O periódico que chegou de Cuba

Neste 2022 que remata fixéronse cen anos da aparición de Verdad y Justicia, acontecida un 18 de abril de 1922. Máximo López Carral e Jesús Iglesias Surribas, que chegaran de Cuba uns meses antes, botaron a andar o bisemanario desde un local alugado na parroquia de Prado.

Máximo López Carral, fundador e director de Verdad y Justicia.

“Coñecín un Lalín sen bancos, sen instituto, sen colexios privados, sen grupos escolares do Estado. Sen tantos ricos nin tantos cartos, pero tiña algo Lalín que hoxe xa desapareceu, un xornal que se chamaba Verdad y Justicia.”

Así o lembraba Laxeiro n’Os escritos de Don Ramiro, unha das poucas referencias que se poden rastrexar sobre esta excepcional experiencia xornalística que semella sepultada no esquecemento. O periódico Verdad y Justicia que o de Botos coñeceu nos seus anos na Habana, debeu deixar nel unha fonda pegada que aínda permanecía na memoria moitos anos despois.

E efectivamente, Verdad y Justicia foi un periódico valente que fixo honra ao seu título sostendo unha dura campaña a prol da xustiza, apoiando o movemento agrarista contra o rancio caciquismo que imperaba en Deza, coas únicas armas da razón e a verdade.

Non se conservan exemplares e malamente podo reconstruír a historia deste xornal a través das referencias que del fan algunhas publicacións da época.

Que fixo posible a edición dun medio tan crítico co poder na nosa comarca? Conxuráronse por esas datas varios factores: O empuxe dos emigrados cubanos, o rexurdimento do agrarismo lalinense, e a fundación da Unión del Partido de Lalín de Buenos Aires.

Pódese rastrexar a orixe no periódico uns anos antes. Algúns membros da sociedade Hijos de Lalín da Habana viñan insistindo dende a súa creación en 1910, na necesidade de apoiar ás sociedades agrarias na súa organización e defensa. A primeira noticia que temos sobre a intención de crear un xornal agrario en Lalín data de 1914, cando Máximo López, apoia unha proposición de Felipe Sánchez para a axudar ás sociedades agrarias, facéndoa extensiva  á creación dun periódico que defenda as súas posicións.

Pero hai que agardar a 1920 cando se crea a sociedade Club Lalín da Habana, que se propón como un dos seus fins “Propender a la estabilidad de un periódico en dicho Ayuntamiento que sirva de vocero defensor de los principios que sustenta este Reglamento.”

O proxecto materializouse logo da viaxe de Maximino López Carral, dirixente de Hijos de Lalín e Club Lalín da Habana coa súa familia a Galicia a finais de 1921, instalándose na parroquia natal de Moneixas.

O movemento agrario era vizoso en Deza a principios dos anos vinte logo da fundación de novas sociedades en Lalín, Agolada, Rodeiro e Silleda, culminando coa constitución da Federación de las Sociedades Agrícolas del Partido Judicial de Lalín formalizada o 11 de decembro de 1921, coas sociedades de Gresande, Vilanova, Prado, Bermés, Anzo, Filgueira,  A Balouta, Goiás, Botos e as dos concellos de Dozón e Agolada.

En xaneiro 1921 constituíuse na capital arxentina o Comité auxiliar de las sociedades agrícolas y culturales del partido de Lalín en Buenos Aires co propósito de “defender os intereses e dereitos dos labregos a fin de mellorar a situación precaria que os oprime”. E nese mesmo mes bota a andar a sociedade Unión del Partido de Lalín que se autotitula “Auxiliar y de fomento de sociedades agrarias y culturales en el Partido”.

Con estes vimbios Maximino López e Jesús Iglesias Surribas, que tiña experiencia como impresor, inician a edición de Verdad y Justicia co obxectivo declarado de “fomentar la instrucción y la cultura y ser órgano de las Sociedades Agrarias del partido de Lalín”. Contan tamén coa colaboración de Jesús Filloy, o líder agrario de Cortegada, retornado de Buenos Aires uns anos antes, que se converteu nun dos redactores do xornal. O 18 de abril abriron os dezaos o primeiro número do xornal que saíu a rúa durante case tres anos cada quince días, coincidindo coas datas das feiras de Lalín,.

Un fragmento da única folla conservada de Verdad y Justicia.

Verdad y Justicia serviu de voceiro da campaña contra a anulación eleccións municipais de febreiro de 1922, nas que os agrarios obtiveran unha soada vitoria en Lalín, Silleda e Agolada. As eleccións foran invalidadas polo caciquismo alegando defectos formais, o que desencadeou unha vaga de mitins e protestas, ata que en setembro se celebraron novas eleccións en Silleda, Agolada e Rodeiro.

Desde o xornal lanzaron a idea de celebrar un congreso agrario das Sociedades de Lalín e A Estrada para asentar a colaboración entre elas, e o director, Maximino López participou no congreso Agrario de Tui de setembro de 1922.

Pronto se viu acosado polas autoridades e enfrontado coa Igrexa. O cura de Moneixas, Andrés Cajide, viña atacando ao director desde o púlpito acusándoo de masón e espiritista. Máximo sufriu tamén un atentado aínda que sen consecuencias.

Con este panorama, Máximo López decidiu retornar a Cuba coa familia embarcando no vapor Hammonia no porto de Vigo o 8 de setembro de 1922. O barco naufragou o día seguinte, Máximo e a familia salváronse e foron recollidos por un barco inglés que os levou a Southampton, desde onde volveron a Vigo para embarcar de novo rumbo a Habana.

Jesús Iglesias Surribas, administrador e despois director do periódico.

A Máximo López sucedeuno na dirección do periódico Jesús Filloy, que continuou coa mesma liña editorial. E consecuentemente, en xaneiro de 1923, o bispo de Lugo Plácido Ángel Rey prohibiu a “lectura e retención” do periódico en toda a diocese por conter proposicións heréticas, ser claramente naturalista e librecultista, defender proposicións malsoantes, escandalosas e impías, ademais de estar “escrito con pésima redacción gramatical”.

Cando en setembro de 1923 o xeneral Primo de Rivera deu un golpe de Estado e instaurou unha ditadura en España, Verdad y Justicia non desapareceu. Jesús Iglesias Surribas, que ocupara o posto de administrador, fíxose cargo da dirección. O periódico esquivou como puido a censura da ditadura, non sen polémicas.

A sociedade Unión del Partido de Lalín, que aceptara a correspondencia do periódico en Buenos Aires, pronunciouse en varias ocasións contra os artigos que se publicaban, acusando á dirección de abandonar os ideais agraristas. Protestou contra os escritos de Ricardo Rielo denigrantes para a sociedade. Antón Alonso Ríos publicou duros ataques á dirección da Federación, segundo el entregada a ditadura, que foron respondidos por Ramón Fernández Villar defendendo a liña colaboracionista das agrarias federadas.

Tamén desde El Despertar Gallego, o órgano da Federación de Sociedades Gallegas Agrarias y Culturales de Buenos Aires, Alonso Ríos, asinando como “El rugidor de la Selva”, atacou a Xesús Froiz, que publicaba as súas primeiras colaboracións xornalísticas en Verdad y Justicia co pseudónimo “El Cantor del Bosque”. Outro veterano agrarista, Jesús González Peña, saíu en defensa de Froiz.

Verdad y Justicia da conta da deturpación do programa agrario das sociedades e o seu control por políticos colaboracionistas coa ditadura como Cándido Soto, que se fai coa presidencia da Sociedade de Gresande en 1924. Isto desatou unha campaña de acoso contra o seu director, Jesús Iglesias, a quen ameazaron coa cadea por desertor ao non ter cumprido o servizo militar. Jesús marchou precipitadamente a Cuba en decembro de 1924 e o periódico esmoreceu.

Ao rematar a ditadura, os agrarios intentaron sen éxito reactivar o periódico, do que apareceu un único numero en decembro de 1929, baixo a dirección de Ramón Fernández Villar e cun editorial de Jesús Froiz.

Dez anos despois da súa desaparición, desde as páxinas de Razón, rememoraba Iglesias Surribas a súa participación no proxecto Verdad y Justicia:

“Las peripecias que hemos encontrado a nuestro paso cuando estuvimos al frente de Verdad y Justicia, no fueron causa para amilanar nuestro camino; antes al contrario, ello nos sirvió de acicate para reunir todas nuestras energías y emprenderla directamente sin rebajas. Nuestro grito era de justicia y de razonamiento, era la protesta de la dignidad pública que se encarnaba en nosotros, que sosteníamos la campaña en defensa del deshonor y la procacidad de los traficantes de vendicta pública, que se transformó como un sol que va a purificar las burdas pestilencias con que quisieron mancharnos.”

Xesús Iglesias Surribas, infatigábel xornalista

Jesús Iglesias Surribas
Xesús Iglesias Surribas.

Hai anos viaxei á Habana seguindo a pista do que fora o xornalista máis importante da nosa comarca, Xesús Iglesias Surribas. Sabía que logo da súa experiencia na época republicana como director do periódico Razón, marchara novamente a Cuba e alí, xunto co silledense Adolfo Víctor Calveiro, creara a revista Cultura Gallega. Pero aí perdíase a súa pista. Retornaría despois? Marcharía de Cuba coa Revolución?

Na Habana entrevisteime con fillo e o neto de Máximo López Carral, o que fora o seu compañeiro nas angueiras do “Club Lalín”, quen retornara a Galicia e fundara con el o periódico agrarista Verdad y Justicia a principios dos anos vinte. Percorrín as rúas Amargura e Aguacate, onde tivera os seus obradoiros. Logrei atopar a que fora a súa última casa e falar con algúns dos veciños que aínda o recordaban, a el e á súa compañeira Josefina. Finalmente achegueime ao Cemiterio de Colón onde puiden localizar a súa partida de defunción:

Jesús Iglesias Surribas, natural de España, 84 años, viudo, hijo de Benito y Rosa, murió en el Hospital Emergencia de bronconeumonía el 5 de mayo de 1978.

Xesús naceu na parroquia de Anseán o 7 de marzo de 1891, era fillo de Benito Iglesias de Anseán e Rosa Surribas García de Cristimil. A súa irmá Elisa, catorce anos máis vella, casada con Manuel Fernández Villar, de Vilatuxe, levouno con ela cando marchou a Cuba en 1905. Con catorce anos, Xesús puido facer algúns estudos na Habana e deseguida empezou a traballar en varios oficios, ata que definitivamente se asentou como axudante nunha imprenta. Introduciuse na vida da colonia galega da Habana e fíxose socio de “Hijos del Partido de Lalín” na capital cubana, unha sociedade que se fundou en 1910 co propósito de auxiliar a súa homónima arxentina no obxectivo de construír un hospital-asilo en Lalín. Non obstante, e a diferenza dos bonaerenses, os cubanos xa tiñan claro desde o principio que, ademais da edificación do hospital, os fins da sociedade debían ser contribuír ao fomento do ensino e axudar ás sociedades agrarias na súa loita anticaciquil. Da man do seu amigo Máximo López Carral, en 1915 convértese en vicesecretario de Hijos de Lalín e ofrécese á sociedade para traballos de imprenta e proporcionar carteis e anuncios gratuítos. Durante a segunda metade dos anos dez, Iglesias pertenceu ás directivas de “Hijos de Lalín” ocupando diversos postos.

Porén, os seus obxectivos de fomentar o ensino e crear un periódico non se ven cumpridos con “Hijos de Lalín”, pois a maior parte dos seus membros tiñan como meta primordial a construción do hospital, que se prolonga no tempo. En 1920, xunto con outros emigrantes lalinenses, crean na pensión onde se reunían, a pensión de Avelina Presas, en Sol, o “Club Lalín “Amor y Progreso” Sociedad de Instrucción, Auxilio y Protección al Trabajo”. Xesús pertenceu á comisión redactora do Regulamento da sociedade e foi o primeiro vicesecretario da súa Xunta directiva cando se legalizou en xuño. Desde o “Club Lalín” impulsou a construción de escolas; ademais, formou parte do “Comité de Sociedades Gallegas de Instrucción de la Habana”.

O Club Lalín despide a Jesús Iglesias
O Club Lalín despide a Jesús Iglesias en 1921.

Ao ano seguinte, o 30 maio de 1921, embarca rumbo á Coruña no vapor Odriozola; como despedida, o “Club Lalín” ofrécelle un xantar na sala “La Tropical”. Parece que se instala en Prado, para darlle forma ao seu vello proxecto de edición dun periódico, ao mesmo tempo que colabora como correspondente na comarca de Eco de Galicia. Por fin, o 18 de abril de 1922 aparece o quincenal Verdad y Justicia, baixo a dirección de Máximo López, que tamén retornara de Cuba a principios do ano anterior para instalarse na súa parroquia de Moneixas e poñer alí unha escola na que impartía clases para adultos. Xesús aparece como administrador do periódico, pero terá que substituír a Máximo na dirección cando este decide marchar novamente a Cuba en setembro dese mesmo ano, logo da persecución do cura de Moneixas e de sufrir un atentado. Iglesias implícase tamén no movemento agrarista e trata de levar adiante Verdad y Justicia, que foi atacado polo clero local por masón e espiritista e mesmo chegou a ser prohibida a súa lectura polo bispo de Lugo a principios de 1923. Coa ditadura de Primo de Rivera, o periódico adopta unha actitude conciliadora co directorio na liña do agrarismo dezao, pero o conflito remata por estalar a finais de 1924 con motivo da elección da nova directiva da Sociedade de Gresande. Como consecuencia disto, os opositores a Cándido Soto foron denunciados e Surribas foi acusado de non ter feito o servizo militar, polo que tivo que fuxir precipitadamente a Cuba. O periódico cesou a súa publicación e, aínda que volveu saír meses despois con outra dirección, estaba xa tocado de morte e cesou definitivamente a principios de 1926. Por desgraza non se conserva ningún exemplar de Verdad y Justicia, o que impide que poidamos seguir esta etapa da historia local con maior detalle.

Xesús retoma o seu traballo de impresor na Habana e volve participar activamente nas sociedades de emigrantes dezás: vocal de “Hijos de Lalín” en 1926, vicepresidente en 1927, secretario de actas en 1929, vicepresidente en 1931… E no “Club Lalín”, do que será presidente en 1928 e secretario en 1930, é un dos impulsores da proposta de dotar coa cantidade de 1.000 pesetas para a creación e sostemento de casas-escola a todas as parroquias do Concello de Lalín. Grazas a esta doazón construíronse as escolas de Alemparte, Vilanova e Prado. Coa caída de Primo de Rivera, Surribas retoma o proxecto da edición de Verdad y Justicia, do que finalmente só aparece un número a finais de 1929, baixo a responsabilidade de Xesús Froiz. En 1933, xa en plena República, decide retornar a Galicia para crear un novo proxecto xornalístico: o periódico Razón, que verá a luz o 18 de xullo de 1933. Subtitulado Periódico independiente, e dirixido por Surribas, conta coa administración de Celso Carrón, que é tamén o impresor, e coa colaboración de Xesús Froiz. No editorial do primeiro número escribe Iglesias:

“Las peripecias que hemos encontrado a nuestro paso cuando estuvimos al frente de “Verdad y Justicia”, no fueron causa para amilanar nuestro camino; antes al contrario, ello nos sirvió de acicate para reunir todas nuestras energías y emprenderla directamente sin rebajas. Nuestro grito era de justicia y de razonamiento, era la protesta de la dignidad pública que se encarnaba en nosotros, que sosteníamos la campaña en defensa del deshonor y la procacidad de los traficantes de vendicta pública, que se transformó como un sol que va a purificar las burdas pestilencias con que quisieron mancharnos”.

Razón apoia o réxime republicano e a xestión municipal de Manuel Ferreiro, reclama a autonomía para Galicia, reivindica a continuidade das obras do ferrocarril, critica o tratado con Uruguai e móstrase favorable á creación de cooperativas agrarias. Está na liña do Partido Galeguista, ao que pertence Xesús Froiz e no que ingresan Celso Carrón e o propio Surribas o 20 de febreiro de 1934.

Esta nova aventura xornalística ten o seu final nese mesmo ano, logo das eleccións xerais de novembro que dan o triunfo á CEDA. Novamente, o ambiente vólvese irrespirable para Xesús e decide marchar outra vez á illa caribeña. Embarca en Vigo no transatlántico francés Mexique, o 25 de maio.

Jesús Iglesias na festa do Corpiño 1923
Jesús Iglesias con Celso Carrón e outros amigos na festa do Corpiño, 1923.

Ao pouco do seu retorno á Habana xa emprende un novo proxecto: convértese no administrador de Cultura Gallega, unha revista mensual ilustrada que apareceu o 5 abril de 1936 e mantívose até marzo de 1940. Dirixida polo silledense Adolfo Víctor Calveiro, e con Eladio Vázquez Ferro como subdirector, é unha das últimas publicacións galegas importantes de Cuba. Tirábase na imprenta de Xesús, na rúa Aguacate, 520. Surribas contribuíu xenerosamente cos seus cartos a superar períodos de graves dificultades. Nos seus obradoiros tamén se editou a revista Cultura Hispánica nos anos cincuenta, e algúns libros de exiliados galegos como Con los ojos del recuerdo. España de Ramón Fernández Mato.

Tampouco abandona a actividade societaria: foi elixido vicepresidente de propaganda da “Agrupación Artística Gallega”, presidente de “Hijos de Lalín” en 1939 e vogal da comisión patrocinadora da Conferencia de españoles por la Paz en Cuba en 1952.

Sabemos, pola efémera correspondencia que mantivo co seu sobriño Higinio Iglesias, que o 7 novembro de 1957 sufriu unha trombose, que lle impediu volver falar. Deixa todas as súas actividades e mesmo dáse de baixa na sociedade “Hijos de Lalín”; será a súa compañeira Josefina Ribut quen o coide. Logo do triunfo da Revolución, en xaneiro de 1959 a súa saúde empeora e teñen que amputarlle unha perna. Morre a súa compañeira Josefina e a súa filla Mª Joaquina Columga Ribut, que consideraba a Xesús como o seu padrasto, faise cargo del ata a súa morte en maio de 1978. Foi Mª Joaquina quen sufragou os gastos do enterro e o nicho no panteón da Sociedad Cangas de Onís, Parres y Amieva do cemiterio de Colón da Habana, onde foi soterrado.

Desgraciadamente, cando viaxei a Cuba, xa non puiden contactar con ela, pois marchara a Estados Unidos en 1980, no éxodo do Mariel. Instalouse en Miami e morreu en xuño 1998. Así pois, non puiden recuperar ningún documento do que había ser un dos mellores arquivos para reconstruír parte da historia da nosa comarca.

Con Razón: Viva a República

Razón
Portada do periódico Razón.

Cando Jesús Iglesias, o director de Razón, busca un nome para o xornal, repara na máxima que dende antigo identificaba aos lalinenses: ¡Viva Lalín! Con razón ou sen ela. Pero o refrán non é axeitado para un agrarista, demócrata e republicano: Elimina a segunda parte da disxunción e ao signo localista engádelle Galicia enteira. Nesta andaina úneselle Xesús Froiz, un xornalista e poeta cos mesmos ideais. Fan así de Razón un periódico republicano e galeguista defensor dos labregos e proletarios.

Queremos hoxe, 14 de abril, día da República, unha data transcendental para eles, aportar algúns datos das actividades destes dous importantes xornalistas lalinenses aos que compre (con razón) render unha homenaxe de recoñecemento público.

Jesús Iglesias Surribas nace en Anseán o 7 de marzo de 1891. Aos catorce anos emigra co seu cuñado a Cuba, onde realiza algúns estudos. As súas inquedanzas pola mellora das condicións dos que quedan na Terra lévano a participar na vida societaria da colonia galega, integrándose en Hijos del Partido de Lalín en La Habana (onde é vocal e vicesecretario de varias directivas). Nestes anos monta unha imprenta. En 1920 funda con outros lalinenses o Club Lalín de La Habana, con fins de instrución. En 1921 embarca para Galicia. Instalase en Prado, onde funda xunto con Máximo López Carral (tamén ex emigrado en Cuba) o periódico agrarista Verdad y Justicia. O xornal, que aparece o 18 de abril de 1922, convértese no voceiro do agrarismo comarcal; de seguida ten problemas coas autoridades relixiosas, que o tachan de masón e espiritista, prohibindo a súa lectura o bispo de Lugo. O mesmo Jesús Iglesias colabora coa Federación Agraria Comarcal. En decembro de 1924 as presións da Ditadura de Primo de Rivera fan que peche o xornal, marchando precipitadamente a Cuba. Alí volve integrarse na vida societaria no Club Lalín, do que se converte en presidente en 1928. Non esquece o seu proxecto, e teima en volver para publicar de novo Verdad y Justicia. Pero non poderá facelo ata 1933. Nese ano regresa a Lalín, ponse en contacto co impresor Celso Carrón e o xornalista Xesús Froiz e crea Razón, que aparece o 18 de xullo. Pouco dura esta nova aventura xornalística, xa que en novembro a dereita gaña as eleccións, comezando unha campaña de acoso á prensa esquerdista. Nos primeiros meses de 1934 pecha Razón. Jesús continúa na loita política ingresando no Partido Galeguista, pero as dificultades son cada vez maiores, sobre todo a raíz da represión desencadeada pola revolución de Asturias. Embarca novamente para Cuba en maio de 1935. Continúa alí o labor xornalístico, agora como administrador de Cultura Gallega, a revista que dirixe o silledense Adolfo Víctor Calveiro. Prosegue coa súa actividade como impresor ata que en 1957 sofre unha trombose. A partir deste momento ten que abandonar o traballo e sobrevive penosamente ata a súa morte en 1978.

Xesús Froiz Gómez nace en Moneixas en 1902, fillo de Gerardo Froiz, que ten unha afamada xastrería na vila de Lalín. Estuda en Lugo, onde comeza a súa andaina como xornalista. E tamén como poeta: baixo o pseudónimo de El cantor del bosque publica en revistas americanas (Eco de Galicia de La Habana) algunhas composicións de tema social con Galicia como fondo (“Galicia chora”). En 1928 faise cargo da correspondencia de Faro de Vigo en Lalín, co que colabora ata fins de 1929. Coa chegada da República, o alcalde Manuel Ferreiro noméao garda municipal. Cando Jesús Iglesias funda Razón, traballa como redactor no periódico e tamén publica nel algúns poemas (agora co pseudónimo de Recaredo). En 1934 a Comisión Xestora radical césao como garda municipal. Ingresa no Partido Galeguista. Convertese en animador e propagandista de Os Dezas, os gaiteiros de Moneixas, e en colaborador de A Nosa Terra, o periódico galeguista. Nas eleccións de febreiro de 1936 participa na campaña electoral da Fronte Popular dando mitins pola comarca. E en xuño, tamén na campaña do Estatuto de Autonomía. O 4 de agosto detéñeno e ingresa na prisión de Lalín, onde permanece ata o 9 de outubro, en que coa desculpa dun traslado á prisión de Caldas, os falanxistas asasínano na Estrada.

Manuel Igrexas.