Este é o listado (seguramente incompleto) dos mortos pola represión franquista do concello de Rodeiro, ordenados pola data do seu falecemento:
José Vales Failde (San Salvador de Camba, 1891), enxeñeiro agrícola. Destinado en Palencia, foi vicesecretario do Partido Republicano Radical Socialista de Palencia en 1930. A finais de 1935 foi nomeado enxeñeiro xefe do Servizo Provincial de Reforma Agraria de Granada. Fixo o catastro da provincia de Cádiz. Foi paseado en Granada en agosto de 1936 polos falanxistas de Cádiz.
Manuel Santeiro Boo (Chantada, 1903), mestre. Casou en Trasulfe-Fafián con Marina Arias García en 1928. Director da Escola Graduada de Ortigueira. Foi paseado na Coruña o 25 de agosto de 1936.
Victorino Areán Diéguez (Portela, 1910), implicado nos incidentes das eleccións xerais de xuño de 1931 en Rodeiro. Foi detido o 1 de agosto de 1936 por tenencia de armas. Trasladado a Pontevedra o 8 de setembro para ser xulgado, o Consello de guerra non chegou a celebrarse. O 9 de outubro foi asasinado no quilómetro catro da estrada de Pontevedra a Pontecaldelas.
Severino García Teijeiro (Guillar, 1895), practicante, nomeado practicante municipal do Concello de Rodeiro en 1931. Era vicepresidente da Sociedad de Agricultores de Santa Marina de Pescoso. Foi detido o 3 de setembro de 1936 por tenencia de armas e “propaganda comunista”. Trasladado a Pontevedra foi acusado de auxilio á rebelión. Xulgado en Consello de guerra o 6 de outubro de 1936, foi absolto. O 9 de outubro pretextando un traslado á cadea da Estrada, foi sacado da prisión pola Garda civil, que o levou nun autocar á Estrada onde foi asasinado.
José María Vázquez Diéguez (Santa Mariña de Pescoso, 1900), casado cunha filla de Juan Calvo, vivía na súa casa de Ponte Pedroso, na que adoitaban refuxiarse os membros do grupo do Largo. O 5 de novembro de 1939, cando a Garda civil asalta a vivenda, sae fuxindo, sendo abatido polos disparos dos gardas que rodean a casa.
Benjamín García Diéguez, Largo de Barbeitos (Negrelos, 1916), alistouse no Tercio en 1936, e en 1938 desertou. Integrouse no grupo guerrilleiro de Recaré, realizando pequenos atracos e repartindo propaganda. Foi ferido pola Garda civil o 5 de novembro de 1939 e detido. Xulgado en Pontevedra en Consello de guerra, foi condenado a pena de morte. Foi fusilado o 28 de agosto de 1940.
Ramón Sánchez, Areán (San Cristovo do Az, 1912), fuxido nos montes de Rodeiro polo temor ás represalias pola súa actuación durante o réxime republicano. Xunto con Benjamín García incorporouse ao grupo guerrilleiro de Recaré. Trala caída do Largo marchou de Rodeiro e refuxiouse na fronteira portuguesa onde se dedicaba ao contrabando cun cómplice policía. Foi detido en Pazos (Cadós-Bande) o 12 de setembro de 1940. Xulgado e condenado a morte en Consello de guerra, foi executado en Ourense o 14 de abril de 1941.