Trala paréntese da guerra europea comeza o período de apoxeo organizativo do agrarismo en Galicia. Ás sociedades agrarias existentes na Comarca do Deza desde os anos dez: Lalín, Silleda, A Bandeira, Prado, Bendoiro, Pereiro-Laro, Vilanova-Doade, Botos, encabezadas pola máis potente de todas, a Sociedade de Gresande, únense agora novas agrupacións. En 1920 fúndase o Sindicato Agrícola Católico de Catasós-Moneixas, Agricultores, oficios y profesiones de Agolada e Agricultores de Santa María de Pescoso en Rodeiro, ás que lles seguen ao ano seguinte as de San Salvador de Camba, Asperelo e Río en Rodeiro, Agricultores de Santa María de Dozón, a Sociedad Agrícola de Bermés, Agricultores, oficios y profesiones varias de Balouta (que agrupa aos labregos de Muimenta, Cadrón, Parada e Alperiz) e Agricultores de Santa María de Filgueira, de Lalín. Tamén se institúe neste ano a Agrícola Social Cooperativa de Silleda. A última das que aparecen neste período é a de Agricultores do Castro, en Silleda, xa en 1923. Así, unha grande maioría dos labregos da comarca están organizados.
As reivindicación agrarias pasaban pola mellora nas condicións de venda dos seus produtos, a organización de cooperativas para adquisición de artigos de primeira necesidade, a reclamación sobre o funcionamento das escolas do Estado e a creación de escolas neutras, a esixencia de que os representantes no concello, deputación e congreso fosen xenuínos e elixidos libremente e, naturalmente, a redención dos foros.
O apoio dos emigrados en Cuba e Arxentina será decisivo neste proceso. O 20 de xaneiro 1921 institúese na capital arxentina o Comité auxiliar de las sociedades agrícolas y culturales del partido de Lalín en Buenos Aires co propósito de “defender os intereses e dereitos dos labregos a fin de mellorar a situación precaria que os oprime”. En maio do ano seguinte constitúese na cidade bonaerense o Comité Auxiliar de las Asociaciones Agrarias del Municipio de Silleda. O xornal dos emigrados El Despertar Gallego dirixido polo silledense Antón Alónso Ríos fará, a pesar da distancia, de voceiro deste movemento.
Como culminación, as sociedades deciden coordinarse formando unha Federación. O proceso está cheo de atrancos por parte das autoridades locais, de feito, a reunión convocada para confeccionar o Regulamento foi abortada pola Garda civil e os líderes agrarios tiveron que facela clandestinamente no monte. A Federación de las Sociedades Agrícolas del Partido Judicial de Lalín formalízase finalmente o 11 de decembro de 1921 coas sociedades de Gresande, Vilanova, Prado, Bermés, Anzo, Filgueira, Balouta, Goiás, Botos e as dos concellos de Dozón e Agolada. Elíxese como presidente ao avogado Samuel Goyanes Crespo e vicepresidente a Ramón Fernández Villar, vinculado á sociedade de Gresande, sendo o secretario o presidente dos de Vilanova-Doade, Gonzalo López. Na reunión acordouse convidar ás sociedades de Rodeiro e á de Catasós-Moneixas para que entraran a formar parte da Federación.
Conscientes da súas forzas, os agrarios inician unha fase máis política, de decidida loita cotra o caciquismo, e preséntanse ás eleccións municipais ou apoian a candidatos vinculados ao movemento para deputados a Cortes e provinciais. Xa desde 1920 as sociedades agrarias de Silleda viñan mostrándose activas, apoiando a candidatura de Alfredo Pérez Viondi como deputado polo distrito da Estrada (o concello de Silleda estaba nesa época incluído no distrito estradense) aínda que é finalmente derrotado por Vicente Riestra Calderón, o fillo do Marqués de Riestra nunhas eleccións fortemente protestadas.
A presión política dos agrarios déixase sentir en Lalín nas queixas contra o presuposto municipal de 1921. O concello fai constar que “obedece todo esto a presión ejercida por las Sociedades y Sindicatos existentes en este Ayuntamiento que traen trastornado al país con sus aspiraciones políticas”. Durante ese ano sucédense as concentracións como a celebrada en Vilanova en abril, na que o sindicato católico-agrario logra atraer a todos os labregos da contorna, ou a da parroquia de Siador en xuño con representación da Federación Agraria da Estrada. Ao mes seguinte ten lugar en Dozón unha arenga redencionista organizada pola sociedade agraria.
O asalto ao poder municipal
A proba de lume son as elección municipais de 1922, que teñen lugar o 5 de febreiro. Os agrarios presentan candidaturas en Silleda, Lalín, e Agolada, obtendo un soado triunfo en todas elas, pero aínda así non logran facerse co goberno dos concellos. Os atropelos dos caciques, apoiados polo Marqués de Riestra, conseguen desfacer ou neutralizar a vitoria dos societarios:
A situación do concello silledense, controlado polo secretario Benito Rivas, era tan escandalosa que ante o anuncio dunha inspección do Gobernador civil, chegan a simular un roubo na Casa do concello para facer desaparecer a documentación. Os societarios celebran a principios de febreiro unha asemblea na carballeira de Silleda para dar a coñecer o programa e elixir aos candidatos que se enfrontarán ao caciquismo.
Os agrarios triunfan nos comicios cunha gran maioría de votos, derrotando estrepitosamente ao riestrismo: gañan nos cinco colexios onde se celebran eleccións, pois o caciquismo conseguiu que non abriran aqueles onde a derrota era máis claramente previsíbel. Pero ao facerse o escrutinio dáse o pucheirazo: aparecen actas falsas, mesmo de onde non houbera eleccións. Reclamadas ante a Xunta electoral provincial, esta, controlada polo caciquismo, dáas por validas, co resultado de que a pesar de ter gañado nos comicios, o poder municipal segue en mans de Rivas e os seus secuaces.
Ante tal desvergonza, desátase un enorme movemento de protesta. O 26 de marzo ten lugar un multitudinario mitin, coa presenza de Basilio Alvarez, no que os labregos silledense mostran a súa firme decisión de non aceptar o pucheirazo e reclaman a posesión dos concelleiros agrarios electos. As protestas e as concentracións continúan a pesar de que os caciques utilizan matóns para amedrentar aos líderes societarios: apaleamento de Darío Rodríguez, puñaladas a Ricardo Lázara… pero a Xunta electoral non rectifica. A desesperación leva a medidas extremas: o 7 de xaneiro de 1923 Benito Rivas é asasinado.
En Lalín, aínda que tamén se empregaron todas as artimañas para evitalo (destrución de colexios, enfermidade dos presidentes, demostración da Garda civil para amedrentar aos labregos), gañan nas eleccións os agrarios que se presentan por medio da Federación, sendo o seu presidente, Samuel Goyanes, o candidato a alcalde. O resultado foi que de 11 concelleiros a elixir, 8 foron para os societarios fronte a 3 para os seguidores do cacique Antonio Crespo. Estes 8 sumados aos 4 que tiñan das anteriores eleccións dábanlle a maioría na corporación. Con todo, á hora da votación, cambian de candidato á alcaldía, ofrecéndolle o posto a Cándido Soto. Ante o revés nas súas aspiracións políticas, Goyanes e outro concelleiro agrario pásanse ao bando de Crespo, frustrando así un posible goberno anticaciquil. Samuel Goyanes (por certo, sobriño de Crespo) obtén como recompensa o nomeamento de 1º Tenente Alcalde.
A historia non remata aquí, xa que o candidato oficial a deputado en Cortes, Manuel Saínz de Vicuña, consciente de que sen o apoio do movemento societario ía ser imposible a súa reelección en 1923, pacta cos agrarios a cambio de conseguir o nomeamento de Cándido Soto como alcalde por decreto. Soto toma posesión o 8 de febreiro acompañado das palabras de Ramón Fernández “Al fin hemos llegado al poder” e Saíz de Vicuña é proclamado deputado en aplicación do célebre artigo 29 (é o único candidato) en abril, pero o movemento agrario queda definitivamente tocado.
A Sociedad de agricultores y oficios varios de Golada viña loitando desde a súa fundación pola rexeneración do concello, tratando de derrubar a tiranía do cacique Ulrico Fociños. Neste empeño, e como as trabas caciquís foron tan indignantes, non teñen máis remedio que recorrer a formas de violencia social máis propias doutas épocas: Ante o pucheirazo que os caciques organizan nas eleccións (aplicar o artigo 29 cando existían varias candidaturas), a casa e os alpendres que os Fociños posúen na feira de Agolada aparecen queimadas, derrúbanse balados, tállanse árbores e organízase un boicot. As elección son finalmente anuladas pola Xunta electoral e, ante a presión da agraria, convócanse novos comicios en decembro. O lume volve facer aparición na palleira dos Fociños, en Borraxeiros. Triunfan finalmente os candidatos societarios, que conseguen a maioría no concello e José Diéguez Fernández, o presidente da agraria, é elixido alcalde en abril de 1923. Pero o enfrontamento interno e as presións da trama clientelar coa axuda do clero dificultan o traballo municipal no curto período de poder agrario, posto que en setembro dese ano Primo de Rivera proclama a ditadura e cesa a todas as corporacións locais.
En Rodeiro tamén foron anuladas as municipais de febreiro. Celebrados novos comicios, que tamén foron protestados aínda que nesta ocasión sen consecuencias, resulta alcalde Eugenio Varela Vázquez, sen conseguir os agrarios máis que unha mínima representación ao ser elixido 3º Tenente-Alcalde Emilio González Diéguez, o Presidente da Sociedade de Pescoso.
A crónica de todo este proceso puideron seguila os dezaos a través das páxinas do quincenal Verdad y Justicia, voceiro dos agrarios, fundado en abril de 1922 polos retornados cubanos Jesús Iglesias Surribas e Máximo López, do que por desgraza non se conserva ningún exemplar. Nelas poderíase ler as novas do Congreso Regional Agrario de Tui de xullo de 1922 coas palabras do representante do Deza, o silledense Jesús Filloy, que no mitin de clausura proclamou:
“Houbo un día en que me avergoñei de ser galego, pola falta de enerxía, pola humillación e pola pasividade do pobo galego. Hoxe síntome orgulloso de selo e en voz alta proclamo o puxante rexurdir de Galicia.”
Manuel Igrexas
Publicado na revista Kacharela do IES Laxeiro en 2010.