Manuel Ferreiro, republicano

Ferreiro Paratcha
Manuel Ferreiro co deputado Laureano Gómez Paratcha.

A figura de Manuel Ferreiro representa a unha xeración de homes que traen a liberdade, a democracia e o progreso a un Concello e unha Comarca dominada polo clientelismo, cando na República se abre o primeiro período de luz e esperanza no século XX.

Un 24 de xuño do ano 1903 nace en Lodeiro Manuel Ferreiro Panadeiro, os seus pais Benito Ferreiro Álvarez e Ventura Panadeiro eran labregos. A infancia de Ferreiro desenvólvese nun Lalín baixo o control caciquil de Antonio Crespo que se converte en Alcalde en 1903 e permanecerá neste posto durante 20 anos.

Esta época caracterízase polo progresivo empobrecemento do agro, que non é capaz de afrontar os novos retos do capitalismo e ten como única saída a emigración cara América. Pero tamén é o espertar da conciencia campesiña, cos inicios do movemento agrarista encabezado pola Sociedade de Agricultores de Gresande-Cristimil e outras como a de Soutolongo, estes agraristas van emprender tamén a loita contra o caciquismo, aínda que non acadan éxito.

Estuda no Seminario de Lugo, como moitos fillos de labregos da época. Nos anos vinte, trasládase a Madrid, onde obtén o título de Bacharel Universitario e inicia a carreira de Dereito. Alí entra en contacto co movemento democrático, e cos estudantes participa na oposición a Ditadura de Primo de Rivera; un réxime que se prometía rexenerador, pero que só serviu para acentuar o atraso económico e cultural da Comarca.

De regreso a Lalín en 1930, con outros mozos entre os que está o seu inseparable compañeiro e veciño Marcelino García Villar funda o Centro Republicano, que inicia unha campaña de propaganda con conferencias e mitins, chegando a crear mesmo un periódico, Atrás, para difundir as ideas republicanas. Os republicanos de Lalín adscríbense á Federación Republicana Galega, liderada por Casares Quiroga.

Concorren ás eleccións municipais do 12 de abril, aínda que por manexos antidemocráticos, non logran representación. Ao ser proclamada a República, o 16, Ferreiro é nomeado presidente do Comité revolucionario. Aos poucos días convértese en deputado provincial polo distrito de Lalín-A Estrada. Comeza entón a transformación do Concello e da Comarca, reunindo aos mestres e alcaldes para crear Comités republicanos en todas as parroquias.

O 5 de xuño celébranse novas eleccións municipais, ao anular o goberno as anteriores, e nestas resulta elixida na súa totalidade a lista da Federación Republicana Galega encabezada por Ferreiro, na que foran eliminados os elementos das vellas elites, a pesar de que intentarán ter algunha representación.

Esta primeira corporación democrática de Lalín, vai emprender o labor de rexeneración. O eixo principal da súa actuación é a educación: crean novas escolas, con subvención do Concello; impulsan o proxecto de creación dun Instituto (que non chegou a realizarse polos cambios políticos nos gobernos de Madrid) e unha escola laboral (granxa agrícola experimental que serviría para a modernización da agricultura); crea unha biblioteca circulante para a difusión da cultura por todo o Concello; mesmo lle conceden unha beca a Laxeiro, para que poda facer estudios de arte en Madrid. Melloras nas estradas e nas rúas da vila, construción dunha rede de camiños rurais con novas pontes para mellorar a comunicación, un plan para dotar de fontes a todas as parroquias… (todo isto a pesar do cativo presuposto do Concello naquela época)

Ferreiro reúnese cos alcalde da zona, organizando unha Federación de Municipios da zona norte de Pontevedra. E chega a constituír xa en xuño de 1936 unha mancomunidade de Concellos do Partido xudicial de Lalín, para abaratar os servizos.

Desde a alcaldía, apoia o proxecto de Estatuto de Autonomía para Galicia, que é aprobado por unanimidade pola Corporación en xaneiro de 1933. Colabora tamén co Seminario de Estudios Galegos nas súas estadías en Lalín para a investigación sobre as Terras do Deza.

Sempre atento ás demandas das clases populares, defende nos Xurados Mixtos aos obreiros e participa con toda a corporación nas folgas e protestas pola paralización das obras do ferrocarril.

Cando en novembro de 1933 a dereita gaña as eleccións xerais, comeza unha campaña de acoso e derribo para as corporacións progresistas da Comarca. O novo gobernador envía a Lalín comisións de inspección para tratar de atopar irregularidades na xestión de Ferreiro, que xustifiquen a súa destitución.

Por este motivo, tribútanlle unha homenaxe popular o 11 de febreiro de 1934 na que participan representacións de todos os sectores socias.

O gobernado civil destitúe finalmente á corporación en agosto, pasando a ocupar a Alcaldía Ricardo López Varela, do partido Radical, daquelas no goberno central.

En 1935 ingresa co resto dos compañeiros do PRG no novo partido Izquierda Republicana, liderado por Manuel Azaña. Este partido co resto das forzas de esquerda (galeguistas, socialistas e comunistas) constitúen o Bloque antifascista de Lalín, o embrión da futura Fronte Popular. Con eles intervén nos mitins para as eleccións de febreiro do 36 en toda a Comarca.

Ao gañar a Fronte Popular as eleccións, o Goberno repón as corporacións democráticas e o 21 de febreiro, Manuel Ferreiro volve ocupar a Alcaldía, aínda que por un breve período, ata o 11 de abril, cando por disensións internas en Izquierda Republicana, vese obrigado a dimitir e cede a presidencia da corporación ao galeguista Xesús Golmar ao fronte dunha comisión xestora, pasando a ocupar o posto de Secretario interino do Concello. Esta xestora será a que goberne ata o 18 de xullo. Pero Ferreiro segue sendo o dirixente mais importante da Fronte Popular, e asiste en representación de Lalín a Asemblea a prol da Autonomía de Galicia do 17 de maio onde se acorda o plebiscito para o Referendo do Estatuto.

O 19 de xullo, ao ter noticias do inicio o Alzamento, marcha a Pontevedra con outros alcaldes da Comarca e representantes das sociedades obreiras para poñerse a disposición das autoridades lexítimas. Ao día seguinte declara en Lalín a folga xeral e organiza unha expedición de obreiros que marchan a capital para defender a República. Cando chegan a Pontevedra, xa estaba declarado o estado de guerra e os militares ocuparan a cidade. Os de Lalín regresan e comeza a represión.

Ferreiro, consciente do perigo, refuxiase en Compostela, onde o deteñen o 3 de agosto, e inmediatamente trasládano a Pontevedra para xulgalo en Consello de Guerra polo procedemento sumarísimo. Acusado do delito de traizón coa agravante de perversidade, non ten opción ningunha para a súa defensa. A súa causa estaba xa decidida de antemán, os golpistas quería dar escarmento coa súa condena. Sentenciado a pena de morte, fusílano en Campañó o 27 de agosto. Obrigan a enterralo no Cemiterio Municipal da capital e só en 1941 permiten o traslado dos seus restos ao cemiterio de Soutolongo.

Debemos como demócratas pedir que o seu proceso sexa revisado. E tamén os de tantos compañeiros de Lalín como Xesús Froiz, Luís Frade, José Montouto, Ramiro Granja, Luís Varela Sobrado, José López Bermúdez, Adolfo Blanco Barreira, José Crespo Torres, José Donsión, Benito Fernández Balboa… condenados e executados, ou simplemente asasinados, por defender a liberdade e a democracia.

Manuel Igrexas

Advertisements