Con Razón: Viva a República

Razón
Portada do periódico Razón.

Cando Jesús Iglesias, o director de Razón, busca un nome para o xornal, repara na máxima que dende antigo identificaba aos lalinenses: ¡Viva Lalín! Con razón ou sen ela. Pero o refrán non é axeitado para un agrarista, demócrata e republicano: Elimina a segunda parte da disxunción e ao signo localista engádelle Galicia enteira. Nesta andaina úneselle Xesús Froiz, un xornalista e poeta cos mesmos ideais. Fan así de Razón un periódico republicano e galeguista defensor dos labregos e proletarios.

Queremos hoxe, 14 de abril, día da República, unha data transcendental para eles, aportar algúns datos das actividades destes dous importantes xornalistas lalinenses aos que compre (con razón) render unha homenaxe de recoñecemento público.

Jesús Iglesias Surribas nace en Anseán o 7 de marzo de 1891. Aos catorce anos emigra co seu cuñado a Cuba, onde realiza algúns estudos. As súas inquedanzas pola mellora das condicións dos que quedan na Terra lévano a participar na vida societaria da colonia galega, integrándose en Hijos del Partido de Lalín en La Habana (onde é vocal e vicesecretario de varias directivas). Nestes anos monta unha imprenta. En 1920 funda con outros lalinenses o Club Lalín de La Habana, con fins de instrución. En 1921 embarca para Galicia. Instalase en Prado, onde funda xunto con Máximo López Carral (tamén ex emigrado en Cuba) o periódico agrarista Verdad y Justicia. O xornal, que aparece o 18 de abril de 1922, convértese no voceiro do agrarismo comarcal; de seguida ten problemas coas autoridades relixiosas, que o tachan de masón e espiritista, prohibindo a súa lectura o bispo de Lugo. O mesmo Jesús Iglesias colabora coa Federación Agraria Comarcal. En decembro de 1924 as presións da Ditadura de Primo de Rivera fan que peche o xornal, marchando precipitadamente a Cuba. Alí volve integrarse na vida societaria no Club Lalín, do que se converte en presidente en 1928. Non esquece o seu proxecto, e teima en volver para publicar de novo Verdad y Justicia. Pero non poderá facelo ata 1933. Nese ano regresa a Lalín, ponse en contacto co impresor Celso Carrón e o xornalista Xesús Froiz e crea Razón, que aparece o 18 de xullo. Pouco dura esta nova aventura xornalística, xa que en novembro a dereita gaña as eleccións, comezando unha campaña de acoso á prensa esquerdista. Nos primeiros meses de 1934 pecha Razón. Jesús continúa na loita política ingresando no Partido Galeguista, pero as dificultades son cada vez maiores, sobre todo a raíz da represión desencadeada pola revolución de Asturias. Embarca novamente para Cuba en maio de 1935. Continúa alí o labor xornalístico, agora como administrador de Cultura Gallega, a revista que dirixe o silledense Adolfo Víctor Calveiro. Prosegue coa súa actividade como impresor ata que en 1957 sofre unha trombose. A partir deste momento ten que abandonar o traballo e sobrevive penosamente ata a súa morte en 1978.

Xesús Froiz Gómez nace en Moneixas en 1902, fillo de Gerardo Froiz, que ten unha afamada xastrería na vila de Lalín. Estuda en Lugo, onde comeza a súa andaina como xornalista. E tamén como poeta: baixo o pseudónimo de El cantor del bosque publica en revistas americanas (Eco de Galicia de La Habana) algunhas composicións de tema social con Galicia como fondo (“Galicia chora”). En 1928 faise cargo da correspondencia de Faro de Vigo en Lalín, co que colabora ata fins de 1929. Coa chegada da República, o alcalde Manuel Ferreiro noméao garda municipal. Cando Jesús Iglesias funda Razón, traballa como redactor no periódico e tamén publica nel algúns poemas (agora co pseudónimo de Recaredo). En 1934 a Comisión Xestora radical césao como garda municipal. Ingresa no Partido Galeguista. Convertese en animador e propagandista de Os Dezas, os gaiteiros de Moneixas, e en colaborador de A Nosa Terra, o periódico galeguista. Nas eleccións de febreiro de 1936 participa na campaña electoral da Fronte Popular dando mitins pola comarca. E en xuño, tamén na campaña do Estatuto de Autonomía. O 4 de agosto detéñeno e ingresa na prisión de Lalín, onde permanece ata o 9 de outubro, en que coa desculpa dun traslado á prisión de Caldas, os falanxistas asasínano na Estrada.

Manuel Igrexas.

Advertisements