Seis republicanos paseados na Estrada

Descubrimento da placa aos paseados na Estrada
Descubrimento da placa no lugar onde foron paseados.

O 9 de outubro de 1936 foron asasinados preto da Ponte do Regueiro, a saída da Estrada cara Pontevedra, seis destacados republicanos. Tres eran da Comarca de Deza: Xesús Froiz, de Lalín, o silledense Ramón Muíños e Severino García Teijeiro, de Rodeiro. Dos outros tres paseados, un tamén procedía da Prisión de Lalín, o mestre Manuel Guillán, que pasaba as vacacións de verán en Soutolongo, e fora o primeiro detido a raíz do levantamento militar.

Os outros asasinados eran dous arousáns: José Domínguez González-Boullosa e Juan Bacariza Sánchez.

Cando se fan 70 anos do seu asasinato, queremos traer á memoria estes feitos e recordar as tráxicas circunstancias da súa morte, agravadas neste caso, xa que as familias non puideron recuperar os cadáveres nin recordalos.

Manuel Guillán Abalo, mestre, nacido en Vilagarcía de Arousa, e casado con Josefa Agulló Barral (dunha familia vinculada a Lalín, de onde era orixinaria a nai), foi detido o 21 de xullo, ingresando ese mesmo día na Prisión de Lalín. A acusación que pesaba sobre el era a de facer “propaganda comunista” entre os obreiros do ferrocarril. De feito, na causa que se lle seguiu despois da súa morte, en xaneiro de 1937, o cualifican de “organizador de masas obreiras”. Guillán estaba pasando uns días en Soutolongo, na casa da súa cuñada, a tamén mestra Cruz Agulló. Era amigo de Marcelino García, de Soutolongo e Antonio Jar “Barbote” de Vilatuxe, dous importante dirixentes republicanos, cos que estivo os días 19 e 20 de xullo, viaxando ata Silleda na procura de novas do desenvolvemento do movemento militar. Foi precisamente na compaña de Antonio Jar con quen se achegou a Lalín o día 21 para falar por teléfono, cando foi detido pola Garda civil. Manuel Guillán permaneceu na prisión de Lalín ata a madrugada do día 9 de outubro.

Xesús Froiz Gómez, nacido en Moneixas en 1902, era xornalista e poeta [baixo o pseudónimo de “El cantor del bosque” ten publicadas composicións de tema social con Galicia como fondo]. En 1928 faise cargo da correspondencia de Faro de Vigo en Lalín, co que colabora ata fins do ano seguinte. Coa chegada da República, o alcalde Manuel Ferreiro noméao Garda municipal. Foi o primeiro director do periódico La Nueva España e cando Jesús Iglesias fundou Razón, Xesús pasou a ser redactor. Ingresa no Partido Galeguista en 1934, converténdose no animador e propagandista de Os Dezas, os gaiteiros de Moneixas, e en colaborador de A Nosa Terra, o periódico galeguista. Participa na campaña das eleccións de febreiro de 1936 a prol do Fronte Popular e na do Estatuto de Autonomía en xuño. O 4 de agosto detéñeno e ingresa en prisión, onde permanece ata o 9 de outubro.

Ramón Muíños Lorenzo nacera na parroquia do Castro de Silleda tamén en 1902. Traballador nas obras do ferrocarril, estaba vinculado á Sociedade Obreira de Ponte, da que chegou a ser Presidente en xuño de 1936. En marzo fora nomeado concelleiro interino da Corporación municipal silledense. Logo do asasinato do seu irmán Luis o 29 de agosto, os falanxistas de Silleda detéñeno en setembro, permanecendo na Prisión de Silleda ata o fatídico 9 de outubro.

Ese madrugada, a Garda civil preséntase na Prisión de Lalín para levarse aos detidos Manuel Guillán e Xesús Froiz, pretextando un traslado á Prisión de Caldas de Reis. Algo debeu sospeitar o Xefe da cadea lalinense, que ese mesmo día envía unha comunicación ao seu colega de Caldas anunciándolle o traslado. Ao pasar por Silleda, detéñense para recoller á Ramón Muíños, e emprenden o camiño cara á Estrada.

Severino García Teijeiro nace en 1895 na parroquia de Guillar (Rodeiro), era fillo de Fernado García Mosquera, emigrante retornado de Cuba. Faise practicante, e a primeira corporación republicana noméao Practicante municipal do Concello de Rodeiro. Vencellado á Sociedad de Agricultores de Sta. Marina de Pescoso desde a súa creación en 1920, chegou a ser Vicepresidente entre 1931 e 1933. Foi detido o 3 de setembro de 1936 pola Garda civil e os gardas cívicos de Rodeiro por tenencia de armas e “propaganda comunista”. Trasladado a Pontevedra acúsano de auxilio á rebelión. No proceso sae a relucir un antigo sumario de 1931 por colocación de explosivos nos hórreos dalgúns caciques que se opuñan á Sociedade de Agricultores. Foi xulgado en Consello de guerra o 6 de outubro de 1936, comprobándose que a suposta arma era unha simple escopeta para a caza de paxaros e que ademais estaba inservible. A sentencia do Tribunal é absolutoria. O 11 de outubro decrétase a liberdade do procesado. Pero Severino García non pode coñecer o resultado do seu proceso. Na noite do 8 de outubro pretextando un traslado á Cadea da Estrada, Severino xunto a outros dous detidos na Provincial de Pontevedra, José Domínguez González-Boullosa e Juan Bacariza Sánchez, son sacados da prisión pola Garda civil e levados nun autocar camiño da Estrada.

Pouco antes de chegar á vila da Estrada, no quilómetro 23 da estrada Chapa-Carril, preto da Ponte do Regueiro, a expedición de Pontevedra únese á que traía aos presos de Lalín e Silleda. Alí baixan aos detidos das camionetas e asasínanos entre as catro e as cinco da mañá. Esta coincidencia das dúas macabras expedicións non pode ser casual, o mesmo día e á mesma hora, nun lugar desolado, estaba planeado eliminar aos que consideran inimigos da nova orde fascista que se esta impoñendo a sangue e lume. Como a ningún deles se lle podía imputar delito polos Tribunais Militares, os fascistas deciden a súa condena a morte sen requisito “legal”.

Segundo se desprende do Sumario, os gardas civís que efectuaron os disparos foron Casimiro Álvarez Rincón e Agustín López Ferreiro, sendo Alejandro Pérez González o garda condutor do autocar de Pontevedra. Naturalmente a xustificación é a aplicación da tristemente famosa “lei de fugas”.

Os cadáveres foron trasladados ao cemiterio da Estrada, onde os soterraron. A súa defunción non foi inscrita no Rexistro civil. Meses máis tarde, a familia de Manuel Guillán Abalo recupera o seu corpo e entérrao dignamente, inscribindo a súa morte no Rexistro civil de Vilagarcía de Arousa. A doutro dos asasinados, Severino García, non puido recadar probas da súa morte tendo que anotar no Rexistro de Rodeiro unicamente a súa “desaparición” en maio de 1938. As familias das outras dúas vítimas dezás, Xesús Froiz e Ramón Muiños, seguen aínda hoxe sen poder recuperar os seus corpos.

Á noite seguinte a Garda civil de Pontevedra dálle o paseo nas inmediacións da capital a outro veciño de Rodeiro: Victorino Areán Diéguez. Nacido en Vilafrío (Portela) en 1910, estivera implicado nos incidentes ocorridos nas eleccións xerais de xuño de 1931 en Rodeiro. Foi detido o 1 de agosto de 1936 por tenencia de armas. Trasladado a Pontevedra o 8 de setembro para ser xulgado, o Consello de guerra non chegou a celebrarse, porque do sumario non se desprendía a comisión de ningún delito. O Xuíz instrutor decide poñer a Victorino Areán a disposición da Autoridade Gobernativa o 28 de outubro, cualificándoo como “suxeito extremadamente perigoso para a orde pública”. Pero a resolución do Tribunal chega 18 días tarde. Victorino fora asasinado na noite do 9 de outubro no quilómetro catro da estrada de Pontevedra a Pontecaldelas polos gardas civís Jesús Barja e Evaristo Cid da Comandancia de Pontevedra. O seu irmán máis novo Germán Areán, a quen tamén acusaban os fascistas de Rodeiro, logrou agocharse e salvou a vida alistándose no Exército de Franco, marchando ao rematar a guerra a Barcelona.

Manuel Igrexas.

Advertisements