
O 9 novembro de 1936 foron asasinados na Volta do Couto, no concello de Cotobade, 11 republicanos. Catro eran de Arbo, Alfonso Alonso, Juan Alonso Pérez, José Gómez Sampayo e Telmo Rodríguez Alonso, seis de Lalín e Antonio Picallo Buela, do que descoñecemos a súa filiación.
Os lalinenses eran Luis Frade Pazos, José López Bermúdez, Ramiro Granja González, Luis Varela Sobrado, José Montouto Rodríguez e Eliseo Garra Lalín. O único motivo da súa morte foi o de seren dirixentes das sociedades obreiras de Lalín. A súa execución é unha proba de que a represión foi calculada, medida e moi estruturada: estas accións buscaban descabezar ás organizacións sociais, pero sobre todo erradicar a tupida organización societaria e profesional que se estimaba incompatible co novo réxime.
O movemento obreiro, practicamente inexistente ata a República, tivo a partir de 1931 un gran desenvolvemento na comarca de Deza, especialmente nos concellos de Lalín e Silleda, polos que se estaba a construír a liña ferroviaria Ourense-Santiago. Desde Los carrilanos de Pontenoufe, na Xesta á Sociedad de Trabajadores de Bandeira y sus contornos, temos contabilizados ate unha ducia de sindicatos creados nesta época, a maioría de ámbito parroquial, entre os que hai que destacar á Sociedad Obrera de Ponte-Nova Donsión, que organiza Manuel Neira Rodríguez. O pulo do asociacionismo obreiro ven motivado polos conflitos sociais xerados polas duras condicións laborais do traballo na construción e tamén polas sucesivas paralizacións das obras que deixaban nunha situación moi precaria aos traballadores.
Naturalmente este desenvolvemento organizativo vai ter unha repercusión política. As sociedades obreiras son o firme apoio dos partidos republicanos de esquerda e constituiranse como a forza social máis importante logo do trunfo do Frente Popular nas eleccións de febreiro de 1936.
Isto fai que cando se inicie o golpe de Estado do 18 de xullo, sexan precisamente os seus líderes un dos obxectivos dos militares rebeldes. O novo réxime que se instaura en Galicia no verán de 1936 considera como inimigos principais aos militantes sindicais. O mesmo día 25 de xullo, un grupo de falanxistas e gardas civís van deter ao principal líder obreiro José Fondevila “o comunista de Bermés”, que consegue fuxir, aínda que ferido, salvando así dunha morte certa.
Pero a maioría dos militantes sindicais nin foxen nin se agochan, confiando nunha solución “razoable” ao conflito. Non teñen nada que temer pois actuaron sempre dentro da legalidade. Esta confianza habíalles resultar fatal: o fascismo é un réxime de terror que necesita da aniquilación física dos seus inimigos.

Luis Frade Pazos naceu en Bendoiro en 1894. Logo do seu matrimonio con Rogelia Sanmartín trasládase a Donsión. Foi un dos fundadores da sociedade obreira de Ponte-Nova, da que é elixido vicepresidente en xaneiro de 1931. Presentase ás eleccións municipais na candidatura encabezada por Manuel Ferreiro, sendo elixido concelleiro e nomeado 2º procurador-síndico. É un dos edís máis activos da corporación republicana, presentando diversas mocións tendentes a solucionar os problemas do agro (cuestión foral, creación de granxas agrícolas experimentais, prohibición da importación de carne do estranxeiro, contra o Tratado co Uruguai) e contra o caciquismo (denuncias aos médicos que non atenden a pobres). Cesa como concelleiro en agosto de 1934 ao ser destituída a corporación republicana por unha afín ao Partido Radical. Reposto novamente en febreiro de 1936, é o único edil que permanece na Comisión Xestora nomeada polo Gobernador civil o 11 de abril, sendo elixido 2º Tenente-Alcalde.
Frade, que fora nomeado en marzo recadador municipal, é quen se ocupa na práctica da dirección do concello en estreira colaboración con Manuel Ferreiro, agora no cargo de secretario municipal, xa que o alcalde Xesús Golmar desempeñaba o cargo de mestre en Méixome e o primeiro Tenente-Alcalde Manuel Diéguez Varela tamén mestre con escola en Riveiriña (concello de Carballedo), tampouco podía asistir regularmente á casa consistorial.
O día anterior ao golpe de Estado foi elixido Presidente da colocación obreira de Lalín en representación da Sociedade La Fraternidad de Donsión encadrada na UGT. O 19 de xullo vai a Pontevedra con Ferreiro e os outros alcaldes da Comarca para recibir instrucións do Gobernador civil. Ao día seguinte permanece a fronte do Concello mentres a expedición dezá marcha á capital para intentar deter aos militares. Aínda está presente no último pleno municipal que se celebra o día 21.
Non foi detido de inmediato, senón que as novas autoridades o chantaxearon indicándolle que se pagaba unha débeda que tiña co Concello como recadador, non sería molestado. Frade consegue en outubro un préstamo co que abona as 5.100 pesetas que lle reclamaban, pero isto non o salva da detención. A pesar das advertencias dos seus correlixionarios, négase a agocharse ou a fuxir, alegando que non cometeu ningún delito. Detéñeno o día 27 de outubro e intérnano na Prisión de Lalín. O 4 de novembro trasládano xunto con outros 38 detidos á Illa de San Simón, de onde o sacan cinco días despois para darlle o “paseo”.
José López Bermúdez, que nacera en Cádiz en 1907, residía en Bendoiro, onde foi elixido presidente da Sociedade La Democracia desa parroquia. Activo sindicalista, é un dos líderes obreiros que participa na reunión convocada por Ferreiro o 20 de xullo para mobilizar aos traballadores en defensa da República. Intervén tamén na requisa de armas e das polvoreiras das obras do ferrocarril. Foi detido o 20 de outubro, permanecendo na Prisión de Lalín ata o 4 de novembro, cando o trasladan a San Simón. De alí sae para a morte.
Ramiro Granja González, nace en Filgueira en 1889. Casa con Balbina Barcala de Donsión, coa que ten seis fillos. Foi tamén dos fundadores da Sociedade obreira de Ponte-Nova en 1931. Acabaría sendo elixido presidente da mesma en 1936. En maio dese ano Luis Frade noméao axente executivo para o cobro de impostos municipais. Foi un dos primeiros mobilizados ante as noticias do golpe de Estado, acudindo a Lalín con varios compañeiros da Sociedade o 19 de xullo. Participou na reunión con Ferreiro do día seguinte. Detéñeno o 1 de setembro e intérnano no Cuartelillo de Falange (instalado no Hospitalillo, que fora incautado). Alí foi torturado e obrigado a asinar unha declaración inculpatoria. Tamén os obrigan a entregar os libros da Sociedade, que serven aos falanxistas para practicar novas detencións. Acabaría sendo trasladado o 4 de novembro ao lazareto de San Simón, de onde o sacan para asasinalo.
Luis Varela Sobrado, canteiro, naceu en Palmou en 1907. Co inicio das obras do ferrocarril, trasládase a Botos, onde casa con Leonisa González en 1932. Afíliase a Sociedade obreira La Equidad converténdose no seu presidente. A sociedade de Botos foi unha das máis activas no período republicano, mesmo chegou a organizar conferencias como a de José Echeverría sobre o paro obreiro en 1935. Luis Varela xa fora detido en novembro de 1934 xunto con José González, acusado de coacción aos obreiros do ferrocarril con motivo dos sucesos de outubro. Varela tamén participou na reunión con Ferreiro o 20 de xullo de 1936, e como Ramiro Granja foi detido o 1 de setembro sufrindo o mesmo trato. Trasladado a Prisión de San Simón o 4 de novembro, sácano o día 9 para asasinalo.
José Mª Montouto Rodríguez, nace en 1890 en Donsión, casado con Rosa Abeledo, ten oito fillos. Participou na fundación da sociedade de Ponte-Nova, da que foi elixido vicetesoureiro en 1931. Foi detido o 9 de setembro de 1936, permanecendo na Prisión de Lalín ata o 4 de novembro, cando o trasladan ao lazareto, do que sae o 9 para a súa execución. A súa é a única morte rexistrada, pois a súa muller inscribe a “desaparición” no Rexistro civil en 1943.
Eliseo Garra Lalín nace en 1893 en Lalín. Casa en Donramiro con Sofía Areán. Membro do Centro Republicano de Lalín, foi nomeado Inspector de camiños do concello en 1933. No período do Frente Popular era o encargado da confección do Padrón de habitantes. Foi un dos condutores dos automóbiles que trasladaron aos obreiros a Pontevedra o 20 de xullo. Detido o 15 de setembro, agarda na Prisión de Lalín ata o 4 de novembro o traslado a illa de San Simón. Sácano o día 9, aínda que segundo algunhas testemuñas, o seu asasinato podería deberse á confusión do seu apelido con outro dos detidos.
Na noite do día 8 un grupo de falanxistas vai ao lazareto cunha lista para sacar a once presos pretextando un traslado á prisión de Pontecaldelas. Son de Lalín e Arbo. A memoria popular fala de que entre os executores estaban os propios falanxistas lalinenses, extremo que é practicamente imposible confirmar. Pero o que si é certo, é que foron as instrucións procedentes de Lalín as que fixaron a lista dos que ían ser paseados, e que as novas autoridades locais e provinciais coñecían, consentían e ata nalgúns casos alentaban estes paseos. A expedición parte de Redondela cara Pontevedra, logo colle a estrada de Ourense, e ao chegar á Volta do Couto, en Tenorio, deteñen o camión, ordénanlles baixar e alí mesmo abren fogo contra eles. Despois os falanxistas van polas casas da aldea de Filgueira petando nas portas e obrigando aos veciños a preparar un carro con palla para trasladar os cadáveres. O alcalde de barrio de Tenorio encárgase do seu enterramento. Sobre as dez da mañá chega a macabra comitiva ao cemiterio parroquial, cavan unha foxa e logo de tapalos cunha saba que manda traer o cura, entérranos ao pe do camposanto.
Durante anos os familiares peregrinaron ás agachadas a Tenorio para deixan flores no lugar do seu asasinato e na súa tomba, que nunca foi sinalizada.
A crueldade e exemplaridade da masacre de Tenorio é unha mostra do tipo de represión que emprega o réxime franquista. Ademais de buscar a destrución da capacidade de resistencia das organizacións obreiras, o obxectivo era enviar unha clara mensaxe: é perigoso “meterse en política”, ou sexa defender e loitar polos dereitos de todos. Porque do que se trataba era de crear unha “nova España” mediante a masiva socialización do medo e a busca da adhesión explícita da poboación. Esta mensaxe foi gravada a sangue e lume e transmitida de pais a fillos ata hoxe.
En 2009 a ARMH realizou unha escavación no cemiterio parroquial de Tenorio para intentar recuperar os seus restos. Comprobou que a ampliación do cemiterio que se fixera nos anos sesenta fixo que os restos dos asasinados fosen depositados no osario, mesturados con outros e sen posibilidade de identificalos.
Manuel Igrexas.