Marcelino García foi un dos líderes do republicanismo lalinense, estreito colaborador do alcalde Manuel Ferreiro e primeiro presidente da Casa da República de Lalín.

Marcelino García Villar nace en Vilar, na parroquia lalinense de Soutolongo, o 28 de setembro de 1904, fillo de José García García e Josefa Villar González. Fai os primeiros estudos co cura de Bendoiro e a principios dos anos vinte ingresa no Seminario de Lugo na compaña do seu veciño Manuel Ferreiro, pero abandónao en 1925 para continuar os estudos de bacharelato por libre examinándose en Ourense e na Coruña. En 1930 fai a reválida do Bacharelato en Madrid. Durante estes anos adquire conciencia política na oposición a ditadura de Primo de Rivera e participa con Ferreiro e outros mozos dezaos na difusión dos ideais republicanos pola comarca. Ese mesmo ano de 1930, cando se constitúe en Lalín o Centro Republicano que preside Manuel Ferreiro, Marcelino foi elixido Secretario do mesmo. Colabora co semanario Atrás e na propaganda republicana, especialmente no mitin que se celebra no campo da feira de Lalín o 7 de decembro. Convértese nun dos principais líderes do republicanismo dezao e con Ferreiro representa á zona de Lalín na reunión constitutiva da Federación Republicana Galega celebrada en Pontevedra en marzo de 1931.
Logo da proclamación da República foi nomeado vocal da Xunta Xestora provisional do concello de Lalín que preside Ferreiro. Desde a Xestora emprenden a tarefa de desmontar o caciquismo monárquico na comarca. Non figurou na candidatura republicana que gañou as eleccións municipais en xuño de 1931, pero integrouse como funcionario municipal na xestión política republicana. Foi nomeado oficial do Concello a principios de 1932 e a finais do ano seguinte pasou a ocupar o posto de Recadador do Imposto de Utilidades, no que tivo como axudante a Antonio Jar, o seu correlixionario de Vilatuxe. Nestes anos convértese en estreito colaborador de Ferreiro e supervisor da acción política da corporación republicana. É tamén nesta época cando comeza a carreira de Dereito, examinándose por libre primeiro na Universidade Central de Madrid e despois na Universidade Literaria de Murcia. No bienio negro, e logo da destitución da corporación democrática, foi cesado como recadador o 24 de setembro de 1934.
Cando as forzas republicanas toman conciencia da necesidade de agruparse para facer fronte á dereita, organizan en Lalín, en xuño de 1935, un Bloque antifascista con representación dos partidos republicanos e obreiros. Marcelino García foi elixido presidente. O Bloque antifascista prepara varios actos de propaganda como o mitin do 1 de setembro no que participa Castelao. Os republicanos acaban constituíndo un Centro social e de loita política que baixo o nome de Casa da República se formaliza a mediados de novembro. Designan presidente a Marcelino García (como representante de Izquierda Republicana), secretario a Fernando Goyanes (polos galeguistas) e tesoureiro a José Rodríguez (por Unión Republicana); tamén se integrou como vocal José Fondevila (polos socialistas). No regulamento establecíase que os cargos terían a duración dun mes e serían rotatorios entre os partidos. A Casa da República adquiriu un local na vila que converteu en centro cultural para conferencias e no que dispuxo unha biblioteca. Inician unha labor de propaganda coa mobilización cidadá para protestar polo Repartimento de Utilidades ante o Goberno civil e a Delegación de Facenda de Pontevedra o 27 de novembro, e preparan un mitin coa presenza de Casares Quiroga para o 8 de decembro. A Casa da República inaugúrase formalmente o 15 de decembro cunha conferencia de Hernán Poza Juncal, o presidente do comité provincial de Unión Republicana, moi coñecido en Lalín, onde estivera varios anos á fronte da escola do Hospitalillo. O esforzo dos republicanos vese coroado polo éxito ao gañar a Frente Popular as eleccións de febreiro de 1936. Coa vitoria da esquerda, o novo goberno ordena a reposición das corporacións democráticas, Ferreiro retorna á alcaldía de Lalín e Marcelino ao seu posto de recadador.

Ao estalar a sublevación fascista do 18 de xullo, foxe e agóchase ante o temor a unha morte segura. As novas autoridades andan á súa procura e cando o 8 de novembro deteñen a Antonio Jar, obrígano a tenderlle unha trampa levándoo ata a casa de Marcelino para que o chame e así poder detelo. Pero García estaba agochado nunha casa do Outeiro, na veciña parroquia de Barcia. García foi xulgado en 1937 por rebelión militar e condenado en rebeldía. De Barcia pasou a Millarada, no concello de Forcarei, onde chegou a poñer escola cunha identidade falsa. Cando se publica o decreto polo que se concede indulto total aos condenados por delitos de rebelión militar e a pesar das dúbidas sobre a súa fiabilidade, decide presentarse na Comisaría de Pontevedra o 20 novembro de 1945 para normalizar a súa situación. Queda en liberdade provisional, pero ante o temor a ser detido, volve fuxir. Refúxiase na aldea de Grobas. Durante estes anos retoma os seus estudos de Dereito examinándose en Salamanca de Dereito Civil e e Dereito Penal en setembro de 1946, e entre xuño e setembro de 1947 supera sete materias máis.
Como desde 1946, e sobre todo a finais do ano 1947, a actividade da guerrilla medra na zona central de Galicia coa presenza do grupo de Benigno Andrade “Foucellas” e a articulación do grupo dos Corcheiros en Silleda, o goberno crea un Sector Interprovincial da Garda Civil con sede en Lalín a principios de 1948. O corpo especial dedicado a persecución da guerrilla estaba dirixido polo comandante Manuel Montero Galvache, e foi coñecido popularmente como “a brigadilla”. Creáronse novos destacamentos da Garda civil en Prado e Vilatuxe e intensificáronse as detencións, os interrogatorios e as torturas a todos os sospeitosos de colaborar cos guerrilleiros. Marcelino, ante o temor de ser complicado novamente, preséntase ante o comandante o 5 de outubro. Queda en liberdade, pero en decembro recibe unha citación do Xulgado de Lalín. García, que teme ser detido, volve desaparecer. En contacto cos exiliados e emigrados de Lalín en Buenos Aires, aconséllanlle que marche, pero non pode facelo. Mantense na clandestinidade con ocasionais visitas e estadías na casa familiar de Soutolongo. En 1952 consegue rematar a carreira de Dereito en Salamanca. Nunha das visitas ao domicilio familiar, en agosto de 1957, foi detido pola Garda civil, que lle ocupa unha pistola. Ábrenlle un sumario por tenencia ilícita de armas e logo duns días no calabozo, póñeno en liberdade. En setembro desaparece con destino a Vigo, probablemente coa intención de embarcar para América, pero non o consegue. Regresa ao Deza e permanece agochado contando co apoio da familia e dalgúns veciños. Finalmente a Garda civil recoñéceo en Prado o 19 de xuño de 1965 e volve detelo. Encérrano na prisión ata o 3 de agosto, cando é definitivamente liberado sen ningún cargo.
Marcelino, que ten xa 61 anos e está enfermo, vai vivir a Soutolongo coa súa irmá Aurora García e dedícase a asesorar aos veciños en cuestións legais. Morre uns anos despois, o 8 de novembro de 1970, sen poder contemplar o final dunha ditadura que o obrigou a permanecer fuxido durante 30 anos.