A Casa dos Obreiros de Lalín

O movemento obreiro na Comarca de Deza adquire a súa maioría de idade coas obras do ferrocarril Zamora-Coruña. Ao longo do trazado vanse creando unha serie de sociedades obreiras para a defensa dos traballadores alí contratados.

As mais importantes, e as primeiras en legalizarse, foron a Sociedade Obreira da Pontenova Donsión e a Sociedade Obreira da Ponte (Silleda), ambas vinculadas á UGT. A estas seguíronas outras en Botos, Vilanova, A Xesta, Bendoiro, Pontenoufe… e a propia Sociedade de Oficios varios de Lalín. Estas sociedades agrúpanse na Federación de Sociedades obreras y de agricultores del Partido de Lalín (da que será secretario Manuel Quintana) que se legaliza no Goberno Civil de Pontevedra o 28 de outubro de 1931.

Conforme se van organizando, vese a necesidade de contar cun local para sede social. En setembro de 1932 a Sociedad de Oficios varios del Ayuntamiento de Lalín adquire un terreo na feira e comeza a construción dun Centro Obreiro. Temos noticias deste feito por unha instancia que o presidente desta sociedade, Avelino Couto, presenta ante o Concello o 10 de setembro solicitando autorización (e que se lle sinale liña) para construír unha casa na “feria de las caballerias de esta villa”. O Concello da a autorización na sesión do día seguinte, 11 de setembro.

Parece que a Sociedade ten problemas económicos para rematar o edificio (a obra está paralizada como paralizadas están as obras do ferrocarril) e busca axuda e protección no Concello. Así, o 9 de febreiro do ano seguinte, o mesmo Avelino Couto, en representación de todos os afiliados á Sociedade, solicita á Corporación Municipal “porque conocemos sus anhelos por prestar la mas decidida protección a todo aquello que esté cimentado en el progreso y la justicia” un donativo para finalizar a construción dun edificio con destino a domicilio social “ya que la grave crisis por la que atravesamos todos los obreros ha logrado rendir hasta nuestros mas abnegados esfuerzos”. O Concello accede á petición e na acta do Pleno de 12 de abril de 1933 acordan:

“De la consignación de Imprevistos se acuerda conceder una subvención de doscientas cincuenta pesetas a la Sociedad Oficios Varios del Ayuntamiento de Lalín para la continuación de las obras del edificio social que están realizando en las inmediaciones del Campo de la feria de esta Villa, teniendo en cuenta que fue de las primeras Sociedades obreras creadas en el municipio y al afectar a todo el Ayuntamiento.”

A importancia deste acordo vese subliñada porque ante o temor de que non existise constancia do mesmo, pola desaparición dalgúns Libros de Actas durante a inspección de principios de 1934, no Pleno de 27 de marzo de 1934 sinalase:

“a fin de que haya constancia de diferentes acuerdos tomados se cargan a Resultas los siguientes pagos: doscientas cincuenta pesetas del capítulo 18 del presupuesto de 1933 a la Sociedad de Oficios varios de Lalín como subvención para las obras del edificio social que están construyendo junto al campo de la feria.”

O Centro Obreiro remátase finalmente. Segundo testemuñas que o recordan, o edificio era de planta baixa, con paredes de cachotería e tellado de uralita, de aproximadamente 8 x 12 m. Estaba situado fronte ás actuais escaleiras que baixan á Rúa Rosalía de Castro desde a Avenida de Buenos Aires, nun solar que hoxe ocupa unha das casas que rodean o actual campo da feira.

A memoria popular lembra que foi expropiado e nel construíron unha báscula para pesar o gando; abríuselle unha porta detrás para que os animais entraran por un lado e saíran polo outro. Chamábanlle “a casa dos obreros” e dicíase que fora incautada.

Temos algunha constancia documental desta incautación: No Libro de Saída de Correspondencia do Concello de Lalín de data 13 de xaneiro de 1938, co nº 108, figura unha comunicación dirixida ao Xuíz de 1ª Instancia e Instrución de Lalín, na que, en resposta á solicitude de datos referentes aos bens que posúe a entidade Federación de Sociedades obreras y agricultores del Partido, o Concello comunícalle: “Que la casa de planta baja del campo de la feria pertenece a la entidad ‘Canteros y Oficios varios’”.

Manuel Igrexas