
Perfecto Lorenzo foi tenente do exército republicano, participou na resistencia francesa contra a ocupación alemá e na guerrilla antifranquista en Asturias
Traemos hoxe noticias dun lalinense singular, que participou nos episodios máis relevantes e dramáticos da historia do século XX.
Perfecto Lorenzo Calviño naceu en Alemparte en 1918, foi o terceiro fillo de José Lorenzo Sarandeses e Florinda Calviño Vázquez. Os seus primeiros anos coinciden co final do período da Restauración e a Ditadura de Primo de Rivera. É a época da loita agrarista, da que chegaban ecos a Alemparte da veciña parroquia de Pedroso, en Rodeiro, onde a Sociedade de Agricultores de Sta. María de Pescoso tiña grande influencia. Participa na construción da escola que os veciños da aldea rematan en novembro de 1928 grazas á axuda dos emigrantes do Club Lalín de La Habana. Alí recibe a súa primeira formación.
A chegada da República significou para estes mozos unha toma de conciencia e a ampliación das súas perspectivas: a chegada de información, os novos mestres, a participación en mobilizacións sociais e políticas, fan espertar en Perfecto a conciencia social. Ao iniciarse a sublevación fascista en xullo do 36 vive tamén os primeiros momentos da represión: destitucións, detencións, paseos, os primeiros fuxidos…
En 1937, ao ser chamada a súa quinta, foi mobilizado e tivo que marchar á guerra, xa decidido a desertar á primeira oportunidade. Destinado á fronte de Aragón, o 8 de febreiro de 1938 pasouse ao bando leal en Valmadrid (Zaragoza) mentres se desenvolvía a batalla de Teruel. Integrouse na 149 Brigada Mixta do Exercito Republicano (chamada a da pana, por vestir así todos os seus integrantes). Trasladado a Madrid, volveu de novo á fronte de Aragón para tomar parte coa 149 Brigada na Batalla do Ebro: participou na toma de Gandesa, Cervera, Sierra Cabals. É nesta época cando se integrou no Partido Comunista.
Ao rematar a campaña do Ebro ingresou na Escola Popular de Guerra de Barcelona, dirixida polo xeneral Cordón. Alí fixo un curso acelerado e saíu como tenente de metralladoras pouco antes da caída de Cataluña. Nomeado capitán accidental dun batallón divisionario que cubría a retirada das tropas republicanas cara a fronteira francesa, foi o encargado de voar as pontes de Olot, camiño de Francia.
Como o resto dos milicianos, as autoridades francesas conducírono a improvisados campos de internamento, onde foron tratados máis como prisioneiros que como refuxiados. Perfecto pasou primeiro polo de Argèles-sur-Mer e despois por Saint-Cyprien.
Desde 1941 participou na resistencia contra a ocupación nazi de Francia. Alcanza o grao de comandante das forzas do interior como membro da Agrupación de Guerrilleros Españoles. En 1944, logo do desembarco aliado en Normandía, e xa cos alemáns en retirada, o seu grupo capturou un batallón do exercito alemán. Entrou coas tropas de liberación en Toulouse. Logo da vitoria, continuou mobilizado, realizando cos maquis exercicios tácticos en Pau para preparar a futura invasión de España, que os exiliados agardaban como inminente.
Esta produciuse o 17 de outubro de 1944 cando case 4.000 guerrilleiros atravesaron a fronteira española e ocuparon durante doce días o Val de Arán. Perfecto participou na invasión, que fracasou aos poucos días ao non poder tomar a vila de Viella.
A estratexia do Partido Comunista seguía sendo a de continuar a loita armada contra o réxime de Franco, polo que se viu obrigado a estruturar un movemento guerrilleiro que se convertese na mecha da insurrección popular. Xa desde o verán de 1944 foi infiltrando en territorio español pequenas partidas de maquis e cadros políticos, co encargo de transformar aos grupos de fuxidos e integralos en unidades guerrilleiras. Perfecto Lorenzo formou parte da primeira expedición que chegou a Asturias en 1945 baixo o mando de Agustín del Campo, xunto con outros cinco militantes. Logo de participar nalgunhas accións armadas, Perfecto e o seu compañeiro José Terrón Vila foron capturados en outubro en Campiello. A sorte quixo que non foran fusilados, sendo xulgados nun proceso que os condenou a cadea perpetua.
Logo de pasar dous anos na prisión de Oviedo, trasladárono ao penal de Burgos, onde o franquismo ordenou concentrar aos dirixentes mais perigosos do PC, PSOE e CNT. Isto fixo que a Prisión Central de Burgos se convertese no núcleo da resistencia carceraria antifranquista. Perfecto recibiu alí formación política e cultural xa que o cárcere se convertiu nunha Universidade popular. Baixo a dirección do PC, organizase a formación e discusión política e ideolóxica e danse clases de cultura xeral: francés, inglés, física, matemáticas, xeometría e debuxo, literatura e linguaxe, xeografía física e económica, peritos industriais e organización do traballo, historia universal e de España; para o que contaban con excelentes profesores entre os presos. Existía tamén un parladoiro literario que realizaba debates e representacións escénicas e elaboraba revistas. Na cadea facían tamén un periódico e publicaban o resume semanal de Radio España Independiente.
O paso pola cadea de Burgos serviu para que espertara en Perfecto a súa vocación literaria: na súa cela escribiu a novela Amanecer, que foi sacada clandestinamente de prisión e enviada a Alemparte (onde o seu pai decidiu queimala ante o temor a que fora descuberta); e La casa de Valcorta y Sarandeses, novela que contén unha parte autobiográfica na que conta as súas peripecias desde a súa incorporación ao exercito franquista ata a estadía na prisión. Escribe tamén na prisión outro relato titulado Exploración.
En Burgos sufriu a represión do sistema penitenciario franquista, chegando a pasar seis meses en celas de castigo. Como consecuencia, enfermou, e tivérono que trasladar ao Castelo de Cuellar, que fora habilitado como sanatorio antituberculoso para presos e gardiáns.
En 1959, logo de pasar 14 anos preso, concedéronlle a liberdade provisional. Perfecto regresou á súa aldea, onde se instalou, casou, montou un pequeno bar e puxo escola nocturna. Pero a vida en Alemparte fíxoselle difícil, obrigado a presentarse á Garda Civil, sufrindo a hostilidade de parte dos seus conveciños e a presión das autoridades franquistas que non podían admitir a presencia de quen non quere renegar das súas conviccións políticas. Viuse obrigado a vender as súas propiedades e marchou coa súa familia para a cidade da Coruña.
Instalouse alí en 1961, e montou un pequeno negocio preto da Praza de María Pita. Na Coruña seguiu en contacto coa estrutura do Partido Comunista na clandestinidade, no que ocupou algunhas responsabilidades na Comisión organizadora do Partido en Galicia e no Comité Local da Coruña. A mediados dos anos sesenta rompeu a súa vinculación co PC ante o xiro eurocomunista, aínda que se mantivo vinculado a diversos medios da resistencia antifranquista.
Perfecto Lorenzo morreu na Coruña o 11 de xuño de 2001. Foi soterrado en Alemparte.
No arquivo familiar consérvanse outras obras súas escritas despois do seu paso pola prisión de Burgos: Vertigo y antorcha, unha novela de anticipación, os contos La tormenta e O xastre labrador (o único escrito en galego) e un libro de poemas que titulou Veinte poemas y una carta.
Manuel Igrexas