Centenario de Xesús Froiz, galeguista, poeta e xornalista

Xesús Froiz Gómez
Xesús Froiz

que hasta os paxaros cantando
i-os rios gurguleando
con gran fincazón,
paresce que van pregando
cos dentes richando:
¡Rebelión! ¡Rebelión!

Cúmprense 100 anos do nacemento do autor destes versos, Xesús Froiz, escritor, xornalista e militante do Partido Galeguista asasinado en 1936.

Xesús Froiz Gómez naceu en Lalín o 25 de agosto de 1903, fillo do xastre Gerardo Froiz, que tiña o seu establecemento na Praza da Constitución, e Aurea Gómez.
Estudou no Seminario de Lugo, como moitos rapaces sen recursos nesta época. Pero abandonou o seminario por enfrontamentos coas autoridades eclesiásticas, que mesmo o levaron a ser excomungado polo bispo de Lugo, polo que era coñecido polo alcume de “arrenegado”

As súas primeiras colaboracións na prensa datan de 1923, sempre nos periódicos vinculados ao agrarismo: Publicou artigos en La Zarpa, o xornal ourensán dirixido por Basilio Álvarez e colaborou tamén con Verdad y Justicia, o quincenal fundado en Lalín por Máximo López Carral e Xesús Iglesias Surribas.
Como poeta, e baixo o pseudónimo de “o cantor do bosque”, publicou nos anos vinte os seus primeiros textos na revista da emigración cubana Eco de Galicia, onde apareceeon composicións de forte contido social como “Galicia chora”.

Instalado xa en Lalín, casou en 1925 con Asunción Portas, de Moneixas, vinculándose así cos gaiteiros “Os Dezas” dos que foi promotor e animador. Traballou como axente executivo para o recadador do imposto de Utilidades (o “consumo”).

En 1928 fíxose cargo da corresponsalía de Faro de Vigo en Lalín, co que colaborou ata fins de 1929, e desde onde impulsou e promoveu a Laxeiro como pintor, facendo que os seus primeiros debuxos apareceran neste xornal. Tamén divulgou as actuacións de “Os Dezas”. Realizou desde Faro campañas a prol da consecución dun Instituto de ensino medio para Lalín, convencendo aos emigrantes de Buenos Aires para que doaran o edificio do Hospitalillo para este fin.

Colaborou cos republicanos dirixidos por Manuel Ferreiro nas súas primeiras campañas en 1930. Coa proclamación da República convértese en garda municipal, posto no que permaneceu ata agosto de 1934, cando a nova Corporación dominada polo Partido Radical cesou a todos os municipais nomeados por Ferreiro.
Seguiu nesta época traballando na prensa local, dirixiu a primeira etapa do periódico La Nueva España e formou parte da redacción de Razón, que dirixía o vello amigo retornado de Cuba, Xesús Iglesias Surribas. Aquí apareceron algúns dos seus artigos e tamén varios poemas, asinados esta vez co pseudónimo de RECAREDO. Unha composición súa dedicada ao aviador Loriga publicouse no libro homenaxe que editou o impresor Celso Carrón con motivo da inauguración do monumento en agosto de 1933.
Cando en setembro de 1934 se constituíu o Grupo Galeguista de Lalín, ingresou no Partido con outros vellos compañeiros: Celso Carrón, Xesús Iglesias Surribas, Laxeiro, Xesús Golmar…

Ao ano seguinte atopamos as súas colaboracións no xornal do Partido Galeguista A Nosa Terra, con poemas e artigos dirixidos ás Mocedades Galeguistas e desde onde propón unha homenaxe “Os Dezas”, que consistiría nunha festa coa entrega dunha bandeira galega ao grupo, que sería ofrecida por Castelao e Víctor Casas. Froiz foi o artífice de que os gaiteiros de Moneixas foran por esta época acompañantes de todos os actos do Partido Galeguista.
Na campaña para as eleccións de febreiro de 1936 participou con outros compañeiros da Fronte Popular nos mitins da Comarca. E en xuño, tamén se dirixiu aos lalinenses para pedirlles o SI no Plebiscito do Estatuto de Autonomía.

Ao producirse a rebelión fascista do 18 de xullo, e comezar a represión, deteñen a Froiz o 4 de agosto e encarcérano na Prisión de Lalín xunto a moitos demócratas. Torturado, permaneceu no cárcere ata que na madrugada do 9 de outubro un grupo de falanxistas e gardas civís o sacaron da cadea xunto ao mestre de Vilagarcía de vacacións na comarca, Manuel Guillán Abalo. Coa desculpa dun traslado á prisión de Pontevedra, meteronos nunha camioneta e partiron de Lalín. Da Prisión de Silleda sacaron a Ramón Muíños Lorenzo, o presidente de Unión Obrera de Ponte. Xa cerca da Estrada, no quilómetro 23 da estrada Chapa-Carril, sacáronos do vehículo e asasináronos, aplicando a tristemente célebre “lei de fugas”. Os cadáveres foron trasladados ao cemiterio da Estrada onde os soterraron, pero como en moitos casos de paseados, non consta en ningún rexistro a súa defunción, e aínda hoxe os seus familiares seguen agardando para facerlles un enterramento digno.

Advertisement