75 anos con Loriga

Estatua de Loriga 1933

Monumento a Loriga en Lalín

Xa quedan poucos lalinenses que poidan gardar memoria desa data, o 27 de agosto de 1933, na que Lalín foi o verdadeiro centro de Galicia. Ese día inaugurábase o monumento que o escultor Asorey fixera ao aviador Joaquín Loriga. Unha estatua cuxa xestación, longa e laboriosa, comezara anos atrás.

Despois do éxito do raid Madrid-Manila, o 23 de xuño de 1927 foille tributado ao piloto de Pardo unha homenaxe en Lalín. Ese día, os organizadores do evento proxectaron iniciar unha subscrición popular para mercarlle un aeroplano co que alcanzase novas glorias e que levara nas ás o nome de Lalín. Pero menos dun mes despois, o 18 de xullo, Loriga morría nun accidente no aeródromo de Cuatro Vientos. Por causa disto, a Comisión pro-aeroplano, que xa levaba recadado algún diñeiro, tivo que cambiar o seu obxectivo e decidiu erixirlle un monumento na vila para perpetuar a súa memoria e a da súa fazaña.
A Comisión pro monumento, presidida polo xuíz municipal Joaquín Velón Pardo, estaba formada por Jesús Aller Ulloa, alcalde de Lalín; Gumersindo Rodríguez, párroco de Prado; José Rivas, e Teófilo García como secretario; actuaba como tesoureiro o párroco de Lalín, José María López Castro, que logo substituiría a Joaquín Velón na presidencia tras a morte deste en 1928. A finais de 1927 incorporouse tamén Gustavo Pedro Fernández, amigo persoal de Loriga.

A idea de erixirlle ao aviador un monumento costeado por subscrición popular no seu concello natal fíxose pública a principios de agosto, unha idea que axiña foi apoiada polo Concello, o cal aportou a cantidade de mil pesetas. O proxecto difundiuse inmediatamente a través da prensa galega e a do Estado, e de seguida comezaron a chegar novas contribucións, sendo un dos primeiros colaboradores o concello da Coruña, que envía 1000 pesetas a principios de novembro, seguido do concello de Carbia, con cincocentas, e de todos os demais da Comarca. Outros concellos galegos tamén fixeron o seu achegamento.
As novas chegan aos emigrados dezaos de América; as sociedades de Hijos de Lalín de Bos Aires e Club Lalín da Habana acolleron favorablemente a idea e iniciaron inmediatamente subscricións entre os seus asociados. As institucións militares e aeronáuticas, como o Real Aeroclub de España, tamén se sumaron realizando as súas achegas. Na maioría das parroquias do concello de Lalín creáronse comisións, presididas polos mestres e o párroco, para recadar fondos entre os veciños. Estas comisións parroquiais, a pesar de aportar pequenas cantidades, danlle a autentica dimensión popular á subscrición.

En 1929 dáse por rematada a recadación, conseguindo máis de trinta mil pesetas. Era o momento de decidir a quen se lle ía encargar o monumento. A Comisión escolleu o escultor Francisco Asorey, daquelas xa moi popular en Galicia e amigo persoal de Loriga, quen aceptou encantado, pregándose a todas as esixencias dos lalinenses, que tiñan a pretensión de inaugurar a estatua ao ano seguinte.

A Xunta pro monumento dirixiuse á Corporación municipal en maio de 1930 afirmando que xa se reunira a cantidade necesaria para erixir o monumento e cre chegado o momento da súa realización, solicitando que o Concello designara o lugar onde debía emprazarse. A Permanente sinalou, nese mesmo mes de maio, a Praza da Constitución como o lugar axeitado entre as tres opcións baralladas, que incluían o Campo da feira e a Praza da igrexa.

Porén, o proxecto sufriu unha paralización coa chegada da República e por mor dalgúns problemas cos fondos procedentes dos emigrados cubanos. A Comisión, adxudicada xa a execución da estatua a Asorey, tivo que volver solicitar ao Concello en setembro de 1932 que sinalase o lugar de emprazamento, así como o permiso para as obras. A Corporación pronunciouse no pleno de 2 de outubro de novo pola Praza da Constitución.
Así as cousas, Asorey instalou finalmente o monumento na Praza, pola que atravesaba a estrada Ventas de Narón – Folgoso, recentemente construída. Logo da instalación, xurdiu o problema de arranxar o lugar, xa que nel estaban instalados os pendellos da feira, propiedade de Jorge Quiroga, que accedeu ao derribo dos mesmos.

Monumento a Loriga 1933
Inauguración do monumento a Loriga o 27 de agosto de 1936

Para a inauguración, a Comisión confeccionou un amplo programa de tres días de festa, do 26 ao 28 de agosto: concertos e verbenas cos gaiteiros Os Cántigas de Santiso e Os Dezas de Moneixas, dúas bandas de música da comarca, a banda municipal de Santiago…
O día 27, ás cinco da tarde, coa presencia do aviador Gallarza, compañeiro de Loriga, os familiares, e un gran número de personalidades da política e do exército, e diante dun inmenso xentío que ocupaba case todas as rúas da vila, o Gobernador civil Angel del Castillo descubriu o monumento. A continuación pronunciaron discursos o alcalde de Lalín, Manuel Ferreiro, ao que seguiron o presidente da Comisión, o párroco José Mª López, Gustavo Pedro Fernández, Isidoro Millán, o deputado Ramón Salgado, o avogado coruñés Manuel Casás, o xeneral de Artillería José Iglesia, os directores de Aviación militar e civil, o xeneral xefe da oitava división Martínez Monje e o deputado Gómez Paratcha, que representaba ao Aero Club. Pechou o acto o Gobernador civil da provincia, que ostentaba a representación do Presidente da República.
Tamén estiveron presentes o presidente da Deputación, representes do concello de Cambados e o presidente do Seminario de Estudos Galegos, Salvador Cabeza de León. Basilio Álvarez e Ramón Cabanillas, que non puideron asistir, enviaron telegramas solidarizándose coa homenaxe. Galicia enteira estaba representada no acto.
Vinte e un aeroplanos militares, das escuadrillas de León e Getafe, e dúas avionetas voaron esa tarde sobre o monumento, lanzando flores.

O primeiro aniversario do monumento foi lembrado polo Grupo Lalín do Partido Galeguista, que organizou un acto en lembranza de Loriga no que interveu o xornalista Xesús Froiz, que se laiou do esquecemento da data, facendo unha loa a Loriga como galego universal que nunca se esqueceu da Terra. Os Dezas remataron a homenaxe co himno galego.
Hai que sinalar como curiosidade que na base do monumento, nas ás do aeroplano de pedra, Asorey representou a España e Filipinas dándose a man. Dáse o caso que ambas as representacións teñen a forma da alegoría republicana, xa que tanto Filipinas como España eran, a altura de 1933, repúblicas.
Curiosamente, a representación de España coa alegoría republicana permaneceu durante todo o franquismo sen que, aparentemente, ninguén se decatara…

Manuel Igrexas

Advertisements