O Seminario de Estudos Galegos no Deza

SEG en Lalín
SEG en Lalín, 1934.

A fotografía foi realizada en xuño de 1934, diante da casa de Ramón María Aller en Lalín. Nela aparecen os membros do Seminario de Estudos Galegos, que estaban realizando unha das “xeiras” ou traballos de conxunto na Terra de Deza, acompañados do alcalde de Lalín, Manuel Ferreiro.

O Seminario comezou o estudo da Terra de Deza en 1928, e continuouno en sucesivas campañas en 1930, 1931, 1932 e 1934, para finalizar en 1935. O obxectivo era realizar un estudo integral da Comarca. Para iso, os membros do SEG recorreron toda a zona visitando castros, igrexas, pazos, romarías, facendo análises xeolóxicas, etc. Todo este material ia ser recollido nun libro que baixo o título Terra de Deza proxectaba editar o Seminario, semellante ao que se publicou logo dos seus traballos na Terra de Melide.

O SEG estaba dividido en Seccións: Arte e Arqueoloxía, Etnografía e Folclore, Historia, Xeoquímica, Música, … Cada unha delas estaba dirixida por personalidades de prestixio cos que colaboraban varios axudantes (xeralmente alumnos da Universidade). En Lalín estiveron as figuran máis importantes do Seminario: Salvador Cabeza de León, Otero Pedrayo, Castelao, Xaquín Lorenzo, Cuevillas, Carro, Fraguas… Aquí contaban coa colaboración de Ramón María Aller, que publicou algúns traballos nos Arquivos do SEG.

Especialmente importantes foron as campañas de 1930, na que aproveitando a súa estancia nestas terras Ramón Otero Pedrayo deu unha conferencia no Casino de Lalín sobre a Historia de Galicia (a primeira vez que se escoitou a nosa lingua no Casino).

Estes traballos espertaron o interese dos emigrados e, durante a campaña de 1931, chegou a Lalín Jesús Puga, secretario das Sociedades “Club Lalín” e “Hijos del Partido de Lalín” de La Habana, a fin de ofrecer a axuda destas sociedades para costear a publicación dos traballos da Terra de Deza.

Pero a campaña máis importante foi a realizada no verán de 1934. Estiveron presentes un numeroso grupo de investigadores acompañados dos seus axudantes, mesmo se realizou en Lalín a Reunión Plenaria do Consello do Seminario. Só nesta estancia fixéronse 300 fotografías de monumentos e construcións populares, romarías, etc; levantáronse plantas duns 30 edificios, …. Rodouse unha reportaxe cinematográfica (Barreiro, da Casa Folk) que recollía imaxes do traballo dos investigadores e que, baixo o título El Seminario de Estudios Gallegos en Deza foi distribuído pola agrupación xuvenil “Ultreya” e exhibido en salas de Santiago, Padrón e Noia. O vicerreitor da Universidade Luis Iglesias e o director do Instituto de Pontevedra Bibiano Fernández Osorio-Tafall, impartiron sendas conferencias sobre temas agrarios. Ao finalizar esta “xeira” foron homenaxeados polo pobo de Lalín.

A esta campaña corresponde a fotografía, na que aparecen, en primeira fila: Ramón Otero Pedrayo, Antón Iglesias Vilarelle, Isidro Parga Pondal, Manuel Ferreiro Panadeiro, Pedro Brañas Cancelo, Bibiano Fernández Osorio-Tafall, Robustiano Fernández Cochón, Vicente Risco, Sebastián González García-Paz, Antonio Taboada Roca, Paulino Pedret Casado e Jesús Carro García. Detrás: Antón Fraguas, Jaime Vidal Rey, Enrique Longa Vázquez, Ricardo García Suárez (Xohán Ledo), Xaime Illa Couto, Ferreirós Espinosa, Florentino López Cuevillas, Vicente Hermida e Anxelo Ramos Colemán.

A derradeira campaña tivo lugar en 1935, e nela xa se fala de que os traballos van ser recollidos en tres volumes, debido á magnitude do estudo realizado. Foron despedidos cunha velada musical dos gaiteiros de Moneixas Os Dezas, presentados por Manuel González Rodríguez.

Os volumes de Terra de Deza non chegaron a ver a luz. Estaban en prensa, na imprenta de Ánxel Casal, cando aconteceu o golpe fascista do 18 de xullo. Parte do material destinado a esta publicación foi usado na Historia de Galicia, que baixo a dirección de Otero Pedrayo, se editou en Buenos Aires en 1962.

Manuel Igrexas