Os Dezas e o Partido Galeguista

Na época da República Os Dezas de Moneixas eran xa coñecidos e reputados como gaiteiros, gozando en toda Galicia de prestixio e fama. Lembremos as novas que da Razón da súa actuación nas festas de San Froilán de Lugo do ano 1933, onde se enfrontaron aos gaiteiros de Soutelo de Montes, realizando unha brillante actuación.

Hoxe vamos falar doutros aspectos menos coñecidos da súa actividade artística e política:
A partir de 1934, Os Dezas comezan os ensaios para converterse nunha agrupación teatral (ou cadro de declamación, como eles se denominaban). Sen abandonar as facetas tradicionais da súa actividade (a música popular, o canto e o baile), os de Moneixas engadiron a estas o teatro; e o teatro exclusivamente en galego.
Fixeron a súa presentación como “agrupación artística” no Salón do Casino de Lalín en xaneiro de 1935. Nun local abarrotado de público, sobre todo das clases populares, foron presentados polo galeguista Manuel González Rodríguez, que deu unha breve conferencia de exaltación folclórica insistindo na necesidade de fomentar a afección a toda manifestación artística galega. A actuación comeza coa interpretación das pezas clásicas do seu repertorio: “Unha noite na eira do trigo”, “¿Que ten o mozo?”, “Airiños”, “Ruada” e “Alalá de Deza”. A continuación poñen en escena a súa primeira obra teatral “Mal de Moitos”, para volver de novo á música con “Foliada”, “Os teus ollos”, “Romaxe” e “Canto dos pinos”. Rematan a actuación coa interpretación do Himno galego.
Dado o éxito desta velada, o 18 de febreiro teñen que repetir a actuación, esta vez volven representar “Mal de moitos” á que se engade “Ollo cos estudantes”, o xoguete cómico de Manuel Bergueiro. Son presentados por outro galeguista: o xornalista Xesús Froiz, tamén vinculado a Moneixas, que se converteu por esta época en promotor e animador do grupo.

Fixeron outras moitas actuacións por vilas e parroquias de Galicia, entre as que merece destacarse a do Entroido dese ano no Casino de Melide.
Pero o que quixéramos deixar aquí patente é a vinculación de Os Dezas co Partido Galeguista. Os membros do grupo afílianse ao Partido Galeguista o 27 de febreiro de 1935. Pero non son uns simples militantes. Xa comentamos máis arriba, que nas súas actuacións eran sempre presentados por membros do PG. Tamén hai que sinalar que na homenaxe que o Grupo Galeguista de Lalín lle fixo a Loriga, ao cumprirse un ano da inauguración do seu monumento, participaron e actuaron Os Dezas. E na velada da despedida aos membros do Seminario de Estudos Galegos logo da súa estadía en Lalín en 1935, presentados por Manuel González.

Esta vinculación vese subliñada en varios artigos de apoio á labor dos gaiteiros, aparecidos no xornal A Nosa Terra, semanario do Partido Galeguista, no mesmo ano 1935 e asinados por militantes de Lalín como Fernando Goyanes (Ánimo Dezas) e o mesmo Manuel González. Nun artigo de Xesús Froiz, publicado en setembro, este anuncia a todos os Grupos do Partido e ás Mocidades Galeguistas, a organización dunha homenaxe aos Dezas, que consistiría nunha festa coa entrega dunha bandeira galega ao grupo. Propón que sexan Castelao e Víctor Casas os que fagan o ofrecemento, porque di, son moi admirados polos gaiteiros. O Grupo Galeguista de Lalín, daquela presidido por Enrique Vidal Abascal, inicia a subscrición para a bandeira con cinco pesetas.
Os propios gaiteiros sosteñen un anuncio en A Nosa Terra no que ofertan a súa actuación como grupo enxebre con este texto dirixido aos militantes galeguistas:

IRMÁNS: Cando queirades ter unha festa propia d’a Terra, non deixés de chamar os Gaiteiros “OS DEZAS” de Lalín-Moneixas (Pontevedra) CANTO PROPIO. PAREXAS DE BAILE. CADRO DE DECLAMACIÓN.

Unha das últimas actuacións das que temos noticia no período republicano, foi a que fixeron no mitin do Partido Galeguista da Estrada o 12 de xaneiro de 1936. Os Dezas deron antes do mitin un concerto de música popular, e despois das intervencións de Ramón de Valenzuela, Alexandre Bóveda e Castelao, o coro e os gaiteiros interpretaron o Himno galego e outras pezas.

Manuel Igrexas