Os monos de Laxeiro

monos-laxeiro-1
O primeiro dos monos de Laxeiro

Hai uns meses, buscando datos para ampliar a investigación sobre a República no Deza, ao revisar os exemplares do xornal El Pueblo Gallego do ano 1929, topeime cun debuxo asinado por Laxeiro que ilustraba a primeira páxina do periódico do 3 de xullo.
Estrañoume, xa que descoñecía que Laxeiro tivera colaborado na prensa nesa época. Seguín revisando o xornal, por ver se era un feito casual, e topeime con varios debuxos máis en números dos meses seguintes.
Documenteime para comprobar se estes debuxos estaban reseñados nalgunha das biografías do pintor. Consultei o libro de Antón Castro, Laxeiro : A invención dun mundo, o máis recente e completo sobre o autor, e comprobei que facía referencia a algunhas colaboración gráficas ou viñetas que o pintor publicara na revista Céltiga e nos xornais Faro de Vigo e El Pueblo Gallego, no período de 1928 a 1930. Pouco di o profesor Castro sobre estas viñetas, a non ser para resaltar as calidades de Laxeiro como debuxante sinxelo e intuitivo.

Propúxenme facer unha investigación sistemática neses xornais, para localizar e inventariar todos eses debuxos. O resultado foi que apareceron 49 colaboracións, entre viñetas e debuxos, repartidos entre Faro de Vigo e El Pueblo Gallego. (Na revista Céltiga só apareceu unha viñeta, no número 139 de 10 de outubro de 1930, pero xa fora publicada anteriormente en El Pueblo Gallego).

A vista de tal cantidade de colaboracións indaguei na bibliografía sobre o humorismo gráfico galego, por ver se existía algunha referencia a esta actividade do noso pintor: Hai unicamente un artigo, o de Clodio González Pérez (o maior estudoso dos nosos humoristas) titulado “Aproximación á historia do humor gráfico galego”, no libro que recolle os relatorios presentados ao 1º Seminario galego do humor, publicado por Edicións do Castro, no que aparece unha pequena referencia a Laxeiro:
Anque o seu forte foi sempre a pintura, na xuventude tamén se adicou ó dibuxo de humor, publicando varios monos en EL PUEBLO GALLEGO (1929) e FARO DE VIGO.
Ilustra este artigo a reprodución dun deses monos publicado no Faro de Vigo, á única da que temos noticia ata hoxe.
É Clodio González quen utiliza a denominación de monos para estes debuxos humorísticos, recollendo así a nome co que eran coñecidos na época en que foron publicados, e nos mantémola.

O primeiro debuxo apareceu no Faro de Vigo en setembro de 1928. Neste xornal publicou 9 monos durante o período que abarca de setembro de 1928 a marzo de 1929 (e outro que apareceu serodiamente en setembro de 1929). Por que apareceron nese momento e por que no Faro de Vigo?
Nesta época Laxeiro, logo da súa volta de Cuba, vive en Lalín, dedicándose ao oficio de barbeiro, aínda que debuxa sen descanso a clientes e paisanos. Non é coñecido como pintor fora do ámbito comarcal. En 1928, coñece a Manuel Colmeiro, o pintor de Silleda, a quen lle ensina os seus traballos que segundo o propio Laxeiro lle gustaron moito. Colmeiro xa publicara algúns debuxos no Faro de Vigo, e acababa de facer unha exposición en Vigo, no salón do xornal. É posible que fose Colmeiro quen animara ao de Lalín a enviar os seus traballos a Faro de Vigo.

Ademais, a fins de agosto de 1928, comeza a traballar como correspondente de Faro de Vigo en Lalín o xornalista e poeta Xesús Froiz, amigo de Laxeiro, co que despois coincidiría na militancia do Partido Galeguista. Nas súas crónicas da vida de Lalín, o xornalista fai varios eloxios da calidade dos debuxos e retratos de Laxeiro, mesmo menciona que en outubro de 1928 estivo exposto no escaparate da Xastrería El Buen Gusto, que rexentaba o seu pai, un retrato do avogado de Pontevedra Isidoro Millán feito por Laxeiro, que foi moi louvado por todos os veciños. Ao respecto comenta Froiz: ¿qué se hace para sacar este rapaz adelante? ¿Qué esperan los lalinenses para sacar al Laxeiro de rapar barbas? Lalín tiene la palabra.
Non é difícil imaxinar que foi a través do propio Froiz como estas colaboracións chegan a materializarse. Moito máis se temos en conta que rematan moi pouco antes de que Froiz deixe a corresponsalía de FARO en xuño de 1929.

Quizais por iso Laxeiro empeza a colaborar cos seus debuxos en El Pueblo Gallego, o outro xornal de Vigo, que tamén ten correspondente en Lalín, José María Calviño, amigo de Laxeiro, e curiosamente logo tamén militante do Partido Galeguista.
En El Pueblo Gallego publica un total de 38 monos e un debuxo. O primeiro aparece en xullo de 1929 e o derradeiro en xaneiro do ano seguinte. Todos na primeira páxina do xornal, o que da idea da estima que adquire como debuxante neses momentos.
Non temos localizado outras colaboracións na prensa da época, fora da xa mencionada de Céltiga, polo que podemos conxecturar que o artista abandona esta actividade para concentrarse na pintura.

Percíbese nestes debuxos algunhas das características do que logo sería o estilo de Laxeiro. A súa formación como debuxante venlle das clases nocturnas da sección de Belas Artes da Escola Concepción Arenal do Centro Galego, e do seu traballo como proxectista de vidreiras na Habana. A profesora Marisa Sobrino atribúelle precisamente ao deseño de vidreiras o gusto pola liña grosa e destacada de contorno na súa dicción plástica. En xeral, o estilo dos debuxos é sinxelo, inxenuo e ás veces arcaizante; aínda que se percibe tamén nalgúns unha certa evolución e a experimentación de novas formas.

Laxeiro ten tamén presentes aos grandes humoristas gráficos galegos que publicaban na prensa da época: Manuel Torres, o propio Castelao e Vidales Tomé son os máis importantes, os que teñen un estilo máis definido, e dos que podemos percibir a influencias nestes monos do de Lalín. Nalgúns é apreciable tamén a pegada de Maside.

Polo que respecta aos temas que trata, son na súa maioría os referidos ao mundo rural, ao que demostra coñecer moi ben. Son aspectos da vida na aldea, as conversas entre os vellos, as relacións entre homes vellos e mozas novas, a borracheira, a taberna, os xeitos de mocear, os casamentos, as novas modas das mulleres, as diversións dos rapaces… En moi poucos aparecen asuntos da actualidade política ou social.

Na parte literaria dos monos destaca o uso exclusivo do galego, lingua que empregan todos os personaxes e que lles serve como distintivo; os títulos están tamén sempre en galego. O tipo de humor é choqueiro con certas doses de picardía e aparece case sempre como desenlace dun diálogo entre os personaxes.

O debuxo que reproducimos, “Vergoña…”, co que Laxeiro inicia as súas colaboracións, figura na primeira páxina do Faro de Vigo do xoves, 13 de setembro de 1928. É un debuxo sen pe, que non pretende ser humorístico, senón mais ben caricaturesco, plasmando con pureza de liñas unha escena do mocear entre labregos, a vergoña dos mozos novos que inician unha relación. O máis destacable son os rostros dos personaxes, nos que cunha realización sintética consegue reflectir xestos e expresións que singularizan a acción, especialmente no do mozo.

Manuel Igrexas