Un cura galego acudiu ao mitin de Azaña en Comillas en outubro de 1935

A mañá do 20 de outubro de 1935, as rúas madrileñas cheas de xente que se dirixía ao mitin de Manuel Azaña en Comillas foron sorprendidas testemuñas dun sacerdote que se unía á comitiva. Cando os manifestantes se decataron da presenza dunha sotana entre eles comezaron a aplaudir e dar vivas aos curas honrados. Ao remate do mitin, volveron repetirse as ovacións e o sacerdote foi levado en ombreiros por un grupo de xente que non paraba de vitorealo. Algúns preguntábanlle se era Juan García Morales, o célebre articulista de Heraldo de Madrid, coñecido pola súa crítica a posición da xerarquía eclesiástica española cara a República. Respondía a todos que non era máis que un admirador dos homes humildes e honrados, e que por iso viña desde Galicia escoitar a Azaña.
Este cura incondicional de Manuel Azaña era o sacerdote Balbino Taín, párroco de Carballedo, que, cun grupo de veciños da comarca de Chantada, nunha camioneta sen toldo nin asentos, recorreron 950 quilómetros para asistir ao mitin. Moitos galegos estiveron presentes no acto, entre eles outro grupo duns corenta dezaos que fixeron unha viaxe similar, da que nos deixou cumprida crónica o mestre de Soutolongo, Manuel González, nun artigo para Eco de Galicia da Habana que dedicou ao seu conveciño de Lebozán.
O mitin de Comillas formaba parte dunha campaña de Azaña para reivindicar a vixencia da República e a necesidade da coalición entre os partidos afíns a ela, campaña que culminou coa creación do Frente Popular. Ante a expectación creada en todo o estado, celebrouse nunha explanada preto da estrada de Toledo na que se habilitaron unhas gradas para 40.000 cadeiras. As previsións víronse desbordadas, e o acto reuniu unha enorme multitude, calculándose en medio millón de persoas. Ninguén lograra en España un auditorio tan impresionante.

A presenza do sacerdote entre os asistentes ao mitin non pasou desapercibida para a prensa madrileña, e nalgunhas cabeceiras de dereitas chegou a insinuarse que se trataba dun republicano disfrazado con sotana. Ante esas noticias o propio Balbino Taín viuse obrigado a responder e enviou varias cartas a Heraldo de Madrid nas que facía unha pequena crónica da súa presenza no acto e sobre todo unha fervorosa defensa da figura de Manuel Azaña e do seu proxecto político, do que se declaraba absoluto admirador:
“enamorado de las virtudes cívicas y del programa político del Sr. Azaña. (…) aunque soy un ferviente republicano, cumplo atentamente mis obligaciones de sacerdote y espero que mis amores por la libertad, la igualdad, la fraternidad y la justicia sean siempre compatibles con mis sentimientos religiosos. Las esencias republicanas no representan para mi otra cosa que las virtudes de nuestra verdadera religión cristiana, y por eso no puedo olvidar ni separarme de los hombres honrados.”
“(…) para la inmensa mayoría de los españoles el Sr. Azaña es el salvador moral y material, pues solamente él hará cumplir las leyes esenciales de la República.”
Balbino Taín Canda viu a luz en Carrofeito, na parroquia lalinense de Lebozán, o 8 de abril de 1898. Fillo de Benito Taín Pájaro e Manuela Canda. Sendo un dos fillos máis novos dunha familia de casa grande, foi destinado ao sacerdocio, pois dous dos seus tíos, Camilo e José Taín, foron tamén curas. Estudou no Seminario de Lugo, recibindo as ordes maiores en decembro de 1921.
Ao ano seguinte foi nomeado cura ecónomo de Paradela, na comarca de Sarria. Tivo que servir no exército, no Rexemento de Artillería de Montaña, para pasar a ser capelán auxiliar do Rexemento de Zamora de Lugo en 1924. Logo foi vicario in capite da parroquia de San Xoán da Cova de Carballedo, e a principios dos anos trinta trasladouse á parroquia de San Salvador de Ínsua no concello de Taboada. Na República era presbítero de San Cristovo de Castro en Carballedo. Alí, pola súa defensa pública do réxime republicano, algo ben estraño nun sacerdote, era coñecido como “o cura republicano”.
Por un dos seus artigos, sabemos que foi detido por denuncias políticas en agosto de 1934, e internado no cárcere de Chantada. Non puido celebrar a misa do domingo na súa parroquia. Na cadea recibiu a visita dos veciños de Chantada, e do alcalde de Carballedo, Luciano González, que foi quen o levou de volta a súa casa de Castro cando finalmente foi liberado dous días e medio despois.
Contan os veciños de Carballedo unha anécdota do seu espírito conciliador: Cando se estaba celebrando un mitin republicano en Castro, armouse unha pelexa, e Balbino saíu ao balcón e berroulle aos congregados: “Cóutense señores!” conseguindo que se calmasen os ánimos e evitando algunha desgraza.
Co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936, e temendo as represalias dos franquistas pola súa posición política fervorosamente republicana, Balbino foi refuxiarse á casa da súa irmá Adelaida, que casara en Gondoriz Pequeno (Vilatuxe) con José Antonio Medela. En Vilatuxe non tiñan coñecemento das súas ideas republicanas e alí estivo agochado máis de seis meses. Sabía que a súa condición de sacerdote non sería obstáculo para as represalias dos fascistas como lle sucedeu a Andrés Ares, o párroco do Val de Xestoso (Monfero), asasinado por un grupo de falanxistas e gardas civís en Barallobre o 3 de outubro.
Cando viu que calmaran os ánimos dos falanxistas sedentos de sangue, e aproveitando a súa condición de capelán do exército, pediu o reingreso e foi nomeado capelán do sexto batallón do Rexemento Galicia número 19 co grao de alférez. Mantívose como capelán militar até o final da guerra.

Reintegrado a carreira sacerdotal, poucas noticias hai sobre os seus destinos posteriores. Unicamente o nomeamento como cura ecónomo da parroquia de Guilfrei do concello de Becerreá en 1945, cando tiña 47 anos. Permaneceu na parroquia de Guilfrei até os anos sesenta.
Ao xubilarse, volveu a casa familiar de Carrofeito, onde morreu o 4 de maio de 1975. Foi soterrado no cemiterio de Lebozán. O seu grande amigo, Anxo González, o famoso cura do Incio, asistiu ao enterro.
Viva a República e os homes honrados!, como Balbino acostumaba rematar os seus artigos.
Moi interesante
GústameGústame