Fuxidos ou guerrilleiros. Os inicios da resistencia armada ao franquismo no Deza

A vaga de violencia que desencadeou a rebelión militar franquista orixinou a fuxida de moitos cara ao monte por meras razóns de supervivencia. Son os fuxidos, persoas que sentindo ameazada a súa vida polas súas afinidades republicanas, optaron por refuxiarse en zonas de difícil acceso. Na nosa comarca houbo grupos dispersos na Serra do Faro, outros nos montes que delimitan os concellos de Rodeiro e Agolada ou Rodeiro e Lalín e algúns tamén na zona do Ulla, en Silleda e Cruces.

A pesar do que afirma a historiografía franquista sobre o “entusiasmo” dos galegos ante o Alzamento nacional, eran moitos os prófugos, mozos que non se incorporaron ao Exército ao ser chamados os seus remprazos (como Julio Gómez Blanco, de Camba, José Diéguez Daparte, de Arnego, Manuel Lorenzo Hermida, de Az e Francisco Areán Salgado, de Guillar, por citar algúns veciños de Rodeiro). Algúns lograron fuxir ao estranxeiro a pesar das dificultades (Avelino Diéguez Vilameá, de Az, que consegue pasar a Portugal e logo marcha a Cuba). Tamén houbo moitos desertores do Exército, que aproveitando un permiso, decidían non volver á fronte, como Pedro Montes Fernández de Camba, José Porto García, de Guillar, Agustín, Julio e Manuel Paz García de Alemparte, José García Gómez de Pedroso e Ramón Faílde Insua de Vilela. Pero a maioría dos fuxidos eran os que intentaban salvar a vida, sendo conscientes das consecuencias que tería a súa detención, e aínda que moitos permaneceron agochados nas súas casas ou en refuxios seguros, escondidos polos familiares, outros non teñen máis alternativa ca botarse ao monte. Únenselles tamén os poucos que logran escapan do cárcere, como José Benito Diéguez Dacal, de Pescoso, fuxido en decembro de 1936 do Depósito municipal de Rodeiro onde estaba detido por inxurias ao réxime, aínda que o capturan en xullo do ano seguinte.

Durante o ano 1937 a Garda civil dedícase á persecución destes fuxidos, logrando a detención de moitos deles, que son incorporados ao Exército, case sempre nos batallóns de traballo. Outros, ante a dificultade de sobrevivir no monte por moito tempo, cando pensaban que a persecución só duraría uns meses, deciden entregarse ás autoridades, como José Salgado Quintela, un comunista de Brocos (Agolada).

Os que lograron sobrevivir no monte, xunto cos que se irán incorporando durante a guerra (perseguidos ou desertores), chegaron a organizarse formando algunhas partidas como a do Largo, en Rodeiro. Foi esta unha guerrilla á defensiva, de autoprotección, de supervivencia.

O grupo do Largo
Esta primeira época da loita guerrilleira en Galicia caracterízase pola dispersión, a falla de organización, o individualismo e as partidas pouco numerosas; e tamén pola dura represión que se exerce sobre o maquis.

Benjamín García Diéguez, alcumado “O Largo”, nado en 1916 en Barbeitos (Negrelos-Rodeiro), alístase en 1936 no Tercio, e en 1938 deserta do Exército. Únese a Ramón Sánchez nado en 1912 en Areán, na parroquia de Az, e coñecido como “Areán”, que permanecía fuxido nos montes de Rodeiro polo temor ás represalias pola súa actuación durante o réxime republicano. Ambos contactan con outros fuxidos na serra do Faro e na zona de Chantada, en concreto co grupo que encabeza Salvador Valcárcel MontenegroRecarei” e do que forman parte outros dous veciños de Arcos. Unha das primeiras accións deste grupo consistiu no reparto de panfletos contra a ditadura franquista na feira de Lalín do 3 decembro de 1938. Pero a maioría das súas actuacións consistían en pequenos atracos para conseguir medios de supervivencia. Como consecuencia dun deles, o asalto ao veciño de Alperiz Santiago Fernández García á volta da feira do 3 de xaneiro de 1939 en Lalín, foron denunciados ás autoridades. Como represalia, os guerrilleiros presentáronse en Alperiz na casa de Santiago Fernández na madrugada do 7 de marzo e executaron a Santiago Fernández e Andrés Negro. Estas mortes produciron alarma entre os veciños, e as autoridades franquistas decidiron rematar cos “bandoleiros”. Para obrigalos a entregarse, deteñen a Josefa Villanueva (a muller de Ramón Sánchez “Areán”), á súa filla Agripina Sánchez (de dous anos) e aos pais de Benjamín García (Pedro García e Regina Diéguez) xunto con Ramón Navaza. Sen obter resultados, sóltanos a principios de abril. O 11 dese mes a Garda civil logra dar morte en Adá a Salvador Valcárcel “Recarei”, o líder da partida de Chantada. Pero o grupo segue activo e o 18 de agosto atracan unha camioneta con feirantes de Dacón, Maside e Laxos que viña a Lalín e conseguen 50.000 pts. de botín; en outubro atracan en Pardesoa a tres veciños de Guillar.

Cando o 2 de novembro un grupo de guerrilleiros atraca a sucursal do Banco Pastor en Chantada (O Largo e o Areán non participaron, e xa se negaran a secundar o proxecto de asalto á sucursal de Lalín), as autoridades deciden a necesidade da eliminación dos fuxidos e ordenan á Garda civil de Chantada a súa captura inmediata. O “grupo do Largo” acostumaba acudir á casa de Juan Calvo Suengas en Ponte Pedroso, pois Benjamín era mozo dunha das súas fillas, Amparo Calvo. Segundo testemuños orais, parece que o grupo tiña unha especie de acordo coa Garda civil, á que subornaba para que non os molestara en exceso. Pero nesta ocasión non fixeron caso aos avisos e na madrugada do 5 de novembro de 1939, preséntanse na casa de Juan Calvo un grupo de gardas civís de Rodeiro e sorprenden ao Largo na casa. Cando o sarxento José García Docampo entra no cuarto no que estaba Benjamín, este, sorprendido, dispáralle e mátao. Comeza o tiroteo e Benjamín resiste facendo varios disparos desde a fiestra, pero resulta ferido e remata por entregarse. José Mª Vázquez Diéguez (que non pertencía ao grupo do Largo), casado con outra das fillas de Juan Calvo e que vivía na casa, ao oír os disparos, sae da vivenda e a Garda civil dispáralle acabando coa súa vida. Ramón Sánchez, que estaba noutra casa, ve vir aos gardas e escóndese nuns colmeiros de millo, coa présa deixou a pistola debaixo da almofada, pero no rexistro non lla descubriron, nin o descubriron a el, e logrou escapar e esconderse. Ao pouco chega o capitán da Garda civil de Chantada, que ordena trasladar ao Largo (ferido nunha perna) a Rodeiro. Como resultado deteñen a Benjamin García e a todos os habitantes da casa. Benjamín foi trasladado primeiro á Prisión de Lalín e despois á da capital onde o xulgaron en Consello de Guerra e o condenaron á pena de morte. Foi fusilado en Pontevedra o 28 de agosto de 1940.

Ramón Sánchez marchou de Rodeiro e refuxiouse na fronteira portuguesa onde se dedicaba ao contrabando cun cómplice policía. Foi detido en Pazos (na parroquia de Cadós do concello de Bande) o 12 de setembro de 1940. Xulgado e condenado a morte en Consello de guerra, foi executado en Ourense o 14 de abril de 1941.

A presenza destes fuxidos na zona de Rodeiro fixo que a Garda civil reforzara os seus efectivos, e a finais de 1939 créase un destacamento no lugar da Ponte, en San Salvador de Camba.

Co desmembramento do grupo do Largo non rematou a actividade dos fuxidos: un grupo do que forman parte Celso Faílde Varela, Román Faílde Arean e José Calviño Gutiérrez realiza algúns asaltos na primavera de 1941. Pero son axiña localizados: Celso Faílde foi detido o 22 de xuño e Román Faílde asasinado o 28 de xuño nas Chousas, entre Pedroso e Alemparte. O 16 agosto deteñen a José Calviño. Tamén foron presos varios veciños acusados de complicidade cos fuxidos: Francisco Montes, Arturo Areán e o seu irmán Manuel, Secundino Faílde e Jesús García.

A represión
A represión contra os guerrilleiros produce unha onda de detencións dos que os axudan ou protexen. Aínda que a maioría só estivo uns meses na cadea de Lalín, algúns foron procesados por “auxilio á rebelión”. O principal proceso iniciouse en Ourense en decembro de 1941 e nel foron acusados José Vázquez García, Benito Carral Reboredo e Francisco Cuñarro Rodríguez de Alemparte; Antonio Gómez Carral, de Albarellos; Delfín López Varela, de Maceira; Amadeo Gutiérrez Janeiro, da Lagoa; Ricardo Fernández Faílde, de Pedroso; e Constantino Fernández Diéguez, de Guillar. Case todos eran propietarios das tabernas onde os fuxidos mercaban as provisións. Só José Vázquez e Constantino Fernández foron condenados a 12 anos; o resto foron declarados inocentes, pero estiveron máis dun ano detidos na prisión de Ourense agardando a celebración do xuízo, sempre co medo á execución.

Tamén en 1941 se producen as detencións de Adolfo Fernández Asorey “Alaparte”, de Merlín (o 14 de maio) e José Castro Prieto “Calistro”, de Val de Sangorza (6 de setembro) que, axiña liberados, formarán anos máis tarde senllas partidas polas terras de Agolada.

Manuel Igrexas
Publicado na revista Kacharela do IES Laxeiro en 2011.