Atrás

Atrás
Portada do número 1 de Atrás

O republicanismo agromou en Lalín en 1930. Na primavera dese ano formouse unha Comisión Xestora Republicana e o 8 de xuño celebrouse a reunión constitutiva do Centro Republicano de Lalín. Nesta asemblea aprobouse o Regulamento do Centro e nomeouse a Directiva que integraban: Manuel Ferreiro, presidente; Leonardo García, vicepresidente; Marcelino García, secretario; Rogelio Rodríguez, tesoureiro e Armando Otero, Manuel Fernández e Antonio González como vocais.

Propoñíanse estes entusiastas republicanos facer unha campaña de propaganda das súas ideas, organizando mitins e conferencias. Para darlle difusión, crearon o periódico Atrás : Semanario editado por el Centro Republicano de Lalín. O primeiro número saíu o 13 de setembro, sábado (para que ós domingos puidera lerse en todas as parroquias). Aínda que a intención era que fose un semanario, polas novas que temos parece que só chegou a ver a luz este primeiro número que amosamos. O director era o propio Manuel Ferreiro. Constaba de 8 páxinas, cun formato 22×35 cm. Estaba ilustrado con fotografías da vila e comarca de Gabriel Alonso, como as que se poden ver na portada.

Este era o seu manifesto editorial: “Este semanario nace para defensa del trabajador, del obrero, del labrador, de la democracia y de cuantos necesitan apoyo para hacer frente a la injusticia y a la tiranía. ¡Labradores y obreros del partido de Lalín! Si algún déspota os persigue injustamente, acudid a este periódico, que el exigirá justicia para la injusticia. Para ello tiene que contar con vuestro apoyo, que es el suyo”.

Este exemplar inclúe un editorial titulado “Adelante”, un artigo de J. Echeverría Nóvoa “Galicia y la Dictadura”, unha reportaxe sobre a vila: “La hermosa y abandonada villa de Lalín” probablemente de Xesús Golmar. Aparecen noticias de interese local e comentarios críticos sobre a actuación do goberno municipal de Bernardo Madriñán. Ao longo das súas páxinas encontramos, en tipografía destacada, unha serie de consignas que resumen as intencións e ideoloxía do semanario: “Asociese V. al Centro Republicano”, “Todos contra el caciquismo”, “¡Agricultores: derribemos al cacique!”, “Extirpemos de una vez al inmundo caciquismo, que es la peor plaga que tenemos sobre nosotros”.

Atrás 2
Lema

Pecha o número un artigo titulado “¡Hasta los militares abusan del humilde ciudadano de Carbia!”, que lle custou ao director Manuel Ferreiro unha denuncia no Xulgado. No artigo faise referencia a un oficial do exercito español que aluga unhas habitacións en Cruces para pasar a tempada de verán coa familia; ao cabo de dous meses deciden mudarse e cando o propietario lles reclama o alugueiro, o comandante denúnciao por inxurias á familia. José Álvarez Chas, comandante de Infantería, representado polo procurador Román Gutiérrez, principia unha querela criminal por inxurias contra o director do periódico pola publicación deste artigo.

Descoñecemos o resultado da denuncia; porén, pese a todo, as actividades republicanas continuaron cunha serie de conferencias como a que pronunciou o presidente do Centro, Manuel Ferreiro, en Soutolongo o 30 de novembro sobre “O dereito político nas nacións modernas”.
Para culminar esta campaña, os republicanos prepararon un mitin, que despois de varias prohibicións do gobernador civil, celebrouse finalmente na tarde do domingo 7 de decembro de 1930. Ao Campo da Feira de Lalín acudiron representacións do republicanismo de diversas parroquias da comarca e mesmo de Chantada. Presentados por Ferreiro, interviron José Echeverría Nóvoa, Poza Juncal, Peña Novo e Romero Peláez. Clausurou o acto Antón Vilar Ponte. Os oradores falaron da necesidade dun cambio de réxime. Celebrouse despois un banquete popular no que participaron máis de corenta persoas.

Manuel Igrexas.