José María Vázquez, agrarista e galeguista

Participou na campaña anticaciquil de Silleda e foi o presidente da Irmandade Galeguista de Noia na República

José María Vázquez  con Rodrigo Romaní
Vázquez (esquerda) con Rodrigo Romaní en Noia nos anos trinta.

No desenvolvemento das loitas agrarias de principios dos anos vinte en Silleda, que constituíron un dos máis potentes fitos da mobilización social na Comarca do Deza, encontramos a algúns membros das elites dominantes que se puxeron do lado dos labregos, combateron a inmoralidade e contribuíron a denunciar as aldraxes do caciquismo. Traemos aquí a figura de José María Vázquez, un dos propagandistas e animadores deste movemento, que coas súas intervencións públicas e os seus artigos xornalísticos, foi un dos protagonistas dese movemento.

José María Vázquez Ulloa naceu na Estrada xusto ao inicio do século. Era fillo do avogado silledense Cesáreo Vázquez Martínez, que casara o ano anterior en Orazo con Consuelo Ulloa Villar, filla de Faustino Ulloa Estévez, o cacique liberal que controlou o concello da Estrada para o Marqués de Riestra, pero caido en desgraza no seo do riestrismo. Consuelo era neta de Juan Ramón Ulloa Pimentel, que fora alcalde de Lalín en 1866.

Cesáreo Vázquez Martínez, fillo do que fora notario de Trasdeza, José María Vázquez Gulías, desempeñou os cargos de fiscal e xuíz municipal en Silleda, e foi deputado provincial a principios do século XX, ata que en 1916 se trasladou a Santiago de Compostela como recadador de contribucións do concello. Cesáreo estaba emparentado por liña materna coa familia Martínez, que viñera controlando o poder político en Silleda durante a segunda metade do século XIX.

José María estudou o bacharelato en Compostela e alí fixo a carreira de dereito. Ao rematar a licenciatura e imbuído de ideas republicano-socialistas, integrouse con vintedous anos na loita agraria como eficaz propagandista pola súa fogosidade e elocuencia. A súa primeira aparición pública foi no mitin organizado en Silleda o 26 de marzo de 1922, no que tomou a palabra xunto ao catedrático de Veterinaria Jesús Culebras, José Campos da agraria de Forcarei e o líder obreiro e concelleiro compostelán José Pasín Romero. O comicio serviu para denunciar a fraude electoral das municipais de febreiro que anulou o trunfo dos agrarios. Días despois volve intervir na festa da árbore organizada pola Sociedade de Graba, co presidente da agraria do Pereiro, Indalecio López, José Manuel Puente e Emilio Alonso Paz. Foi en realidade outro mitin máis no que Vázquez anima aos de Graba a persistir na loita contra o caciquismo ao mesmo tempo que eloxia o comportamento das sociedades de emigrados polo seu apoio á campaña dos silledenses.

Será este un tema recorrente nos seus artigos para o xornal estradense El Emigrado, nos que vai dando conta das reivindicacións dos agrarios e denuncia os abusos que o omnímodo poder caciquil e as corruptas institucións cometen constantemente cos indefensos labregos. Sirva de mostra o titulado “En apretado haz”, dedicado “a los hermanos residentes en la Argentina y Cuba que con tanto amor nos ayudan en la lucha contra el caciquismo de Silleda”. Tamén escribe Vázquez no periódico pontevedrés El Progreso, para demandar a intervención dos poderes da capital da provincia ante o despotismo e as irregularidades na administración do concello.

Topamos de novo a José María no mitin da Agraria do Pereiro (Laro) o 28 de xuño con Jesús Filloy, no que o noso protagonista clama contra a guerra de Marrocos pola sangría de homes e recursos que supón para o país, mentres se carece de escolas, estradas ou ferrocarrís. Tamén intervén na campaña para a elección a deputado de Alfredo Pérez Viondi, candidato dos agrarios fronte a Vicente Riestra. No mitin da Bandeira, que ten lugar en setembro, incita aos presentes a perderlle o medo ao cacique e ás súas vinganzas, pois realmente carece xa de armas coas que amedrentalos. Vázquez tamén toma a palabra na Festa da Árbore da parroquia estradense de Guimarei xunto con representantes das agrarias silledenses.

Así se dirixía publicamente ao cacique nun artigo de 1922:
“Nada nos amilana; llevamos un ideal y no cejaremos hasta verlo satisfecho. Queremos implantar la justicia en donde ni sus huellas se notan. Anhelamos redimir un penoso cautiverio y eso lo haremos con el pueblo. Con él, con los hermanos a quien tu azotaste, somos fuertes, más pujantes que vosotros. Esas lágrimas de queja que derrama se trocarán súbitamente en lágrimas de venganza y odio. Entonces finirá el malestar y producirán las tierras, y se remunerará el trabajo y saciaremos el hambre y la sed que tenemos de justicia.”

A derrota de Pérez Viondi nas eleccións a Cortes de 1923 e uns meses despois a ditadura de Primo de Rivera, liquidan o movemento agrario silledense. José María Vazquez inicia unha carreira como funcionario da administración local que o afastará definitivamente das terras dezás. Aproba as oposicións a secretario de concellos en 1924 e ao ano seguinte encárgase por un breve período da secretaría de Caldas de Reis para pasar despois a desempeñar a praza en Ponte Caldelas. Finalmente en 1929 accede ao posto de secretario do concello de Noia.

José María Vázquez cos políticos de Noia
Personalidades políticas de Noia na República (José María Vázquez é o cuarto pola dereita).

En Noia vai establecer amizade co catedrático do Instituto Álvaro das Casas que tamén se acaba de instalar na vila e participa con el en 1930 na creación da Irmandade Galeguista que no seu manifesto fundacional asevera que se está a “entrever unha Galiza nova, que ven fortalecida de recordos e cobizosa de espranzas” engadindo os seus asinantes que traballarán “sin acougos” para “ollar a nosa bandeira azul e branca latendo en todol-os ventos, dend-a vila a freiguesía mais lonxana”. José María converterase en novembro no seu primeiro presidente. Colabora con Álvaro das Casas na organización xuvenil galeguista Ultreya. Integrado plenamente na reivindicación da Autonomía, asistiu como representante do concello de Noia, xunto ao alcalde Germán Vidal, á Asemblea para o debate do Estatuto de Galicia celebrada en Compostela en decembro de 1932.

Durante o franquismo José María Vázquez estivo implicado en actividades mineiras, como a exportación de volframio procedente das minas de Lousame en 1942 e unha prospección para encontrar ouro e estaño nos montes de Boiro e A Pobra do Caramiñal en 1950 xunto co seu irmán Cesáreo, que non deu os resultados agardados. Nos anos cincuenta e sesenta ocupou o posto de secretario do concello de Outes. Morreu en Noia o 4 de abril de 1987.

A caída dun cacique

Unha novela descoñecida do xornalista estradense José María Sánchez Brea.

La caída de un cacique - Sánchez Brea
La caída de un cacique

Cando hai uns anos pescudaba información sobre o xornalista e agrarista dezao Jesús Iglesias Surribas, dei co arquivo de Manuel Vigide Fondevila, quen fora dirixente da Sociedade Agraria de Gresande nos anos vinte. Entre as cartas, folletos e un curioso e extenso diario dos seus soños, que conservan en Vilatuxe os seus sobriños, figuraba un libriño de 39 páxinas titulado La caída de un cacique. O folleto, en moi mal estado de conservación por mor da humidade e un pouco raído, fora editado na Habana en 1922. O seu autor era o estradense José María Sánchez Brea.

A obra foi esquecida e non hai ningunha referencia bibliográfica sobre ela, como tampouco se coñece moito sobre a traxectoria do seu autor. Pero non deixa de ter interese. A novela reflicte a preocupación pola instrución, unha constante nos emigrados galegos, que se topan cun destino laboral condicionado por non ter capacitación. A través da educación pretenden romper os obstáculos que impiden a mobilidade social. Tamén mostra a influencia sociopolítica dos emigrados nas súas comarcas de orixe. Nela faise patente como desde Cuba ou Arxentina se planifican e desenvolven os programas da loita agraria das nosas comarcas. De feito, entre os papeis de Manuel Vigide tamén está o Regulamento do Club Lalín da Habana (a sociedade que promove a construción de escolas e a loita anticaciquil) e o Regulamento das Escolas da Unión del Partido de Lalín en Bos Aires.

La caída de un cacique ten un subtítulo ben significativo: Novela de la vida real interpretando las veraces tramas políticas rastreras y el despertar de los pueblos oprimidos. No prólogo, o propio autor sinala que o seu único obxectivo é dar a coñecer “el peso abrumador de la rémora caciquil” para o que vai ser lacónico, eliminando os detalles e concentrándose na exposición do argumento, co que tamén quere conseguir que o libro, ao ser máis curto, sexa máis barato e poida ser mercado por todos os seus destinatarios (os emigrados cubanos que deberían envialo aos seus lugares de orixe). Di tamén que omite datas e lugares para facer así aplicable o relato a calquera lugar de Galicia.

Non ten, xa que logo, a obra, ningunha pretensión literaria, tal e como o autor recoñece, constituíndo máis ben unha especie de novela exemplar. Pero ten un gran valor documental ou quizais mellor, político, pois constitúe todo un programa de acción para a loita anticaciquil.

Fagamos un resumo do argumento: Unha comarca dunha apartada rexión de Europa, que vive da agricultura, e onde só hai unha escola, está dominada polo fidalgo Federico Roxal e o cura. Hilario Viñol, un dos veciños, non envía ao seu fillo Enrique á escola, pois como lle ensinan o cura e o fidalgo, saber ler só lle convén aos que queren marchar para América. Cando Viñol acode ante o cacique solicitándolle diñeiro para redimir ao fillo do servizo militar, Roxal préstallo coa condición de que envíe ao fillo a América onde poida gañar o necesario para devolverllo, pensando que sen instrución Enrique nunca conseguiría o diñeiro suficiente. O fillo emigra a Cuba, empregase nunha “hacienda” e seguindo os consellos do capataz matricúlase nunha escola nocturna. Ao rematala consegue un emprego nas oficinas, ao tempo que estuda unha carreira e acaba facéndose co posto de Administrador da compañía. Pero durante todo ese tempo non puido enviarlle diñeiro ao pai para saldar a débeda, e Hilario ten que ir vendendo as leiras e queda na miseria, véndose obrigado a emigrar. Casualmente remata traballando na mesma facenda da que o seu fillo é administrador, e este, ao recoñecelo, decide regresar con el e liquidar as débedas. Instálase na aldea e monta un negocio. Entra en contacto co doutor Ramiro de Larelle, tamén oposto ao caciquismo de Roxal e xuntos emprenden unha campaña para presentar ao médico como deputado a Cortes. Describe o autor as múltiples artimañas que utilizaban os caciques para conseguir a vitoria nas eleccións, sinalando incluso como algúns estanqueiros narcotizaban o tabaco que lle vendían aos opositores para que non puideran acudir a votar. Pero nesta ocasión non o conseguen, pois co traballo de Enrique, Ramiro é elixido deputado. E desde o Congreso consegue que fagan presas no río para regar a comarca, que chegue o ferrocarril, a construción de pontes e estradas e a instalación de escolas. Finalmente crean un Banco para proporcionar crédito aos negocios que se van creando na que xa é unha próspera comunidade.

Como exclama o pai de Enrique: “Maldita ignorancia! Maldito caciquismo! Y bendita sea la escuela!”. Esta podería ser a ensinanza desta historia.

Sánchez Brea en Vida Gallega 1923
José María Sánchez Brea en 1923.

Pero temos que falar tamén do seu autor. José María Sánchez Brea naceu na parroquia de San Pedro de Ancorados, no concello da Estrada o 15 de maio de 1888. Era fillo de Alejos Sánchez Sánchez, un labrego natural de Mesos (Frades) que casara en Ancorados con María Carmen Brea. José María emigrou a Cuba, sen que saibamos da súa traxectoria na illa, salvo que casou coa emigrante catalá Josefa Alberti, coa que tivo dous fillos, ata que publica a novela La caída de un cacique en 1922. Era coñecido nos ambientes xornalísticos da emigración galega e dirixiu o periódico Ideal Gallego, que co subtítulo Paladín de la cultura, defensor de la colonia gallega de Cuba y órgano oficial del Comité Representativo de las Sociedades Gallegas de Instrucción editouse na Habana entre 1925 e 1930. Pertenceu á Sociedade Hijos del Ayuntamiento de La Estrada da que chegou a ser secretario e tamén foi secretario da sección de cultura do Centro Gallego da Habana.

Retornado á Estrada, fundou unha academia onde se impartían clases para adultos, contabilidade, correspondencia e teneduría. Integrouse no Centro de Emigrados no que formaba parte da Comisión de Prensa e en outubro de 1931 foi elixido Secretario da Federación Agraria da Estrada. Colaborou coa prensa estradense e tamén escribiu no periódico La República de Silleda que dirixía Manuel Brea Abades.

O 24 de novembro de 1931 aparece o periódico La Vanguardia, subtitulado Semanario de izquierdas, no que José María Sánchez Brea comparte a dirección con Rafael Verea. O semanario, órgano do Partido Radical-Socialista da Estrada, está nas rúas ata finais de 1933. Durante eses anos o noso protagonista continúa coa actividade na Federación de Labradores e participa en actos políticos republicanos. Tamén é un convencido autonomísta, integrándose no Comité local de Propaganda Pro-Estatuto en febreiro 1933 e intervindo nos mitins de propaganda estatutaria. Tamén foi membro do Comité Pro-Monumento a Pardo de Cela, que organizou o mestre lalinense Manuel González Rodríguez, xunto con Antonio Fraguas e Manuel García Barros.

José María Sánchez Brea 1927
José María Sánchez Brea en 1927

En xaneiro de 1933 foi nomeado director de El Emigrado que xestionaban os Hijos del Ayuntamiento de la Estrada en Cuba, e permaneceu ao cargo do periódico ate agosto de 1935. Compartiu esta tarefa coa de correspondente do xornal El Pueblo Gallego e coa dirección da publicación La Tranca, un periódico satírico que puxo a andar a esquerda estradense para ridiculizar ao dereitista La Palanca. Despois da vitoria da Frente Popular nas eleccións de febreiro de 1936 iniciouse a campaña para o referendo do Estatuto de Autonomía, e volvemos atopar a Sánchez Brea como orador nos mitins que se celebran nas parroquias do concello da Estrada.

Co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936, ten que agocharse ante o medo a ser detido e asasinado. Refuxiouse un tempo na casa do seu amigo o escritor e xornalista Manuel García Barros, disfrazado de xornaleiro, sobrevivindo cada xornada baixo a ameaza de que puidera ser a última e compartindo lecturas polas noites. Cando pasou a primeira onda represiva puido saír do seu agocho, e aínda que o seu procesamento foi sobresido, as autoridades franquistas abríronlle un expediente de responsabilidades políticas en 1940. Instalouse no Codeso, na parroquia de Aguións, e sobreviviu como viaxante uns anos. Morreu o 24 de abril de 1949.

Manuel Igrexas.

José Manuel Puente, un líder agrarista deportado

José Manuel Puente Fernández
José Manuel Puente.

José Manuel Puente Fernández naceu en Santiago de Compostela o 28 de setembro de 1869, fillo de Manuel Puente Fondevila e María Fernández Gómez, era neto de José Puente de Filgueira (Lalín). Emigrou a Arxentina onde aprendeu o oficio de carpinteiro e casou en Bos Aires o 16 de marzo de 1897 con Ramona Sánchez Mato, natural de Ordes. Na capital arxentina naceron as súas fillas María Andrea e Carmen. Enfermo, en agosto de 1902, regresa de América no vapor Willehad, a bordo do barco naceu o seu fillo Celestino Willehad Puente Sánchez.

Ao regreso da emigración americana a familia instálanse na Escravitude (Padrón) e despois trasládanse a Santiago de Compostela, onde Ramona establece un taller de pranchado de roupa. Alí nace o seu fillo Progreso en 1905 e dous anos despois Liberto. A muller enferma e trasládanse a Vilagarcía de Arousa, onde José Manuel encontra un traballo ben remunerado como ebanista.

No entanto, os pais de Puente trasladaran a súa residencia á parroquia silledense de Taboada. O pai, Manuel Puente Fondevila, foi un dos veciños que se negou a pagar as oblatas ao cura de Taboada en 1901, o que fixo estalar un conflito que remataría coa creación dunha comunidade protestante en Vilar. En 1911 morre a súa nai María Fernández e a familia Puente trasládase a Taboada para coidar do pai. Os fillos asisten á escola que o pastor protestante Tomás Dodd instalara en Vilar, e Celestino Puente fai a súa profesión de fe no protestantismo.

José Manuel convértese nun dos líderes do movemento agrario silledense. En 1920 créase a sociedade Agrícola Social Cooperativa, que se une ás do Pereiro e Graba que xa viñan funcionando, e os agrarios inician unha campaña de propaganda contra o caciquismo que representa o secretario do concello, Benito Rivas. Puente intervén nos mitins que se organizan en varias parroquias, destacando o seu discurso no acto do Marco en febreiro de 1921, no que resalta a vantaxes da asociación para os labregos e incítaos a perder o medo ao cacique. Xa organizados, os agrarios conseguen trunfar nas eleccións municipais do ano seguinte, derrotando estrepitosamente aos candidatos de Rivas. Pero ao facerse o escrutinio dáse o pucheirazo, a Xunta electoral provincial da por validas as actas falsas presentadas, e o poder municipal continúa en mans de Rivas e os seus secuaces.

Desátase un enorme movemento de protesta. En marzo ten lugar un multitudinario mitin, coa presenza de Basilio Alvarez, no que os labregos silledense mostran a súa firme decisión de non aceptar o pucheirazo e reclaman a posesión dos concelleiros agrarios electos. En maio constitúese en Bos Aires o Comité Auxiliar de las Asociaciones Agrarias del Municipio de Silleda coa presenza de Antón Alónso Ríos. As eleccións repetíranse en setembro, pero previamente amañadas, danlle o trunfo aos partidarios de Rivas. As protestas e concentracións continúan a pesar de que os caciques utilizan matóns para amedrentar aos líderes societarios. A desesperación leva a medidas extremas e o 7 de xaneiro de 1923 Benito Rivas é asasinado. Trala desaparición de Rivas, Manuel Fuentes, comerciante e depositario do Concello, toma o o seu relevo. Fuentes foi o artífice do trunfo de Vicente Riestra nas eleccións a deputado polo distrito de abril de 1923, conseguindo a derrota do candidato agrario Alfredo Pérez Viondi.

No entanto, os agrarios reorganízanse creando a principios de abril a Sociedad de Agricultores y oficios de O Castro, que elixe como presidente a José Manuel Puente Sánchez. A sociedade agrupaba a labregos das parroquias do este do concello (O Castro, Saidres, Negreiros, Taboada e Vilar). Pero pouco tempo van ter para as súas actuacións, pois en setembro Primo de Rivera da un golpe de estado co que se inicia a Ditadura.

E durante a Ditadura consúmase a vinganza do caciquismo contra Puente, a quen consideraban como un líder perigoso para os seus intereses e querían ver desaparecer de Silleda. O pretexto foi a presidencia dunhas eleccións de vocais para o repartimento de utilidades (consumo) en 1924, nas que o noso protagonista fixo presión en favor dos agrarios. Os antigos caciques denunciárono ao gobernador, e este ordenou ao delegado gobernativo que lle ofrecera a José Manuel a posibilidade de escoller entre o xulgado e o desterro. Puente elixiu o xulgado. Transcorreron varios meses, e cando xa se pensaba que todo quedaría en nada, a Garda civil presentouse na súa casa comunicándolle que tiña a 48 horas para marchar a Monforte de Lemos, onde o deportaban sen limitación de tempo. Puente parte a Monforte mentres os seus compañeiros encárganse de abonarlle a pensión e xestionar o indulto, que finalmente concede o Ministro da Gobernación en maio de 1926. Fuentes e os seus recorren entón ao xulgado denunciándoo xunto a Manuel Salgado e José Puente Lázaro por falsidade en documento público, sendo procesados e ingresando en prisión.

O xuízo celebrouse na Audiencia Provincial o 13 de xullo de 1927, e Puente foi condenado a 14 anos, 8 meses e un día de prisión e unha multa de 500 pesetas. Ten que afrontar tamén as costas do xuízo, que ascenden a 3000 pesetas. José Manuel apelou ao Tribunal Supremo, logo de vender varias fincas para sufragar os gastos do Xulgado. Ante a denuncia que Alonso Ríos fai en El Despertar Gallego, desátase unha campaña de solidariedade entre os emigrados das sociedades dezás de Cuba e Arxentina. Fan subscricións para axudalo na súa defensa.

Sen embargo Puente, con case sesenta anos, non quere ingresar en prisión, e decide fuxir para Arxentina. Non regresou a Galicia coa instauración da República e tampouco estivo en Silleda cando os fascistas detiveron ao seu fillo Celestino e varios veciños de Vilar en outubro de 1937, acusados de opoñerse ao Movimiento Nacional.

José Manuel Puente morreu na Arxentina en 1952.

Lume, pistolas e dinamita. Violencia social e política no Deza

Palacete dos Crespo
Palacete dos Crespo en Donramiro.

A violencia é unha dimensión antropolóxica complexa e omnipresente como forma de relación social para a resolución non pautada de conflitos nas sociedades humanas. Esta violencia social é un desaxuste presente en calquera proceso de reprodución ou vertebración social, sobre todo no conflito entre gobernantes e gobernados, debéndose falar neste caso de violencia política. Maniféstase como forma de disidencia ou protesta e nos intentos colectivos de cambio social. É unha forma de canalizar os conflitos cando non existen outros medios por non situarnos en sociedades plenamente democráticas.

Imos facer un breve repaso por algunhas destas formas de violencia social e política que se materializaron na Comarca de Deza durante o período da Restauración.

As primeiras manifestacións desta violencia que aparecen nos anos oitenta do século XIX son os motíns contra os consumos (o imposto de consumos era un imposto indirecto que gravaba os bens de primeira necesidade “de comer, beber y arder”). En 1870, na parroquia de Vilatuxe tivo lugar un motín contra a capitación e, en marzo do ano seguinte, houbo outro en Lalín contra o cobro do imposto persoal, nos dous interviu a Garda Civil disparando sobre os amotinados. En 1882, esta vez en Rodeiro, volveu xurdir a protesta contra os consumos en forma de motín que rodeou o concello e obrigou a alcalde e concelleiros a fuxir perseguidos polos paisanos. Dous anos despois volveron producirse estas desordes cando os veciños de Az recibiron con disparos e pedradas os recadadores do imposto de cédulas persoais.

En ocasións, a violencia política era a única canle de expresión fronte a unha administración local controlada polo caciquismo. Así, vemos aparecer os primeiros atentados políticos na nosa comarca nunha serie de sucesos acontecidos arredor de 1880: na noite do 1 de xuño de 1880 lanzan unha bomba de dinamita contra a casa do alcalde de Lalín, Antonio Taboada Iglesias, que destrúe a maior parte do edifico, aínda que o alcalde e a súa familia resultaron ilesos; o 9 de outubro do ano seguinte asasinan en Rodeiro o secretario do Concello Ángel Fernández Valladares “Bagarelos”, que xa sufrira un atentado en setembro do ano anterior. Parece que os dous feitos están relacionados, pois Antonio Taboada e Ángel Fernandez eran correlixionarios militantes do Partido Conservador e xa foran denunciados en diversas ocasións ante o Gobernador civil polos abusos que cometían na administración. Estes atentados conseguen afastar o alcalde Taboada de Lalín, pois en 1883 trasládase a Pontevedra logo de obter o nomeamento de deputado provincial.

Xa no século XX veremos de novo actuar a dinamita no atentado ao dono da Casa de Quintela, Jorge Quiroga, en abril de 1906, a quen lle lanzan dúas bombas cando ía á cabalo en dirección a Lalín.

Tamén o incipiente movemento obreiro utiliza a violencia como forma de expresión das súas reivindicacións, algo que podemos ver no atentado que o propietario das minas de estaño de Fontao, Enrique Burbury, sufre en xullo de 1907, cando lanzaron unha bomba contra a casa que habitaba en Silleda, aínda que non resulta ferido. Non era o primeiro, pois algúns anos antes, en 1891, a vivenda xa fora queimada.

Por outro lado, o alcalde de Lalín, Antonio Crespo, representante do Marqués de Riestra na Comarca de Deza e quen dominaba caciquilmente a política local dende 1902, sofre catro atentados entre 1914 e 1915. Xa en 1909 o incipiente movemento agrario puxera en perigo a súa hexemonía no concello, cando nas municipais dese ano resultaran elixidos cinco concelleiros agrarios. Crespo tomou represalias contra Plácido Vidal (líder dos agrarios), declarándoo prófugo, para privalo da posibilidade de exercer o cargo e logrou procesar a catro párrocos que os apoiaban, acusándoos de coacción electoral. A partir dese momento a estratexia para castigar os desafectos céntrase no imposto de consumos, pois Crespo fai un reparto parcial, sen garantías e sen permitir a presenza dos concelleiros da oposición, aumenta as cotas arbitrariamente… Nas eleccións municipais de novembro de 1913, nas que de novo perigaba a súa maioría, consegue a vitoria grazas a detención de candidatos da oposición e á suspensión das eleccións do distrito de Vilatuxe. Con estes precedentes, e ante o novo abuso que supuxo o reparto de consumos de 1914, cando en maio se celebra o xuízo de agravios, unha gran masa preséntase diante da Casa do Concello para reclamar, pero ao ver que se atopaba pechada, diríxense á casa do alcalde en Donramiro, reclamando a súa presenza, e como este non aparece, aporrean as portas e lanzan pedras e paus contra as fiestras. Ante esta situación, o alcalde foxe. O 8 de xullo dese ano lanzan unha bomba contra a súa vivenda. O 8 de xuño do ano seguinte, cando regresaba á casa desde Lalín, dispáranlle un tiro de escopeta, que o alcanzou na cabeza, ocasionándolle varias lesións (os médicos extraéronlle 17 perdigóns), aínda que sen causarlle a morte. O 21 de decembro dese ano Crespo volveu ser vítima doutro atentado: dúas bombas de dinamita estalaron, cun intervalo de dez minutos, na súa casa; a primeira causou o derrubamento de parte do edificio, destruíu as carruaxes da cocheira e arrancou de raíz a porta da entrada, e a segunda bomba fixo que se fundira case todo o tellado, aínda que unha vez máis, nin Crespo nin a súa filla (únicos habitantes da casa) sufriron danos.
Como consecuencia deste último atentado, foron detidos varios dos seus inimigos políticos: o concelleiro Gonzalo López Gutiérrez, os curas de Barcia e Bendoiro, e José Blanco Aguirre, o fillo do tamén concelleiro Arturo Blanco Rodríguez, aínda que foron liberados ás poucas horas ao non poder probárselles ningunha implicación. Por estes feitos serían procesados e xulgados na Audiencia de Pontevedra en abril de 1916 José Blanco Aguerre e José Ferreira, que foron absoltos ao ditarse veredicto de inculpabilidade.

Tamén as organizacións campesiñas do movemento agrario desenvolveron un amplo repertorio de formas de protesta para resistir á (re)presión dos notables que exercían o poder local e para mobilizar os indecisos. Entre estas estratexias estivo o recurso á violencia. Xa en 1906 foron queimadas as palleiras de Francisco Varela, de Siador, e nese mesmo ano as de Manuel Gallego de Muimenta. A Sociedad de agricultores y oficios varios de Golada viña loitando desde a súa fundación pola rexeneración do concello, tratando de derrubar a tiranía do cacique Ulrico Fociños; neste empeño, e como as trabas caciquís son tan indignantes, sobre todo debido ao pucheirazo que os caciques organizan nas eleccións municipais de 1922 (aplicar o artigo 29 cando existían varias candidaturas), recorren ás accións violentas queimando a casa e os alpendres que os Fociños posúen na feira de Agolada, derrubando balados, tallando árbores e organizando un boicot. As eleccións son finalmente anuladas pola Xunta electoral e, ante a presión da agraria, convócanse novos comicios en decembro. Pero o lume volveu aparecer na palleira dos Fociños, en Borraxeiros. Trunfan finalmente os candidatos societarios, que conseguen a maioría no concello e José Diéguez Fernández, o presidente da agraria, é elixido alcalde en abril de 1923. O último episodio violento acontece en Rodeiro xa coa Segunda República proclamada cando, en marzo de 1931, varios membros do recentemente creado Comité Republicano colocan explosivos nos hórreos de dous veciños de Az e na reitoral de Guillar, por seren contrarios á Sociedade de Agricultores de Santa María de Pescoso.

Pero o episodio máis dramático foi o asasinato de Benito Rivas, secretario do Xulgado municipal de Silleda e principal cacique do concello, en xaneiro de 1923. O concello de Silleda viña sufrindo as consecuencias da política caciquil do riestrismo nas mans de Rivas, que culminaron co roubo das eleccións de 1922 cando, a pesar do trunfo dos agrarios por unha abafante maioría, as eleccións foron anuladas e ao repetírense xa amañadas, dánlle o trunfo aos caciques. Os matóns de Rivas actuaban contra todo aquel que se destacara en favor dos agrarios, con malleiras e acoitelamentos. Mesmo a fins de 1921, e para facer desaparecer documentos comprometedores sobre a súa xestión, chegara a simular un roubo na Casa do Concello de Silleda. As continuas denuncias das sociedades agrarias e mesmo da Federación de Sociedades Gallegas de Bos Aires ante o Ministro da Gobernación e Gobernador civil, non producen efecto.

As sociedades agrarias silledenses, apoiadas polos emigrados americanos de Hijos de Silleda, que mesmo chegaron a constituír un Comité Auxiliar de las Asociaciones Agrarias del Municipio de Silleda en Bos Aires, xa levaban amoestando a Rivas e cominándoo a que desistira das súas prácticas caciquís:

“Que Vd. ha sido dentro de ese municipio el primer promotor y ejecutor del atentado personal por cuestiones políticas, y, por consiguiente, el único responsable de las consecuencias de tales hechos. TENGALO Vd. POR SABIDO”

É por isto polo que se chega á dramática decisión da morte: “o resignarse a ser pisoteados y escarnecidos cada día en sus intereses, en sus derechos, en sus personas y en su dignidad por el cacique, o …¡matarlo!”. Desta maneira, o 7 de xaneiro de 1923 Luís Muíños acaba coa vida de Benito Rivas con sete disparos.

Así xustificaban o atentado dende Bos Aires: “el pueblo de Silleda, en uso de su soberanía inalienable fulminó sentencia de muerte contra uno de sus miembros, lo que hizo en forma irregular, ciertamente, pero ante una total subversión de las funciones judiciales por parte de sus funcionarios regulares, completados para mantener la arbitrariedad, la impunidad y la injusticia. Muiños fue la encarnación del sentimiento público que ejecutó, también en forma irregular, aquella sentencia.”

Luís Muíños foi xulgado na Audiencia provincial de Pontevedra polo asasinato de Benito Rivas o 18 e 19 de decembro de 1924 e condenado a cadea perpetua. A Federación de Sociedades Galegas de Bos Aires estableceu unha pensión para Muíños.

Manuel Igrexas
Publicado na revista Kacharela do IES Laxeiro en 2012.
Reproducido en Faro de Vigo (edición Deza-Tabeirós), 1-7-2012.

Viva o labrego redimido! Agrarismo e política no Deza (1918-1923)

Trala paréntese da guerra europea comeza o período de apoxeo organizativo do agrarismo en Galicia. Ás sociedades agrarias existentes na Comarca do Deza desde os anos dez: Lalín, Silleda, A Bandeira, Prado, Bendoiro, Pereiro-Laro, Vilanova-Doade, Botos, encabezadas pola máis potente de todas, a Sociedade de Gresande, únense agora novas agrupacións. En 1920 fúndase o Sindicato Agrícola Católico de Catasós-Moneixas, Agricultores, oficios y profesiones de Agolada e Agricultores de Santa María de Pescoso en Rodeiro, ás que lles seguen ao ano seguinte as de San Salvador de Camba, Asperelo e Río en Rodeiro, Agricultores de Santa María de Dozón, a Sociedad Agrícola de Bermés, Agricultores, oficios y profesiones varias de Balouta (que agrupa aos labregos de Muimenta, Cadrón, Parada e Alperiz) e Agricultores de Santa María de Filgueira, de Lalín. Tamén se institúe neste ano a Agrícola Social Cooperativa de Silleda. A última das que aparecen neste período é a de Agricultores do Castro, en Silleda, xa en 1923. Así, unha grande maioría dos labregos da comarca están organizados.

As reivindicación agrarias pasaban pola mellora nas condicións de venda dos seus produtos, a organización de cooperativas para adquisición de artigos de primeira necesidade, a reclamación sobre o funcionamento das escolas do Estado e a creación de escolas neutras, a esixencia de que os representantes no concello, deputación e congreso fosen xenuínos e elixidos libremente e, naturalmente, a redención dos foros.

O apoio dos emigrados en Cuba e Arxentina será decisivo neste proceso. O 20 de xaneiro 1921 institúese na capital arxentina o Comité auxiliar de las sociedades agrícolas y culturales del partido de Lalín en Buenos Aires co propósito de “defender os intereses e dereitos dos labregos a fin de mellorar a situación precaria que os oprime”. En maio do ano seguinte constitúese na cidade bonaerense o Comité Auxiliar de las Asociaciones Agrarias del Municipio de Silleda. O xornal dos emigrados El Despertar Gallego dirixido polo silledense Antón Alónso Ríos fará, a pesar da distancia, de voceiro deste movemento.

Como culminación, as sociedades deciden coordinarse formando unha Federación. O proceso está cheo de atrancos por parte das autoridades locais, de feito, a reunión convocada para confeccionar o Regulamento foi abortada pola Garda civil e os líderes agrarios tiveron que facela clandestinamente no monte. A Federación de las Sociedades Agrícolas del Partido Judicial de Lalín formalízase finalmente o 11 de decembro de 1921 coas sociedades de Gresande, Vilanova, Prado, Bermés, Anzo, Filgueira, Balouta, Goiás, Botos e as dos concellos de Dozón e Agolada. Elíxese como presidente ao avogado Samuel Goyanes Crespo e vicepresidente a Ramón Fernández Villar, vinculado á sociedade de Gresande, sendo o secretario o presidente dos de Vilanova-Doade, Gonzalo López. Na reunión acordouse convidar ás sociedades de Rodeiro e á de Catasós-Moneixas para que entraran a formar parte da Federación.

Conscientes da súas forzas, os agrarios inician unha fase máis política, de decidida loita cotra o caciquismo, e preséntanse ás eleccións municipais ou apoian a candidatos vinculados ao movemento para deputados a Cortes e provinciais. Xa desde 1920 as sociedades agrarias de Silleda viñan mostrándose activas, apoiando a candidatura de Alfredo Pérez Viondi como deputado polo distrito da Estrada (o concello de Silleda estaba nesa época incluído no distrito estradense) aínda que é finalmente derrotado por Vicente Riestra Calderón, o fillo do Marqués de Riestra nunhas eleccións fortemente protestadas.

A presión política dos agrarios déixase sentir en Lalín nas queixas contra o presuposto municipal de 1921. O concello fai constar que “obedece todo esto a presión ejercida por las Sociedades y Sindicatos existentes en este Ayuntamiento que traen trastornado al país con sus aspiraciones políticas”. Durante ese ano sucédense as concentracións como a celebrada en Vilanova en abril, na que o sindicato católico-agrario logra atraer a todos os labregos da contorna, ou a da parroquia de Siador en xuño con representación da Federación Agraria da Estrada. Ao mes seguinte ten lugar en Dozón unha arenga redencionista organizada pola sociedade agraria.

O asalto ao poder municipal
A proba de lume son as elección municipais de 1922, que teñen lugar o 5 de febreiro. Os agrarios presentan candidaturas en Silleda, Lalín, e Agolada, obtendo un soado triunfo en todas elas, pero aínda así non logran facerse co goberno dos concellos. Os atropelos dos caciques, apoiados polo Marqués de Riestra, conseguen desfacer ou neutralizar a vitoria dos societarios:

A situación do concello silledense, controlado polo secretario Benito Rivas, era tan escandalosa que ante o anuncio dunha inspección do Gobernador civil, chegan a simular un roubo na Casa do concello para facer desaparecer a documentación. Os societarios celebran a principios de febreiro unha asemblea na carballeira de Silleda para dar a coñecer o programa e elixir aos candidatos que se enfrontarán ao caciquismo.
Os agrarios triunfan nos comicios cunha gran maioría de votos, derrotando estrepitosamente ao riestrismo: gañan nos cinco colexios onde se celebran eleccións, pois o caciquismo conseguiu que non abriran aqueles onde a derrota era máis claramente previsíbel. Pero ao facerse o escrutinio dáse o pucheirazo: aparecen actas falsas, mesmo de onde non houbera eleccións. Reclamadas ante a Xunta electoral provincial, esta, controlada polo caciquismo, dáas por validas, co resultado de que a pesar de ter gañado nos comicios, o poder municipal segue en mans de Rivas e os seus secuaces.

Ante tal desvergonza, desátase un enorme movemento de protesta. O 26 de marzo ten lugar un multitudinario mitin, coa presenza de Basilio Alvarez, no que os labregos silledense mostran a súa firme decisión de non aceptar o pucheirazo e reclaman a posesión dos concelleiros agrarios electos. As protestas e as concentracións continúan a pesar de que os caciques utilizan matóns para amedrentar aos líderes societarios: apaleamento de Darío Rodríguez, puñaladas a Ricardo Lázara… pero a Xunta electoral non rectifica. A desesperación leva a medidas extremas: o 7 de xaneiro de 1923 Benito Rivas é asasinado.

En Lalín, aínda que tamén se empregaron todas as artimañas para evitalo (destrución de colexios, enfermidade dos presidentes, demostración da Garda civil para amedrentar aos labregos), gañan nas eleccións os agrarios que se presentan por medio da Federación, sendo o seu presidente, Samuel Goyanes, o candidato a alcalde. O resultado foi que de 11 concelleiros a elixir, 8 foron para os societarios fronte a 3 para os seguidores do cacique Antonio Crespo. Estes 8 sumados aos 4 que tiñan das anteriores eleccións dábanlle a maioría na corporación. Con todo, á hora da votación, cambian de candidato á alcaldía, ofrecéndolle o posto a Cándido Soto. Ante o revés nas súas aspiracións políticas, Goyanes e outro concelleiro agrario pásanse ao bando de Crespo, frustrando así un posible goberno anticaciquil. Samuel Goyanes (por certo, sobriño de Crespo) obtén como recompensa o nomeamento de 1º Tenente Alcalde.

A historia non remata aquí, xa que o candidato oficial a deputado en Cortes, Manuel Saínz de Vicuña, consciente de que sen o apoio do movemento societario ía ser imposible a súa reelección en 1923, pacta cos agrarios a cambio de conseguir o nomeamento de Cándido Soto como alcalde por decreto. Soto toma posesión o 8 de febreiro acompañado das palabras de Ramón Fernández “Al fin hemos llegado al poder” e Saíz de Vicuña é proclamado deputado en aplicación do célebre artigo 29 (é o único candidato) en abril, pero o movemento agrario queda definitivamente tocado.

A Sociedad de agricultores y oficios varios de Golada viña loitando desde a súa fundación pola rexeneración do concello, tratando de derrubar a tiranía do cacique Ulrico Fociños. Neste empeño, e como as trabas caciquís foron tan indignantes, non teñen máis remedio que recorrer a formas de violencia social máis propias doutas épocas: Ante o pucheirazo que os caciques organizan nas eleccións (aplicar o artigo 29 cando existían varias candidaturas), a casa e os alpendres que os Fociños posúen na feira de Agolada aparecen queimadas, derrúbanse balados, tállanse árbores e organízase un boicot. As elección son finalmente anuladas pola Xunta electoral e, ante a presión da agraria, convócanse novos comicios en decembro. O lume volve facer aparición na palleira dos Fociños, en Borraxeiros. Triunfan finalmente os candidatos societarios, que conseguen a maioría no concello e José Diéguez Fernández, o presidente da agraria, é elixido alcalde en abril de 1923. Pero o enfrontamento interno e as presións da trama clientelar coa axuda do clero dificultan o traballo municipal no curto período de poder agrario, posto que en setembro dese ano Primo de Rivera proclama a ditadura e cesa a todas as corporacións locais.

En Rodeiro tamén foron anuladas as municipais de febreiro. Celebrados novos comicios, que tamén foron protestados aínda que nesta ocasión sen consecuencias, resulta alcalde Eugenio Varela Vázquez, sen conseguir os agrarios máis que unha mínima representación ao ser elixido 3º Tenente-Alcalde Emilio González Diéguez, o Presidente da Sociedade de Pescoso.

A crónica de todo este proceso puideron seguila os dezaos a través das páxinas do quincenal Verdad y Justicia, voceiro dos agrarios, fundado en abril de 1922 polos retornados cubanos Jesús Iglesias Surribas e Máximo López, do que por desgraza non se conserva ningún exemplar. Nelas poderíase ler as novas do Congreso Regional Agrario de Tui de xullo de 1922 coas palabras do representante do Deza, o silledense Jesús Filloy, que no mitin de clausura proclamou:

“Houbo un día en que me avergoñei de ser galego, pola falta de enerxía, pola humillación e pola pasividade do pobo galego. Hoxe síntome orgulloso de selo e en voz alta proclamo o puxante rexurdir de Galicia.”

Manuel Igrexas
Publicado na revista Kacharela do IES Laxeiro en 2010.