Víctor Loureiro, o médico republicano de Agolada

Placa no antigo concello de Agolada
Placa dedicada a Víctor Loureiro polos veciños de Agolada.

Un grupo de agoladenses instalou na Casa do Concello en 1934 unha placa de mármore en homenaxe ao médico Víctor Loureiro Crespo que finara en Pontevedra en xaneiro do ano anterior. A placa foi custeada por subscrición popular con achegas que non excedían dunha peseta para que así fosen moitos os veciños que puidesen contribuír. Está adornada cunha fotografía do doutor Loureiro e a inscrición di: “Al ilustre médico pontevedrés D. Víctor Loureiro Crespo, inspector municipal de sanidad del Ayuntamiento de Golada. 1888 -1933. Sus amigos en testimonio de admiración.

Que méritos tiña este médico municipal para que os agoladenses lle dedicaran unha placa?

Víctor Loureiro Crespo naceu en Pontevedra en 1888, fillo de Francisco Loureiro Villaverde e Peregrina Crespo Iglesias. Oito anos antes viñera ao mundo o seu irmán, José Loureiro, que tamén sería médico e que foi concelleiro en Pontevedra e presidente do colexio médico provincial en varias ocasións; unha rúa da cidade leva o seu nome. Víctor estudou no Instituto de Pontevedra con brillantes cualificacións e logo fixo Medicina na Universidade compostelá, rematando a carreira en 1916. Durante os estudos traballou como alumno no Hospital de Pontevedra, e o mesmo ano de finalizar, solicitou unha praza de médico nese hospital, praza que lle foi denegada polo que interpuxo un recurso de alzada contra o acordo do concello. Dous anos despois volveu solicitar a praza de médico da Asociación Protectora del Obrero de Pontevedra.

Conseguiu finalmente a praza de médico interino do concello de Agolada en 1920, para tres anos despois ser nomeado médico titular do concello. Convencido republicano, neses anos contactou co movemento agrarista agoladense impulsado pola Sociedad de Agricultores de Golada, e participou nas campañas que levaron aos agrarios ao concello.

Continuou como médico titular do concello nos primeiros anos da ditadura de Primo de Rivera. Participou no I Congreso Regional de Lucha Antituberculosa que se celebrou na Illa da Toxa en 1925. Nestes anos Víctor Loureiro foise facendo co aprecio dos veciños de Agolada, especialmente dos máis humildes e desfavorecidos, aqueles que tiñan que recorrer á beneficencia municipal. En 1927 intentou conseguir a praza de médico municipal de Lalín, fracasando no empeño pois o escollido foi Cándido Soto Colmeiro. Ese mesmo ano morreu a súa nai Peregrina Crespo na súa casa de Mourente, en Pontevedra.

A finais de xullo de 1929, coa ditadura xa agonizante, foi suspendido como médico e inspector municipal de sanidade de Agolada pola corporación presidida por José Oro Barrio. A desculpa que invocou o concello foi a súa ausencia de varios días (para a que solicitara permiso) e as testemuñas falsas duns poucos veciños que afirmaron que o médico non os atendía. Víctor interpuxo recurso ante o Tribunal Contencioso-Administrativo. A súa suspensión causou unha enorme protesta entre a veciñanza, que se materializou en setembro do ano seguinte, cando unha numerosa comisión de agoladenses de todas as parroquias visitou ao gobernador civil para esixirlle a súa reposición. O 31 de outubro unha enorme manifestación reuniuse diante da Casa do Concello para solicitar a súa reposición. Enviaron telegramas ao presidente do Consello de ministros e ao ministro da gobernación coa esixencia de reposición e solicitando a destitución do alcalde e do secretario “por atropello a voluntad al pueblo”. Parece que esta vez a protesta foi efectiva, pois o gobernador civil ordenou mediante telegrama urxente que se activara o expediente de destitución e se evitaran alteracións da orde pública.

Non cesou a teima dos poderes caciquís contra Víctor Loureiro, pois en febreiro de 1931, a dous meses das eleccións municipais que habían traer a República, a nova corporación, presidida por  Emilio Oro Barrio, que sucedera ao seu irmán José, acordou finalmente a resolución do expediente e a destitución do doutor Loureiro como médico e inspector municipal de sanidade. Naturalmente Víctor volveu recorrer esta destitución ante os tribunais.

Víctor Loureiro
Víctor Loureiro Crespo

A destitución de Víctor Loureiro tiña nesta ocasión unha clara compoñente de loita política, pois o doutor Loureiro foi o impulsor da candidatura republicana encabezada por Primo Castro Vila, que se enfrontou á caciquil impulsada polo alcalde Emilio Oro. Era lóxico o temor dos caciques, xa que a candidatura de Primo Castro resultou finalmente gañadora nas eleccións do 12 de abril, un feito excepcional en toda a comarca de Deza, pois en todos os demais concellos triunfaron candidaturas caciquís, o que obrigou a repetir as eleccións o 31 de xuño.

Vexamos como se desenvolveu o proceso. A finais de novembro de 1930, cando se pensaba que a convocatoria de eleccións a Cortes estaba próxima como un xeito de volver á orde constitucional que a ditadura primorriveirista interrompera, celebrouse en Lalín unha reunión política co obxectivo de presentar a un notable local, Jorge Quiroga García del Hoyo, fillo de Eduardo Quiroga e dono da casa de Quintela, como candidato anticaciquil a deputado polo distrito para enfrontarse ao máis que probable candidato oficialista o ex-deputado Sáinz de Vicuña. A esta reunión asistiron varios notables lalinenses como Salvador Madriñán, Domingo Pablo Palmaz, Benjamín González Fidalgo, Manuel Golmar Cacheda e outros, xunto a eles tamén figuraban algúns presidentes e directivos das sociedades agrarias de Rodeiro e por Agolada estiveron presentes Víctor Loureiro, Anselmo Rúa Feás (que fora presidente da sociedade agraria de Agolada en 1923), Modesto Gómez Vales (que fora secretario e vicepresidente da sociedade) e o mestre de Borraxeiros José Méndez Méndez. A conclusión do conclave foi a posta en marcha da candidatura de Jorge Quiroga e o inicio dunha campaña de propaganda para dala a coñecer aos dezaos. O proceso pasou por varias vicisitudes, como a renuncia de Jorge Quiroga e a súa substitución polo seu cuñado, o xeneral Cavalcanti, a quen xa propuxeran nos anos dez para deputado por Lalín.

Como é sabido, o goberno decidiu finalmente non convocar as eleccións a Cortes e no seu lugar fixou para o mes de abril de 1931 a convocatoria de eleccións municipais. Dende principios de ano Víctor Loureiro púxose a traballar na organización dunha candidatura anticaciquil en Agolada. O concello estaba dividido naquela época e tres distritos a nivel electoral: O primeiro distrito era o de Borraxeiros, o segundo, Berredo e o terceiro Ventosa. A candidatura republicana triunfou no primeiro, obtendo tres dos catro candidatos en disputa, por só un da candidatura oficial. No segundo, polo que se presentaba Emilio Oro Barrio, o a vitoria foi para a súa candidatura que logrou tres concelleiros, por dous da republicana. Finalmente no terceiro distrito triunfou a que encabezaba Primo Castro Vila co resultado de tres republicanos fronte a dous oficialistas. Esta axustada vitoria, oito concelleiros republicanos fronte a seis caciquís, permitiu establecer a primeira corporación republicana electa na comarca. Os membros da candidatura oficial recoñeceron o triunfo dos seus rivais e o seu líder, Emilio Oro, declarou no pleno de constitución da corporación que aínda que se presentaran como monárquicos, aceptaban o réxime republicano.

Esta vitoria republicana tivo repercusións inmediatas na situación laboral do doutor Loureiro. Logo de se constituír a corporación de Agolada polo delegado do gobernador civil José Echeverría Novoa acompañado polo alcalde de Lalín Manuel Ferreiro o 19 de abril, o primeiro pleno extraordinario, que tivo lugar o 30 dese mesmo mes, adoptou por maioría o acordo de reposición de Víctor Loureiro como médico municipal. E con motivo desta reposición, o 10 de maio organizouse na parroquia de Ventosa unha festa para celebralo. Os veciños de Ventosa organizaron a homenaxe e convidaron a varias parroquias a participar. No acto falaron José Vidal, Juan Otero González e Modesto Gómez. O doutor Loureiro agradeceu a homenaxe ofrecéndose coma sempre a todos os veciños do concello. As bandas de Brántega e Ventosa amenizaron a festa posterior.

Víctor seguiu traballando como médico dos veciños de Agolada, e en decembro dese ano foi nomeado pola corporación vocal do consello local de Primeiro Ensino. Amigo de Manuel Ferreiro, foi un dos seus asesores nos primeiros anos da República e a finais de 1931 foi nomeado Inspector de Sanidade do partido xudicial del Lalín.

Víctor Loureiro Crespo Necrolóxica
Necrolóxica de Víctor Loureiro.

Cando estaba pasando as vacacións de Nadal na súa Pontevedra natal, sufriu un ataque e sorprendeuno a morte o 6 de xaneiro de 1933. Foi soterrado no cemiterio de Mourente, acompañando a comitiva o alcalde de Pontevedra Bibiano Ossorio-Tafall, o deputado Joaquín Poza Juncal e o concelleiro Arturo Rey Juncal. Tamén acudiu ao enterro unha comisión da corporación de Agolada á que acompañaron moitos veciños do concello. O Colexio Médico provincial emitiu un comunicado “reconociendo los sacrificios y abnegación de los que como Víctor Loureiro mueren pobres y ponen a prueba, no solo sus grandes conocimientos científicos sino también su carácter bondadoso y caridad inagotable”.

O 19 de xaneiro tiveron lugar na igrexa parroquial de Borraxeiros uns multitudinarios funerais polo seu eterno descanso. Foi nese momento cando os seus amigos, compañeiros e veciños decidiron dedicarlle unha placa que inmortalizara a súa figura e a súa contribución ao concello de Agolada e colocala na casa do concello que el contribuíu a facer republicana.

Antiga Casa do Concello de Agolada en Borraxeiros
Antiga Casa so Concello de Agolada onde se instalou a placa.

En realidade os amigos e admiradores de Víctor Loureiro custearon dúas placas para perpetuar a súa memoria. A segunda placa ía ser instalada tamén en abril de 1934 na rúa Progreso do concello de Pontevedra, a rúa en que naceu o noso protagonista. Ignoro se chegou a realizarse a súa colocación, e se efectivamente tivo lugar, que foi dela.

Poucos meses despois da súa morte, en maio de 1933, unha sentenza do Tribunal Contencioso-Administrativo deulle a razón ao doutor Loureiro e declarou responsábeis dos haberes que debía percibir aos concelleiros que tomaron o acordo da súa destitución.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s