A pelegrinaxe ao Candán

Pelegrinaxe ao Candán

O 15 de agosto de 1933 celebrouse na cima do monte Candán unha festa pagá, un acto de culto á montaña e de exaltación de Galicia, con motivo do XXV aniversario da Sociedade “Hijos de Silleda” en Bos Aires.

A Sociedade constitúese en 1908 co obxectivo de fomentar a instrución entre os veciños do Concello (“Haced que vuestros hijos sobrepasen / el triste nivel en que nacieron” rezaban uns versos do seu himno). Froito desta preocupación é a creación de tres centros laicos de ensino primario: a escola Rosalía de Castro en Freixeiro (Laro), inaugurada en 1917; a Bernardino Rivadavia en Penadauga (Escuadro) e a Francisco Giner de los Ríos en O Marco (Siador), creada a principios dos anos vinte; que en 1933 tiñan o proxecto de converter en “Escolas Especiais de Economía Rural” para formar aos labregos, ao asumir a República o labor pola que foran fundadas.
Tamén foi “Hijos de Silleda” a promotora da Federación de Sociedades Galegas de Bos Aires, que agrupaba ás Sociedades de emigrados de toda Galicia, proxecto do que foi principal animador o silledense Antón Alonso Ríos.
Desde a súa fundación, a Sociedade combateu ao caciquismo cunha intensa propaganda, sempre a cargo do incansable Alonso Ríos, por medio de manifestos e periódicos, excitando aos silledenses a acudir ás eleccións, alentándoos para que non se deixasen dominar pola forza caciquil e apoiando ás sociedades agrarias. A primeira Corporación republicana de Silleda é resultado desa intensa labor dos emigrados.

O acto de homenaxe, organizado polo Concello, a delegación de “Hijos de Silleda” e as Sociedades agrarias, celebrase no monte Candán porque das parroquias de Parada e Laro, ao pe do monte, eran os emigrantes que fundaron e deron impulso á Sociedade e pola súa situación, desde a que se domina unha boa parte de Galicia, querendo así significar que as arelas dos emigrantes non eran só de melloras locais, senón para toda a nación.

Pelegrinaxe ao Candán 2
Pelegrinaxe ao Candán.

Congrégase na cima do monte unha grande concorrencia de veciños (uns seiscentos) de Silleda, Lalín, Forcarei e Cerdedo. Logo do xantar, as cinco da tarde, ten lugar a sesión pública do Concello dedicada a “Hijos de Silleda”.
Á sombra dunha enorme peneda no máis alto da montaña, a reúnese a Corporación, sentados o alcalde Emilio Alonso, o secretario Francisco Pichel, e os concelleiros sobre as carpazas e formando marco derredor a multitude. Abre o acto o alcalde, explicando que o motivo do mesmo é enviar unha mensaxe cordial e efusiva aos emigrantes, e cede a presidencia ao concelleiro Victoriano Souto (que fora fundador e primeiro presidente da Sociedade “Hijos de Silleda”) en medio dos aplausos da concorrencia. Souto fai unha reseña da orixe modesta e a gran obra da Sociedade, facendo votos porque Silleda siga administrado por cidadáns honrados e celosos da xustiza como a Corporación que alí está presente. A continuación intervén Alonso Ríos como Delegado especial da Sociedade, para agradecer en nome dos socios de “Hijos de Silleda” a demostración de simpatía, recoñecemento e irmandade ao Concello.
Despois, o Secretario da conta da xestión municipal, enumerando os principais logros da Corporación republicana para que sexan coñecida polos de Bos Aires. Con vivas á Sociedade e aos emigrados, o alcalde pecha a sesión.
De seguido comeza o mitin político para exaltar a liberdade, a personalidade nacional e a vontade de Galicia de ser dona dos seus destinos, empezando pola aprobación do Estatuto e o establecemento de ampla e efectiva autonomía. Aínda que estaban anunciados, non puideron asistir Ramón Otero Pedrayo que ía dar unha lección de Xeografía e Vicente Risco que falaría sobre “Como Galicia xurde na historia dos pobos”. Si o fixeron Ramón de Valenzuela, que entoa un canto á mocidade cheo de exaltación e de acendido amor a Galicia rematando cun “¡Viva Galiza ceibe!”.
Suárez Picallo da un Saúdo emocionado os emigrados que contribuíron a que a súa terra oprimida rache as cadeas que a atan e xurda un día aureolada de gloria no concerto dos pobos libres.
Intervén Eduardo Blanco Amor que fai unha invocación á Poesía galega, falando da necesidade dos poetas: “a patria créana os poetas. Un pobo que non ten poetas, ou que non sabe escoitar a súa palabra, é un pobo estéril condenado á eterna servidume espiritual”.
Pecha o acto Antón Alonso Ríos cunha afirmación da vontade de Galicia. Nun ton profético, sinala os camiños da terra, por onde di que se esparexerá o sangue de todos se é necesario. Remata con estas palabras: “Nos, desde o alto desta montaña, nunha soa voz, como un so home, proclamamos a vontade, a firme e inquebrantable vontade de Galicia de ser libre”.
Este foi, en palabras de Blanco Amor, “Tal vez o acto mais grandioso e memorable de todos cantos se fixeron para exaltar Galicia. A Sociedade “Hijos de Silleda” merecíao dende fai moito tempo. Aos 25 anos de labor continuada e sen desmaio, eu só teño unha palabra para animarnos mutuamente no camiño emprendido: ¡Adiante!”.

O Concello de Silleda está en débeda con “Hijos de Silleda” e con Antonio Alonso Ríos, aos que ten que agradecer moitas das iniciativas de cultura e progreso do primeiro tercio do século XX. E ademais, os edificios das escolas que creou a Sociedade, dos que se apropiou no franquismo a “Comisión de incautación de bienes de procedencia marxista”, pasando despois á Organización sindical, foron finalmente incorporados ao Patrimonio municipal e nunca devoltos aos seus lexítimos propietarios. Compre xa facer unha nova homenaxe que serva de recoñecemento público desta labor dos emigrados silledenses.

Manuel Igrexas