Cándido Soto, o último cacique da Restauración

Carbia - Soto 2
Homenaxe a Gumersindo Soto en Carbia.

En 1876, o mesmo ano da promulgación da Constitución que vai regular a Restauración borbónica, veu ao mundo Cándido Soto Colmeiro no antigo concello de Lavadores (hoxe anexionado a Vigo). O seu pai, Gumersindo Soto Vázquez (1846-1916), orixinario da parroquia lalinense de Donramiro, casara en 1874 con María Colmeiro Louzao, de San Tomé de Insua no concello de Carbia. O seu padriño de bautismo foi José Mª Riestra López, nomeado anos despois Marqués de Riestra polo rei Afonso XIII, que será quen dirixa a política da provincia pontevedresa durante o primeiro terzo do século XX.

A familia trasladouse á Vila de Cruces, onde Gumersindo Soto desempeñou o cargo de Alcalde de Carbia durante varios anos na última década do século XIX. Logo da súa morte en 1916, a Corporación dedicoulle unha rúa na Vila de Cruces, que aínda hoxe permanece.

Cándido estudou medicina na Universidade Compostelá, onde acadou a licenciatura en Medicina e Cirurxía. Entre os seus compañeiros de carreira estaba Castelao.

En xaneiro de 1902 foi elixido Alcalde de Carbia, posto no que sucedeu ao seu pai. Permaneceu como máximo rexedor ata xuño de 1906, aínda que por eses anos estaba rematando os seus estudos, o que fixo que practicamente non desempeñase a alcaldía polas continuas ausencias. Renunciou logo de acadar o título de médico, e abreu o seu estudo na parroquia de Carbia. O 4 de xullo de 1907 ingresou por oposición no corpo de médicos titulares e foi nomeado médico municipal en propiedade do Concello de Carbia.

Casou con Amparo Blanco Losada o 5 de febreiro de 1910. Con este matrimonio, a familia Soto ampliou a súa influencia política e social, xa que Amparo era filla e herdeira de Antonio Blanco Rodríguez, coñecido como “O capitán Blanco” de Donsión. Os Blanco son descendentes de José Blanco Porto, que fora alcalde de Lalín (1883-1884 e 1887-1890). Adscritos ao Partido Conservador, eran rivais políticos de Antonio Crespo, que representaba ao Partido Liberal e ostentou a alcaldía a partir de 1903, logo de desbancar ao irmán de Antonio, Lauréano Blanco, quen seguiría na oposición a Crespo como director do periódico La Defensa en 1907.

Pero Cándido Soto non abandonou as súas orixes na política carbiense e seguiu sendo o principal cacique de Carbia durante o primeiro terzo do século XX. De feito, a Cándido sucédeo na Alcaldía o que fora o seu Primeiro Tenente-Alcalde, Ramón Gontán Botana, e a este o cuñado de Cándido, Francisco Mato Vispo, que foi elixido Alcalde en xaneiro de 1909 e ocupou o posto ata finais de 1913.

Homenaxe a Gumersindo Soto
Homenaxe a Gumersindo Soto dos veciños de Vila de Cruces. 1907.

A súa influencia en Lalín comezou a medrar e en 1917 foi nomeado Presidente da Sub-Comisión de Lalín de Hijos de Lalín en Buenos Aires, que estaba a construír en Lalín unha Escola Hospital-Asilo (o que logo sería coñecido como Hospitalillo). O 16 de abril de 1918 foi designado médico forense interino en Lalín.

Nestes anos finais da década dos vinte, comezou a labrar o seu futuro político en Lalín. Son anos de axitación agrarista e a principal sociedade agraria lalinense, a Sociedad de Agricultores, Oficios y Profesiones de Gresande, fundada en 1906 polos irmáns González Vigide, Ramón Gamallo e Antonio Vidal, era naqueles momentos a que encabezaba a loita anticaciquil apoiada polos emigrantes da recen creada Unión del Partido de Lalín de Buenos Aires.

Soto douse conta do poderío desta organización, que chegou a agrupar aos labregos de todas as parroquias do sur do Concello, e introduciuse nela. Os primeiros intentos de controlala, apoiándose noutro infiltrado no agrarismo, o párroco de Barcia, José Ramos, consistiu en tratar de transformar a Sociedade nun Sindicato Católico. Fracasado este intento de control pola oposición dos dirixentes da Sociedade, Soto aliouse con Gonzalo López Gutiérrez, que presidía a Sociedade de Vilanova e crearon a Federación de las Sociedades Agrícolas del Partido Judicial de Lalín en 1921, desde a que pretendían dirixir o agrarismo.

Nas eleccións municipais de febreiro de 1922, os agrarios presentaron batalla ao alcalde Crespo cunha candidatura confeccionada por Soto, na que non estaban presentes os dirixentes tradicionais do agrarismo, senón persoeiros resentidos co caciquismo: Samuel Goyanes (sobriño de Crespo, e enfrontado a este por non ser nomeado secretario do concello), Gonzalo López ou Bernardo Madriñán, xunto con antigos loitadores agraristas renegados como Ramón Adán Villamarín e Ramón Fernández Villar (o recen nomeado presidente da Federación) e o propio Cándido Soto. O pactado era votar a Samuel Goyanes para alcalde en caso de triunfo. O resultado das eleccións foi unha vitoria para a candidatura agraria, logrando 8 concelleiros dos 11 en disputa. O mesmo sucedeu no veciño concello de Silleda, aínda que aquí o caciquismo logrou anular as eleccións.

Os agrarios lalinenses negociaron con algúns dos antigos concelleiros mauristas opositores a Crespo (entre eles Eduardo Vidal e José Rivas) conseguindo o apoio de catro deles e así ter a maioría necesaria de 12 (xa que o Concello de Lalín contaba con 22) para decidir a alcaldía. Cando xa estaba rematada a negociación e asegurado o triunfo, os agrarios resolveron ofrecerlle a alcaldía a Soto. Isto fixo que o que ía ser alcalde, Samuel Goyanes, convencendo a outro concelleiro agrario, se pasaran ao bando de Crespo, a cambio de este asegurarlle ao seu sobriño a primeira tenencia de Alcaldía.

O primeiro de abril constituiuse a nova Corporación. Na elección resultou alcalde Antonio Crespo, que obtivo 10 votos, fronte a Cándido Soto que obtén 9; hai 3 papeletas en branco. Ao non obter a maioría absoluta, Antonio Crespo quedou nomeado Alcalde só de maneira interina. Samuel Goyanes resultou elixido Primeiro Tenente-Alcalde.

O 18 de abril apareceu en Lalín o periódico Verdad y Justicia órgano do agrarismo comarcal, fundado polos emigrantes retornados de Cuba Máximo López Carral e Jesús Iglesias Surribas, que se fixo eco das polémicas xurdidas en torno a esta derrota.

Cándido Soto Colmeiro
Cándido Soto

Cándido Soto moveu as súas influencias políticas: A través das súas relacións co Marqués de Riestra, e da amizade persoal co deputado polo distrito de Lalín, Manuel Sáinz de Vicuña, xenro do daquela presidente do Goberno, Manuel García Prieto, conseguiu o nomeamento de Alcalde por Real Orden de 30 de xaneiro de 1923. Tomou posesión o 8 de febreiro en presenza dos representantes das sociedades agrarias, ás que lle agradeceu o seu apoio, especialmente á Sociedade de Gresande. Ao rematar o acto, o concelleiro Ramón Fernández Villar, presidente da Federación proclamou: “Al fin hemos llegado al poder, prueba de que la unión del agro es necesaria”.

O período de Soto na alcaldía non serviu para facer unha limpeza do caciquismo, tal e como prometeran os agrarios, xa que non se fiscalizaron as contas municipais para topar as estafas cometidas polo anterior alcalde (que si sairían a luz co Directorio); aínda que o cambio foi palpable pola presenza dos gardas municipais na vila (antes estaban dedicados á custodia da casa de Antonio Crespo en Donramiro), unha maior limpeza e a supresión dalgúns impostos nas feiras. O que si fixo o novo goberno municipal de xeito inmediato foi cambiar a todo o persoal do Concello.

O 13 de setembro de 1923 pronunciouse en Barcelona o xeneral Primo de Rivera e comezou a Ditadura. Soto abandonou a alcaldía o 30 de setembro xunto con toda a Corporación que foi substituída, e as autoridades militares nomearon Alcalde a Jesús Aller Ulloa, quen cedeu o seu posto a Luís Madriñán Teijeiro o 15 de febreiro de 1924, que o desempeñou por un breve período, sendo substituído por Benjamín González Fidalgo o 8 de abril. O agrarismo lalinense mantivo unha actitude ambigua fronte a Ditadura, por unha parte o seu órgano Verdad y Justicia aplaudiu os decretos depuradores, e por outra a Federación mostrou a súa oposición pola perda de poder.

Ante a necesidade de consolidarse e obter unha base social que a apoie, a Ditadura creou o 14 de abril de 1924 o partido Unión Patriótica. Á vista as dificultades do novo partido para conseguir apoios e adhesións, o caciquismo tradicional viu aberta unha vía de acceso ao poder, e desde A Caeira, o Marqués de Riestra instou aos seus partidarios a integrarse na Unión Patriótica. Soto iniciou unha manobra política cominando aos membros da Sociedade de Gresande (coa complicidade da Directiva) a afiliarse a UP. A estratexia foi denunciada por Francisco Cacheda, quen esixiu a dimisión da Directiva e a renuncia de Soto como socio. A Directiva dimitiu o 2 de novembro e convocouse unha Asemblea extraordinaria o 16 para tratar o asunto. Á reunión acudiron Cacheda, Jesús Filloy, Jesús González Peña e Jesús Iglesias Surribas, que lograron desenmascarar as manobras de Soto, a pesar de que este mobilizou a moitos dos seus partidarios e acudiu á reunión co párroco de Barcia e Gonzalo López (agora Presidente da Federación). Porén, non se chegou a votar unha nova xunta Directiva, elección que se adiou para a seguinte Asemblea. Cando esta tivo lugar, xa en decembro, Cándido Soto (que conseguira nese momento o apoio de moitos socios aos que pagou as cotas atrasadas) resultou elixido presidente da Sociedade fronte á candidatura de Jesús Filloy. Os líderes da facción perdedora foron ameazados e perseguidos, véndose obrigados a marchar a América. Conseguido o control da Sociedade de Gresande, Soto converteuse no líder agrarista e desde esta posición manexou a UP. O premio foi a representación de Tabacalera e Petróleos en Lalín.

En 1926 foi nomeado médico forense da prisión preventiva do Partido de Lalín. E en decembro dese ano ocupou a praza de médico interino do concello por falecemento do titular Manuel Brandido Brandido. En febreiro do ano seguinte logrou a praza de médico titular en pugna co médico de Agolada Víctor Loureiro Crespo. Tamén en 1927 foi elixido presidente do Casino de Lalín.

Xa como presidente da Federación agraria de Lalín, foi o encargado de negociar cos propietarios os prezos das rendas para a redención dos foros que puxo en marcha o decreto do Directorio. Tamén participou nas comisións que se organizaron para solicitar un trazado da liña de ferrocarril máis favorable á vila de Lalín.

A súa influencia política non deixou de medar durante todo o período ditatorial, sendo ao final deste, o “encargado da política do partido de Lalín”. Esta posición reforzouse coas alianzas matrimoniais da súa familia que lle proporcionaron influencia nos concellos da Comarca:

A súa irmá Concepción Soto Colmeiro casou con Perfecto Otero Barreiro (1869-1924), da Bandeira, que foi presidente da Sociedade Agrícola de Bandeira. O seu fillo Alfonso Otero Soto chegou a ser inspector veterinario de Galicia.

Outra irmá, María Soto Colmeiro casou con José Castro García (de Carmoega – Agolada). Os seus fillos Luís e Jesús Castro Soto foron dirixentes do Partido Radical de Agolada e o outro fillo, Gumersindo Castro Soto, acadou a praza de médico tocólogo en Lalín.

Adelaida Soto Colmeiro casou con Francisco Mato Vispo (de Piloño – Carbia), o que fora alcalde de Carbia (1909-1913) e na República foi concelleiro polo Partido Radical en 1934. O seu fillo Jesús Mato Soto morreu nos incidentes das eleccións municipais de 1931 en Piloño.

Finalmente, o seu irmán Ramiro Soto Colmeiro, sacerdote, foi o párroco de San Tomé de Insua (Carbia) dende 1908 ata a súa morte en 1928. Alí fundou o Sindicato Católico de Insua-Duxame.

Nada ten de estraño logo que despois da dimisión de Primo de Rivera, o 30 de xaneiro de 1930, e a caída da Ditadura, foi Soto quen decidiu os nomes dos novos alcaldes: Bernardo Madriñán, en Lalín; Amalio Calviño, en Rodeiro; Arturo Blanco, en Carbia e José Oro Barrio en Agolada. Precisamente con motivo do nomeamento deste celebrouse en Agolada un banquete o 23 de abril ao que asistiu Cándido Soto e no que pronunciou un discurso sobre a boa administración dos concellos.

O 11 de maio de 1930 celebrouse en Mouriscade (Vilanova) un banquete-festa en homenaxe a Cándido Soto, ofrecido por Gonzalo López Gutiérrez con motivo da súa reposición como recadador municipal (López, que fora nomeado recadador en 1925, foi expedientado en 1929 por irregularidades e reposto no cargo pola nova corporación o 19 de abril). A festa reuniu os amigos de Soto: os alcaldes de Lalín, Agolada, Rodeiro e Carbia, concelleiros, avogados, mestres, peritos… En fin, a elite política da Comarca. Ao final, fíxoselle entrega a Soto dun ramo de flores e pedíronlle que “se conserve no posto que ten encomendado”.

Durante este ano de 1930 formouse un grupo republicano en Lalín encabezado por Manuel Ferreiro, que exerceu como oposición á política de Soto, organizando actos de propaganda e editando o periódico Atrás.

Sucedéronde tamén as reunións políticas para apoiar a candidatura a deputado en Cortes de Jorge Quiroga (pensábase neses intres nunha convocatoria de eleccións xerais). Este comité, que se proclamou anticaciquil e sobre todo antiriestrista, contaba coa participación de Salvador Madriñán, Domingo Palmaz, Benjamín González Fidalgo, xunto a directivos das sociedades agrarias de Rodeiro e o médico de Agolada, Víctor Loureiro. Pretendían formar unha fronte contra a candidatura “gobernamental” de Sáinz de Vicuña, promovida por Soto.

O 6 de marzo de 1931 convocáronse eleccións municipais, que se celebraron o 12 de abril, e os tres grupos presentáronse á loita electoral en condicións moi desiguais: En Lalín, a vitoria foi para a candidatura gobernamental, que conseguiu que o grupo anticaciquil se retirase; mentres que os republicanos, aínda con pouca forza, non lograron obter representación. O mesmo sucedeu nos outros concellos dezaos, a excepción de Agolada, onde a candidatura anticaciquil organizada polo médico Víctor Loureiro logrou o triunfo.

Paz-Andrade en Vila de Cruces 1924
Jesús María Santaló con Valentín Paz-Andrade en 1924.

En Carbia enfrontáronse unha candidatura “oficialista” composta por membros das corporacións da ditadura de Primo de Rivera e encabezada por Jesús María Santaló Ponte, con outra “democrática” que promovía Cándido Soto. A loita electoral foi moi apaixonada, chegándose o día das eleccións ao uso das armas en Piloño. A discusión entre os partidarios de ambas candidaturas no colexio electoral de Paxariñas rematou con disparos que causaron a morte de Jesús Mato Soto (sobriño de Cándido Soto) e Antonio López García, e outros tres feridos graves.

No conxunto do Estado a vitoria foi para os republicanos e o 14 de abril proclamouse a República. O 16 constituíuse en Lalín a Xunta Municipal provisional baixo a presidencia de Ferreiro. Anuláronse as municipais do 12 en todos os concellos onde se presentaron reclamacións e convocáronse novas eleccións para o 31 de maio. Os antigos gobernamentais, agora titulados “reformistas” propuxeron aos republicanos formar unha candidatura conxunta, proposta que estes rexeitaron. Así concorreron dúas candidaturas, a reformista encabezada por Bernardo Madriñán e a republicana, por Manuel Ferreiro. O triunfo foi absoluto para os de Ferreiro, xa que os reformistas non acadaron representación.

A nova corporación decidiu en xuño a suspensión da maioría dos empregados municipais e a instrución de expedientes ao recadador Gonzalo López e ao médico municipal Cándido Soto, por faltas no cumprimento do seu deber. O médico e o recadador foron repostos nos seus cargos en setembro por orde do gobernador civil, aínda que se instruíu un novo expediente contra Gonzalo López, que rematou coa súa separación do cargo. A Cándido Soto volveron abrirlle expediente o 11 de abril e o 13 de novembro de 1932 por denuncias sobre a súa actuación.

Tras o desastre electoral que supuxeron as eleccións, Soto iniciou unha nova etapa política posicionándose agora co Partido Radical, dirixido en Pontevedra por Emiliano Iglesias. Os radicais, que iniciaron a súa propaganda política logo das eleccións xerais de xuño de 1931, nas que saíron elixidos deputados Ramón Salgado, José López Varela e Emiliano Iglesias, fixéronse moi presentes con actos e mitins na comarca durante o primeiro bienio, constituíndose como a principal forza de oposición á ORGA de Casares Quiroga, que controlaba case todos os gobernos municipais. O Partido Radical estaba liderado no concello de Carbia por José Gil Sexto, en Lalín por Ángel García Basterra e en Agolada por Gumersindo Castro Soto (sobriño de Cándido). Aínda que Soto se mantivo nun segundo plano, a súa presenza foi significativa nalgúns actos como o mitin celebrado en Carbia o 10 de abril de 1932.

No verán dese ano de 1932, con ocasión da campaña de difusión do Partido Galeguista que acaba de nacer, os líderes galeguistas organizaron na véspera do día de Galicia varios mitins en Noceda, Vilatuxe e Lalín nos que participaron Castelao, Otero Pedrayo, Suárez Picallo e Valentín Paz-Andrade. Conta Paz Andrade que logo do mitin de Lalín, foi con Castelao a Donsión visitar a Cándido Soto, vello coñecido do de Rianxo e “o home máis influínte do Partido Xudicial de Lalín ata o 12 de abril” para pedirlle axuda para a organización do Partido Galeguista na Comarca. Nada sabemos dos pormenores desa entrevista.

Logo da vitoria dos radicais nas eleccións de novembro de 1933, iniciouse unha campaña de acoso e derribo ás corporacións municipais de signo contrario. E pouco a pouco estas foron destituídas polos gobernadores civís e reemprazadas por outras integradas por lerrouxistas. O 6 de xullo de 1934 suspenderon a de Carbia, e foi elixido como novo alcalde Manuel Gil Boado (o fillo de José Gil); o 6 de agosto a de Agolada, o 8 a de Lalín, que presidiu nese momento Ricardo López Varela (fillo de Gonzalo López). O 7 de setembro tocoulle a quenda á de Rodeiro, na que elixiron alcalde a Amalio Calviño.

En Lalín son concelleiros nese momento moitos dos homes de Soto: Ramón Adán, Ramón Fernández Villar… Un dos primeiros acordos desta corporación foi a reposición no seu cargo do recadador Gonzalo López Gutiérrez. A influencia política de Soto era palpable ao conseguir tamén en novembro de 1935 o nomeamento de médico forense en propiedade.

O Partido Radical comezou a ter problemas e cara fins de 1935, a raíz dos escándalos financeiros (como o do “straperlo”), Lerroux e os seus partidarios víronse definitivamente desacreditados. En Lalín a campaña contra os radicais centrouse na xestión económica, acusando ao alcalde Ricardo López de beneficiar ao seu pai o recadador (apareceron en febreiro de 1935 panfletos contra os radicais, contestados por Gonzalo López en marzo con outro panfleto). Soto desvinculouse de López e promoveu en xullo unha reunión dos concelleiros para pedir a renuncia do recadador. Como consecuencia, Gonzalo López presentou a súa dimisión o 30 de xullo. A Corporación acordou o 31 de decembro un voto de censura contra o alcalde Ricardo López polo pago de cantidades que se lle adebedaban o que deixara á Caixa do Concello sen fondos.

O 8 de xaneiro o Goberno civil destituiu os concelleiros radicais e nomeou unha nova corporación que presidiu Domingo Palmaz. Logo do triunfo da Fronte Popular nas eleccións xerais de febreiro, o día 21 foron repostos os concelleiros de elección popular de 1931, con Ferreiro novamente de alcalde.

O novo réxime político que xurdiu tras o golpe de Estado do 18 de xullo designou alcalde a Bernardino Madriñán (o presidente do Bloque Nacional de Calvo Sotelo). Cándido Soto xa non tivo un papel destacado, aínda que conservou certa influencia política a través do seu xenro Jesús Rodríguez Diéguez (casado coa súa filla Amalia en 1933), dirixente da Falange local.

Soto morreu na súa casa de Donsión o 13 de outubro de 1945.