O silledense Teófilo del Valle, primeira vítima do francarlismo

Recordatorio da morte de Teófilo del Valle 1978
Recordatorio da morte de Teófilo del Valle, 1978.

O 24 de febreiro de 1976, tres meses despois da morte de Francisco Franco, foi asasinado pola Policía Nacional na vila alacantina de Elda un mozo de Silleda de 20 anos, Teófilo del Valle, mentres participaba nunha manifestación pacífica.

Teófilo del Valle foi a primeira vítima da chamada transición en España. O silledense era administrativo nunha das moitas fábricas de calzado radicadas en Elda e participaba nunha das concentracións reivindicativas que se viñeran celebrando na cidade durante todo ese mes de febreiro. O motivo das protestas dos traballadores era pedir subas salariais no sector, pois o convenio interprovincial da pel, que tiña que ter entrado en vigor en setembro de 1975, fora aprazado pola conxelación salarial aplicada polo réxime franquista.

Teófilo non militaba en ningún partido nin formaba parte de ningún sindicato clandestino, aínda que si tiña ideais democráticos, pois meses antes asinara unha petición de amnistía para os presos políticos.

O día da súa morte, o 24 de febreiro, fora ordenada unha represión desmedida para impedir calquera reunión, asemblea ou manifestación dos traballadores que reivindicaban un convenio laboral xusto e a liberdade de organizarse en sindicatos libres á marxe do Sindicato Vertical franquista. O día anterior unhas 4.000 persoas marcharon de Elda a Petrer pola Estrada. A Policía Nacional cargou sen baixarse dos jeeps circulando a toda velocidade, obrigando aos manifestantes a botarse ás beirarrúas. Ao día seguinte case 5.000 persoas se reuniron na Praza Castelar de Elda e a policía cargou contra os manifestantes, que tiveron que dispersarse. Acudiron á parroquia de San Francisco de Sales para facer unha asemblea. Ao saír, pasadas as once da noite, un grupo coincidiu cun convoi de grises que regresaban aos cuarteis. Os obreiros abouxaron e insultaron aos axentes e lanzaron pedras contra os vehículos. O último detívose, baixaron uns policías e un deles disparou. Teófilo caeu morto. O parte oficial di que para repeler unha agresión a un vehículo policial, os ocupantes “tiveron que facer uso das súas armas, resultando alcanzado un dos atacantes, que faleceu posteriormente”.

Manifestación no enterro de Teófilo del Valle
Manifestación no enterro de Teófilo del Valle.

Como resposta a este crime producíronse multitudinarias protestas. Houbo folga xeral nas comarcas de Vinalopó. Máis de 20.000 persoas acompañaron os restos de Teófilo ata o cemiterio, onde foron apresuradamente inhumados. O domingo seguinte o Consell Democràtic e a Junta Democrática convocaron en Alacant unha manifestación de solidariedade e pediron a dimisión do gobernador civil; a manifestación foi reprimida. Constituíuse unha comisión cidadá para esixir o esclarecemento dos feitos, pero non se conseguiu ningunha reparación ou explicación adicional ás indignantes notas oficiais, que pretendían desacreditar persoalmente a vítima, dicindo que pertencía a unha banda de traficantes de droga, pois fora detido por posesión de haxix en Madrid o ano anterior.

En xullo dese ano de 1976 foi xulgado en Alacant o policía armado Daniel Aroca del Rey, o único encartado en relación con este caso. O Tribunal Militar que ditaminou o caso, aplicoulle ao acusado o eximente do artigo 11 do Código de Xustiza Militar, que exime de toda responsabilidade a todo aquel que actúe en cumprimento do seu deber. Foi absolto.

Teófilo del Valle nunca foi considerado de forma oficial vítima de ningún terrorismo. Só moi recentemente, o 24 de febreiro de 2016, corenta anos despois da súa morte, o Concello de Petrer púxolle o seu nome a unha praza. A corporación municipal de Elda decidiu ese mesmo ano abrir un expediente para dedicarlle a Teófilo un espazo público na localidade. Finalmente, en xaneiro deste ano, o Concello de Elda acordou dedicarlle unha praza.

 

Teófilo del Valle
Teófilo del Valle Pérez

Teófilo del Valle Pérez nacera en Silleda o 1 de febreiro de 1956. Era fillo de Antonio del Valle, un oficinista asturiano que traballaba no concello de Trasdeza.

O pai de Teófilo, Antonio Mateo del Valle Abaria, nado en 1909 en Dego, no concello de Parres, foi posiblemente un dos presos asturianos que redimiu pena na colonia penal das minas de Fontao. Coma algúns dos seus compañeiros de presidio acabou casando cunha moza trasdezá. En setembro de 1944, con 35 anos, contraeu matrimonio na igrexa parroquial de Silleda con Dolores Pérez Ramos, que nacera en 1920. Dolores era filla do silledense Manuel Pérez García e de Cándida Ramos Lorenzo, de Refoxos. En Silleda naceron seis dos fillos de Antonio e Dolores: Victoria, José Antonio, Mª Eugenia, Mª Angélica, Mª Guadalupe e Teófilo.

Cando Teófilo tiña oito anos, a principios dos anos sesenta, a familia trasladouse a Elda, daquela unha vila en expansión polo desenvolvemento da industria do calzado. Antonio exerceu alí como practicante e criou os fillos, alí naceu tamén o último dos fillos do matrimonio, Celestino, e alí morreu o 14 de decembro de 2005.

Teófilo del Valle estudou en Elda e sendo moi novo marchou a Ibiza, onde traballou como disc-jokey nunha das moitas discotecas que empezaron a agromar na illa coa auxe do turismo. Nese momento, como moitos mozos e mozas da súa xeración tivo contacto coa psicodelia e o haxix. Logo retornou a Elda, onde conseguiu un posto de administrativo na empresa de calzado Pedro García, que aínda segue existindo hoxe. Os seus irmáns tamén fixeron os seus estudos na cidade alacantina e moitos deles casaron alí, onde aínda seguen vivindo. A súa nai, a silledense Dolores Pérez Ramos, morreu en Elda o 3 de outubro de 2014.

Teófilo del Valle, que foi a primeira vítima da violencia policial despois da morte do ditador, e o primeiro morto da monarquía, merece un recoñecemento por parte do seu concello natal, Silleda, como xa fixeron os concellos de Peter e Elda.

Franco, fillo adoptivo de Lalín

Dende a súa elaboración, o apartado de fillos adoptivos da web do Concello de Lalín sempre estivo incompleto, non sei se debido a esquecemento ou a ignorancia. Falta un nome, un nome ben significativo, pois nesa categoría debería figurar o ditador Francisco Franco.

Placa calle General Franco

o 24 de xullo de 1936, logo da destitución da última Corporación republicana lalinense encabezada por Xesús Golmar, foi nomeado Alcalde-Delegado de Orde pública polo gobernador civil de Pontevedra Bernardo Madriñán. Durante eses primeiros meses da guerra funcionou o Concello baixo a única autoridade de Madriñán. A finais de 1936, concretamente o 1 de decembro, o gobernador civil nomeou unha Comisión Xestora que, presidida tamén por Bernardo Madriñán, incorporaba como tenentes de alcalde a Victorino Gutiérrez Álvarez, José Rivas Rivera, Jacinto González Domínguez, Perfecto Navaza Soto e Alfonso Garra Goyanes, mentres que o cargo de síndico recaía e Mario Teijeiro Caíñas; tamén eran concelleiros Antonio Froján, Francisco Negro, Antonio Trabazo, Marcial Rodríguez, José López Castro, Manuel Balado, José Domínguez, José García Mámoa, Andrés Ramos, Antonio Golmar, Belisario Cacheda, Alejandro Gutiérrez Areán e Benito Abeledo Lalín.

No primeiro pleno que celebrou esta nova corporación, unha sesión extraordinaria que tivo lugar o 9 de xaneiro de 1937, tomáronse unha serie de acordos para homenaxear as autoridades e heroes da sublevación. Así, decidiron unanimemente adherirse a unha proposta do Concello de Teruel que nomeaba ao xeneral golpista Francisco Franco como fillo adoptivo e, ao mesmo tempo, propuña ao resto dos Concellos “liberados” que se sumaran á iniciativa “para que una vez que haya sido nombrado hijo adoptivo por todos los Ayuntamientos de las provincias que se hallan liberadas, se le pueda conceder el título de Hijo Predilecto de España”. Este é o texto do acordo do Concello de Lalín:

Acordo nomeamento Franco fillo adoptivo
Acordo de nomeamento a Franco como fillo adoptivo de Lalín.

Se da lectura al acuerdo tomado por la Permanente, en sesión de 28 de Diciembre último, estimando como un deber patriótico y de justicia declarar al Generalísimo y jefe de Gobierno del Estado Excmo. Sr. D. Francisco Franco Bahamonde hijo adoptivo de este Ayuntamiento de Lalín y predilecto de España, siguiendo la iniciativa del Ayuntamiento de Teruel, pero para que tenga este acuerdo de la Permanente toda la significación que le corresponde se propuso en la indicada sesión se diese cuenta al Pleno en la primera sesión al objeto de su confirmación por éste; y por unanimidad se acuerda confirmar en todas sus partes el acuerdo de la permanente en la sesión indicada y que así se tenga como acuerdo tomado por el Pleno a todos los efectos.

Nese mesmo pleno tamén se acordou por unanimidade denominar a Praza da Constitución como Praza de Calvo Sotelo, e poñerlle o nome de Avenida del General Franco á estrada de Monforte (esta denominación foi cambiada nun pleno celebrado dous meses despois).

Quizais sexa o momento de retirar esta distinción a Franco, en aplicación da moción aprobada polo Pleno do Concello de Lalín o 21 de xullo de 2016 na que se determinou a eliminación, supresión ou anulación dos acordos, distincións e símbolos que reflictan a adhesión e colaboración do Concello coa Ditadura franquista.

Porén, a distinción de Franco como fillo adoptivo non é a única que compre retirar, pois existe outra tamén controvertida e que, neste caso, si aparece na web do Concello de Lalín; trátase da distinción a Ramón Encinas Diéguez, concedida na sesión plenaria do 14 de marzo de 1970. Unha persoa á que tamén se lle outorgou a Folla de Carballo de ouro nun pleno anterior celebrado o 24 de xaneiro de 1970. Encinas foi gobernador civil de Pontevedra de 1964 a 1970, conselleiro nacional e procurador nas Cortes franquistas, e foi nomeado fillo adoptivo “ya que durante su mandato como Gobernador Civil de esta Provincia se han logrado realizaciones de índole moral, social y económica en esta Comarca, relacionadas con la enseñanza y cultura, deportes, servicios, urbanismo e industrialización local, largamente sentidas y nunca alcanzadas en tal medida”.

O nome do pai

A denominación do colexio de Vilatuxe

Colegio Nacional Vicente Arias de la Maza
Placa no CEIP Vicente Arias de la Maza.

Cando preguntamos a calquera veciño ou veciña de Lalín polo nome do colexio de Vilatuxe, ou ben responden que se chama así, “colexio de Vilatuxe” ou ben dinnos que se chama “Barrié de la Maza”. Practicamente ninguén sabería dicirnos hoxe que a súa denominación é “Vicente Arias de la Maza”.

Quen é Vicente Arias de la Maza e por que o seu nome acabou sendo a denominación do colexio de Vilatuxe é o que me propoño responder neste artigo.

Efectivamente, a confusión con Pedro Barrié de la Maza, o que foi conde de Fenosa (único caso no que o nome dunha compañía acabou sendo título nobiliario), non é algo estraño, pois Vicente e Pedro eran curmáns, xa que a nai de Vicente, Mª Teresa Arias de la Maza, e a nai de Pedro, Amelia, eran irmás, fillas de Ramón María de la Maza Quiroga. Pero a razón do nome, e tamén da confusión, hai que buscala noutra relación de parentesco. En realidade Vicente Arias de la Maza era o pai de Carmela Arias Díaz de Rábago, condesa de Fenosa logo do matrimonio co seu curmán Pedro Barrié, e Joaquín Arias Díaz de Rábago, que foi propietario do Pazo de Des en Soutolongo.

Imos describir os momentos deste proceso. En 1968 a Dirección Xeral de Ensinanza Primaria inicia o expediente para a construción dos grupos escolares de Vilatuxe, Prado e Lalín. O proceso demorouse varios anos, ata 1972, ano no que o Ministerio de Educación e Ciencia dita unha resolución con data 10 de febreiro pola que se crea a Escola Graduada Mixta de Vilatuxe, con catro unidades escolares de nenos, outras catro de nenas e unha de párvulos. O colexio inaugúrase oficialmente o 2 de maio dese ano, co curso a piques de rematar e con pouca incorporación de alumnos e alumnas das escolas unitarias.

Agora toca poñer o nome á escola, o colexio de Prado xa optara por “Joaquín Loriga”, e o de Lalín era “Manuel Rivero” dende 1968; entre os nomes que se barallaron estivo o de Manuel González, o mestre de Soutolongo, pero foi descartado. A principios do curso 1972-73, Alfredo Iglesias Vázquez, que viña de ser nomeado director, aconsellado pola inspectora Isidora Riestra Calderón, e de acordo os mestres e mestras do centro, propón a idea de darlle ao colexio o nome de Vicente Arias de la Maza, coa esperanza, segundo me confesou, de que a súa filla, a condesa de Fenosa, sufragase unha biblioteca para o centro, que carecía practicamente de dotación. Desprázase a Des, para falar co irmán de Carmela, Joaquín Arias, quen acepta encantado a petición e mesmo se ofrece a pagar a biblioteca do seu peto se non se obtén a doazón da Fundación Barrié.

Carmela Arias con Pedro Barrié
Carmela Arias con Pedro Barrié de la Maza.

A proposta recibe o apoio entusiasta do alcalde de Lalín, Luís González Taboada, quen a presenta na última Comisión Permanente dese ano de 1972 para iniciar os trámites do expediente. No primeiro pleno do ano seguinte, celebrado o 8 de xaneiro, acórdase por unanimidade, “en consideración a los méritos que concurren en la persona del Excmo. Sr. D. Vicente Arias de la Maza”, facultar á presidencia para solicitar do Ministerio a autorización para denominar “a la Agrupación Escolar Comarcal de Villatuje, en este Municipio, AGRUPACIÓN ESCOLAR COMARCAL VICENTE ARIAS DE LA MAZA”.

O Ministerio concede a autorización e en xuño de 1973 procédese a instalar a rotulación no que a partir dese momento se denominaría “Colexio Nacional de EGB Vicente Arias de la Maza”, pois acababa de entrar en vigor a Lei Xeral de Educación impulsada por Villar Palasí.

A desexada e prometida biblioteca nunca chegou a materializarse, e o único contacto coa familia Arias Díaz de Rábago foi a visita que a condesa realizou ao colexio uns anos despois, acompañada da inspectora Isidora Riestra e do alcalde Luís González Taboada. Foi recibida polo claustro de mestres e mestras, que lle entregaron un ramo de flores e convidárona a café e pasteis.

Posto que o expediente que abriu o Concello para a denominación do colexio, onde se poderían consultar os méritos de Vicente Arias, está ilocalizábel, fago agora unha sucinta biografía para dar a coñecer quen foi este persoeiro pois, máis alá dos detalles que da súa vida ten contado a súa filla nunha entrevista, é unha figura gris e completamente esquecida.

Pazo de Des anos 20 foto Pelai Mas
Pazo de Des nos anos vinte. Foto de Pelai Mas.

Vicente Arias de la Maza naceu en Santiago de Compostela o 6 de xaneiro de 1873. Fillo de José Arias Armesto, de Monforte de Lemos, que casara con María Teresa de la Maza Agar, da Coruña, dona do pazo de Des. Instálanse en Santiago de Compostela, onde José Arias foi concelleiro e despois deputado provincial por Ortigueira e vicepresidente da Comisión Provincial. Militou no Partido Conservador, na facción de Benito Hermida e, ao morrer este, entrou nas filas do marqués de Figueroa seguindo a política maurista.

Vicente estuda Dereito na Universidade de Santiago de Compostela e faise avogado. En 1910 é nomeado secretario da Xunta de Obras do Porto da Coruña, posto no que permanece até 1928. Casa en Santiago de Compostela con Carmela Díaz de Rabago Aguiar o 16 de xullo de 1911, e na Coruña nacen os seus fillos José María, Vicente, Joaquín (1916), Carmela (1920) e Concepción.

No mesmo ano de 1928 morren o seu pai e a súa nai, e Vicente convértese en herdeiro do pazo de Des. Trasládase a Cataluña como secretario da Xunta de Obras do Porto de Barcelona, acompañado de toda a familia. Ao estalar a sublevación do 18 de xullo de 1936 queda atrapado en Cataluña, mentres a muller e os fillos estaban de vacacións en Galicia. Vicente mantén o seu posto de secretario durante os anos da guerra, e realiza actividades de espionaxe para o bando franquista. Dous dos seus fillos, José María e Vicente, alistados no exército de Franco, morren en combate, polo que a súa nai recibiu as correspondentes “Medallas de Sufrimiento por la Patria”. O propio Vicente Arias tamén recibiu recoñecemento polo seu labor na quinta columna de Barcelona.

Ao rematar a guerra continua no mesmo posto e a familia regresa con el a Cataluña. Permanecen en Barcelona dous anos até que Vicente xubila anticipadamente e retornan á Coruña a finais de 1941. Descoñezo a súa actividade na cidade durante eses anos. Morre o 5 de marzo de 1963, tres anos antes do matrimonio da súa filla con Pedro Barrié de la Maza.

Vicente Arias de la Maza - Necrolóxica
Necrolóxica de Vicente Arias de la Maza .

Como vemos, resulta difícil acreditar algún mérito á figura de Vicente Arias de la Maza máis ca o de ser o pai da súa filla, unha muller cun enorme poder nos anos finais do franquismo. Por este motivo, quizais cumpriría valorar a posibilidade de outorgarlle ao colexio de Vilatuxe un nome con algo máis de sentido.

Caídos por Dios y por España

As placas aos mortos na Guerra na Comarca de Deza

Placa Noceda
Placa na igrexa de Noceda.

Se facemos un percorrido polas igrexas da nosa Comarca, e nos fixamos nas súas paredes, decatámonos de que en moitas delas existen unhas placas que lembran os mortos da parroquia na chamada “Guerra civil”.

A orixe da colocación destas placas conmemorativas dos “caídos” nas nosas igrexas foi o decreto da Jefatura del Estado de 16 de novembro de 1938 que proclamaba “día de loito” nacional o 20 de novembro de cada ano, en memoria do fusilamento de José Antonio Primo de Rivera nesa data de 1936. A lei establecía que “previo acordo coas autoridades eclesiásticas, nos muros de cada parroquia figurará unha inscrición que conteña os nomes dos seus Caídos, xa na presente Cruzada, xa vítimas da revolución marxista”.
E aínda que non aparecía así no decreto, esas inscricións acabaron encabezadas co nome de José Antonio, que para o franquismo representaba a sagrada fusión dos mortos por causa política e relixiosa, “mártires da Cruzada” todos eles.

Placa Saa
Placa na igrexa de Saa.

Os outros mortos, os miles e miles de “rojos” e “infieis” asasinados, non existían, porque non se lles rexistraba ou se falseaba a causa da morte, asunto no que bispos e curas tiveron unha destacada responsabilidade.
Acabada a guerra, as igrexas e a xeografía española enchéronse de memoria dos vencedores, de placas dos “caídos por Dios y por la Patria”, mentres se ocultaba a “limpeza” que en nome dese mesmo Deus emprenderan e seguían levando adiante xentes “piadosas e de ben”.

A xerarquía eclesiástica cualificou como Cruzada de Liberación ou guerra relixiosa o levantamento militar do xeneral Franco contra a República, á que consideraban atea e anticatólica (o bispo Pla y Daniel chegou a afirmar en 1936 que “unha España laica xa non é España”). Ao considerala como Cruzada ou guerra xusta, bendiciu a violencia dos sublevados e cualificou aos que morreron no bando franquista como “mártires” ou “heroes”.
O estado franquista converteuse nun estado confesional, declarando ao catolicismo como relixión oficial. A ideoloxía do nacional-catolicismo, representou a unión político-relixiosa da “nación española” e a relixión católica durante o franquismo.

Así, xa dende o 18 de xullo de 1936, no territorio en mans dos rebeldes, os militares impulsaron a restauración da tradición, con crucifixos, sagrados corazóns de Xesús, virxes do Pilar e bandeiras tricolor que suscitaban adhesións e fervores. Foron recuperados vellos hábitos da relixiosidade popular, volveron as festas relixiosas ao calendario oficial e comezaron a celebrarse outras “nacionales” que acompañaron á Ditadura ata a súa extinción.
Un lugar especial dese cerimonial de purificación ocupárono os “mártires”, aos que se lles dedicaron numerosas ofrendas e cerimonias fúnebres. “Mártires de la cruzada” foron desde o principio os combatentes do exército rebelde mortos en combate, os belicosos sacerdotes que caían na fronte “alabando a Dios y vitoreando a España”, os católicos e os dereitistas, todos aqueles cuxo “martirio” significaba “odio relixioso e persecución á Igrexa”. “Os heroes desta cruzada e os mártires dela son tamén heroes e mártires, nun sentido verdadeiro, da relixión e da patria”, declarou o bispo de Oviedo Justo de Echeguren y Aldama.

Placa Margaride
Placa na igrexa de Margaride.

Nestas placas aos caídos figuran os nomes dos que morreron na guerra dos tres anos no bando franquista. Pero segundo as nosas investigacións, non están todos.
Algunhas ausencias poden deberse á falla de información, pero inclinámonos máis ben por que o motivo sexa a súa insuficiente “adhesión” ao réxime (recordamos que moitos dos que combateron no bando de Franco, non o fixeron por conviccións ideolóxicas, senón obrigados ao ser chamadas as súas quintas). Hai que ter en conta que o número de voluntarios falanxistas, japistas ou tradicionalistas foi moi pequeno, a maioría quedaron na retagarda dedicados ás tarefas da represión e control ideolóxico da poboación.
Sabemos tamén da existencia de gran cantidade de escapados durante os primeiros anos da guerra, moitos deles declarados prófugos ao non presentarse ás autoridades estando chamadas as súas quintas. Hai abundantes noticias das detencións destes prófugos (e tamén de desertores) pola Garda Civil durante os anos 1937 e 1938.
Ademais, presentarse voluntario no exército era un xeito de escapar á represión. Tamén houbo algúns casos de soldados que se pasaron ao bando republicano –o máis coñecido entre nos foi o de Ramón de Valenzuela– e sabemos doutros que aínda que ese fora o seu desexo, non o fixeron por temor ás represalias contra a súa familia.

Estas placas foron instaladas en 1939, o ano en que rematou a guerra, que na terminoloxía da Ditadura franquista se denominou “ano da Vitoria”. Na grande maioría das que existen aínda hoxe (e sabemos que houbo algunhas máis, que se retiraron por obras nas igrexas), figura a inscrición “Caídos por Dios y por España” e encabezando a lista dos mortos, o nome de José Antonio Primo de Rivera. Nalgúns casos se lle engade o de Calvo Sotelo. Tamén aparece en moitas delas o símbolo de Falange (o xugo e as frechas).

Placa Larazo
Placa na igrexa de Larazo

Se facemos un repaso das que permanecen na actualidade en cada un dos concellos, atoparemos:

AGOLADA
Existen aínda placas nas parroquias de Borraxeiros, Brocos, O Sexo e Sesto. En todas figura a inscrición “Caídos por Díos y por España” e os nomes de Calvo Sotelo e José Antonio Primo de Rivera. Un caso especial é a placa da igrexa de Borraxeiros, na que aparecen ademais de “Caídos por la Patria”, as datas de comezo e final da guerra dos tres anos: “18 Julio 1936 – 1 Abril 1939” e unha dedicatoria: “Borrajeiros a sus heroes inmortales”.

DOZÓN
En Dozón só localizamos unha placa, na parroquia de Saa, colocada enriba da porta da igrexa, tamén coa inscrición: “Caídos por Dios y por España”.

LALÍN
No Concello de Lalín atopamos catro. A que existe na mesma igrexa parroquial de Lalín, e as de Camposancos, Noceda e Palmou. A placa de Noceda é semellante á que xa describimos en Borraxeiros, coas inscricións “18 Julio 1936 – 1 Abril 1939” e “Noceda a sus héroes inmortales”. As de Lalín, Camposancos e Palmou, son similares: cunha cruz nun lado, encabezadas co nome de José Antonio Primo de Rivera, finalizan con “Presentes”.

RODEIRO
Curiosamente non existe ningunha placa no Concello de Rodeiro, aínda que sabemos de veciños que morreron na Guerra.

SILLEDA
En Silleda é onde nos atopamos co maior número de placas. Aínda que aquí se optou en moitos casos por facer as inscricións directamente na pedra da parede da igrexa como en O Castro, Laro, Negreiros, Parada, Ponte, Refoxos, Saídres e Siador; algunhas delas hoxe xa practicamente ilexibles. Ademais, hai placas nas parroquias de Escuadro, Margaride, Moalde e Rellas. Nalgunha delas figura a data de colocación: “Año de la Victoria 1939”.
Un caso aparte foi o do monumento aos caídos da Praza da igrexa de Silleda. Unha mole de pedra, colocada no parque público. O monumento, que era orixinariamente máis grande, foi reducido cando se remodelou o parque en 1970. Labrada na pedra, unha aguia imperial sostén unha cruz na que aparece o símbolo de Falange. Encabezada co lema “Caídos en la Cruzada por Dios y por España 1936-1939. Presentes” e o nome de José Antonio Primo de Rivera ao que seguen os de 84 persoas, que corresponden aos falecidos de todo o Concello. A inscrición remata con “Arriba España”. O monumento xa foi retirado.

VILA DE CRUCES
No Concello de Vila de Cruces temos contabilizadas seis placas, nas igrexas de Bascuas, Cumeiro, Ínsua, Larazo, Piloño e Toiriz. Dáse aquí a particularidade de que todas están encabezadas coa anotación do nome da parroquia seguido de “a sus mártires”. Na parroquia de Bascuas figura na placa un sacerdote, Francisco Soto.

Placa igrexa Lalín
Placa na igrexa de Lalín.

Fóra dalgunhas protestas e manifestacións públicas da Asociación Cultural O Naranxo, ou no caso de Agolada do grupo municipal do BNG, non sabemos de ningunha iniciativa que se encamiñara á eliminación destes símbolos franquistas.
A Igrexa católica española, principal responsable da continuación desta ignominia, debería tomar algunha disposición neste asunto, promovendo a retirada destas placas. Aínda non pediu perdón por bendicir e apoiar aquela masacre de “infieis” e a ditadura que saíu dela. Desde os bispos aos curas, todos coñecían a masacre, oían os disparos, vían como se levaban á xente, chegábanlles familiares dos presos ou desaparecidos, desesperados, pedindo axuda e clemencia. A actitude máis frecuente do clero ante estes feitos foi o silencio, voluntario ou imposto polos superiores, cando non a acusación e a delación. É agora cando estamos a coñecer o papel da igrexa na represión. Como nos teñen comentado algúns dos perseguidos e condenados no 36, “onde os curas non quixeron, non houbo mortos”.

Manuel Igrexas.