Jesús María Santaló, candidato a deputado polo Deza

Foi alcalde de Carbia, secretario do xulgado de Lalín, candidato a deputado polo Deza e exiliado político durante a guerra.

Na época da ditadura de Primo de Rivera e na II República houbo no Deza unha importante figura que permanece esquecida da historia: Jesús María Santaló. Moitos acontecementos políticos desa época contaron coa súa presenza, e a súa influencia deixouse sentir en case todos os procesos electorais do período republicano.

Tarxeta de convite á homenaxe Lalín 1935
Tarxeta do convite á homenaxe

O evento máis destacado do que foi absoluto protagonista foi o banquete homenaxe para a súa proclamación como candidato a deputado, celebrado en Lalín en 1935. Jesús María Santaló era nesas datas secretario no xulgado da capital do Deza. En xuño formouse unha comisión para promover un acto de homenaxe e proclamación composta polos médicos Carlos Fernández e José Rodríguez, o avogado Manuel López Noguerol, os procuradores Domingo Pablo Palmaz e Ramón Moure, o veterinario Benito Rodríguez, o comerciante Manuel García Diéguez e o perito agrícola Gonzalo Goyanes Sánchez. Fixaron a data do banquete-homenaxe para o mes de xullo. Estaba programado como un acto de adhesión á figura política de Santaló. Xa se falaba da intención de proclamalo candidato a deputado, tal e como se fixo constar nas tarxetas de invitación. Prevíase a chegada de comisións de todos os concellos dezaos dispostas a renderlle adhesión e apoiar a súa candidatura, acompañadas de banda de música.

Finalmente, chegou a data anunciada, o domingo 7 de xullo. Nas entradas da vila colocaron pancartas coa lenda “Lalín saluda a don Jesús María Santaló”. Ás doce do mediodía formouse unha manifestación coas delegacións dos concellos dezaos para presentarlle a súa adhesión ao homenaxeado. Ían acompañadas das bandas de música de Piloño, Silleda, Bendoiro, A Xesta, Ventosa, as dúas de Merza e os gaiteiros Os Dezas. José María foinas recibindo no Hotel do Ferrador. Ao remate, algunhas das bandas deron concertos na rúa principal.

Menú e programa da homenaxe Lalín 1935
Menú e programa do banquete-homenaxe

Cara as dúas da tarde os participantes marcharon á feira do Vento onde se celebrou o banquete. As crónicas falan da asistencia de máis de 600 comensais. O opíparo menú foi servido pola Casa Navaza. Rematado o xantar, que foi amenizado polas bandas, comezaron os discursos. Tomou a palabra Manuel López Noguerol como membro da comisión organizadora para ofrecer a homenaxe e anunciar oficialmente a súa proclamación como candidato a deputado polo distrito. Falaron despois para adherirse Pablo del Río Rúa, o párroco de Ínsua e Duxame, en representación do concello de Carbia; José Villares Lamela, avogado e ex-xuíz municipal de Silleda; Manuel Peleteiro Pazos, farmacéutico de Agolada; José Nóvoa Rodríguez, avogado e xuíz municipal de Dozón e Francisco Vence Campos, avogado e xuíz municipal de Rodeiro. Interviron a continuación os deputados Víctor Lis Quibén e Isidoro Millán Mariño e o exdeputado Alejando Mon Landa. Rematou a quenda de intervencións o homenaxeado, que logo de agradecer aos seus amigos o acto, proclamou:

Yo no pertenezco a partido político alguno y tampoco podría pertenecer en razón de mi cargo. Soy y seré independiente y con este carácter me presentaré en las próximas elecciones, por si la bondad de mis amigos quieren llevarme al Parlamento. Para mí no hay amigos ni enemigos, ni blancos ni negros ni partidarios de una u otra agrupación; para mí sólo hay un amor que es el distrito de Lalín y unos amigos que son todos los vecinos de su territorio, a quienes prometo servir y atender en todo momento.

O discurso de Santaló recorda vellas formas do caciquismo da Restauración, cando se elixía un único deputado polo distrito de Lalín e non o tal e como acontecía nas eleccións da República, que elixían deputados pola circunscrición provincial por maiorías ou minorías, sempre encadrados nunha candidatura de partidos políticos ou coalicións electorais. De feito, algúns cronistas denuncian esta homenaxe como un acto do non nato Partido Agrario Gallego, sucursal do Partido Agrario Español de Martínez de Velasco, que estaba organizando Alejandro Mon, e que xa vivira na primavera dese ano a constitución dos comités locais das cidades de Pontevedra e Vigo, baixo a dirección de Prudencio Landín e Isidoro Buceta. O Partido Agrario Gallego non chegou a desenvolverse e os seus promotores acabaron integrados na candidatura de centro de Portela Valladares xunto cos restos do Partido Radical para as eleccións de febreiro de 1936.

Por certo, rematado o banquete, como era costume, celebrouse na Feira do Vento unha animada romaría.

Quen é este Santaló ao que se pretendía proclamar deputado polo Deza?

Jesús María Santaló Ponte naceu no pazo da Torre de Merza o 8 de maio de 1895. Era fillo do avogado Ramón Santaló Villar, xuíz municipal de Carbia, escribán do xulgado de Ribadeo e entre 1901 e 1924, secretario do xulgado de Lalín. Ramón Santaló foi tamén un asiduo colaborador na prensa, tanto local (pertenceu á redacción do periódico La Defensa de Lalín) como de ámbito galego (exerceu a correspondencia dos xornais composteláns Diario de Galicia en Lalín e El Correo de Galicia en Carbia). Logo do seu paso por Lalín trasladouse a Pravia (Asturias), traballou algún tempo en Ribadavia e acabou a súa carreira no xulgado de Betanzos, xa durante o período republicano. Foi nomeado polo Goberno Cabaleiro da Orde de Isabel a Católica en 1920.

Jesús Mª Santalo 1935
Jesús Mª Santalo en 1935

Jesús María estudou o bacharelato en Lugo e despois licenciouse en dereito na universidade compostelá. Antes de rematar a carreira casou en Cee con María Cereijo Gayoso, irmá do que xa era o seu cuñado Juan Cereijo. Durante a época de estudante escribiu algunhas crónicas desde Merza para o xornal El Correo de Galicia, do que era correspondente o seu pai. Unha vez licenciado fixo as oposicións a secretario xudicial, que aprobou en 1919. Pouco tempo despois converteuse en administrador do balneario de Cruces.

O seu primeiro destino como funcionario xudicial foi o xulgado de Fuentesaúco (na provincia de Zamora), porén en 1922 xa se trasladou a Ponteceso. Logo da proclamación da ditadura de Primo de Rivera, e grazas á influencia do que fora deputado provincial do distrito, Alfredo Espinosa, foi nomeado alcalde de Carbia o 20 de marzo de 1924. Como alcalde, recibe as loubanzas do correspondente en Carbia do periódico agrarista Verdad y Justicia, destacando que é o primeiro alcalde non monterista. Permaneceu pouco tempo no cargo, pois o 1 de novembro dimitiu ao ser nomeado xuíz municipal do mesmo concello, un cargo moito máis apetecible e desde o que podía exercer unha maior influencia política e social. Ao mesmo tempo, o concello de Carbia, presidido por Andrés Lareu, acordou nomealo fillo predilecto. O 11 de xaneiro do ano seguinte recibiu con este motivo unha homenaxe en forma de banquete popular conxuntamente co delegado gobernativo da ditadura no partido de Lalín, Dámaso Iturrioz. No acto entregáronlle unha placa conmemorativa confeccionada por un prateiro de Compostela.

Presidencia da homenaxe a Santalo en Vila de Cruces, 1930
Presidencia da homenaxe a Santalo en Vila de Cruces, 1930

Colaborador da ditadura, era xa coñecido e cualificado como cacique polos seus inimigos políticos polos seus amaños na administración municipal e xudicial. Ao se constituír en Carbia a Unión Patriótica, o partido único creado por Primo de Rivera, foi nomeado presidente. En 1928, cando a ditadura primorriverista agonizaba, abriu bufete de avogado en Lalín. Foi nomeado concelleiro polo continxente de maiores contribuíntes en febreiro de 1930, e como presentación da súa futura carreira política os seus partidarios organizaron unha homenaxe popular no seu concello o 16 de marzo. En xuño foi nomeado outra vez xuíz municipal de Carbia.

Homenaxe a Jesús Mª Santaló en Vila de Cruces, 1930
Homenaxe a Jesús Mª Santaló en Vila de Cruces, 1930

Nas eleccións municipais do 12 de abril de 1931 que trouxeron a República montou unha candidatura formada cos antigos membros da Unión Patriótica, que se enfrontou á do vello cacique de Carbia Cándido Soto, cualificada como “demócrata” aínda que representaba ao vello Partido Liberal da Restauración. El mesmo presentouse como candidato a concelleiro polo terceiro distrito (que incluía as seccións de Bascuas e Merza). A loita foi brutal, chegando a haber varios mortos e feridos na mesa de Piloño. Santaló foi elixido concelleiro, aínda que coa anulación das eleccións non chegou a tomar posesión. Unha comisión xestora fíxose cargo do goberno do concello até a convocatoria de novas eleccións o 31 de maio. Nestas xa non figuraba Santaló como candidato, porén unha boa parte dos triunfantes como Rafael Salgado, David Sesto e outros eran os membros da anterior candidatura upetista, que agora se presenta como republicana. Foi a candidatura que gañou as eleccións, o seu triunfo foi debedor do control de Santaló sobre os procesos electorais, e deste xeito conseguiu manter a súa influencia no concello.

Despois da proclamación da República continuou como avogado en Lalín, con todo seguiu exercendo o control das eleccións en Carbia. Houbo protestas pola adulteración das eleccións constituíntes de xuño de 1931 e sobre todo nas de novembro de 1933, con actas dobres que foron obxecto de protestas no escrutinio. O principal beneficiario destas manipulacións foi o Partido Radical, e a partir do seu triunfo Santaló xa se posicionou politicamente cos radicais.

Asistentes ao homenxe en Silleda 1934
Asistentes ao homenaxe en Silleda, 1934

En abril de 1934 conseguiu o nomeamento de secretario do xulgado de Primeira Instancia e Instrución de Lalín, logo do falecemento do anterior, Nicasio Blanco Rodríguez. A partir dese momento relanzou a súa carreira política coa pretensión de ser elixido deputado. Iniciou unha campaña de homenaxes por todos os concellos da comarca que comezou en maio na súa parroquia de Merza. A finais dese mesmo mes recibiu outra homenaxe en Silleda. A revolución de Asturias paralizou esta campaña promocional.

Retomou a operación no verán de 1935 xa con maior repercusión, cando se celebrou o banquete-homenaxe-proclamación do que falei ao principio. Continuou a campaña en agosto en Agolada, onde uns sesenta amigos se reuniron nunha carballeira para facerlle unha homenaxe ao candidato. A finais dese mesmo mes volvéronlle ofrecer outra homenaxe en Silleda.

Grupo de asistentes á homenaxe Lalín 1935
Grupo de asistentes ao banquete-homenaxe de Lalín, 1935

Caeu o goberno radical-cedista polo escándalo do estrapelo. Manuel Portela Valladares converteuse en presidente do goberno e convocou eleccións para febreiro de 1936. Formáronse dúas grandes coalicións electorais, o Frente Popular e a CEDA. Santaló integrouse nunha terceira, a candidatura de centro promovida por Portela Valladares, xunto con antigos deputados radicais como Ramón Salgado ou José López Varela. Participou activamente na campaña electoral na que a prensa cualificaba de candidatura gobernamental, recibindo e reuníndose con comisións de veciños en Lalín e Silleda, falando no mitin da capital dezá con Ramón Salgado a finais de xaneiro, visitando aos delegados do Goberno en Pontevedra para solicitar obras que remediasen o problema do paro na comarca, moi elevado pola paralización das obras do ferrocarril, ou visitando ao alcalde portelista Domingo Pablo Palmaz para anunciarlle a exención da aportación do concello para o futuro edificio da escola graduada de Lalín.

Finalmente Santaló foi o número cinco na candidatura que encabezaba Manuel Portela Valladares, seguido de Alejandro Mon Landa, José López Varela e Ramón Salgado Pérez, e na que aparece no número sete Valentín Paz Andrade. Triunfou a Fronte Popular, só foi elixido Portela Valladres polas minorías e o noso persoeiro non conseguiu o ansiado posto de deputado a pesar de obter no distrito de Lalín a maior porcentaxe de votación: 23.219 votos. Repetíronse as protestas nestas eleccións pola manipulación das actas de Carbia e Lalín. O procedemento que utilizaba era a simulación: no intre posterior ás eleccións, ou ás veces incluso antes, amañábanse as actas para cambiar o sentido do voto. En palabras do deputado Guerra del Río ao referirse aos datos de Lalín na sesión das Cortes que analizaba as actas, “en Galicia no actúan los matones, actúan los prestidigitadores”. Nos meses seguintes apareceron na prensa duras censuras pola súa actuación como electoreiro e amañador de eleccións no distrito. Os periódicos A Nosa Terra e El País publicaron críticas e solicitaban un expediente de depuración como secretario do xulgado afirmando que “bateu o record de pucheirazos” xunto co xuíz Pío Somoza.

Denuncia a Santaló en A Nosa Terra 1936
Denuncia a Santaló en A Nosa Terra 1936

Nunca chegou a ser sancionado, pois poucos meses despois produciuse o golpe de Estado do 18 de xullo de 1936. Santaló desfrutaba neses momentos dunha licenza que solicitara dous días antes. Polo que puiden averiguar a partir das fontes orais, estaba en Madrid cando aconteceu o levantamento militar. Ao ser consciente da situación, e dadas as súas implicacións políticas, buscou asilo na embaixada francesa, aínda que polo excesivo número de solicitantes foi rexeitado nun primeiro momento. Conseguiu finalmente ser acollido logo de simular un accidente automobilístico. Na embaixada non podían manter tantos refuxiados e enviaron un bo grupo, entre os que estaba Santaló, para Valencia. Desde o porto de Valencia logrou embarcar a Francia. Estivo varios anos no país galo como refuxiado político sen que teñamos constancia de cales foron as súas actividades durante ese tempo. Si sabemos que mantivo correspondencia coa súa muller desde Valencia e Francia coa precaución de dirixir as cartas a un veciño para evitar a censura.

Mentes tanto, as autoridades franquistas actuaron na súa contra. No pazo familiar da Torre en Merza eran habituais as visitas da Garda civil tratando de descubrir o seu paradoiro. A Comisión provincial de Incautación de Bens decretou a apertura de expediente de responsabilidade en xuño de 1938. Tamén se lle abriu outro expediente por responsabilidades políticas. No arquivo do concello de Lalín constan as peticións de informes sobre a súa conduta profesional e actividades políticas e tamén as solicitudes de sinalamento de testemuñas para depoñer no seu xuízo. Curiosamente, non teño constancia de ningún procesamento de Jesús María, nin tampouco aparecen as resolucións dos expedientes de incautación de bens ou de responsabilidades políticas. Posiblemente a intervención e as xestións do seu irmán Carlos Santaló, maxistrado afín aos sublevados, conseguiron evitarlle as sancións que lle agardaban. Porén sabemos que a súa muller tivo que vender moitas propiedades nesa época, algunhas ao seu cuñado Carlos Santaló, quizais para deixalas fora do expediente de incautación.

A principios dos anos corenta optou por retornar á España franquista, unha vez seguro de que non habería represalias ou sancións contra el, pois parece que as influencias do seu irmán e outras amizades lograron minimizalas. Veu por mar dende Francia e desembarcou no porto de Ribadeo, a vila na que o seu irmán Carlos estaba destinado como xuíz de Instrución. Unha historia familiar afirma que o seu veciño Cornado foi buscalo a Ribadeo e levouno a Lugo disfrazado de cura. Ata alí foi a súa muller coa consigna de que vería tres curas xuntos e el sería o do medio.

Pazo da Torre, Merza
Pazo da Torre, Merza

Xa instalado en Merza, no pazo da Torre, dedicouse ao contrabando de wolfram. Parece que gardaba o mineral na Torre, pois alí os gardas non se atrevían a inspeccionar. Prestoulle axuda a moitos presos políticos traballadores forzosos das minas de Fontao como testemuña un cadro coa bandeira republicana regalo dos penados que estivo moitos anos colgado no pazo.

Jesús María Santaló avogado Lalín 1950
Anuncio na prensa 1950

Rehabilitado como secretario xudicial, desempeñou o cargo no xulgado de Sahagún en 1947, aínda que só por uns meses. Volveu abrir o despacho de avogado en Lalín a principios dos anos cincuenta e foi novamente nomeado xuíz municipal de Carbia a mediados desa década. Finalmente, en 1957, conseguiu o posto de secretario do xulgado de Baltanás na provincia de Palencia, pasou despois polo de Villacarriedo (Cantabria), para finalmente ser secretario do xulgado de Padrón en 1958. Neste posto rematou a súa vida profesional nos anos setenta.

Jesús María Santaló Ponte morreu en Merza o 12 de outubro de 1982, tres anos despois do falecemento da súa muller.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s