civil suspende á Corporación, substituíndoa por unha afín ao Partido Radical de Lerroux presidida por Ricardo López Varela.

Logo do triunfo do Frente Popular nas eleccións de febreiro de 1936, o Consello de Ministros ordena a reposición das corporacións suspendidas durante o bienio negro, e Manuel Ferreiro volve á alcaldía o día 21. Sen embrago, un enfrontamento entre os edís, fai que Antonio Jar (o que fora líder de Izquierda Republicana), secundado por outros 16 concelleiros, presente unha moción de censura contra o alcalde Ferreiro o 4 de marzo. A solución do conflito ven da man do Gobernador civil, que nomea o 11 de abril unha Comisión Xestora provisional de sete membros na que é elixido presidente o galeguista Xesús Golmar, pasando Ferreiro a ocupar o cargo de Secretario do Concello.

O 18 de xullo chegan a Lalín por radio as novas do Alzamento militar. Ao día seguinte desprázase a Pontevedra Manuel Ferreiro e os alcaldes de Silleda e Carbia acompañados de dirixentes políticos do FP e líderes sindicais. Alí entrevístanse co Gobernador civil Gonzalo Acosta Pan. Ao regreso ordenan a requisa de armas e declaran a folga xeral.

A tarde do 20 organízase unha columna composta de obreiros mobilizados polos sindicatos. Uns douscentos milicianos, con poucas armas, parten cara Pontevedra en apoio á República en camións previamente requisados. Á cabeza desta expedición van Manuel Ferreiro e os dirixentes obreiros José Fondevila e José Crespo. Ao seu paso por Silleda únenselles outros elementos da FP en turismos e camionetas. Cando chegan á capital, xa fora declarado o estado de guerra e a cidade estaba baixo o control do Exercito, polo que non teñen outra opción que a de regresar.

Ferreiro, máis consciente do perigo, decide non retornar a Lalín e diríxese a Compostela, cidade na que permanece agochado en varios hoteis ata que o deteñen nos primeiros días de agosto, logo dunha intensa busca. Inmediatamente é trasladado a Pontevedra, onde o mesmo día 4 iníciase a súa causa. Acúsano de traizón coa agravante de perversidade. É a xustiza ao revés, acusando de traizón a aqueles que se mantiveron fieis ao goberno lexítimo.

Durante a indagación do proceso, o xulgado militar chega a trasladarse a Lalín para tomar declaracións xa que moitas testemuñas (dirixentes políticos e obreiros) están xa presos na cadea lalinense.

O consello de guerra sumarísimo celébrase o 21 de agosto, presidido polo tenente coronel Luis Ledo Godoy. Actúa como fiscal o capitán Ramón Rivero de Aguilar e como defensor o tamén capitán Fernando Ponte Pérez. Logo das testemuñas de cargo, nas que os lalinenses xa encarcerados tratan de eludir a súa responsabilidade, declaran José Acuña, Víctor Casas e Luis Poza Pastrana, tamén presos no cárcere de Pontevedra, propostos por Ferreiro como testemuñas de descargo.

Tal é como estaba decidido de antemán foi condenado a pena de morte. A vista resultou unha farsa xurídica para encubrir a simple represión política: tratábase de impoñer castigos exemplares aos principais dirixentes políticos para que servisen de advertencia para a poboación, de aí a publicidade que se lle deu ao xuízo, sentenza e execución. Aprobada pola superioridade, fixouse o cumprimento da pena para o día 27 de agosto.

Ferreiro foi conducido desde a Prisión de Pontevedra ao quilometro un da estrada a Campañó, onde un piquete ás ordes do alférez da Garda civil Francisco Muñoz Paz, executou a sentenza, “recibiendo el reo seis balazos de arma de fuego portátil en región lateral izquierda del torax, todas ellas penetrantes”, segundo se le na súa Causa.

Ese mesmo día danlle sepultura, en silencio e case as agachadas, a súa nai, dúas irmás e o seu tío, o sacerdote Manuel Panadeiro, nun nicho municipal do cemiterio de Pontevedra.

Esta non foi a única nota tráxica dese día no Deza. O terror fascista faise presente o mesmo 27, cando varios veciños da parroquia das Trabancas (Agolada), atopan un cadáver na cuneta da estrada de Lalín a Monterroso. Trátase dun home vestido cun mono, que ninguén pode identificar. Traen o corpo a Lalín para expoñelo publicamente fronte ao Concello. Máis tarde saberase a súa identidade: Luís González Yáñez, axente de Inspección e Vixilancia de Monforte, a quen os falanxistas viñeron asasinar lonxe da súa vila.

Ata varios anos despois, a familia non puido reclamar o cadáver de Manuel Ferreiro para darlle unha sepultura digna. Finalmente, en 1941 logran por fin o traslado e entérrano no cemiterio de Soutolongo, onde hoxe repousan os seus restos.

O alcalde Ferreiro era o símbolo da República nas Terras de Deza, das ilusións e esperanzas que o réxime democrático espertou nunha Comarca que padeceu como poucas o caciquismo máis brutal. O fascismo quixo destruír coa súa execución a quen consideraba como un elemento “perigoso”, porque intentou, como el mesmo escribiu, “sobre as cinzas do pasado, pórse en pé e empezar o camiño”.

Manuel Igrexas

Manuel Ferreiro, republicano

Ferreiro Paratcha
Manuel Ferreiro co deputado Laureano Gómez Paratcha.

A figura de Manuel Ferreiro representa a unha xeración de homes que traen a liberdade, a democracia e o progreso a un Concello e unha Comarca dominada polo clientelismo, cando na República se abre o primeiro período de luz e esperanza no século XX.

Un 24 de xuño do ano 1903 nace en Lodeiro Manuel Ferreiro Panadeiro, os seus pais Benito Ferreiro Álvarez e Ventura Panadeiro eran labregos. A infancia de Ferreiro desenvólvese nun Lalín baixo o control caciquil de Antonio Crespo que se converte en Alcalde en 1903 e permanecerá neste posto durante 20 anos.

Esta época caracterízase polo progresivo empobrecemento do agro, que non é capaz de afrontar os novos retos do capitalismo e ten como única saída a emigración cara América. Pero tamén é o espertar da conciencia campesiña, cos inicios do movemento agrarista encabezado pola Sociedade de Agricultores de Gresande-Cristimil e outras como a de Soutolongo, estes agraristas van emprender tamén a loita contra o caciquismo, aínda que non acadan éxito.

Estuda no Seminario de Lugo, como moitos fillos de labregos da época. Nos anos vinte, trasládase a Madrid, onde obtén o título de Bacharel Universitario e inicia a carreira de Dereito. Alí entra en contacto co movemento democrático, e cos estudantes participa na oposición a Ditadura de Primo de Rivera; un réxime que se prometía rexenerador, pero que só serviu para acentuar o atraso económico e cultural da Comarca.

De regreso a Lalín en 1930, con outros mozos entre os que está o seu inseparable compañeiro e veciño Marcelino García Villar funda o Centro Republicano, que inicia unha campaña de propaganda con conferencias e mitins, chegando a crear mesmo un periódico, Atrás, para difundir as ideas republicanas. Os republicanos de Lalín adscríbense á Federación Republicana Galega, liderada por Casares Quiroga.

Concorren ás eleccións municipais do 12 de abril, aínda que por manexos antidemocráticos, non logran representación. Ao ser proclamada a República, o 16, Ferreiro é nomeado presidente do Comité revolucionario. Aos poucos días convértese en deputado provincial polo distrito de Lalín-A Estrada. Comeza entón a transformación do Concello e da Comarca, reunindo aos mestres e alcaldes para crear Comités republicanos en todas as parroquias.

O 5 de xuño celébranse novas eleccións municipais, ao anular o goberno as anteriores, e nestas resulta elixida na súa totalidade a lista da Federación Republicana Galega encabezada por Ferreiro, na que foran eliminados os elementos das vellas elites, a pesar de que intentarán ter algunha representación.

Esta primeira corporación democrática de Lalín, vai emprender o labor de rexeneración. O eixo principal da súa actuación é a educación: crean novas escolas, con subvención do Concello; impulsan o proxecto de creación dun Instituto (que non chegou a realizarse polos cambios políticos nos gobernos de Madrid) e unha escola laboral (granxa agrícola experimental que serviría para a modernización da agricultura); crea unha biblioteca circulante para a difusión da cultura por todo o Concello; mesmo lle conceden unha beca a Laxeiro, para que poda facer estudios de arte en Madrid. Melloras nas estradas e nas rúas da vila, construción dunha rede de camiños rurais con novas pontes para mellorar a comunicación, un plan para dotar de fontes a todas as parroquias… (todo isto a pesar do cativo presuposto do Concello naquela época)

Ferreiro reúnese cos alcalde da zona, organizando unha Federación de Municipios da zona norte de Pontevedra. E chega a constituír xa en xuño de 1936 unha mancomunidade de Concellos do Partido xudicial de Lalín, para abaratar os servizos.

Desde a alcaldía, apoia o proxecto de Estatuto de Autonomía para Galicia, que é aprobado por unanimidade pola Corporación en xaneiro de 1933. Colabora tamén co Seminario de Estudios Galegos nas súas estadías en Lalín para a investigación sobre as Terras do Deza.

Sempre atento ás demandas das clases populares, defende nos Xurados Mixtos aos obreiros e participa con toda a corporación nas folgas e protestas pola paralización das obras do ferrocarril.

Cando en novembro de 1933 a dereita gaña as eleccións xerais, comeza unha campaña de acoso e derribo para as corporacións progresistas da Comarca. O novo gobernador envía a Lalín comisións de inspección para tratar de atopar irregularidades na xestión de Ferreiro, que xustifiquen a súa destitución.

Por este motivo, tribútanlle unha homenaxe popular o 11 de febreiro de 1934 na que participan representacións de todos os sectores socias.

O gobernado civil destitúe finalmente á corporación en agosto, pasando a ocupar a Alcaldía Ricardo López Varela, do partido Radical, daquelas no goberno central.

En 1935 ingresa co resto dos compañeiros do PRG no novo partido Izquierda Republicana, liderado por Manuel Azaña. Este partido co resto das forzas de esquerda (galeguistas, socialistas e comunistas) constitúen o Bloque antifascista de Lalín, o embrión da futura Fronte Popular. Con eles intervén nos mitins para as eleccións de febreiro do 36 en toda a Comarca.

Ao gañar a Fronte Popular as eleccións, o Goberno repón as corporacións democráticas e o 21 de febreiro, Manuel Ferreiro volve ocupar a Alcaldía, aínda que por un breve período, ata o 11 de abril, cando por disensións internas en Izquierda Republicana, vese obrigado a dimitir e cede a presidencia da corporación ao galeguista Xesús Golmar ao fronte dunha comisión xestora, pasando a ocupar o posto de Secretario interino do Concello. Esta xestora será a que goberne ata o 18 de xullo. Pero Ferreiro segue sendo o dirixente mais importante da Fronte Popular, e asiste en representación de Lalín a Asemblea a prol da Autonomía de Galicia do 17 de maio onde se acorda o plebiscito para o Referendo do Estatuto.

O 19 de xullo, ao ter noticias do inicio o Alzamento, marcha a Pontevedra con outros alcaldes da Comarca e representantes das sociedades obreiras para poñerse a disposición das autoridades lexítimas. Ao día seguinte declara en Lalín a folga xeral e organiza unha expedición de obreiros que marchan a capital para defender a República. Cando chegan a Pontevedra, xa estaba declarado o estado de guerra e os militares ocuparan a cidade. Os de Lalín regresan e comeza a represión.

Ferreiro, consciente do perigo, refuxiase en Compostela, onde o deteñen o 3 de agosto, e inmediatamente trasládano a Pontevedra para xulgalo en Consello de Guerra polo procedemento sumarísimo. Acusado do delito de traizón coa agravante de perversidade, non ten opción ningunha para a súa defensa. A súa causa estaba xa decidida de antemán, os golpistas quería dar escarmento coa súa condena. Sentenciado a pena de morte, fusílano en Campañó o 27 de agosto. Obrigan a enterralo no Cemiterio Municipal da capital e só en 1941 permiten o traslado dos seus restos ao cemiterio de Soutolongo.

Debemos como demócratas pedir que o seu proceso sexa revisado. E tamén os de tantos compañeiros de Lalín como Xesús Froiz, Luís Frade, José Montouto, Ramiro Granja, Luís Varela Sobrado, José López Bermúdez, Adolfo Blanco Barreira, José Crespo Torres, José Donsión, Benito Fernández Balboa… condenados e executados, ou simplemente asasinados, por defender a liberdade e a democracia.

Manuel Igrexas

Homenaxe ao Alcalde Ferreiro

Homenaxe ao alcalde Ferreiro
Homenaxe ao alcalde Ferreiro, 1934.

Esta fotografía foi tomada por Gabriel Alonso (habitual colaborador de Razón e El Pueblo Gallego) o 11 de febreiro de 1934, no patio do “Hospitalillo” con motivo da Homenaxe Popular que se lle tributou ao Alcalde de Lalín, Manuel Ferreiro Panadeiro (que aparece no centro da fotografía).

Os feitos foron estes: O 2 de febreiro, fíxoselle ao Concello presidido por Ferreiro unha inspección ordenada polo gobernador civil de Pontevedra, do Partido Radical, que desde novembro de 1933 gobernaba no Estado (lembremos que a corporación republicana de Lalín, elixida por votación popular o 5 de xuño de 1931, pertencía, case na súa totalidade, ao Partido Republicano Gallego). Como consecuencia destas inspeccións administrativas ordenouse a fulminante destitución do Alcalde Manuel Ferreiro e ás poucas horas ordenouse de novo a súa reposición no cargo con todas as honras.

Como mostra de desagravio, e para agradecerlle o traballo desenvolvido ata aquel momento, un grupo de amigos de Ferreiro constituíuse en Comisión coa fin de organizar unha homenaxe popular. Este grupo estaba encabezado por Gonzalo Goyanes (o que fora secretario do Centro Republicano de Lalín), Jesús Iglesias Surribas (director de Razón) e Jaime Agra; que organizan unha festa ao estilo das que se facían na época.

O banquete (servido polo “Hotel do Ferrador”) tivo lugar no salón principal do Hospitalillo. Como curiosidade podemos dicir que o Menú constaba de: entrantes, pisto, cocido, pescada frita, sobremesas variadas, café e licores.

A homenaxe, á que asistiron mais de cen persoas, foi amenizada por dúas bandas de música. Ao finalizar pronunciaron unhas palabras Gonzalo Goyanes, en nome da Comisión, Antonio Jar (primeiro Tenente Alcalde) o concelleiro Luis Frade e o Administrador de Correos Andrés Iglesias (un dos fundadores da Agrupación ao Servizo da República de Lalín). Deu as grazas Manuel Ferreiro; reproducimos aquí algúns parágrafos do seu discurso, segundo recollen as crónicas da época:

“Mi obra no es la que yo hubiera deseado hacer en bien del pueblo. Toda mi buena voluntad la he puesto a su servicio y si no hice más fue por que no pude. He sido el primer presidente de la Comisión Gestora puesto por el Gobierno provisional de la República, y soy el primer alcalde republicano de Lalín porque lo merecía, modestia aparte. Ni cambié de trayectoria ni me aupé en los faldones de nadie cobijándome en el que mas me conviniese, y calentase. Alcalde lo soy por el voto popular y este mismo voto que me dio la Alcaldía me lo ha de quitar. A todos doy las gracias y… señores: ¡Viva la República!”.

Para finalizar as bandas de música tocaron o Himno Galego, que escoitaron en pe e descubertos todos os asistentes.

Entre os asistentes ao acto que aparecen na fotografía, aparte dos anteriormente mencionadas, sinalaremos a José Otero Abeledo “Laxeiro”, Benito Rodríguez, José Alonso, Alfonso García González, Aurelio Serrano Vidarte, Marcelino García, Ramón Palmaz, Fernando Calviño, Salvador Madriñán, Manuel García, Julio Brandido, Xesús Froiz, Secundino Agra

Pero finalmente o Alcalde Manuel Ferreiro e toda a Corporación municipal foron suspendidos de funcións e cargos o 8 de agosto dese mesmo ano e substituídos por unha Comisión Xestora do Partido Radical presidida por Ricardo López Varela.

Manuel Igrexas