A Sociedad de Instrucción y Recreo de Ventosa

Excursión ao Farelo 1932
Os excursionistas na cima do Farelo

O primeiro acto de culto á montaña que tivo lugar na terra de Deza non foi a pelegrinaxe ao Candán que se desenvolveu en agosto de 1933 con motivo do XXV aniversario da Sociedade Hijos de Silleda. O 26 de xuño do ano anterior tivo lugar a xeira ao monte Farelo organizada pola Sociedad de Instrucción y Recreo de Ventosa.

 A proclamación da Segunda República o 14 de abril de 1931 veu abrir un período de liberdade que tivo como consecuencia o desenvolvemento e potenciación da sociedade civil, coa creación de multitude de asociacións e agrupacións cos obxectivos de acción e difusión política e social, pero sobre todo cultural. Unha delas foi a Sociedad de Instrucción y Recreo de Ventosa y sus contornos que se constituíu na parroquia de Ventosa en marzo de 1932. Promovida por Adolfo Sarandeses, pero sobre todo polo mestre David Moreno, que foron elixidos presidente e secretario da sociedade no momento da súa fundación, propúxose levar adiante os obxectivos que enunciaba no seu nome, a instrución das xentes da zona sur do concello de Agolada e a organización de eventos que servisen para o lecer dos seus veciños.

A sociedade de Instrucción e Recreo ten evidentes precedentes nas asociacións de emigrantes de Buenos Aires e A Habana, que crearan en 1918 a Asociación Hijos de Ventosa y su partido en Buenos Aires (o dous de maio) e a Sociedad de Instrucción de los Hijos de Ventosa y su Término (o catorce de decembro), constituídas co obxectivo de fundar e soster escolas de instrución primaria na parroquia.

En marzo de 1920 creouse na mesma parroquia de Ventosa unha sociedade para promover a construción do edificio escolar, aínda que tamén funcionaba como sociedade de caza e pesca. Presidida por Julio Yebra Pimentel, nela figuraba como secretario un aínda mozo Adolfo Sarandeses. Emprenderon os traballos para a realización do edificio grazas aos fondos enviados polos americanos, que proxectaran un local de dúas plantas, de ampla fachada, pórtico, balcóns e reloxo. O 16 de agosto de 1923 tivo lugar o acto de colocación da primeira pedra do edificio da casa-escola coa participación do cubano José V. García, un dos fundadores da sociedade de Instrucción Hijos de Ventosa e o comisionado da sociedade de Buenos Aires, José Otero. Este primeiro intento fracasou, pois as primeiras aportacións enviadas desde Cuba para mercar o terreo e afrontar os gastos iniciais, non foron axeitadamente administradas e unha boa parte foi parar a mans privadas. Finalmente construíuse un edificio moito máis modesto que o proxectado, dunha soa planta dividida en dúas aulas, que é o que aínda hoxe se conserva.

Esta confianza na educación como medio de rexeneración e transformación social que manifestaban os emigrados de Ventosa, foi continuada na República pola Sociedad de Instrucción y Recreo.

Así, unha das primeiras accións da nova sociedade, foi a organización dun ciclo de seis conferencias culturais que se celebraron as tardes dos domingos a partir do 10 de abril. Os conferenciantes foron mestres de Agolada e doutros concellos (como Antonio Magariños, mestre do pósito de Cambados), peritos agrícolas, especialistas doutros campos, e agraristas como Benedicto García García, o presidente da Sociedade de Agricultores de Pescoso (Rodeiro).

Sabemos por unha nova de prensa do contido das conferencias do domingo 24 de abril. Jesús García Méndez, o mestre de Agolada, fixo un detido estudo sobre o abuso do alcol e os seu perniciosos efectos; Jesús Salinas Moreno, mestre de Az, explicou a Constitución española analizando sobre todo os artigos que trataban da ensinanza, a agricultura e o divorcio; e José Barrio Negro, perito agrícola agoladense, disertou sobre a influencia das distintas formas de goberno no desenvolvemento da agricultura, explicando a nova lexislación republicana.

A sociedade dotouse dun local social, un amplo salón onde instalaron unha biblioteca e onde se recibían xornais e revistas gráficas e agrarias. Polas noites, o local era usado polos socios como centro social onde acudían para ler e facer parladoiros. Tamén se realizaron no local veladas literario musicais e bailes de sociedade.

David Moreno
David Moreno

Así describía David Moreno, o secretario, a actividade que se desenvolvía na sociedade:

“El local social, que al mismo tiempo es vestíbulo, biblioteca, salón de sesiones, etc. porque las posibilidades del comienzo permiten otras exigencias, se ve de continuo y más aún a la caída de la tarde concurrido de hombres toscamente ataviados, con sus hercúleos brazos remangados y aprisionando entre las encallecidas manos un periódico o revista y los más, continuando la amena lectura del libro que el día anterior comenzaron; y es de oír las charlas que entre ellos se cruzan al final de sus lecturas, pretendiendo dar mayor ampliación a aquél su último párrafo o queriendo sacar lo que para ellos puede ser la parte más práctica; y siguen comentando, desmenuzando la lectura, formando proyectos, como si cada uno fuera un hombre de estado, o el ser indispensable de asuntos financieros o de otro cualquier variante, pero que al mismo tiempo van cogiendo a su manera los cabos del mundo exterior, de la vida que se agita y del loco empeño en que muchas veces la fantasía suele acompañar a las exaltadas inteligencias; y aquellos campesinos que antes en la vida eran sólo la parte material van ahora moldeando su inteligencia y adquiriendo juicios más reales que utópicos.”

Foron medrando os socios, e nunha reunión de principios do verán o presidente Adolfo Sarandeses propuxo a organización dunha excursión ao monte Farelo para o día 26 de xuño. Acordada a celebración, difundiuse por toda a contorna; a publicidade do evento chegou até o Seminario de Estudos Galegos, a onde o presidente enviou un convite para que os seminaristas souberan da xira.

O lugar de reunión foi o parque de Ventosa; ás 8 da mañá chegaron os excursionistas en coches, cabalos e a pé, para desde alí, emprender a ascensión ao monte. Máis de mil cincocentas persoas fixeron o traxecto animadas e algareiras, entoando alalás e muiñeiras. Chegaron á cima do Farelo ás once; alí o vicepresidente da sociedade, Juan Otero, dirixiulles unhas palabras de benvida. Ao mediodía xantaron as viandas que portaban. Ao remate do xantar, os grupos de excursionistas fixéronse fotografar por un afamado profesional de Melide que a organización convidou para a ocasión.

Ás catro da tarde o mestre de Trabancas, Antonio Sánchez, dirixiuse aos presentes para explicar o significado do acto, sinalando a irmandade reinante entre os concellos de Antas de Ulla, Agolada e Rodeiro aos que pertencían os excursionistas, para finalmente facer un pequeno resumo da historia de Galicia. Continuaron os discursos, e foi a quenda do mestre de Ventosa e secretario da sociedade, David Moreno, que fixo unha exaltación da fermosura da terra galega, manifestando que a pesares del non ser galego sentía un enorme amor polo país, comparándoo coas terras da súa Valencia de orixe. Rematou a quenda de palabra Francisco Amor, que disertou sobre o sistema planetario.

Clemente Fernández, Agolada
Clemente Fernández

Formouse despois un baile campestre amenizado por la banda de Ventosa, dirixida por Clemente Fernández. Ás seis da tarde rematou a xira, marchando os asistentes cara os seus fogares.

Uns meses despois, o 9 de setembro, a Sociedad de Instrucción y Recreo de Ventosa rendeu unha homenaxe de recoñecemento ao seu secretario, David Moreno, fundador e incansable impulsor da mesma. O presidente fíxolle entrega dun bastón adquirido por subscrición popular entre os socios e no acto pronunciaron cadanseu discurso José Barrio e o mestre Antonio Magariños, chegado de Cambados para a ocasión.

En decembro dese ano a xunta xeral acordou convidar a Castelao, Suárez Picallo e Manuel Fidalgo, a dar conferencias culturais en Ventosa, e segundo as noticias de prensa, obtivo unha resposta favorable de todos eles. Non teño constancia de que tales conferencias chegaran a ser impartidas, pois a partir de 1933 xa non atopei máis referencias á Sociedade de Ventosa, que probablemente foi esmorecendo e rematou a súa actividade ao marchar de Ventosa David Moreno, o mestre que foi o seu promotor e principal animador.

 

Os promotores da Sociedade

David Moreno Moreno, aínda que naceu en Tarazona de la Mancha (Albacete) o primeiro día de agosto de 1907, foi de moi novo coa familia para Valencia. Estudou na Normal da capital do Turia e fíxose mestre. Traballou na Escola Parroquial de Santo Tomás Apostol no curso 1930/31. O destino deparoulle o posto de mestre de Ventosa ao pouco de proclamarse a República. Instalouse na parroquia agoladense na casa de Ricardo Coego García, que estaba fronte á escola. Deseguida iniciou a súa actividade social tratando de promover as inquietudes culturais dos veciños de Ventosa. En colaboración co director da banda de música “La Armonía” de Ventosa, Clemente Fernández, escribiu a letra dun “himno republicano” ao que o compositor e director da banda lle puxo música, estreándose a peza en decembro de 1931.

Xa comentei a súa actividade como promotor e logo secretario da Sociedad de Instrucción y Recreo de Ventosa, pero tamén hai que facer mención ás conferencias no ciclo que organizaron en Agolada as Misións Pedagóxicas en xuño de 1932. Xunto cos seus compañeiros de maxisterio disertou sobre varios temas culturais nas parroquias do concello; a David tocoulle falar sobre “Amor al trabajo” na escola de Trabancas, “El ahorro” na de Borraxeiros, “Celo de los padres en la enseñanza” en Santa Comba, e “El comercio” na escola de Ferreiroa.

En canto á súa actividade xornalística, hai que sinalar as súas colaboracións para a revista Vida Gallega nos anos 1932 e 1933. Alí publicou algúns artigos referentes á vida cultural da parroquia de Ventosa, un relato da súa experiencia persoal como valenciano en terras galegas, e uns interesantes apuntes biográficos do director da banda de música da parroquia, Clemente Fernández. Polas novas da prensa sabemos tamén que foi un dos primeiros socios da Casa del Maestro de Pontevedra.

Permaneceu en Ventosa ate o final do curso de 1933/34, cando como consecuencia do concurso de traslados, logrou retornar á súa terra, sendo destinado á escola graduada de La Jana, no norte da provincia de Castellón, da que foi nomeado director en 1935. Permaneceu nesa escola case vinte anos. Alí coñeceu á súa muller, tamén mestra, coa que tivo catro fillos que naceron en La Jana. Cando a muller obtivo destino en Massamagrell, conseguiu unha permuta por consorte para o veciño concello de Museros. Correspondente de prensa de Las Provincias en Massamagrell, coñecido como autor de contos e afeccionado ao teatro, dirixiu moitas representacións en Massamagrell. Xubilouse aos setenta anos, logo de 44 de profesión.

As súas inquedanzas como investigador plasmáronse nas publicacións Historia de Masamagrell en 1977, en colaboración con Manuel León Contell, e Historia de Museros en 1980. Cego nos últimos anos, David Moreno morreu en Massamagrell o 12 de decembro de 1988, con 81 anos.

Adolfo Sarandeses Cortés 1932
Adolfo Sarandeses

Adolfo Sarandeses Cortés, o que foi presidente da Sociedade, naceu en Ventosa o último día de 1891. Industrial en Ventosa, fora correspondente de El Ideal Gallego en Agolada entre 1919 e 1923, e polas súas crónicas temos algunhas novas da vida agoladense deses anos. Casou en 1924 con Amelia González Fidalgo, irmá de José, o médico dos pobres de Rodeiro, e Benjamín, o avogado que foi alcalde de Lalín na ditadura de Primo de Rivera. En 1934 converteuse en recadador-depositario do concello de Agolada, posto conservou moitos anos. No franquismo foi inspector da ILEPSA. Morreu o 18 de decembro de 1977 na mesma parroquia de Ventosa.

 

Juan Otero González, o vicepresidente da sociedade, naceu o 2 de xuño de 1906 na mesma parroquia agoladense. Industrial de Ventosa, tivo unha gran participación na política local, pois foi un dos promotores da candidatura de Primo Castro Vila para as municipais de 1931 e era o presidente do Partido Republicano Gallego de Agolada en 1933.

40 anos da Asociación Cultural Deza

Asociación Cultural Deza lingoa
Asociación Cultural Deza – Normalización da lingoa.

Este ano 2016 celébranse os 30 anos da fundación da Asociación Cultural O Naranxo, da que formo parte desde os seus inicios. Porén hai outro aniversario que pasou un pouco máis desapercibido: os 40 anos da Asociación Cultural Deza, a primeira asociación para a defensa e promoción da cultura galega da nosa comarca.

No marco da transición política, poucos meses despois da morte do ditador, nun contexto de prohibición dos partidos políticos e falta de liberdades, un grupo de lalinenses concienciados decidiron crear unha agrupación que puidese servir de canle de expresión para as inquedanzas sociais e culturais. A única posibilidade que ofrecía a legalidade posfranquista era poñer en marcha unha asociación cultural como outras que levaban funcionando ao abeiro da Lei de Asociacións de 1964 en cidades e vilas de Galicia. Estas asociacións tiñan como principal obxectivo facer visibles os problemas do país e construílo tendo en conta a lingua e a cultura propias. Tiveron que salvar moitos atrancos: censura, dificultades administrativas, prohibicións, control policial e intimidacións.

A Asociación Cultural Deza foi inscrita no Rexistro do Goberno Civil o 6 de outubro de 1976, e na acta fundacional figuraban como socios fundadores Florentino Cacheda, Javier Navaza, Damián Alonso, Victorino Gutiérrez, Jaime Aller, Ricardo Vidal, Ramón Rodríguez, Jesús Vázquez e Mariano Facal.

Os promotores da Asociación levaban reuníndose dende principios dese ano e xa se presentaran publicamente un mes antes. Coincidindo coas festas de setembro de Lalín organizaron a I Feira do Libro Galego, coa intención de dar a coñecer aos lalinenses a produción editorial na nosa lingua. Nos baixos das galerías do Roque, na rúa Rosalía de Castro, montaron unha exposición e venda de libros en galego e convidaron varios autores que se achegaron a Lalín para promocionar a súa obra e asinar exemplares. Víctor Freixanes que acababa de publicar Unha ducia de galegos estivo o sábado, así como Manuel María ou Bernardino Graña, que se achegaron a Lalín o luns das festas. Tamén estivo Manuel Varela Buxán asinando os seus libros O ferreiro de Satán e Taberna sen dono editados o ano anterior. Como complemento á feira organizaron un recital de canción galega e brasileira na sala de festas Sauces no que participaron os cantautores Xosé Quintas Canella, Xosé Manuel Conde e o grupo brasileiro Ben-Virá, que estaba de xira por Galicia. O concerto foi un éxito de público e a xente rematou berrando “Amnistía, liberdade!”.

Ao ano seguinte volveron organizar a II Feira do Libro Galego, e nesta ocasión incorporaron unha exposición de pintura para a que cederon obras Laxeiro, Colmeiro, Antón Lamazares e Sucasas. Laxeiro inaugurou a feira cun “conto”.

O primeiro presidente da Asociación foi Ramón Rodríguez Taboada (Moncho Nela), mentres que da secretaría se encargaba Xerardo Fentanes Merino. O seguinte en exercer o cargo de presidente foi José Aller Goyanes, elixido en abril de 1978, continuando Xerardo Fentanes como secretario.

Asociación Cultural Deza - Normalización da lingoa 2
Asociación Cultural Deza – Normalización da lingoa.

O labor de difusión cultural da asociación tivo como eixo fundamental a organización de conferencias de escritores galegos: Gonzalo Torrente Ballester e Bernardino Graña falaron no salón de actos do Instituto Ramón Mª Aller; ademáis organizouse un ciclo de charlas na biblioteca municipal. Porén, a actividade cultural da Deza ía máis alá da programación de relatorios, pois organizaron recitais e audicións musicais como a de Miro Casabella no salón de actos do Instituto, que contou coa presenza sorpresa de Francesc Pi de la Serra, ou a do cantautor Suso Vaamonde. Tamén houbo unha actuación do Mago Antón.

En moitos dos actos da asociación era patente a presenza de policía de paisano e nalgunha feira do libro tiveron a visita do tenente do posto da Garda civil, quen os ameazou con multas se non retiraban da venda algún dos libros daquela prohibidos pola censura.

Complementaban con outras actividades de promoción da cultura tradicional como unha exposición e venda de cerámica tradicional galega, principalmente de Niñodaguia e Buño, que algúns dos socios foron buscar nos seus automóbiles a Xunqueira de Espadañedo e Malpica de Bergantiños.

Unha das últimas actividades na que interviron os da Deza foi o Festival da Canción Galega que tivo lugar nas festas de setembro de 1979. Nel participaron Fuxan os Ventos, A Roda, Solano, Ana Kiro e Xoán Sisto e contou co colaboración de Xan das Canicas.

Varios dos membros da Asociación estiveron tamén implicados a finais de 1977 na fundación da primeira Asociación de Veciños de Lalín, que se denominou San Xosé.

Non sei moito do final da Asociación, é de supoñer que foi esmorecendo pola marcha dalgúns dos seus membros mentres que outros se dedicaron a outras actividades a partir nos anos oitenta, cando xa era posible a militancia política fóra da clandestinidade. Sirvan estas notas, debedoras das aportacións de Moncho Nela e Mariano Facal, para animar a todos os que estiveron implicados na Deza a reconstruír con máis claridade e amplitude a súa historia.

O nome do pai

A denominación do colexio de Vilatuxe

Colegio Nacional Vicente Arias de la Maza
Placa no CEIP Vicente Arias de la Maza.

Cando preguntamos a calquera veciño ou veciña de Lalín polo nome do colexio de Vilatuxe, ou ben responden que se chama así, “colexio de Vilatuxe” ou ben dinnos que se chama “Barrié de la Maza”. Practicamente ninguén sabería dicirnos hoxe que a súa denominación é “Vicente Arias de la Maza”.

Quen é Vicente Arias de la Maza e por que o seu nome acabou sendo a denominación do colexio de Vilatuxe é o que me propoño responder neste artigo.

Efectivamente, a confusión con Pedro Barrié de la Maza, o que foi conde de Fenosa (único caso no que o nome dunha compañía acabou sendo título nobiliario), non é algo estraño, pois Vicente e Pedro eran curmáns, xa que a nai de Vicente, Mª Teresa Arias de la Maza, e a nai de Pedro, Amelia, eran irmás, fillas de Ramón María de la Maza Quiroga. Pero a razón do nome, e tamén da confusión, hai que buscala noutra relación de parentesco. En realidade Vicente Arias de la Maza era o pai de Carmela Arias Díaz de Rábago, condesa de Fenosa logo do matrimonio co seu curmán Pedro Barrié, e Joaquín Arias Díaz de Rábago, que foi propietario do Pazo de Des en Soutolongo.

Imos describir os momentos deste proceso. En 1968 a Dirección Xeral de Ensinanza Primaria inicia o expediente para a construción dos grupos escolares de Vilatuxe, Prado e Lalín. O proceso demorouse varios anos, ata 1972, ano no que o Ministerio de Educación e Ciencia dita unha resolución con data 10 de febreiro pola que se crea a Escola Graduada Mixta de Vilatuxe, con catro unidades escolares de nenos, outras catro de nenas e unha de párvulos. O colexio inaugúrase oficialmente o 2 de maio dese ano, co curso a piques de rematar e con pouca incorporación de alumnos e alumnas das escolas unitarias.

Agora toca poñer o nome á escola, o colexio de Prado xa optara por “Joaquín Loriga”, e o de Lalín era “Manuel Rivero” dende 1968; entre os nomes que se barallaron estivo o de Manuel González, o mestre de Soutolongo, pero foi descartado. A principios do curso 1972-73, Alfredo Iglesias Vázquez, que viña de ser nomeado director, aconsellado pola inspectora Isidora Riestra Calderón, e de acordo os mestres e mestras do centro, propón a idea de darlle ao colexio o nome de Vicente Arias de la Maza, coa esperanza, segundo me confesou, de que a súa filla, a condesa de Fenosa, sufragase unha biblioteca para o centro, que carecía practicamente de dotación. Desprázase a Des, para falar co irmán de Carmela, Joaquín Arias, quen acepta encantado a petición e mesmo se ofrece a pagar a biblioteca do seu peto se non se obtén a doazón da Fundación Barrié.

Carmela Arias con Pedro Barrié
Carmela Arias con Pedro Barrié de la Maza.

A proposta recibe o apoio entusiasta do alcalde de Lalín, Luís González Taboada, quen a presenta na última Comisión Permanente dese ano de 1972 para iniciar os trámites do expediente. No primeiro pleno do ano seguinte, celebrado o 8 de xaneiro, acórdase por unanimidade, “en consideración a los méritos que concurren en la persona del Excmo. Sr. D. Vicente Arias de la Maza”, facultar á presidencia para solicitar do Ministerio a autorización para denominar “a la Agrupación Escolar Comarcal de Villatuje, en este Municipio, AGRUPACIÓN ESCOLAR COMARCAL VICENTE ARIAS DE LA MAZA”.

O Ministerio concede a autorización e en xuño de 1973 procédese a instalar a rotulación no que a partir dese momento se denominaría “Colexio Nacional de EGB Vicente Arias de la Maza”, pois acababa de entrar en vigor a Lei Xeral de Educación impulsada por Villar Palasí.

A desexada e prometida biblioteca nunca chegou a materializarse, e o único contacto coa familia Arias Díaz de Rábago foi a visita que a condesa realizou ao colexio uns anos despois, acompañada da inspectora Isidora Riestra e do alcalde Luís González Taboada. Foi recibida polo claustro de mestres e mestras, que lle entregaron un ramo de flores e convidárona a café e pasteis.

Posto que o expediente que abriu o Concello para a denominación do colexio, onde se poderían consultar os méritos de Vicente Arias, está ilocalizábel, fago agora unha sucinta biografía para dar a coñecer quen foi este persoeiro pois, máis alá dos detalles que da súa vida ten contado a súa filla nunha entrevista, é unha figura gris e completamente esquecida.

Pazo de Des anos 20 foto Pelai Mas
Pazo de Des nos anos vinte. Foto de Pelai Mas.

Vicente Arias de la Maza naceu en Santiago de Compostela o 6 de xaneiro de 1873. Fillo de José Arias Armesto, de Monforte de Lemos, que casara con María Teresa de la Maza Agar, da Coruña, dona do pazo de Des. Instálanse en Santiago de Compostela, onde José Arias foi concelleiro e despois deputado provincial por Ortigueira e vicepresidente da Comisión Provincial. Militou no Partido Conservador, na facción de Benito Hermida e, ao morrer este, entrou nas filas do marqués de Figueroa seguindo a política maurista.

Vicente estuda Dereito na Universidade de Santiago de Compostela e faise avogado. En 1910 é nomeado secretario da Xunta de Obras do Porto da Coruña, posto no que permanece até 1928. Casa en Santiago de Compostela con Carmela Díaz de Rabago Aguiar o 16 de xullo de 1911, e na Coruña nacen os seus fillos José María, Vicente, Joaquín (1916), Carmela (1920) e Concepción.

No mesmo ano de 1928 morren o seu pai e a súa nai, e Vicente convértese en herdeiro do pazo de Des. Trasládase a Cataluña como secretario da Xunta de Obras do Porto de Barcelona, acompañado de toda a familia. Ao estalar a sublevación do 18 de xullo de 1936 queda atrapado en Cataluña, mentres a muller e os fillos estaban de vacacións en Galicia. Vicente mantén o seu posto de secretario durante os anos da guerra, e realiza actividades de espionaxe para o bando franquista. Dous dos seus fillos, José María e Vicente, alistados no exército de Franco, morren en combate, polo que a súa nai recibiu as correspondentes “Medallas de Sufrimiento por la Patria”. O propio Vicente Arias tamén recibiu recoñecemento polo seu labor na quinta columna de Barcelona.

Ao rematar a guerra continua no mesmo posto e a familia regresa con el a Cataluña. Permanecen en Barcelona dous anos até que Vicente xubila anticipadamente e retornan á Coruña a finais de 1941. Descoñezo a súa actividade na cidade durante eses anos. Morre o 5 de marzo de 1963, tres anos antes do matrimonio da súa filla con Pedro Barrié de la Maza.

Vicente Arias de la Maza - Necrolóxica
Necrolóxica de Vicente Arias de la Maza .

Como vemos, resulta difícil acreditar algún mérito á figura de Vicente Arias de la Maza máis ca o de ser o pai da súa filla, unha muller cun enorme poder nos anos finais do franquismo. Por este motivo, quizais cumpriría valorar a posibilidade de outorgarlle ao colexio de Vilatuxe un nome con algo máis de sentido.

Armando de Lalín, o perpetuo axudante de Ramón María Aller

Venancio Froiz no Observatorio de Santiago
Venancio Froiz no Observatorio de Santiago.

Con motivo dos cincuenta anos do seu pasamento, son varios os libros, artigos e recensións que nos últimos días se están publicando sobre a personalidade e a obra de Ramón María Aller, o astrónomo de fama internacional. Entre as homenaxes, produce especial ledicia ver por fin editado o seu libro A astronomía a ollo ceibe na súa lingua orixinal. Unha obra que fora presentada en maio de 1936, para a súa posterior publicación, ao Seminario de Estudos Galegos, no que Ramón Aller ingresou en 1928 cun discurso de entrada dedicado ao Matemático Rodríguez. A sublevación fascista de 1936 impediu a realización deste proxecto e finalmente o libro foi publicado en castelán en 1948 co título Astronomía a simple vista.

Porén, eu vou dirixir o telescopio un pouco máis abaixo, cara a unha figura que sempre estivo a carón do sacerdote de Lalín, xa incluso antes destes feitos e do seu traslado a Compostela para dirixir o observatorio da Universidade: Armando de Lalín.

Este persoeiro chamábase en realidade Venancio Froiz Gómez e era fillo do coñecido xastre de Lalín Gerardo Froiz, o dono da xastrería “La Elegancia” na Praza da Constitución, a decana das xastrerías lalinenses. En Compostela, onde era coñecdo como “Armando de Lalín”, nun artigo de 1976 dedicado á visita da Banda de Lalín á cidade, descríbeno como “escritor de corte vernáculo muy amante de su tierra, cuya sensibilidad y puritanismo no encaja dentro del desconcierto mundano de nuestros días”.

Venancio, que naceu o 10 de xaneiro de 1913, era o máis novo do fillos de Gerardo e Áurea. O máis coñecido dos irmáns foi Xesús Froiz, o poeta e xornalista asasinado polos fascistas en 1936; quizais fose del de quen herdase a súa vocación literaria.

Sendo mozo entrou a traballar con Ramón María Aller en Lalín e este encargouse da súa educación. A influencia do sacerdote xa era palpable nos anos finais da República, cando atopamos a Venancio Froiz como vogal das JAP, a organización xuvenil de Acción Popular, o partido de Gil Robles, que tiña como líder local a Manuel González López e na que tamén figuraban José Madriñán Pereiro, Salvador Carracedo, Ángel Gómez Fernández e Rodrigo Facal Goyanes.

Venancio converteuse no axudante e colaborador do astrónomo e, cando este marchou a Compostela nos anos corenta, levouno con el. Foi Froiz quen axudou a Aller a desmontar e embalar os instrumentos do seu observatorio de Lalín para trasladalos ao que logo sería o observatorio da Universidade de Santiago, que pasou a dirixir. Nomeou a Venancio porteiro, aínda que tamén tiña como misión o coidado dos aparatos e axudaba o padre Aller nas súas observacións astronómicas. Posteriormente acabou sendo axudante de investigación do Consello Superior de Investigacións Científicas. Vidal Abascal dicía que nos últimos anos da súa estadía en Compostela, Aller facíase acompañar sempre de Armando para non andar só.

Miña linda Galicia
Manuscrito de “Miña linda Galicia”.

Foi durante eses anos na capital de Galicia cando desenvolveu a súa afección pola literatura. Ao seu primeiro poema, “Rosiña”, con data de 1945, seguíronlles un bo feixe de contos e uns poucos poemas, todos eles en lingua galega e asinados como “Armando de Lalín”. Varios deses relatos curtos foron publicados en El Correo Gallego, algúns con ocasión dos especiais que este xornal dedicou á Feira do Cocido. “O anxeliño da María José”, “A Suriña” e “Pepiño de Carballude” son algúns dos textos escritos por este autor, nos que narra as peripecias de personaxes populares da vila de Lalín.

En El Correo Gallego apareceron tamén artigos divulgativos como “Choran os hórreos” ou “Un galego de corpo enteiro”, como homenaxe a Xesús San Luís Romero, o escritor compostelán autor da famosa obra O fidalgo, por quen manifestaba enorme admiración. Estas publicacións déronlle certa sona de escritor nos faladoiros xornalísticos da cidade, e a iso débense as poucas referencias que topamos na prensa á súa figura. No pequeno arquivo que conservan os seus familiares gárdanse outros contos inéditos (“O Ferreiro da Seara”, “O pucha furada”, “A Venturiña”…), algúns mesmo parecen ordenados en preparación da edición dun libro que nunca chegou a ver a luz.

Logo do retorno de Aller á súa vila en 1963, continuou vivindo en Compostela até que, xa ancián, foi coidado na casa duns familiares en Lalín, onde morreu o 23 de maio de 1996.

José Vázquez, o reloxeiro de Ramón Aller

O sabio lalinense Ramón Mª Aller, figura popular no mundo da astronomía e das matemáticas, ten tamén unha interesante faceta, quizais menos coñecida, a de promotor e impulsor dunha “escola de reloxería” en Lalín.

José Mª Vázquez Vázquez
José Mª Vázquez.

Imos dar noticia dalgúns dos discípulos reloxeiros de Ramón María Aller, centrándonos especialmente en José Mª Vázquez Vázquez, o fundador da saga e tamén o máis descoñecido. Non sabemos como chegou a aprender o oficio, pero nos primeiros anos do século XX, con pouco máis de vinte anos, xa o atopamos instalado na vila de Lalín cun pequeno taller de reloxería.

José María Vázquez naceu na parroquia de Vilanova o 19 de abril de 1880, era fillo de Antonio Vázquez Duro e Rosa Vázquez. Estableceu contacto con Ramón Aller para que este o iniciara nas matemáticas, na astronomía e nos secretos da reloxería. Consciente da intelixencia e habilidade de José, Aller encargoulle a construción dun aparato de antena que permitía recibir a hora do meridiano de Greenwich, transmitida desde a Torre Eiffel.

A fama de Vázquez estendeuse por todo o país, chegando a converterse no bruxo da reloxería, pois para el “non había cousa difícil de arranxar”. O seu taller de Lalín era a clínica á cal acudían todos os reloxos irreparábeis. Era tal o seu prestixio que se lle encomendou a construción dun reloxo para o mosteiro do Escorial. Rematado o traballo, deixou como encargado do mantemento ao seu irmán Casiano Vázquez, formado canda el en Lalín, e que estableceu en El Escorial unha reloxería.

Evangelino Taboada Vazquez
Evangelino Taboada.

No seu taller de Lalín tamén se iniciaron como reloxeiros o seu sobriño Evangelino Taboada, fillo da súa irmá Florinda, que entrou como aprendiz con dez anos e, un tempo despois, o irmán deste, Cándido Taboada. Logo de aprender o oficio co seu tío, os irmáns Taboada Vázquez instaláronse en Silleda, lugar no que casaron. Evangelino marchou a Vigo e estableceuse cun taller na Rúa Elduayen, mentres que o seu irmán Cándido asentouse en Compostela co seu cuñado Nicanor Otero, onde fundaron unha reloxería na rúa Caldeirería, a cal se converteu nun centro cultural e artístico durante os anos trinta. Por outro lado, na época da República Evangelino tivo tamén unha grande actividade política, pois foi candidato da ORGA nas eleccións municipais de Vigo e despois acabou afiliándose ao PCE. Cando estalou a sublevación fascista de xullo do 1936, el estaba pasando uns días en Vilanova, o que o salva dun linchamento. Permaneceu agochado en varias casas da parroquia, protexido por familiares até 1939, cando se presentou ante o gobernador civil Gómez Cantos. Debido á incerteza da súa situación decidiu marchar a Portugal co seu fillo Adolfo, pero foron detidos na fronteira e encarcerados. Logo de pasar un ano na prisión, saíron en liberdade provisional. Entre os traballos máis destacados de Evangelino podemos citar o reloxo do instituto Santa Irene de Vigo e a construción do aparato do Observatorio Astronómico da Universidade de Santiago de Compostela. O relato da súa peripecia vital pode seguirse no documental O reloxeiro, dirixido por Rita Romero en 2012.

Cándido Taboada - Relojería en Compostela
Anuncio da reloxería de Cándido Taboada.

Pero volvamos con José Vázquez. En 1908 temos novas dunha das súas creacións, un péndulo eléctrico de precisión e, ao ano seguinte, construíu un reloxo completamente eléctrico que presentou á Exposición Rexional Galega de 1909, polo que obtivo a medalla de ouro. Continuou perfeccionado os aparellos e dous anos despois fabricou un novo modelo, un péndulo de segundos.

José María, que casara en 1901 coa moza da Xesta María Josefa García Fernández, tivo dúas fillas, Socorro, que naceu ese mesmo ano, e Celia, dous anos despois, en 1903. A súa muller María Josefa morreu en 1907 como consecuencia dun parto complicado e Vázquez casou en segundas nupcias con outra veciña da Xesta, Mercedes González Pájaro, filla de Pedro González Taboada, en 1910. Con Mercedes tivo cinco fillos máis: Antonio, Luís, María Alicia, Concepción, Adolfo e José Alfonso, que naceron todos en Lalín.

En febreiro de 1920 morreu a súa nai Rosa Vázquez, e José embarcouse do porto de Vigo cara a Buenos Aires, onde estableceu un modesto taller no barrio de Constitución, no que se dedicaba a reparar reloxos. Puxo máis tarde unha xoiería e unha fábrica de reloxos eléctricos nas rúas Avenida de Mayo e Belgrano que alcanzou moita sona na capital do Plata, onde era coñecido como o “mellor reloxeiro do mundo”.

Temos novas dalgunhas das súas obras na Arxentina. En 1924 fabricou en Córdoba o primeiro reloxo eléctrico con péndulo de precisión do país, que foi presentado o ano seguinte na Exposición de Industrias Arxentinas e polo que lle concederon a medalla de ouro. Tamén en Córdoba reparou o vello reloxo da catedral que se consideraba practicamente inservíbel. E construíu o reloxo eléctrico con carillón de campás para a igrexa da Nosa Señora da Esperanza de Buenos Aires.

José Mª Vázquez Vázquez - Luna Park
Reloxos do Luna Park.

Cando se edificou o Luna Park, o pazo dos deportes da capital arxentina, chamárono para construír o xogo de reloxos que servía para regular os combates de boxeo, loita e baloncesto. Aínda que probablemente a súa obra máis orixinal fose o reloxo floreal para o Parque 9 de Julio da cidade de Tucumán. Inaugurado en 1935, mide seis metros de diámetro e as súas agullas pesan 95 quilos. Só hai outro do mesmo tipo no mundo. Puramente mecánico, había que darlle corda todos os días, ata que hai uns anos foi automatizado.

José María Vázquez regresou por primeira vez ao seu país a finais de 1948, nunha viaxe na que se reencontrou co seu mestre, o sacerdote Ramón María Aller, ao que visitou para entregarlle o título de socio de honra da Sociedad Hijos del Partido de Lalín en Buenos Aires por encargo da directiva da asociación e asistiu á voda da filla do seu sobriño Evangelino. Tamén aproveitou para desprazarse a París e visitar a Casa Brillet de fabricación de reloxos eléctricos, para introducir algunhas modificacións nos seus modelos. Volveu unha segunda vez a España en agosto de 1950, visitou á súa familia de Vilanova e tivo un novo encontro co astrónomo lalinense. Esta sería a última ocasión, pois morreu na capital arxentina a mediados de xaneiro do ano seguinte.

Reloj Parque 9 de Julio Tucumán
Reloxo do parque 9 de Julio. Tucumán.

Os seus sobriños Evangelino e Cándido morreron tres anos despois, o 1 de agosto de 1954, nun accidente de moto cando viñan cara a Lalín.