Invisíbeis: mulleres dezás represaliadas polo franquismo

Laura Nicolás Esperante con Eugenio Rueda
Laura Nicolás Esperante co seu home Eugenio Rueda Perosanz.

A excepción duns poucos nomes de “paseadas” ou fusiladas, poucas veces as mulleres aparecen citadas nos estudos sobre a represión franquista en Galicia. Pero estas tamén foron represaliadas tanto física como económica, laboral ou psicoloxicamente. Foron moitas as mulleres violadas, rapadas, humilladas e obrigadas a beber aceite de rícino. As últimas investigacións eliminaron moitos tópicos e agora forman parte da historia real dos derrotados. Pouco a pouco imos coñecendo a dureza das vidas que levaron esas mulleres, porén hai moitos casos dos que compre saber en detalle. Hoxe quero dar a coñecer algunhas historias de mulleres dezás que sufriron a represión polas súas ideas, e que poderían representar a todas elas.

María Carmen Sánchez Sanmartín, nada en Losón (Lalín) o 14 de abril de 1903, filla de Juan Sánchez García e Carmen Sanmartín Ramos. Era veciña de Ferrol nos anos da República, e alí casou con Enrique Rodríguez Faraldo en 1934. Co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 foi detida e sometida posteriormente a un consello de guerra en Ferrol o 10 de agosto de 1937, acusada de auxilio á rebelión e condenada á pena de 15 anos de reclusión temporal e accesorias correspondentes. A Comisión Provincial de Incautación de bens abriulle o expediente 2/1938 por responsabilidades políticas e o Tribunal Regional de Responsabilidades Políticas da Coruña sancionouna o 22 de novembro de 1940 coa cantidade de 100 pesetas. Carecía de bens de fortuna para afrontala.

Unha das primeiras medidas de limpeza que levaron a cabo as novas autoridades foi a depuración do maxisterio. A mediados de agosto de 1936 decretouse pola Junta de Defensa Nacional a destitución masiva de mestras e mestres. Púxose en marcha unha purga minuciosa por parte da Comisión Depuradora do Maxisterio, que abriu expedientes a todos os/as ensinantes. O resultado deste proceso de depuración foi un bo número de mestras sancionadas na Comarca de Deza:

Milagros Gómez Fernández, mestra de Bais (Agolada), sancionada con suspensión e traslado de escola.
Juana López Elicegaray, de Besexos (Vila de Cruces), suspensión.
Carmen López López, de Vilarello (Dozón), suspensión.
Peregrina Besada Álvarez, de Cadrón (Lalín), suspensión e traslado de escola.
Benita Gallego Varela, de Moneixas (Lalín), traslado.
Emilia Barros Muíños, de Palmou (Lalín), traslado.
María Lareu Yáñez, de Sello (Lalín), traslado.
Higinia Fráiz Villanueva, da Bandeira (Silleda), suspensión e traslado.
Efigenia Novas Solla, de Parada (Silleda), suspensión e traslado.
Encarnación Seoane Golmar, de Saidres (Silleda), traslado.
Elisa García Arguindey, de Taboada (Silleda), traslado.

Tamén as mulleres da comunidade protestante da parroquia de Vilar (Silleda) sufriron a represión. María Andrea Valladares Carballo, que nacera en 1883 en Vilar, foi detida a principios de outubro de 1937, xunto con outros nove protestantes da parroquia, entre eles o pastor Celestino Puente. Segundo unha noticia aparecida en El Compostelano dando conta destas detencións, María Andrea era acusada de “saludar con el puño cerrado”. Foi xulgada en Pontevedra en consello de guerra o 13 de xaneiro de 1938, acusada de auxilio á rebelión e condenada a 20 anos de prisión. Abríronlle expediente de responsabilidades políticas en xaneiro de 1940. A sentenza foi conmutada en setembro de 1943.

O pastor, Celestino Puente Sánchez, que tamén foi detido e procesado, casara en Inglaterra en 1932 con Ruth Elisa Dodd, a filla de Thomas Dodd, o anterior pastor de Vilar. Sabemos que Ruth era mestra en Vilar, pero parece que non foi detida nin sancionada, seguramente porque tiña a nacionalidade inglesa. Porén, a capela e a escola dos protestantes foi clausurada e pechada por orde do Gobernador civil o 8 de outubro de 1937 “por ser aquella un centro antipatriótico y desarrollarse en la misma propaganda de caracter izquierdista”.

Neste artigo facía fincapé nos castigos aos que se viron sometidas as mulleres da familia de Antón Alonso Ríos mentres este estaba fuxido disfrazado como o siñor Afranio. A súa nai Matilde Ríos Neira e a súa irmá Evangelina (que rexentaba o comercio familiar), foron acusadas de colaborar cos republicanos silledenses facendo propaganda das ideas esquerdistas, e mesmo de proporcionarlles dinamita e municións dos seus establecementos comerciais. As súas irmás Matilde e Dolores, tamén mestras, foron acusadas de ter ideas esquerdistas e de facer campaña polo seu irmán, aínda que finalmente non resultaron sancionadas.

Pero ademais as mulleres dos paseados e asasinados padeceron tamén outras formas de represión e rexeitamento social. Sinalo só dous casos a modo de exemplo:

Rogelia Sanmartín Amigo, a muller de Luís Frade Pazos, primeiro tenente alcalde de Lalín na última corporación republicana e asasinado en Tenorio o 9 de novembro de 1936, pasou moitas dificultades para criar os seus fillos e cada 9 de novembro viaxaba ás agachadas a Tenorio para deixar unhas flores na tumba do seu home.
Unha situación semellante, pero máis grave (pois tiña oito fillos), sufriu Rosa Abeledo Albarellos, a muller de José María Montouto Rodríguez, asasinado con Luís Frade en Tenorio. Tanto ela coma os seus fillos foron cualificados como “roxos” e polo menos dúas das súas fillas, Oliva e Asunción, tiveron que marchar a Buenos Aires “exiliadas”.

Así mesmo, entre as mulleres dos escapados e fuxidos que formaron as primeiras partidas guerrilleiras a finais dos anos trinta, producíronse episodios de represión:
Un destes casos foi o de Carmen Sánchez Saa, nai de Ramón Sánchez, coñecido como “Areán”, o lugartenente do Largo (o guerrilleiro Benjamín García Diéguez); esta foi detida para obrigar a entregarse aos membros da partida do Largo, que operaba na zona de Rodeiro, tomándoa como refén o 8 de marzo de 1939. Ao día seguinte detiveron a Josefa Villanueva Soengas, a muller de Ramón Sánchez, e á súa filla, a nena Agripina Sánchez Villanueva. Tamén foi detida Regina Diéguez Valladares, a nai de Benjamín García. Logo de permanecer varios días en prisión; sen que os guerrilleiros se entregasen, libéranas.

Na etapa de maior represión contra a guerrilla na comarca, a finais dos anos corenta, tamén se deron varios casos de represión contra as mulleres que axudaban e apoiaban a loita guerrilleira:
Josefa Nicolás Esperante, a irmá do guerrilleiro Miguel Nicolás Esperante o líder do grupo “Os Corcheiros”, que operaba polo norte da provincia de Pontevedra, foi detida en 1948 acusada de axudar os guerrilleiros. Foi xulgada na Causa 296/48, na que tamén foi procesado o seu irmán Manuel Nicolás Esperante, pero ela non chegou a ser procesada.

Peor sorte lle tocou á outra irmá de Miguel, Laura Nicolás Esperante, que casara en 1943 co guerrilleiro Eugenio Rueda Perosanz, quen formou parte do grupo “Os Corcheiros”. Laura fora unha das poucas mulleres militantes do Partido Galeguista nos tempos da República. Foi detida en 1948 e xulgada nun consello de guerra o 23 de febreiro de 1949 con Manuel Villanueva Rey e Andrés Conde Troitiño, acusados de “bandidaje”. Laura Nicolás foi condenada a dous anos de prisión.

As dúas irmás Nicolás foron detidas na gran redada contra os apoios da guerrilla na comarca de finais de 1948, coordinada polo famoso comandante Montero, xefe do Sector Interprovincial da Garda Civil con sede en Lalín, popularmente coñecido como a “Brigadilla”. Nesa redada tamén foron detidas outras tres mulleres:

Inés Blanco Donsión. Nada en Cristimil (Lalín) en 1924. Filla de Francisco Blanco Barreira, que fora detido e xulgado en 1936 e estivo catro anos en San Simón. Inés foi arrestada xunto co seu pai Francisco Blanco acusada de bordarlle unha bandeira para os guerrilleiros. Foi torturada no cuartel da Brigadilla de Lalín e xulgada na Causa 296/48, na que foi procesado o seu pai, aínda que Inés non chegou a ser axuizada. Ao ser liberada logrou emigrar a Venezuela. Retornou a España e finou en Leganés en 2017.

Josefa Diéguez Froiz. Nada en Fontao (Vila de Cruces) en 1919. Foi procesada na Causa 296/48 xunto co seu marido, o asturiano Vidal Faza Luis, un antigo preso que traballou nas minas de Fontao, e foi condenada a 6 meses de prisión. Ao ser liberada marchou a Vigo.

Estrella Souto Ramos. Nada en Duxame (Vila de Cruces) en 1920. Filla de Manuel Souto Penas, foi detida xunto co seu pai e procesada con el na Causa 296/48. Estrella foi absolta.

A familia do Siñor Afranio

Antón Alonso Ríos
Antón Alonso Ríos.

A historia de Antón Alonso Ríos como derradeiro presidente do Consello de Galiza, aquela institución creada por Castelao que representaba nos anos 70 o goberno lexítimo do noso país no exilio, non é aínda hoxe moi coñecida. Cando se restaurou a democracia en España, logo da morte de Franco, desde Catalunya e Euskadi reclamouse o retorno dos seus presidentes no exilio, os cales exerceron despois de presidentes das respectivas preautonomías, pois eran os depositarios da lexitimidade democrática da República. Non obstante, no caso de Alonso Ríos ninguén desde Galicia solicitou a volta á Terra de quen estaba chamado a ser o primeiro presidente da Autonomía galega. Antón morreu en Arxentina a finais de outubro de 1980, con 93 anos e canso de vivir.

O Siñor Afranio
O Siñor Afranio.

Alonso Ríos protagonizou unha das peripecias máis extraordinarias da Guerra Civil: el era deputado agrarista elixido na candidatura da Fronte Popular cando se soubo da sublevación fascista do 18 de xullo. Por aquel entón estaba en Tomiño, onde organizou o comité de defensa da República e dirixiu a resistencia contra o exército en Tui. Logo de tres días de loita, os republicanos desistiron ante a superioridade dos sublevados e Antón, xunto aos outros dirixentes, tivo que acocharse. Os sublevados iniciaron a súa persecución e o mesmo cacique de Tui prometeu unha recompensa de 50.000 pesetas a quen o entregase (vivo ou morto) ou fixese coñecer o lugar onde se atopaba. Alonso Ríos decidiu entón fuxir e fíxose pasar por un esmoleiro portugués autobautizándose como “Afranio de Amaral”, nome dun naturalista brasileiro. Con esta nova personalidade estivo fuxido polos montes e traballando como criado en varias aldeas durante tres anos. O seu pouco oficio de pobre e a súa xentileza provocou que a xente lle chamase “Siñor Afranio”. Finalmente, a mediados de 1938, logo de dous intentos frustrados, conseguiu pasar a Portugal pola Serra da Peneda. Embarcou en Lisboa e, vía Casablanca, partiu para o exilio en Buenos Aires. O mesmo Antón relatou moitos anos despois esta fuxida no libro O Siñor Afranio ou como me rispei das gadoupas da morte.

Pero o Siñor Afranio tiña familia. Mentres todo isto lle acontecía ao deputado Alonso Ríos, a súa familia non permanecía allea á represión do novo réxime. A súa muller Oliva Rodríguez (natural, como Antón, de Camporrapado –na parroquia de Cortegada, Silleda– coa que casara en Buenos Aires en 1914) e os seus catro fillos Oliva, Chamor, Ombú e Celta, instalados en Tomiño, onde Alonso Ríos exercía como mestre na escola Aurora del Porvenir, sufriron continuos interrogatorios e rexistros para que deran a coñecer o paradoiro do fuxido. De feito, en máis dunha ocasión levaron a muller, Oliva, e a filla maior para que foran declarar. Finalmente, a finais de agosto de 1936, Oliva decidiu marchar de Tomiño coa súa familia. Tomaron un autobús e viaxaron a Silleda, onde deixou os fillos, Oliva, Ombú e Celta, ao coidado da súa sogra Matilde Ríos. A muller marchou, xunto co fillo maior, Chamor, á casa da súa cuñada Matilde Alonso, mestra en Vilagarcía.

Escolas Aurora del Porvenir Tomiño
Escolas Aurora del Porvenir de Tomiño.

O feito de non deixar a Chamor en Silleda debeuse ao temor de Oliva a que puidese ser detido polas autoridades ou obrigado a ir á fronte. Chamor levaba sempre na solapa unha bandeira arxentina para facer patente diante de todos a súa condición de cidadán arxentino. Este temor fixo que Oliva intentase conseguir que Chamor saíse de España canto antes. Grazas á axuda do cónsul de Arxentina en Vilagarcía conseguiu embarcalo para Arxentina no outono de 1936. Unha vez que Chamor está seguro en Buenos Aires, Oliva continuou xestionando a viaxe de toda a familia a América.

Mentres tanto, os tres fillos permaneceron en Silleda, na casa de Matilde Ríos, ao coidado da súa tía Evangelina Alonso. Os dous irmáns pequenos asistían á escola que rexentaba a súa tía Rolindes Rodríguez (viúva de Jesús Alonso Ríos, irmán de Antón, mestre en Silleda, onde morreu en novembro de 1935). A filla maior, Buca, axudaba no negocio familiar e coidaba dos seus irmáns pequenos. Recibían de cando en vez a visita da nai, que continuaba coas xestións para sacar a familia do país desde Vilagarcía.

Finalmente, en xaneiro de 1937 Oliva presentouse en Silleda para recoller os fillos. Marcharon a Vilagarcía, onde colleron un automóbil na compaña da muller do cónsul, e dirixíronse á fronteira. A viaxe ata Lisboa foi accidentada porque a familia Alonso non as tiña todas consigo respecto dos trámites nos postos de control, e ían con medo, pero grazas á afouteza e decisión da muller do cónsul resolvéronse sen problemas todos os atrancos. Chegaron finalmente a Lisboa, onde embarcaron no vapor General Sanmartín rumbo a Arxentina o 13 de xaneiro de 1937.

O resto da familia de Alonso Ríos tamén sufriu as consecuencias da represión. A súa nai Matilde Ríos Neira e a súa irmá Evangelina (que rexentaba o comercio familiar), foron acusadas de colaborar cos republicanos silledenses facendo propaganda das ideas esquerdistas, e mesmo de proporcionarlles dinamita e municións dos seus establecementos comerciais.

As súas irmás Matilde e Dolores, tamén mestras, sufriron o proceso de depuración ao que se tivo que someter todo o maxisterio, unha purga minuciosa con expedientes a todos os mestres que os obrigaba a demostrar a súa fidelidade aos principios do réxime mediante avais. As irmás Alonso Ríos foron acusadas de ter ideas esquerdistas e de facer campaña polo seu irmán, aínda que finalmente non resultaron sancionadas.

A familia Alonso Ríos con Segundo Arceo
A familia Alonso Ríos con Segundo Arceo.

Tamén o seu sobriño político, Celso Carrón, xornalista e impresor lalinense casado con Encarnación Alonso, sufriu persecución e torturas por parte da Garda civil, a consecuencia do cal morrería en 1943.

Para rematar, o seu curmán Emilio Alonso Paz, alcalde de Silleda en 1936 e afiliado a Izquierda Republicana, viviu unha peripecia semellante á de Antón, máis curta no tempo, pero non menos dramática. Emilio marchou primeiro a Compostela o 21 de xullo de 1936 para volver a Aciveiro buscando refuxio, pasou por casas de amigos de Grobas, Ameixendo, Zobra e Barcia, ata que emprendeu o camiño cara a Portugal pasando a fronteira en Tamaguelos; logo seguiu por Pedras Salgadas e Vila Real, onde finalmente o detivo a policía portuguesa o 8 de setembro de 1936 e o entregou aos militares sublevados. Emilio Alonso permaneceu na prisión de Tui ata o 30 de setembro, xulgárono en Pontevedra o 16 de febreiro de 1937 e condenárono a pena de morte, que se cumpriu un mes despois, o 16 marzo.

A muller de Emilio, Elisa García Arguindey, mestra de Taboada, foi tamén sancionada no proceso de depuración con inhabilitación e traslado a outra escola. Os fillos de Emilio, Luis e Juan, tamén sufriron a persecución das autoridades franquistas e víronse obrigados a emigrar ou, para dicilo claramente, a exiliarse.

Marcelino García, trinta anos fuxindo

Marcelino García foi un dos líderes do republicanismo lalinense, estreito colaborador do alcalde Manuel Ferreiro e primeiro presidente da Casa da República de Lalín.

Marcelino García no Servizo Militar
Marcelino García no servizo militar.

Marcelino García Villar nace en Vilar, na parroquia lalinense de Soutolongo, o 28 de setembro de 1904, fillo de José García García e Josefa Villar González. Fai os primeiros estudos co cura de Bendoiro e a principios dos anos vinte ingresa no Seminario de Lugo na compaña do seu veciño Manuel Ferreiro, pero abandónao en 1925 para continuar os estudos de bacharelato por libre examinándose en Ourense e na Coruña. En 1930 fai a reválida do Bacharelato en Madrid. Durante estes anos adquire conciencia política na oposición a ditadura de Primo de Rivera e participa con Ferreiro e outros mozos dezaos na difusión dos ideais republicanos pola comarca. Ese mesmo ano de 1930, cando se constitúe en Lalín o Centro Republicano que preside Manuel Ferreiro, Marcelino foi elixido Secretario do mesmo. Colabora co semanario Atrás e na propaganda republicana, especialmente no mitin que se celebra no campo da feira de Lalín o 7 de decembro. Convértese nun dos principais líderes do republicanismo dezao e con Ferreiro representa á zona de Lalín na reunión constitutiva da Federación Republicana Galega celebrada en Pontevedra en marzo de 1931.

Logo da proclamación da República foi nomeado vocal da Xunta Xestora provisional do concello de Lalín que preside Ferreiro. Desde a Xestora emprenden a tarefa de desmontar o caciquismo monárquico na comarca. Non figurou na candidatura republicana que gañou as eleccións municipais en xuño de 1931, pero integrouse como funcionario municipal na xestión política republicana. Foi nomeado oficial do Concello a principios de 1932 e a finais do ano seguinte pasou a ocupar o posto de Recadador do Imposto de Utilidades, no que tivo como axudante a Antonio Jar, o seu correlixionario de Vilatuxe. Nestes anos convértese en estreito colaborador de Ferreiro e supervisor da acción política da corporación republicana. É tamén nesta época cando comeza a carreira de Dereito, examinándose por libre primeiro na Universidade Central de Madrid e despois na Universidade Literaria de Murcia. No bienio negro, e logo da destitución da corporación democrática, foi cesado como recadador o 24 de setembro de 1934.

Cando as forzas republicanas toman conciencia da necesidade de agruparse para facer fronte á dereita, organizan en Lalín, en xuño de 1935, un Bloque antifascista con representación dos partidos republicanos e obreiros. Marcelino García foi elixido presidente. O Bloque antifascista prepara varios actos de propaganda como o mitin do 1 de setembro no que participa Castelao. Os republicanos acaban constituíndo un Centro social e de loita política que baixo o nome de Casa da República se formaliza a mediados de novembro. Designan presidente a Marcelino García (como representante de Izquierda Republicana), secretario a Fernando Goyanes (polos galeguistas) e tesoureiro a José Rodríguez (por Unión Republicana); tamén se integrou como vocal José Fondevila (polos socialistas). No regulamento establecíase que os cargos terían a duración dun mes e serían rotatorios entre os partidos. A Casa da República adquiriu un local na vila que converteu en centro cultural para conferencias e no que dispuxo unha biblioteca. Inician unha labor de propaganda coa mobilización cidadá para protestar polo Repartimento de Utilidades ante o Goberno civil e a Delegación de Facenda de Pontevedra o 27 de novembro, e preparan un mitin coa presenza de Casares Quiroga para o 8 de decembro. A Casa da República inaugúrase formalmente o 15 de decembro cunha conferencia de Hernán Poza Juncal, o presidente do comité provincial de Unión Republicana, moi coñecido en Lalín, onde estivera varios anos á fronte da escola do Hospitalillo. O esforzo dos republicanos vese coroado polo éxito ao gañar a Frente Popular as eleccións de febreiro de 1936. Coa vitoria da esquerda, o novo goberno ordena a reposición das corporacións democráticas, Ferreiro retorna á alcaldía de Lalín e Marcelino ao seu posto de recadador.

Marcelino García Villar
Marcelino García Villar

Ao estalar a sublevación fascista do 18 de xullo, foxe e agóchase ante o temor a unha morte segura. As novas autoridades andan á súa procura e cando o 8 de novembro deteñen a Antonio Jar, obrígano a tenderlle unha trampa levándoo ata a casa de Marcelino para que o chame e así poder detelo. Pero García estaba agochado nunha casa do Outeiro, na veciña parroquia de Barcia. García foi xulgado en 1937 por rebelión militar e condenado en rebeldía. De Barcia pasou a Millarada, no concello de Forcarei, onde chegou a poñer escola cunha identidade falsa. Cando se publica o decreto polo que se concede indulto total aos condenados por delitos de rebelión militar e a pesar das dúbidas sobre a súa fiabilidade, decide presentarse na Comisaría de Pontevedra o 20 novembro de 1945 para normalizar a súa situación. Queda en liberdade provisional, pero ante o temor a ser detido, volve fuxir. Refúxiase na aldea de Grobas. Durante estes anos retoma os seus estudos de Dereito examinándose en Salamanca de Dereito Civil e e Dereito Penal en setembro de 1946, e entre xuño e setembro de 1947 supera sete materias máis.

Como desde 1946, e sobre todo a finais do ano 1947, a actividade da guerrilla medra na zona central de Galicia coa presenza do grupo de Benigno Andrade “Foucellas” e a articulación do grupo dos Corcheiros en Silleda, o goberno crea un Sector Interprovincial da Garda Civil con sede en Lalín a principios de 1948. O corpo especial dedicado a persecución da guerrilla estaba dirixido polo comandante Manuel Montero Galvache, e foi coñecido popularmente como “a brigadilla”. Creáronse novos destacamentos da Garda civil en Prado e Vilatuxe e intensificáronse as detencións, os interrogatorios e as torturas a todos os sospeitosos de colaborar cos guerrilleiros. Marcelino, ante o temor de ser complicado novamente, preséntase ante o comandante o 5 de outubro. Queda en liberdade, pero en decembro recibe unha citación do Xulgado de Lalín. García, que teme ser detido, volve desaparecer. En contacto cos exiliados e emigrados de Lalín en Buenos Aires, aconséllanlle que marche, pero non pode facelo. Mantense na clandestinidade con ocasionais visitas e estadías na casa familiar de Soutolongo. En 1952 consegue rematar a carreira de Dereito en Salamanca. Nunha das visitas ao domicilio familiar, en agosto de 1957, foi detido pola Garda civil, que lle ocupa unha pistola. Ábrenlle un sumario por tenencia ilícita de armas e logo duns días no calabozo, póñeno en liberdade. En setembro desaparece con destino a Vigo, probablemente coa intención de embarcar para América, pero non o consegue. Regresa ao Deza e permanece agochado contando co apoio da familia e dalgúns veciños. Finalmente a Garda civil recoñéceo en Prado o 19 de xuño de 1965 e volve detelo. Encérrano na prisión ata o 3 de agosto, cando é definitivamente liberado sen ningún cargo.

Marcelino, que ten xa 61 anos e está enfermo, vai vivir a Soutolongo coa súa irmá Aurora García e dedícase a asesorar aos veciños en cuestións legais. Morre uns anos despois, o 8 de novembro de 1970, sen poder contemplar o final dunha ditadura que o obrigou a permanecer fuxido durante 30 anos.