
“Militante da UGT, zurdo, gran tirador e mecánico extraordinario; facía enxertos; leváballe flores aos enfermos; gran debuxante”. Así nos describiron por primeira vez ao comunista de Bermés.
O periplo vital de José Fondevila iniciase o 22 de xuño de 1884, na parroquia de Bermés, no Concello de Lalín. Era fillo de Vicente Fondevila e Cesarina García. Nace nunha familia labrega e como moitos mozos galegos de principios de século, aos 17 anos inicia o camiño da emigración.
Parece que o seu primeiro destino é Buenos Aires, aínda que existe certa confusión nos inicios do que será un longo periplo migratorio (parece que en decembro de 1915 está en París). Sabemos tamén da súa estadía en Brasil, onde traballa como recolledor de caucho. Temos confirmada a súa presenza en Buenos Aires entre 1919 e 1920, e tamén a súa actividade sindical na Arxentina deses anos. A finais de 1920 marcha a Nova York, logo de pasar por Chile e Perú. En xuño de 1921 está en México, traballando como mecánico no Departamento de Mariña da Free Port Oil Corporatión, en Tampico. Compañía coa que mantén un longo conflito laboral por despedimento improcedente, logo dun accidente de traballo. Pola documentación que conservaba deste preito, sabemos das súas relacións co sindicalismo mexicano: era membro da Unión de los Trabajadores Marinos del Puerto de Tampico, e participa nas actividades da anarcosindicalista Confederación General del Trabajo de México. Fondevila gaña o xuízo dous anos despois.
En 1928 volvémolo atopar en Nova York, onde permanece ata 1931, logrando establecerse cun taller de reparacións mecánicas en Madison Street. Alí entra en contacto coa emigración española integrándose na Alianza Republicana de Nova York. Ao ter coñecemento da proclamación da República en España, decide regresar a Galicia a finais de abril de 1931. Cando a mediados de maio dese ano, Fondevila chega a Galicia e instalase en Bermés, é un experto mecánico de 47 anos, cunha certa formación e experiencia política, coñecedor das ideas socialistas e anarquistas, sendo ademais un curtido loitador sindical.
OS ANOS DA REPÚBLICA
A situación socioeconómica da Comarca de Deza sufrira unha grande transformación motivada fundamentalmente pola obras de construción do ferrocarril Zamora-A Coruña. Como relata Dionisio Pereira, a liña ferroviaria fora aprobada no “Plan de Ferrocarriles” de 1926, a iniciativa do Ministro de Facenda da Ditadura, José Calvo Sotelo. Estaba divida en catro tramos, o terceiro (Ourense-Santiago) atravesa os Concellos de Lalín e Silleda. As obras, que contaban cun orzamento de 353 millóns e ocuparon a máis de 15.000 obreiros nas épocas de maior actividade, comezaron en 1929. As dificultades para rematar o proxecto principiaron coa República: o novo titular de Facenda, o socialista Indalecio Prieto, sostiña que era unha “obra de prestixio” do vello réxime, de pouca rendibilidade. Isto, unido á crise económica, que propiciou unha política de contención do gasto público e equilibrio orzamentario, fixeron que o ferrocarril non fose prioritario para os sucesivos gobernos republicanos. Así, entre 1932 e 1935, as dificultades orzamentarias paralizaron os traballos e os contratistas aproveitaron o atraso nos pagamentos para endurece-las xa de por si cativas condicións laborais, orixinando acesas protestas entre o persoal. Como consecuencia, os traballos aínda estaban pola metade cando estoupa a Guerra civil, sendo o tramo 3º o máis atrasado.
A construción do ferrocarril trouxo á Comarca traballadores de variada procedencia: labregos, cuadrillas portuguesas, os canteiros de Pontevedra, os capataces e os mineiros andaluces, afeitos ás tarefas subterráneas, traballadores doutras zonas. E cos traballadores aparece o movemento obreiro. Ao longo do trazado da vía xorden sociedades obreiras, a maioría de carácter parroquial, que exercerán nos anos da República un protagonismo social e político notable, e en constante progresión, constituíndo un dos axentes máis dinámicos e o principal movemento de masas na Comarca.
Ao seu retorno, Fondevila ponse en contacto con este incipiente movemento, que xa tiña na súa dirección a outros retornados americanos. O papel dos “americanos” na organización dos sindicatos xa ten sido destacado por Núñez Seixas ao afirmar que “contribuíron á introducción de formas de sindicalismo obreiro organizado nalgunhas rexións concretas de Galicia, mentres noutras, probablemente a maioría, foron cruciais no proceso de fortalecemento e consolidación das organizacións obreiras xa existentes”. Tamén Dionisio Pereira sinala o influxo dos retornados nos sindicatos das vilas.
O primeiro sindicato que se organiza na Comarca, e o que terá maior incidencia, a Sociedad de Obreros de PonteNova Donsión, ten como líder a Manuel Neira Rodríguez, un retornado cubano, e outros dos seus dirixentes, como José Donsión ou José Blanco, son tamén “americanos”. O mesmo ocorre co sindicato mais representativo de Silleda: a Unión Obrera de Ponte, que ten como secretario a Arturo Pérez Lázara, que procedía da Arxentina.
O papel de Fondevila vai ser decisivo no desenvolvemento da Sociedade de Donsión, na que se integra ao pouco da súa chegada. Esta constituírase en marzo de 1931, e a primeira directiva elixida o 21 de abril, presídea Manuel Neira. Os outros cargos, José Crespo o vicepresidente, Luís Frade, vicesecretario, Ramiro Granja, tesoureiro e José Montouto, vicetesoureiro, terán tamén un destacado papel nas loitas sindicais e políticas ao longo do período republicano e serán asasinados despois do 18 de xullo. O sindicato contaba neses momentos con 180 afiliados e aos poucos meses ingresa na UGT.
En decembro de 1931 morre o presidente e fundador Manuel Neira, e Fondevila faise cargo da presidencia. Non temos mais noticias do funcionamento interno da Sociedade ata 1936, en que a parece coa denominación de Fraternidad e con Ramiro Granja como presidente.
Pero ademais deste, xorden, como xa comentamos, outros sindicatos en todas as parroquias polas que atravesa a liña férrea: Sociedad Obrera de Villanueva, constituída en agosto 1931, Los Carrilanos de Pontenoufe (A Xesta), La Democracia de Sante (A Xesta), Sociedad de Obreros de La Gesta, La Equidad de Botos, La Unión de Botos, Sociedad Obrera de Bendoiro e Sociedad Obrera de la Edificación de Prado, no Concello de Lalín. En Silleda, ademais da xa mencionada Unión Obrera de Ponte constituída en agosto de 1931, temos a Sociedad de Obreros de Oficios varios de la edificación de Silleda que se funda en setembro do mesmo ano, e a Sociedad de Trabajadores de Bandeira y sus contornos. Para completar a lista das organizacións obreiras, temos que facer mención ao Sindicato de Obreros de las Minas de Estaño de Silleda, que se organiza en 1935, coa reapertura das minas de Fontao en Vila de Cruces; e finalmente o Centro Obrero Casa del Pueblo de Lalín, que logrará construír o seu local cara 1935.
Xa a finais de 1931, estas sociedades, xunto con algunhas agrarias que avivecen coa chegada da República, agrúpanse na Federación de Sociedades Obreras y de Agricultores del Partido de Lalín. O propio Fondevila será un dos seus dirixentes.
Fagamos agora un repaso polos conflitos sociais destes primeiros anos da República: Como sinala Dionisio Pereira, “os primeiros conflictos eran fundamentalmente defensivos, centrábanse no recoñecemento sindical, na defensa dos postos de traballo e na esixencia de aplicación da normativa laboral. A consolidación dos sindicatos viña despois de amosar a súa forza diante da oposición empresarial”.
Ao mes de proclamarse a República, a mediados de maio de 1931, iniciase unha folga xeral no tramo do ferrocarril da Comarca, para demandar o cumprimento da xornada de 8 horas (declarada oficialmente polo goberno, pero que non se cumpría) e un aumento de salario (o xornal era de 4 a 4,30 pesetas). Máis de mil obreiros secundan o paro. Os piquetes percorren as obras para impedir a volta ao traballo. Celebrase un mitin en Prado no que os dirixentes obreiros ameazan co uso da forza se non se atenden as súas demandas. O conflito intensifícase ata o punto que o mesmo Gobernador civil Varela Radio ten que desprazarse a Lalín o 19 de maio, para mediar nas negociacións. Alí reúnese cos representantes da empresa e delegados obreiros, sen ningún resultado. As negociacións continúan, e finalmente, trala última rolda que se celebra no mesmo despacho do Gobernador, o 25 de maio, chégase a un principio de acordo: A empresa accede ás oito horas de traballo e a un aumento de 0,50 céntimos no xornal.
Aínda así, as Sociedades obreiras, encabezadas pola de Donsión fan pública a súa protesta porque a Compañía Gamboa e Domingo, concesionaria das obras, non cumpre os acordos, xa que aínda se reduce a xornada a oito horas, non hai aumento de salario. Solicitan a intervención das autoridades, do Ministro de Traballo e do representante galego no goberno provisional da República, Casares Quiroga.
Como as peticións non son atendidas, o 7 de xuño estala outra protesta con 400 obreiros que marchan en manifestación pacífica cara a Silleda, encabezados polo presidente da Sociedade de Donsión, Manuel Neira. Alí entrevístanse co Alcalde para darlle conta das súas reivindicacións e logo disólvense pacificamente.
A mediados de xuño xurde un novo conflito, ao negarse os contratistas a desembolsar máis diñeiro mentres o Goberno non conceda os créditos para a obra. O día 18, ante os rumores de paralización das obras, as protestas e manifestacións esténdense por toda Galicia. O día 26 celebrase en Ourense unha asemblea popular, que remata co asalto ao Goberno Civil dende o que se pide ao Goberno a declaración terminante de continuidade das obras consignando o orzamento necesario; ameazase coa folga xeral en Galicia, a abstención na loita electoral, dimisión de cargos públicos, etc. Á asemblea acoden nutridas comisións das sociedades obreiras e Centros Republicanos de Silleda e Lalín, esta última encabezada polo mesmo alcalde Manuel Ferreiro. A protesta ten tamén eco en Compostela, onde se declara o paro o 27 pola mañá. Non obstante ese mesmo día, cun telegrama de Casares Quiroga prometendo unha solución favorable, dáse por finalizada a protesta.
A actividade sindical é complicada nestes primeiros momentos da República, a patronal tentou abortar no seu albor o fenómeno sindicalista. Aproveitando a ignorancia e o individualismo da abundante man de obra barata, fixeron uso dos seus estreitos vencellos coa rede caciquil para atrancar o desenvolvemento do movemento societario. Moitas veces usando á propia Garda civil para tentar facerlle a vida imposible ás nacentes sociedades obreiras, como cando deteñen e encarceran a un dirixente obreiro na Abeleda polo simple feito de expender os recibos da Sociedade, ou a detención pola Garda civil de 8 persoas en Botos en xullo de 1931, entre elas o concelleiro José Rodríguez, como consecuencia das protestas polos incumprimentos da empresa, decisión que será protestada formalmente pola Corporación Municipal. O mesmo Fondevila asina unha denuncia ao Comandante da Garda civil, polo atropelo de varios números destinados nas obras que intentan obrigar a volver ao traballo aos obreiros de Ponte Taboada con ameazas do uso das armas, logo de terse declarado legalmente a folga.
A persecución diríxese contra os líderes sindicais, e como consecuencia das folgas que se organizan en xuño, Fondevila é denunciado pola Garda civil por tenencia de armas. Pero o movemento obreiro conta tamén con algún apoio na corporación de Lalín co alcalde Manuel Ferreiro á fronte, que agradeceu na súa toma de posesión o apoio das sociedades obreiras aos republicanos nas eleccións municipais de maio. Así, o Concello négase a cooperar nas dilixencias que lle instrúe a Fondevila o Xulgado Municipal.
Xa mencionamos o seu papel como dirixente da Federación de Sociedades Obreras y Agricultores del Partido de Lalín. Pero a súa actividade sindical é constante nestes anos: O 9 de decembro organiza a protesta das sociedades obreiras de Donsión e Botos contra a compañía de ferrocarril, ao negarse o contratista a cumprir as bases de traballo fixadas polo Comité Paritario InterProvincial de Construcción de Ferrocarriles, creado polo Ministerio de Traballo de Largo Caballero, que entraran en vigor a mediados de setembro. Na mobilización participa a Sociedade de Bendoiro, que percorre as obras levando á folga a todos os obreiros. Como remate da xornada, celébrase un mitin na Praza de Lalín no que interveñen Fondevila e Celso Carrón. Iniciase unha folga de 800 obreiros á que porá fin a intervención dunha comisión do Comité Paritario.
Xa en marzo de 1932 e ante o insistente rumor dunha nova paralización das obras, declarase a folga. En Lalín celebrase unha asemblea aberta a todos os cidadáns o día 21, na que se acorda iniciar un paro xeral. Formase un amplo comité de folga con representantes das sociedades obreiras e asociacións profesionais, no que participan comerciantes, industriais, avogados, médicos, etc. O que manifesta o carácter interclasista desta protesta, xa que afecta non só ao movemento obreiro senón tamén ás mesmas autoridades republicanas locais ou á cativa burguesía vilega, interesada na construción do ferrocarril como unha fonte de progreso económico. O Comité de folga elixe unha Comisión executiva (presidida polo avogado Laureano García, na que non hai ningún representante obreiro) e trasladase a Ourense, Santiago e Pontevedra para coordinar as protestas cos comités Pro-Ferrocarril desas cidades. O paro en Lalín é total, concéntranse forzas da Garda Civil e prodúcense algúns incidentes (tiroteo ao autobús de liña Pontevedra-Lalín que non secundara o paro e cortes na liña telegráfica). O día 24 celebrase unha asemblea xeral multitudinaria á que asisten 5.000 persoas. O 26 dimite a corporación de Lalín, e ao día seguinte a de Silleda, onde se celebran manifestacións. Pídese a solidariedade doutros concellos, a dimisión do gobernador, envíanse telegramas aos deputados galegos en Madrid retirándolles a confianza. Varios representantes do Comité de folga son detidos en Pontevedra, o que provoca novas protestas.
Logo de oito días de folga xeral, a solución chega, aínda que de xeito parcial, ao introducir o goberno algúns cambios no proxecto de financiamento das obras, que permiten a súa continuación. Fondevila non ten un papel destacado nestas protestas, en sintonía coa actitude ambivalente que manteñen os socialistas ante un conflito no que se protestaba pola política dun Ministerio que tiña á fronte a un socialista, e pola súa correspondencia constatamos que a consideraba unha protesta reaccionaria contra o goberno republicano-socialista.
Pero o éxito da folga é un espellismo xa que a principios de abril as obras paralízanse outra vez, ao negarse os propietarios dos terreos a permitir a súa continuación ante o temor de que non se paguen as expropiacións. Isto fai que a empresa despida a todos os obreiros, que pasan por momentos dramáticos, como denuncia a Sociedad Obrera de Ponte ao Goberno civil, pedindo se prohiba a exportación e acaparamento de artigos de primeira necesidade para que os obreiros en paro non “se vean arrastrados a cometer actos de violencia para poder subsistir”.
En canto á participación de Fondevila na política local, encádrase, como xa comentamos no PSOE. Xa mencionamos a afiliación da Sociedade obreira de Donsión á UGT, e sabemos da formación dunha agrupación do PSOE en Bermés presidida por Fondevila, aínda que ignoramos a data da súa constitución. Ademais, en xullo de 1936 a Federación Socialista Provincial aproba o ingreso directo de José Fondevila. Temos tamén constancia da súa participación nas eleccións xerais de novembro de 1933, para as que foi proclamado candidato polo PSOE, aínda que só aos efectos de nomear apoderados para o control do proceso electoral.
Por desgraza non contamos con moitos datos sobre a actividade política dos partidos obreiros na Comarca. Polo que respecta ao PSOE, a participación da Agrupación Socialista de Lalín no II Congreso Provincial de Agrupacións Socialistas de Pontevedra en maio de 1936 e a existencia dunha organización das Juventudes Socialistas en Lalín en xaneiro do mesmo ano. En canto ao Partido Comunista, está constatada a existencia dunha célula con 20 militantes en 1933. Iso explicaría a inclusión dun agrarista lalinense, José Villar Pájaro, na candidatura comunista ás eleccións de novembro e a celebración en Lalín de mitins comunistas nesa campaña. En xullo de 1936 hai na Comarca 8 células con 95 militantes.
Por outra banda, en febreiro de 1933, o Centro Republicano de Bermés, a súa parroquia de residencia, elixe a Fondevila secretario, logo de destituír ao anterior (na información de prensa cualifícano como incansable loitador republicano). Logo do abandono do goberno polo PSOE en xuño e da derrota da esquerda nas eleccións de novembro de 1933, ao longo do ano seguinte prodúcese unha radicalización dos socialistas, cara a unidade obreira, a loita antifascista e as solucións políticas propiamente socialistas. Esta mudanza de posturas é tamén patente na UGT que inicia unha política de unidade de acción con todas as forzas obreiras e propicia a formación das Alianzas Obreiras.
Esta nova postura amósase no mitin do 1º de maio de 1934 de Silleda, organizado pola Sociedad Obrera de Ponte, de filiación ugetista. No manifesto que difunde o sindicato para convoca-lo acto insístese na necesidade de unión de tódalas organizacións obreiras e campesiñas, sen distinción de ideoloxías, para acadar o poder e na loita contra o fascismo. Estas son as súas reivindicacións:
Liberación de nuestros presos.
Libertad para la prensa revolucionaria.
Amplio derecho de organización, manifestación y huelga.
Supresión de todas las leyes represivas y de excepción.
Por la inmediata continuación de las obras de nuestro ferrocarril.
Por un subsidio de tres pesetas diarias para los parados.
Por la excepción temporal de todo tributo o renta a los campesinos pobres.
Contra la carestía de los artículos de primera necesidad.
O Manifesto remata cun “¡Viva el Frente Unico de los trabajadores!”.
A Revolución de Asturias, en outubro de 1934, significou un duro golpe para o movemento obreiro na Comarca. Aínda que a folga xeral non ten moita repercusión (en Silleda pechan algúns comercios e quedan sen comunicacións telegráficas polo corte de varios postes da liña), a onda de represión que se desencadea coa clausura de locais e detención de militantes, é aproveitada polos patróns para endurecer as condicións de traballo e tomar represalias contra os obreiros máis reivindicativos. Xa o 13 de outubro, o Goberno Civil imponlle unha multa a Fondevila por “falta conta el orden público” por ter infrinxido o “estado de alarma”. Máis tarde son detidos varios líderes sindicais: Fondevila, José Crespo, José González Blanco e Luís Varela Sobrado, acusados de coaccionar aos obreiros. A algúns, como o mesmo Fondevila intérnanos na fragata Minerva, fondeada no porto de Marín, onde permanece confinado máis dun mes. Tamén dirixentes políticos como o ex-alcalde de Silleda Emilio Alonso Paz xunto co ex-concelleiro Daniel Sánchez Mayo pasan pola cadea coa acusación de ser socialistas.
En 1935 a loita sindical faise en condicións cada vez máis difíciles pola represión dos gobernos da dereita, que clausuran varias sociedades e mesmo prohiben os actos do primeiro de maio dese ano, como sucede co mitin previsto en Silleda. Fondevila volve pasar pola Prisión de Lalín o 31 de xullo, acusado esta vez de ameazas de morte.
Ante a actitude dos gobernos radical-cedistas, a necesidade da unidade de todas as forzas de esquerdas faise sentir na Comarca e xa en xuño de 1935, fórmase en Lalín un Bloque antifascista, no que participan os partidos republicanos e as organizacións obreiras. Os puntos sobre os que se basea o bloque son a amnistía, a solución do paro, as liberdades civís, a reposición dos concellos de elección popular, a autodeterminación das nacionalidades e a rebaixa de impostos. A sintonía entre as organizacións de esquerdas locais non queda unicamente na firma deste pacto, xa que meses despois constitúese en Lalín a Casa da República, na que se integran Izquierda Republicana, Unión Republicana, o Partido Galeguista e afiliados do PSOE e do Partido Comunista. A Casa da República dótase dun regulamento que permite a presidencia rotatoria de todos os partidos e comeza unha intensa campaña de propaganda.
A colaboración faise patente no mitin de Casares Quiroga en Lalín o 8 de decembro, onde hai unha importante presenza das Sociedades cos seus símbolos e as organizacións do Partido Comunista de Lalín e Silleda envían a súa adhesión.
Así, dáse unha importante presenza de dirixentes obreiros nos actos da Fronte Popular na campaña das eleccións de febreiro de 1936, para as que Fondevila volve ser proclamado candidato e terá unha destacada participación no desenvolvemento das eleccións.
O triunfo da Fronte Popular fai que as mobilizacións obreiras acaden novas cotas. Entre os meses de abril a xullo de 1936 prodúcense na comarca varios conflitos de entidade: folga dos mineiros de Fontao, nova folga do Ferrocarril do 8 ao 22 de xuño, folga xeral en Lalín pola detención do alcalde Xesús Golmar a principios de xullo. Nestes conflitos intervén Fondevila, a quen a directiva do Sindicato mineiro de Fontao solicita a súa mediación co deputado comunista por Pontevedra Adriano Romero Cachinero para acelerar a solución da folga. Na carta a Romero, que se conserva no Arquivo da Guerra Civil de Salamanca, Fondevila aproveita para solicitar do deputado que recomende unha inspección “imparcial” ás Minas e as obras do ferrocarril que constate as duras condicións de traballo dos obreiros e se tomen medidas para solucionalas.
O GOLPE DE ESTADO DO 18 DE XULLO
O 18 de xullo estala a rebelión militar en África, as noticias chegan a Lalín e os partidos da Fronte Popular comezan a organizarse. Manuel Ferreiro, o que fora alcalde e agora secretario interino do Concello, convoca aos presidentes das Sociedades obreiras para informalos e pedirlles que se manteñan alerta. Vai a Pontevedra o día 19 e entrevístase co Gobernador. Este indícalle que debe declarar a folga xeral e enviar reforzos á capital para defender a República. O 20 xullo organízase baixo a supervisión de Fondevila, José Crespo (agora presidente da Sociedade de Bendoiro) e o propio Ferreiro, unha expedición armada a Pontevedra na que participan uns douscentos obreiros. Ao chegar a capital encóntranse con que o exercito xa saíu á rúa e os hidroavións de Marín sobrevoan a cidade. Teñen que regresar, e moitos fano de xeito desorganizado, algúns mesmo fan a viaxe de volta a pe polo monte Candán (como o caso do propio Fondevila). Aos que regresan nas camionetas agárdanos grupos de falanxistas e gardas civís en Silleda onde se producen varios enfrontamentos.
Comeza a represión que nesta zona vai axustarse ao pe da letra o que se recomendaba na base quinta da “Instrucción reservada núm. 1” do xeneral Mola para o levantamento:
“Se tendrá en cuenta que la acción ha de ser en extremo violenta para reducir lo antes posible al enemigo, que es fuerte y bien organizado. Desde luego serán encarcelados todos los directivos de los partidos políticos, sociedades o sindicatos no afectos al Movimiento, aplicándoles castigos ejemplares a dichos individuos para estrangular los movimientos de rebeldía o huelgas.”
Na Comarca do Deza van ser detidos os cargos políticos, alcaldes e concelleiros, e os dirixentes das sociedades obreiras durante os meses de agosto e setembro. Moitos serán paseados, outros xulgados e condenados a morte en procesos sumarísimos e os máis a penas de prisión. Por non falar da depuración que se inicia sobre os funcionarios públicos, xuíces, fiscais, empregados municipais, carteiros e sobre todo mestres.
Evidentemente a represión comeza polos dirixentes máis importantes e así, xa o 25 de xullo, un grupo de falanxistas diríxese a Bermés coa intención de deter a Fondevila. Rodean a casa e ordenan que saia. Fondevila consegue escapar ao cerco, aínda que resulta ferido por un disparo. Ocúltase, e cando os fascistas dan por rematada a busca, diríxese a casa do médico de Donsión, Cándido Soto, onde a punta de pistola obrígao a curalo. Permanece agochado durante algúns meses en casas de obreiros de Donsión e Cristimil, ata que a situación se fai insostible. Decide marchar a Portugal, e ao pasar a fronteira recoñéceo un antigo obreiro do ferrocarril ao que tiña axudado como dirixente sindical, que se pon á súa disposición para sacalo do país. Grazas a este inesperado apoio consegue sortear a policía portuguesa que entregaba a todos os refuxiados galegos ás autoridades franquistas, como lle sucedeu ao alcalde de Silleda Emilio Alonso Paz.
Mentres tanto, as autoridades do Movemento implícano en varios sumarios e será buscado e declarado en rebeldía. Vexamos como o describe o informe da Garda civil que aparece nunha das causas polas que é procesado:
JOSE FONDEVILA GARCIA- Nació en Bermés, provincia de Pontevedra, el 22 de junio de 1884; hijo de Vicente y Cesarina, oficio mecánico, estado soltero, estatura regular, delgado, pálido, ojos azules, pelo castaño, boca grande, cara alargada, anda mucho y de prisa, voz afeminada y ceremonioso en los andares.
Anarquista y comunista de acción – Fué expulsado de América por agitador revolucionario, ha sido detenido tres veces por fuerza de este Puesto por tenencia ilícita de armas; detenido también por agresión a un paisano causándole lesiones de las que falleció; ejercía influencia en las masas obreras y en las Sociedades para la creación de conflictos sociales; tuvo intervención en los sucesos en los que actuaba como cabecilla; sostuvo tiroteo con Guardia Civil y fascistas que le perseguian el 25 de julio de 1936, resultando herido. Se desconoce su paradero.
En novembro de 1936 embarca en Porto nun barco inglés que se dirixe a Francia. Unha vez en solo francés, atravesa a fronteira para entrar en España e poñerse ás ordes do exercito republicano para combater o franquismo.
As testemuñas sitúano como encargado do Parque de automobilismo das Brigadas Internacionais e logo como Comisario de guerra do Exercito republicano e falan da súa participación na batalla de Brunete e na toma de Teruel, onde salva a vida dalgúns prisioneiros do exercito nacional orixinarios da comarca.
En 1939 pasa co exercito republicano a Francia, onde é internado nun campo de concentración. Perdémoslle a pista ata 1942, cando confiado nunha presunta amnistía para aqueles que non estaban inmersos en delitos de sangue, tenta volver a Galicia. Pasa a fronteira por Irún o 20 de xaneiro. Pero aínda así, antes de presentarse ás autoridades, consulta con antigos coñecidos, entre eles o falanxista Antonio Tapias de Pontevedra, que lle aconsellan non presentarse ante o destino que sufriron outros que o fixeran (a prisión). Permanece agochado en Lalín varios meses, en casas de vellos coñecidos, cambiando de domicilio frecuentemente por temor ás delacións, e a finais de maio marcha outra vez cara Portugal, desde onde fai algunha visita a Lalín, ata que finalmente decide coller o camiño do exilio. Consegue un pasaporte mexicano no Consulado de Lisboa en outubro de 1942, logo de varios meses escondido na capital lusa e alegando a presentación dun invento: un “lanza bombas”
que fué sometido a la consideración de la Legación Americana, la cual encontrándolo de interés bélico remitiolo para su estudio y aplicación al Departamento de Guerra de los Estados Unidos de América.
Consegue finalmente embarcar con destino a México.
O EXILIO
Pouco sabemos do seu exilio en México, ao parecer non mantiña relación cos outros exiliados republicanos nin coa colonia galega. Si temos novas del a través das cartas que volve enviar á súa familia a partir de 1949, informándoos que está en México D.F., vivindo nunha Casa de Hospedes.
Tamén por medio dunha carta sabemos dunha viaxe aos Estados Unidos, desde onde escribe en 1961, na que relata que foi pensionado para presentar un invento (ao parecer o “lanza bombas”) que fora perfeccionando grazas aos seus coñecementos de mecánica.
En 1962 a Sociedade de Beneficencia Española de México acólleo como indixente e despois dun tempo mándao pola súa conta ao Hospital Psiquiátrico Nuestra Señora de Guadalupe en Cholula, a 130 Km. de México D.F. Tamén lle escribe á familia anunciándolles o seu traslado a Cholula.
O 22 de marzo de 1963 ingresa no Sanatorio. O diagnóstico é demencia senil. Sae do Hospital e volve á Beneficencia. O 9 de setembro de 1969 mándano por segunda vez a Cholula, onde morre o día 19 de decembro de 1973.
Manuel Igrexas
Comunicación presentada ao Congreso Internacional O exilio galego (Santiago de Compostela, 24-29 de setembro de 2001)