A Sección Adoradora Nocturna de Lalín

Adoración Nocturna Española - logo 3

A Adoración Nocturna Española, asociación piadosa dedicada ao culto do Sacramento, foi fundada en Madrid por Luis de Trelles Noguerol en 1877, estendéndose rapidamente pola maioría das dioceses de España. En Compostela créase en 1882 baixo o patrocinio do Cardeal Payá y Rico. A súa expansión forma parte do asociacionismo devocional que responde á mobilización dos católicos e a unha pretensión contrarrevolucionaria ante os avances do movemento obreiro.

Segundo as nosas noticias, a Sección Adoradora Nocturna de Lalín fúndase en 1903, o 30 de outubro dese ano celebra a súa primeira vixilia. O seu creador e primeiro presidente foi o avogado e xornalista Hipólito Codesido Sánchez e o seu impulsor o sacerdote e párroco de Lalín Antonio Neira Sanjurjo (que falece pouco antes de celebrarse a vixilia inaugural).

Sobre a personalidade de Hipólito Codesido, acérrimo partidario das ideas tradicionalistas, xa temos comentado noutros artigos que foi fundador e director do periódico local La Defensa (1905/1908) “Defensor de la Religión y de los intereses materiales de esta comarca”. Anteriormente xa dirixira en Betanzos o semanario Las Mariñas (1886), apaixoado defensor dos principios católicos. Trasladado a Pontevedra, onde ocupa un cargo de funcionario no Goberno civil, dirixe Galicia Recreativa: Semanario popular Utile et Dulce (1890-1892) e El Criterio Gallego: Diario católico de la mañana (1893), ambos de inspiración católica e o último carlista.

A súa vinculación con Lalín ven polo matrimonio con Gumersinda Silva, sobriña e herdeira do que fora Alcalde deste Concello e logo deputado provincial Antonio Taboada Iglesias. A principios do século XX instálase na vila como avogado e participa na loita política contra o líder do Partido Liberal Antonio Crespo, apoiando aos conservadores de Laureano Blanco.

Impulsa a creación da Sección Adoradora Nocturna aglutinando ao sector máis integrista da vila, que topa nela unha canle non só para a súa expresión relixiosa, senón ademais unha forma encuberta de militancia político-relixiosa (ao xeito doutras estruturas apoiadas pola xerarquía eclesiástica que desembocaban moitas veces nunha forma de militancia política: Hijas de María, Juventudes Católicas,…).
Acompáñano na primeira Directiva Jerónimo Rodríguez García, como secretario e o comerciante José Asorey Novais como tesoureiro. Participan tamén como vocais: Ramón Santaló, Manuel Villaverde e José Rivas.

En 1907 Hipólito Codesido abandona a presidencia e sucédeo José Asorey, que marcha de Lalín ao ano seguinte, quedando como presidente Secundino Gutiérrez.

A Sección celebra as súas vixilias ordinarias na igrexa de Donramiro, baixo a dirección do novo párroco Buenaventura Cañizares. Tamén en Donramiro conmemoran as vixilias de aniversario, defuntos, fin de ano, festa do patrón San Pascual Bailón, … En 1908 acordan trasladar as vixilias á igrexa parroquial de Lalín (situada no que hoxe é a praza de Loriga, pois a nova igrexa estaba aínda en construción) para facilitar a concorrencia dos fregueses.

A Adoración Nocturna estendese polas parroquias do Concello. En xuño de 1904, créase a sección de Moneixas, a que máis tempo perdurou, gracias ao impulso do sacerdote Andrés Cagide logo da súa chegada a parroquia en 1916; como proba a celebración do 25 aniversario da súa fundación cunha gran festa relixiosa en Lalín en 1929, á que acudiron representantes da maioría das seccións Galicia e do Consello Supremo de España e a sección de Madrid.

A de Vilatuxe, unha das máis activas, fúndase en xullo de 1904, presidida por José García Mámoa, co párroco Primo Madriñán como director espiritual. En agosto de 1907 constitúese a do Corpiño e en xuño do ano seguinte a de Barcia.

Unha ampla representación da Adoración Nocturna de Lalín acode á peregrinación a Zaragoza en setembro de 1908. Están presentes as seccións do Corpiño, Vilatuxe, Moneixas, Barcia e Lalín cos seus directores e presidentes, ademáis do deputado provincial Antonio Domínguez Fociños, coa súa muller e dúas das súas fillas, e algúns sacerdotes dezaos. Boa parte dos asistentes continúan despois viaxe a Lourdes.

Celebran anualmente, polo verán, a Festa das Espigas, que aproveitan para a propagación da Adoración por outras parroquias. A festa organizábana conxuntamente todas as seccións do concello, participando nela comisións de Lugo, Parada e Senande. Temos noticias das celebradas en Botos en 1906, Soutolongo en 1907 e Bendoiro en 1908.

Manuel Igrexas

Advertisement