Enrique Vidal Abascal, presidente do Partido Galeguista de Lalín

Vidal Abascal por Maside 1934
Retrato de Vidal Abascal por Maside, 1934.

É de todos coñecida a figura de Vidal Abascal como matemático e astrónomo e mesmo como pintor. Porén, a pesar de el mesmo mencionalo nalgunha ocasión, é practicamente descoñecida a súa implicación política nos anos da República. Enrique Vidal Abascal foi membro do Grupo Lalín do Partido Galeguista, e chegou a presidir o Grupo Galeguista de Lalín entre 1935 e 1936.

Fillo de Enrique Vidal Bobo e neto de Juan Vidal Lores, un dos dirixentes do Partido Demócrata-Progresista en 1880, que rematou como presidente do Centro Maurista de Lalín en 1917, o ano da súa morte. O seu pai, Enrique Vidal Bobo, era funcionario do Estado e foi delegado de Facenda en Oviedo, onde naceu Enrique Vidal Abascal o 12 de outubro de 1908. Polos traslados do pai viviu en Ourense (a partir dos dous anos), A Coruña, e finalmente Santiago de Compostela.

Estudou o bacharelato nos institutos da Coruña e Santiago de Compostela. Marchou á Universidade Complutense de Madrid para estudar Ciencias Exactas, que rematou en 1931. A pesar diso, Enrique pasaba coa súa familia as vacacións de verán na casa familiar de Lalín, onde entrou en contacto con Ramón María Aller Ulloa, amigo do seu pai. E tamén con outros mozos lalinenses con inquedanzas galeguistas.

Aínda que obtivo o posto de profesor auxiliar de Xeometría Analítica na Complutense, en abril de 1933 gañou a cátedra de Matemáticas do Instituto de Santa Cruz da Palma. Pouco había durar a súa estadía nas Canarias, pois a principios do curso 1933-34 foi nomeado director do Instituto de Monforte, que acababa de ser creado.

É a finais dese ano de 1934 cando Enrique Vidal ingresa no Grupo Lalín do Partido Galeguista, concretamente o 27 de setembro figura a súa inscrición no Libro Rexistro de Socios do PG.

Logo dunha intensa campaña realizada na comarca en 1932 por Alonso Ríos, Suárez Picallo e Castelao, constituíuse finalmente o Grupo de Lalín do Partido Galeguista en xaneiro de 1934 con Manuel Noguerol, José María Calviño, Jaime Arias, Xesús Iglesias Surribas, Siro García Guitián, Fernando Goyanes, Plácido Goyanes, Angel García Guitián, Luís Pérez, Luís Villaverde, Salvador García, Celso Carrón, Pío Aller e Xosé Otero Abeledo (Laxeiro).

En setembro dese ano incorpóranse ao PG Xesús Golmar, Xesús Fernández Corredoira, Xesús Froiz e Enrique Vidal Abascal.

Nese ano creouse tamén o Grupo Galeguista de Botos, baixo o liderado de Manuel González Rodríguez, o mestre de Soutolongo, e con Francisco Pichel como un dos membros mais activos. En febreiro de 1935 creouse un grupo en Moneixas e en xullo outro en Santiso.

Enrique Vidal foi elixido vogal da directiva do Grupo Lalín do Partido Galeguista na xuntanza de marzo de 1935 xunto con Fernando Calviño Ozores e Fernando Goyanes Goyanes. A directiva estaba presidida por Xesús Golmar, figurando Xesús Fernández Corredoira como vicepresidente, Ángel García Guitián como secretario, Amancio Iglesias Trabazo como vicesecretario, Rafael Teijeiro Caíñas como tesoureiro e Xosé Otero Abeledo (Laxeiro) como bibliotecario.

Nese ano de 1935 Enrique Vidal foi pensionado polo Ministerio para estudar a reforma do ensino das matemáticas en Suíza, desde onde enviou un artigo a El Pueblo Gallego co título “Como se enseña a leer y escribir”. Ao remate da bolsa no país helvético, e unha vez retornado a Lalín, foi nomeado presidente do PG de Lalín, segundo nos fai saber Manuel González nunha das súas crónicas en A Nosa Terra. A principios dese curso de 1935/36, Vidal Abascal pasou a ser catedrático de Matemáticas do Instituto da Estrada, porén, segundo as novas da prensa, continuou presidindo o Grupo Galeguista de Lalín ata que este se disolve logo do golpe de Estado do 18 de xullo de 1936.

Enrique Vidal Abascal
Enrique Vidal Abascal, autorretrato.

Un mes antes da sublevación fascista, Enrique Vidal escribiu en Lalín un artigo para El Pueblo Gallego, “Lalín patria de matemáticos”, unha homenaxe a Xosé Rodríguez González e Ramón María Aller Ulloa, no que dicía:

Lalín, punto singular en la esfera del mundo, retiene la emoción de la Edad Media unida a la fecundidad del siglo diecinueve; rompe el cielo de Galicia para mirar a través de él y hacer un continuo del pensamiento medieval. Eremita que dialoga con Dios, pero en que el movimiento y el poderoso talento creador sustituye a la contemplación; a la catedral gótica la sustituyen pilares de cálculos; a la emoción del conocimiento; a las lámparas refulgentes el resplandor de la cercanía de la verdad; motor renacentista engastado en amor de filosofía.

Advertisements