A Liga de Amigos de Vila de Cruces

Liga de Amigos de Vila de Cruces 1934
A Liga de Amigos de Vila de Cruces en 1934.

Nos anos da República desenvolvéronse diversas actividades artísticas na Comarca. Unha das que acadou mais popularidade foi o teatro. As representacións realizábanas grupos de afeccionados que na maior parte dos casos pertencían a agrupacións musicais. Escenificaban algunhas obras como complemento das actuacións. Eran pequenas pezas, pasatempos, xoguetes cómicos ou sainetes, de tema rural (o chamado teatro do agro) que se facían en galego.

Un caso aparte é o Cadro de declamación da Liga de Amigos da Vila de Cruces que representando obras puramente teatrais foron moi aplaudidos polos veciños. Estes son algúns datos para a súa historia.
Xa no Entroido de 1933 temos noticias de que algúns afeccionados de Vila de Cruces tentan poñer en escena o drama de José Zorrilla El puñal del godo. A obra representase o domingo 26 de febreiro xunto co pasatempo Para vivir ben de casados, unha peza costumista de Leandro Carré Alvarellos. Acadaron un grande éxito, tanto que tiveron que repetir a velada o martes seguinte, incorporando unha nova obra: Una pieza gallega. Actuaron nestas primeiras representacións Jesús Blanco, Rodolfo Carballal, Flora e Manuel Sánchez, Luisa López, Manuel Sarmiento, Manuel García Docampo e Luis Blanco Iglesias.

Pero será no ano 1934, a partir da constitución formal da Liga de Amigos de Vila de Cruces (inscrita no Rexistro de Asociacións o 28 de xaneiro) cando formen un “Cadro de declamación” e comecen os ensaios, agora baixo a dirección de Primo López Rivadulla e Remigio Blanco.
As primeiras representacións foron en febreiro, puxeron en escena dúas obras de Alfredo Nan de Allariz: Un zoqueiro de Vilaboa, cadro de costumes cunha certa dose de protesta social e Un gallego en Madrid. Volven actuar nas festas patronais da Piedade dese ano con: El artículo 255, Todo ten goberno de Xavier Prado Lameiro (un sainete no que se tratan os problemas matrimoniais que trae consigo a emigración) e O vello dos contos. Dado o éxito acadado, o grupo pensa en iniciar unha pequena xira polas vilas veciñas (Lalín, Silleda, Arzúa, Melide,…) para recadar fondos con fins benéficos.

A esta época corresponde a fotografía, nela aparecen moitos dos integrantes do grupo: Flora Sánchez, Luisa López, Pura Ferreiro, Remigio Blanco, Luis Villar, Manuel Sánchez, Antonio Castro, Manuel García, Guillermo Pampín, Amable Vázquez, Manuel López, José Ferreiro, Primo López, Bautista Chorén, Alberto Villar e Manuel Sarmiento.

Continúan ensaiando e o domingo de Entroido do ano seguinte (1935) representan nun almacén habilitado como salón de teatro na vila de Cruces as obras: Ollo cos estudiantes de Manuel Bergueiro, a comedia infantil Un vendedor ambulante e Almas sinxelas, unha obra de costumes con intriga amorosa, de Xavier Prado Lameiro.

Non temos máis noticias do grupo desde esas datas. Aínda que si sabemos do destino de moitos dos seus interpretes, que o mesmo que outras moitas experiencias de teatro popular da época como La Barraca dirixida por Federíco García Lorca, non concibían a arte separada da intervención social e política. Primo López Rivadulla, o director e principal animador da agrupación, que era oficial do Concello de Carbia, foi condenado a pena de morte en consello de guerra e fusilado o 26 de xaneiro de 1937, pola súa militancia en Izquierda Republicana. No mesmo proceso e polos mesmos motivos, foi xulgado Manuel Sarmiento Debén, que correu a mesma sorte que Primo. Luis Villar foi tamén condenado a morte. Outros foron detidos e pasaron pola experiencia da prisión.

Manuel Igrexas