Laureano García Guitián, inadaptado ou sobrevivente?

Laureano García Guitián

O primeiro artigo aparecido na prensa sobre a hoxe popular Feira do Cocido de Lalín publicouse no FARO DE VIGO o 4 de febreiro de 1969, nas vésperas da primeira celebración. O seu autor, Laureano García Guitián, un avogado de 62 anos, gababa os produtos locais, daba a receita do cocido “estilo Lalín” e remataba cunha brincadeira sobre a dificultade de obsequiar os visitantes cunha degustación dos ingredientes do prato, que haberían de ser substituídos por simples retratos do manxar. Escrito en galego, o artigo comeza así:

Eses “motes” que puxen ó teu escudo, telos ben ganados, e hoxe unha vez máis, por “argallar” a festa, non só no sentido gastronómico, senón tamén no seu alcance “social”. A isto podémoslle chamar a “Festa da cordialidade” de cuxa virtude o cocido é símbolo.

Está sería a súa derradeira colaboración nos xornais, pois morreu tres anos despois, o 9 de febreiro de 1972.

Coñecín a Laureano García, don Laureano como todos lle chamaban, sendo un neno. Era un habitual da taberna de Ramos, na Cacharela, onde acudía diariamente para tomar o seu “chuiquito”, que eu lle servín nalgunhas ocasión, e xantar de cando en vez un cocido cos seus convidados de Pontevedra. Non sabía que aquel señor elegante e educado, sempre tranquilamente sentado nunha das mesas e en animada conversa cos seareiros do bar, gardaba na súa memoria boa parte da historia do Lalín do século XX.

Nacera en Donramiro un 19 de xuño de 1906; era o máis vello dos fillos de Manuel García Diéguez, orixinario de Camba, que puxo comercio en Lalín, e Leonisa Guitián Salgado con quen casou un ano antes. Leonisa era filla de Lorenzo de Brindisi e Bernarda Salgado, que non chegaron ao altar, aínda que Lorenzo recoñeceuna como filla seguramente por presións do seu irmán, o famoso sacerdote e párroco de Donramiro, Laureano Guitián Rubinos, autor de Unha noite na casa do tío Farruco do Penedo, de quen o noso protagonista tomou o nome.

Cursou o bacharelato no Instituto de Santiago, sendo alumno destacado, sobre todo en Historia de España. Iniciou os estudos de Dereito na Universidade compostelá, nos que enredou case toda a década dos anos vinte, rematando a carreira por libre en 1930.

As súas primeiras actuacións públicas, aínda como estudante de Dereito, aconteceron nos actos de recoñecemento a Joaquín Loriga que lle tributaron en Lalín logo da súa xesta. Foi escollido para pechar a velada que os lalinenses organizaron na súa honra no salón teatro do Casino en xullo de 1926, e, como vicepresidente da comisión da homenaxe, pronunciou o discurso de inauguración da rúa que leva o nome do aviador na súa visita a Lalín en xuño do ano seguinte.

Por outro lado, deu mostras da súa vocación como escritor durante o servizo militar, que realizou como cabo no Rexemento de Infantería de Zaragoza en Compostela entre 1927 e 1928.  Foi premiado no certame literario anual do rexemento, na festa da Inmaculada, por un traballo titulado “Otilia”.

O mozo Laureano

Xornalista

Logo da caída da ditadura de Primo de Rivera iniciou a súa primeira aventura xornalística: fundou e dirixiu un periódico quincenal co titulo Lalín, que como era habitual na prensa da época levaba un lema, neste caso Laureano escolleu “Cultura”. O xornal apareceu en febreiro de 1930 editado pola Imprenta Lalinense de Celso Carrón, que tamén botou a andar por eses anos. Non se conservan exemplares, pero supoño, polas informacións aparecidas, que a súa duración non pasou de dous números.

Uns meses despois converteuse en redactor xefe de El País Gallego, o periódico dirixido por Juan Jesús González, voceiro dun grupo de socialistas e nacionalistas galegos. O xornal arrancou en novembro de 1930 a súa segunda época desde Lalín, impreso tamén por Carrón. No seu número dous apareceu un artigo titulado “Lalín tiene un alcalde”, no que ademais de facer unha crítica a Bernardo Madriñán, que ocupaba o cargo, carga as tintas contra o seu panexirista, Gustavo Pedro Fernández. O escrito non está asinado, pero é doado atribuírllo a García Guitián.

Político

Coa chegada da República incorporouse ao Centro Republicano de Lalín liderado por Manuel Ferreiro e converteuse nun infatigable propagandista. O seu discurso pechou o mitin posterior á manifestación do 1 de maio de 1931 convocada por socialistas e republicanos. Na campaña electoral das eleccións a Cortes Constituíntes de xuño de 1931 interveu nos mitins de Agolada e Carbia.

Ao ano seguinte participou nalgunhas das asembleas dos Centros Republicanos organizados en varias zonas do concello, destacando a de Soutolongo. Cando se produciu a mobilización contra a paralización das obras do ferrocarril en construción Ourense-Santiago, o comité de folga elixiu a Laureano como presidente, intervindo en mitins e reunións de traballadores e veciños. Ese mesmo ano foi designado delegado de Lalín na Asemblea da Federación Republicana Gallega. A principios de 1933 foi nomeado secretario interino do Concello de Rodeiro.

Candidatura do PRC para as eleccións a compromisarios.

Nese ano aconteceu o seu primeiro cambio de adscrición política: abandonou a esquerda republicana para militar no Partido Republicano Conservador de Miguel Maura. O PRC procedía da Derecha Liberal Republicana e pretendía incorporar ao republicanismo as masas conservadoras desde unha posición aconfesional. En xullo de 1934 García asistiu en Vigo á reunión constitutiva do partido, onde foi elixido para a súa comisión electoral. Foi candidato polo PRC nas eleccións de novembro dese ano, aínda que sen ningún éxito.

Destituído como secretario do concello Rodeiro en setembro de 1934, abriu despacho de avogado en Lalín sen abandonar a súa militancia. Nas eleccións a compromisarios para elixir o presidente da República que tiveron lugar en abril de 1936, foi candidato do Partido Republicano Conservador pola provincia de Pontevedra, e aínda que os conservadores foron o único partido non adscrito á Fronte popular que se presentou ás eleccións, ningún dos seus candidatos logrou a acta. Con todo, Laureano acadou 6.087 votos, procedentes case todos dos concellos dezaos.

Mantiña boas relacións persoais con Mario Fernández Crespo e Luís González Taboada, os líderes da Falange local, e foi dos poucos que os visitou na cadea de Lalín cando foron detidos a principios de maio de 1936. Foron estas amizades as que posibilitaron o seu ingreso na Falange despois do golpe de Estado, en xaneiro de 1937. En xuño actuou como xefe local interino de FET y de las JONS na ausencia de Luís González Taboada e finalmente foi nomeado xefe de Prensa e Propaganda da Falange lalinense o 22 dese mes. Desde ese posto exerceu a correspondencia de El Pueblo Gallego e pronunciou discursos e arengas nos mitins falanxistas como o da celebración da toma de Bilbao polas topas franquistas.

Co uniforme de Falange.

Este fervor falanxista de García Guitián non foi óbice para a súa detención en Vigo por insultar publicamente a Franco en xaneiro de 1939, cando estaba celebrando a toma de Barcelona polo exército franquista. Procesado por embriaguez e insultos ao xefe do Estado, foi condenado a un mes de arresto.

Xuíz

Nomeado xuíz municipal de Lalín en xullo de 1939, exerceu o cargo dende principios de setembro. O posto de xuíz municipal levaba parella a substitución do xuíz de instrución en caso de vacante ou ausencia do titular, cousa que aconteceu en moitas ocasións durante o seu mandato.

Este nomeamento debeu espertar as suspicacias dos “camisas viejas” e as envexas dos arribistas que cobizaban o posto. Uns anos antes a Falange de Lalín tivera que facer pública unha nota saíndo ao paso dos que criticaban a incorporación ao partido de vellos políticos republicanos afirmando que “aquellos que reconocieron su error; y con su adhesión a nuestra FET se pusieron desde un principio (…) al servicio de España a esos los recibimos con los brazos abiertos”.

Nun episodio máis das loitas de poder dentro da Falange pontevedresa, o falanxista estradense Manuel Paseiro remitiu ao Director Xeral de Seguridade o 30 de outubro de 1940 unha denuncia contra Fermín Bouza-Brey, xuíz de instrución da Estrada, e Laureano García, para que fosen cesados. Acusaba ao primeiro de ser un militante do Partido Galeguista e de  protexer os “roxos” nas súas actuacións xudiciais. Sobre García di que pertenceu a “diferentes partidos políticos del Frente Popular”, foi candidato a compromisario, e, no Movimiento “se encubrió con la camisa azul de Falange” e proferiu inxurias contra o xefe do Estado. Tamén afirma que foi proposto para o cargo “por su colega en ideología Fermín Bouza”, e como xuíz accidental de instrución a súa actuación foi aínda máis desastrosa que a de Bouza-Brey, “pues en mucha mayor escala y con mas desvergüenza, comete la misma clase de atropellos”.

Tivera ou non efecto a denuncia, a finais de 1940 Laureano cesou como xuíz municipal.

Avogado

Nos anos corenta dedicouse a exercer a súa profesión de avogado en Lalín, e dende 1947 tamén como letrado na Audiencia de Pontevedra, onde actuou como defensor nalgúns soados procesos penais. Casou en Castro de Cabras con Amalia Fernández Bodaño en 1944.

Entregando premios no Tiro de pichón

A principios da década dos cincuenta foi elixido presidente do Casino e iniciou unha campaña para recuperar a súa faciana cultural, organizando un ciclo de conferencias sobre temas científicos, médicos, literarios e musicais.

En 1953, coincidindo coa celebración da romaría do Monserrat, apareceu en El Pueblo Gallego un artigo seu sobre a orixe da festa titulado “Santuario de Monserrat”. Esta primeira colaboración na prensa logo de moitos anos parece o inicio dunha nova etapa do noso protagonista na que se dedicou á investigación sobre a historia local. Emprendeu o proxecto de facer unha Geografía e Historia del Partido de Lalín, da que se extractaron os artigos “Historia de la parroquia de Lalín” e “Historia del Santuario del Monserrat” publicados tamén no xornal vigués en setembro de 1962. Mágoa que a iniciativa nunca chegara a materializarse.

Na celebración da Hispanidade en Bugallido (Ames) en 1958, con Baldomero Cores e Maximino Castiñeiras.

O periódico que chegou de Cuba

Neste 2022 que remata fixéronse cen anos da aparición de Verdad y Justicia, acontecida un 18 de abril de 1922. Máximo López Carral e Jesús Iglesias Surribas, que chegaran de Cuba uns meses antes, botaron a andar o bisemanario desde un local alugado na parroquia de Prado.

Máximo López Carral, fundador e director de Verdad y Justicia.

“Coñecín un Lalín sen bancos, sen instituto, sen colexios privados, sen grupos escolares do Estado. Sen tantos ricos nin tantos cartos, pero tiña algo Lalín que hoxe xa desapareceu, un xornal que se chamaba Verdad y Justicia.”

Así o lembraba Laxeiro n’Os escritos de Don Ramiro, unha das poucas referencias que se poden rastrexar sobre esta excepcional experiencia xornalística que semella sepultada no esquecemento. O periódico Verdad y Justicia que o de Botos coñeceu nos seus anos na Habana, debeu deixar nel unha fonda pegada que aínda permanecía na memoria moitos anos despois.

E efectivamente, Verdad y Justicia foi un periódico valente que fixo honra ao seu título sostendo unha dura campaña a prol da xustiza, apoiando o movemento agrarista contra o rancio caciquismo que imperaba en Deza, coas únicas armas da razón e a verdade.

Non se conservan exemplares e malamente podo reconstruír a historia deste xornal a través das referencias que del fan algunhas publicacións da época.

Que fixo posible a edición dun medio tan crítico co poder na nosa comarca? Conxuráronse por esas datas varios factores: O empuxe dos emigrados cubanos, o rexurdimento do agrarismo lalinense, e a fundación da Unión del Partido de Lalín de Buenos Aires.

Pódese rastrexar a orixe no periódico uns anos antes. Algúns membros da sociedade Hijos de Lalín da Habana viñan insistindo dende a súa creación en 1910, na necesidade de apoiar ás sociedades agrarias na súa organización e defensa. A primeira noticia que temos sobre a intención de crear un xornal agrario en Lalín data de 1914, cando Máximo López, apoia unha proposición de Felipe Sánchez para a axudar ás sociedades agrarias, facéndoa extensiva  á creación dun periódico que defenda as súas posicións.

Pero hai que agardar a 1920 cando se crea a sociedade Club Lalín da Habana, que se propón como un dos seus fins “Propender a la estabilidad de un periódico en dicho Ayuntamiento que sirva de vocero defensor de los principios que sustenta este Reglamento.”

O proxecto materializouse logo da viaxe de Maximino López Carral, dirixente de Hijos de Lalín e Club Lalín da Habana coa súa familia a Galicia a finais de 1921, instalándose na parroquia natal de Moneixas.

O movemento agrario era vizoso en Deza a principios dos anos vinte logo da fundación de novas sociedades en Lalín, Agolada, Rodeiro e Silleda, culminando coa constitución da Federación de las Sociedades Agrícolas del Partido Judicial de Lalín formalizada o 11 de decembro de 1921, coas sociedades de Gresande, Vilanova, Prado, Bermés, Anzo, Filgueira,  A Balouta, Goiás, Botos e as dos concellos de Dozón e Agolada.

En xaneiro 1921 constituíuse na capital arxentina o Comité auxiliar de las sociedades agrícolas y culturales del partido de Lalín en Buenos Aires co propósito de “defender os intereses e dereitos dos labregos a fin de mellorar a situación precaria que os oprime”. E nese mesmo mes bota a andar a sociedade Unión del Partido de Lalín que se autotitula “Auxiliar y de fomento de sociedades agrarias y culturales en el Partido”.

Con estes vimbios Maximino López e Jesús Iglesias Surribas, que tiña experiencia como impresor, inician a edición de Verdad y Justicia co obxectivo declarado de “fomentar la instrucción y la cultura y ser órgano de las Sociedades Agrarias del partido de Lalín”. Contan tamén coa colaboración de Jesús Filloy, o líder agrario de Cortegada, retornado de Buenos Aires uns anos antes, que se converteu nun dos redactores do xornal. O 18 de abril abriron os dezaos o primeiro número do xornal que saíu a rúa durante case tres anos cada quince días, coincidindo coas datas das feiras de Lalín,.

Un fragmento da única folla conservada de Verdad y Justicia.

Verdad y Justicia serviu de voceiro da campaña contra a anulación eleccións municipais de febreiro de 1922, nas que os agrarios obtiveran unha soada vitoria en Lalín, Silleda e Agolada. As eleccións foran invalidadas polo caciquismo alegando defectos formais, o que desencadeou unha vaga de mitins e protestas, ata que en setembro se celebraron novas eleccións en Silleda, Agolada e Rodeiro.

Desde o xornal lanzaron a idea de celebrar un congreso agrario das Sociedades de Lalín e A Estrada para asentar a colaboración entre elas, e o director, Maximino López participou no congreso Agrario de Tui de setembro de 1922.

Pronto se viu acosado polas autoridades e enfrontado coa Igrexa. O cura de Moneixas, Andrés Cajide, viña atacando ao director desde o púlpito acusándoo de masón e espiritista. Máximo sufriu tamén un atentado aínda que sen consecuencias.

Con este panorama, Máximo López decidiu retornar a Cuba coa familia embarcando no vapor Hammonia no porto de Vigo o 8 de setembro de 1922. O barco naufragou o día seguinte, Máximo e a familia salváronse e foron recollidos por un barco inglés que os levou a Southampton, desde onde volveron a Vigo para embarcar de novo rumbo a Habana.

Jesús Iglesias Surribas, administrador e despois director do periódico.

A Máximo López sucedeuno na dirección do periódico Jesús Filloy, que continuou coa mesma liña editorial. E consecuentemente, en xaneiro de 1923, o bispo de Lugo Plácido Ángel Rey prohibiu a “lectura e retención” do periódico en toda a diocese por conter proposicións heréticas, ser claramente naturalista e librecultista, defender proposicións malsoantes, escandalosas e impías, ademais de estar “escrito con pésima redacción gramatical”.

Cando en setembro de 1923 o xeneral Primo de Rivera deu un golpe de Estado e instaurou unha ditadura en España, Verdad y Justicia non desapareceu. Jesús Iglesias Surribas, que ocupara o posto de administrador, fíxose cargo da dirección. O periódico esquivou como puido a censura da ditadura, non sen polémicas.

A sociedade Unión del Partido de Lalín, que aceptara a correspondencia do periódico en Buenos Aires, pronunciouse en varias ocasións contra os artigos que se publicaban, acusando á dirección de abandonar os ideais agraristas. Protestou contra os escritos de Ricardo Rielo denigrantes para a sociedade. Antón Alonso Ríos publicou duros ataques á dirección da Federación, segundo el entregada a ditadura, que foron respondidos por Ramón Fernández Villar defendendo a liña colaboracionista das agrarias federadas.

Tamén desde El Despertar Gallego, o órgano da Federación de Sociedades Gallegas Agrarias y Culturales de Buenos Aires, Alonso Ríos, asinando como “El rugidor de la Selva”, atacou a Xesús Froiz, que publicaba as súas primeiras colaboracións xornalísticas en Verdad y Justicia co pseudónimo “El Cantor del Bosque”. Outro veterano agrarista, Jesús González Peña, saíu en defensa de Froiz.

Verdad y Justicia da conta da deturpación do programa agrario das sociedades e o seu control por políticos colaboracionistas coa ditadura como Cándido Soto, que se fai coa presidencia da Sociedade de Gresande en 1924. Isto desatou unha campaña de acoso contra o seu director, Jesús Iglesias, a quen ameazaron coa cadea por desertor ao non ter cumprido o servizo militar. Jesús marchou precipitadamente a Cuba en decembro de 1924 e o periódico esmoreceu.

Ao rematar a ditadura, os agrarios intentaron sen éxito reactivar o periódico, do que apareceu un único numero en decembro de 1929, baixo a dirección de Ramón Fernández Villar e cun editorial de Jesús Froiz.

Dez anos despois da súa desaparición, desde as páxinas de Razón, rememoraba Iglesias Surribas a súa participación no proxecto Verdad y Justicia:

“Las peripecias que hemos encontrado a nuestro paso cuando estuvimos al frente de Verdad y Justicia, no fueron causa para amilanar nuestro camino; antes al contrario, ello nos sirvió de acicate para reunir todas nuestras energías y emprenderla directamente sin rebajas. Nuestro grito era de justicia y de razonamiento, era la protesta de la dignidad pública que se encarnaba en nosotros, que sosteníamos la campaña en defensa del deshonor y la procacidad de los traficantes de vendicta pública, que se transformó como un sol que va a purificar las burdas pestilencias con que quisieron mancharnos.”

90 anos da República de Laxeiro

Hai 90 anos proclamábase a Segunda República en España. Caía a monarquía e instaurábase un novo réxime que traía liberdade e xustiza logo do caciquismo e a corrupción que representaba a monarquía borbónica. Manuel Ferreiro, que se fixo cargo do concello como novo alcalde republicano de Lalín dous días despois, comezou a desenvolver os ideais republicanos: democratización das administración municipal, preocupación polo ensino coa promoción de escolas e o impulso dun instituto de segunda ensinanza, extensión da cultura, atención ás infraestruturas rurais (camiños e fontes) e apoio ás reivindicacións dos obreiros da liña férrea en construción Ourense-Santiago.

Para simbolizar este cambio en Lalín, encargoulle ao seu amigo Laxeiro unha alegoría da República para presidir o salón de sesións do Concello. Laxeiro pintou o cadro segundo os patróns clásicos: unha moza tocada cun gorro frixio e vestida cunha túnica branca que deixa un peito ao descuberto, na man dereita porta a bandeira tricolor e na esquerda sostén unha balanza, símbolo da xustiza; detrás o león, como símbolo de vixilancia e de combatividade e ao fondo un labrego arando e varias chemineas de fábrica en referencia ás actividades económicas como vehículo de progreso; o pintor engadiulle o escudo do concello.

Dende o verán de 1931 a imaxe estivo pendurada no salón do vello concello durante toda a etapa republicana. A pintura seguiu alí cando Ferreiro foi destituído polo gobernador civil en agosto de 1934 e substituído polo militante do Partido Radical Ricardo López, que deixou a alcaldía a Domingo Pablo Palmaz a principios de xaneiro de 1936. Co triunfo do Frente Popular nas eleccións de febreiro, Ferreiro volveu ocupar a alcaldía por un mes, para ser substituído por Xesús Golmar en abril de 1936.

Esta pequena fiestra de esperanza que significou o período republicano rematou co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 que significou a destrución dos ideais de democracia e benestar. Representando a barbarie, poucos días despois do golpe, os falanxistas entraron no Concello e apoderáronse dos símbolos republicanos para queimalos nunha fogueira, entre eles o cadro de Laxeiro. Un dos participantes, o que despois foi alcalde franquista, Alfonso Garra, consciente do valor da pintura, salvouna da fogueira e gardouna na súa casa onde permanece durante a ditadura e unha boa parte do actual réxime.

Ata que en 1988 a Asociación Cultural o Naranxo iniciou unha campaña para solicitar dos herdeiros de Alfonso Garra a devolución do cadro ao seu lexítimo propietario, o Concello de Lalín.

Un rapaz de Soutolongo na RAE

A familia de Manuel Ferreiro I

Gregorio Salvador Caja

O recente pasamento do académico da Real Academia Española Gregorio Salvador Caja acontecido o 26 de decembro pasado, trouxo á actualidade a súa biografía, e sobre todo para os dezaos o feito de que parte da súa infancia transcorreu no concello de Lalín. E efectivamente, Gregorio pasou tres anos da súa infancia en Ludeiro, na parroquia de Soutolongo.

Gregorio era o irmán pequeno de Antonio Salvador Caja, un funcionario do Ministerio de Traballo que chegou a Pontevedra nos primeiros anos da República. Adscrito á Delegación de Traballo de Pontevedra, foi coñecedor da comarca dezá, que nesa época era un dos principais focos de conflitos laborais polas obras do ferrocarril Ourense-Santiago. Antonio casou en xaneiro de 1934 en Soutologo coa mestra Marcelina Ferreiro Panadeiro, a irmá do alcalde de Lalín, Manuel Ferreiro, nunha cerimonia na que foron apadriñados polo propio Ferreiro e pola súa tía, a tamén mestra Concepción Ferreiro. Asinaron como testemuñas o delegado de Traballo de Pontevedra, o administrador de Correos de Lalín, Andrés Iglesias Rueda, o avogado Domingo Pablo Palmaz, o comerciante Luis Taboada Fernández e o perito agrícola e secretario do Centro Republicano de Lalín, Gonzalo Goyanes Sánchez.

Antonio converteuse en inspector de traballo en 1935 e nunha coñecida figura política da capital, colaborando na prensa local con artigos sobre o mundo laboral como “El paro, una injusticia social”, que apareceu en El País. O pasamento da nai levou ao pai, daquela secretario do concello de Cúllar de Baza (Granada), a enviar a Pontevedra a Gregorio, de pouco máis de sete anos, para que se ocupasen del o seu irmán Antonio e a súa cuñada Marcelina, que vivían, tal como recordaba Gregorio, nunha “casa de azulejos verdes, junto al río”. O rapaz asistiu á escola preparatoria do Instituto. Ao ano seguinte, logo do triunfo da Fronte Popular nas eleccións de febreiro, Antonio foi nomeado a principios de marzo Delegado de Traballo da provincia de Pontevedra. Cando se produciu o golpe de Estado do 18 de xullo, Antonio Salvador acudiu á chamada do gobernador Gonzalo Acosta Pan para organizar o Comité de Defensa da República no Goberno civil no que tamén participaron Alexandre Bóveda, Ramiro Paz, Amancio Caamaño, José Adrio Barreiro,… Ante a inutilidade da resistencia aos militares, rendéronse e foron detidos.

Así lembraba moitos anos despois Gregorio a detención do seu irmán: “A la semana de empezar la guerra, llegaron a las tres de la madrugada y se llevaron a mi hermano, que era el delegado provincial de Trabajo. Salvó la vida porque lo reconoció un jurídico militar de los sublevados que había sido su amigo de la infancia.”

Antonio estivo detido na Normal de Pontevedra onde compartiu as últimas horas de Alexandre Bóveda antes do seu fusilamento, testemuño que recolleu anos despois o programa A Trabe de Ouro da TVG. Xulgado en Pontevedra por rebelión militar, foi condenado a cadea perpetua. Estivo un tempo no campo de concentración da Illa de San Simón, sufrindo as duras condicións da vida penitenciaria do lazareto da que tamén deixou testemuño no documental Aillados (2001), no que interveu xunto con outros presos. De seguido foi trasladado á Prisión Central de Burgos, pensada para 850 reclusos que chegou a albergar case 4.000, a maioría prisioneiros políticos das zona baixo dominio rebelde. Ao amoreamento engadiuse a deficiente alimentación e a aparición das enfermidades contaxiosas e infecciosas como a tuberculose, a avitaminose, o tifo e o cólera.

Mentres tanto, a súa muller Marcelina, que fora mestra interina na Xesta, Coiro (Cangas) e Vilarello (Dozón), e que acababa de aprobar o cursiño de selección profesional para o ingreso no Maxisterio, foi cesada como mestra. Co home na cadea, o irmán fusilado o 27 de agosto, moi sinalada politicamente e sen medios de vida en Pontevedra, vense para a casa paterna en Ludeiro co seu sobriño Gregorio, que non podía regresar a Granada, en mans do goberno leal. Alí viviron durante toda a guerra con Fernando, Mª Esther e José, os irmáns de Marcelina que aínda quedaban na casa.

Fonte de Ludeiro.

Gregorio Salvador, a quen os veciños chamaban “o andaluz”, compartiu eses anos cos rapaces de Ludeiro e doutros lugares da parroquia de Soutolongo. A súa tía Marcelina exerceu tamén como mestra e é moi posible que asistise á escola de Soutolongo que rexentaba o recordado Manuel González “Cancelo”. Pouco deixou escrito Gregorio sobre esa etapa da súa mocidade:

“Pasé, de niño, cuatro años en Galicia, primero en Pontevedra y luego, la mayor parte de la guerra civil, en una aldea del interior. Me habían partido España y al otro lado estaba casi toda mi familia y con el otro bando, viendo lo que veía, estaba indudablemente mi corazón.” Comenta no artigo “Un español pintado por sí mismo” aparecido en El Sol en 1990.

O andaluz de Ludeiro tamén tiña que botar unha man nas tarefas da casa, e a súa labor principal foi a de ir coas vacas. “Como las vacas son pacíficas y solo hay que estar pendiente de si se meten en el otro prado, tuve mucho tiempo para leer. La biblioteca de la casa era amplia y necesitaba ese vivir otras vidas, ampliar mi horizonte”; “los días que llovía me echaba una capa por encima y con ella tapaba el libro para que no se mojara», conta nunha entrevista. Lembra a lectura dos Episodios Nacionales de Benito Pérez Galdós e dos contos de Vidas sombrías de Pío Baroja mentres coidaba as vacas. E tamén o seu coñecemento da poesía galega no que se iniciou neses anos de Soutolongo.

Escola de Soutolongo

Coincidindo case coa fin da guerra, Gregorio regresou a Cúllar co seu pai, por pouco tempo, pois en de outubro de 1939 xa marchou a Granada para estudar o bacharelato. Marcelina aínda permaneceu en Ludeiro dous anos máis, ata que por fin Antonio Salvador saíu da prisión de Burgos ao concederlle a liberdade provisional a principios de 1941. O matrimonio instalouse en Lugo, onde Marcelina logrou montar unha xestoría e Antonio conseguiu un traballo como administrativo da empresa Gómez de Castro, a propietaria da liña de autobuses que facía o traxecto Lugo-Vigo, con parada en Soutolongo. En Lugo naceu o seu primeiro fillo, Antonio, a finais de 1941.

Marcelina e Antonio seguiron vindo por Soutolongo todos os veráns, e anos despois instaláronse en Vigo. Acabaron construíndo unha casa en Ludeiro onde pasaron os últimos anos de vida. Coa fin da ditadura franquista, Marcelina foi rehabilitada como mestra en 1979.

A relación de Gregorio Salvador coa súa familia galega non rematou en 1939. Gregorio volveu en varias ocasións a Ludeiro, para visitar e rememorar a casa onde pasou varios anos de rapaz; e ademais a súa filla Aurora acabou casando co seu curmán Antonio Salvador Ferreiro, o fillo de Marcelina e Antonio.

Hai que contar tamén a historia dos outros irmáns de Manuel Ferreiro. Queda para outro artigo…

Cen anos do atentado terrorista de Aspai

Nova sobre o atentado na prensa

O 16 de xaneiro de 1921 foi asasinado en Aspai (Chantada) o mestre de Rodeiro Aniceto Pereira, vítima dun atentado con paquete bomba.

Unha caixa en forma de libro que contiña un potente explosivo, depositada na entrada da súa casa, estoupou ao intentar abrila e causoulle a morte instantánea.

Moi cedo, na mañá daquel domingo de xaneiro de 1921, cando a muller do mestre de Aspai, Cándida Gómez, saíu da casa de Campo da Vila para acudir á misa, atopou no portal un paquete. Crendo que se trataba dun encargo do seu home que deixara algún veciño, levoullo ao dormitorio, pois Aniceto aínda quedaba na cama. Mentres baixaba de novo as escaleiras o seu home abriu o paquete, e cando xa estaba saído ao camiño escoitou unha forte explosión que fixo tremer toda a casa. Cándida volveu sobre os seus pasos para atopar o cadáver de Aniceto co rostro esnaquizado e bañado en sangue. O fillo, que estaba noutro cuarto, sufriu feridas leves.

Igrexa de Santa Uxía de Asma.

A bomba tiña a forma dun libro ou estoxo de tocador perfectamente vernizada e cun resorte o chaveta que a pechaba. Dentro había outro resorte en espiral que se supón foi o que produciu a chispa. Parece que a bomba estaba cargada con silicato de mercurio e melinita.

A noticia do atentado produciu unha enorme consternación en Chantada, na provincia de Lugo e en todo o país. A asociación de mestres de Chantada acordou a suspensión das clases  durante corenta e oito horas como sinal de protesta e o enterro de Aniceto constituíu unha enorme manifestación de dó á que acudiron miles de veciños de Chantada e as autoridades locais e provinciais.

Aniceto Pereira Gutiérrez era o primeiro mestre da escola nacional da parroquia de Santa Uxía de Asma,  que fora creada o ano anterior, e levaba só catro meses en Aspai. Aprobara as oposicións no verán de 1920 e este era o seu primeiro destino como mestre titular. Trasladouse a Asma coa súa muller Cándida Gómez Doval, coa que casara a principios dos anos dez, e o seu fillo José Antonio nado en 1911.

Aniceto nacera en Santa Baia de Camba en 1887, fillo de Antonio Pereira e María Gutiérrez. Os pais enviárono ao Seminario de Lugo onde estivo varios anos e de onde saíu para facerse mestre. Ingresou na Normal de Pontevedra en 1913 para facer a reválida como mestre elemental en setembro do ano seguinte. O seu primeiro destino foi a escola graduada de Ponteareas onde traballou como interino dende outubro de 1916. Ao ano seguinte foi destinado á escola de Ventoxo, en Forcarei, e en 1919 foi nomeado para a parroquia de Eidián en Agolada. Durante estes anos presentouse, aínda que sen éxito, ás oposicións de maxisterio.

Durante a súa estadía como mestre da escola de nenos de Eidián, unha escola de nova creación, foi denunciado por un cacique da parroquia que recolleu sinaturas entre os pais para intentar que as autoridades académicas o retiraran do seu posto, sen logralo. Ao ano seguinte aprobou as oposicións e foi destinado a Aspai en setembro de 1920.

O xulgado de Chantada iniciou de inmediato as investigación para descubrir aos autores do atentado, que inicialmente foi atribuído a móbiles políticos relacionados coa loita agrarista. O movemento agrario era especialmente vizoso neses anos na comarca chantadina, contaba con sólidos apoios como o xornal El Regionalista, dirixido por José Costa Figueiras, e sostiña un duro enfrontamento co caciquismo.

Ao pouco as investigacións, orientadas polas sospeitas dos veciños de Santa Uxía de Asma, apuntaron a outro veciño, Daniel Ledo López, un mozo que retornara había algúns anos de América ao que atribuían ideas socialistas e anarquistas, e do que dicían que fora pirotécnico; e ao pai deste, Antonio Ledo López, coñecido como o mestre da Cuqueira, por ter sido mestre de ferrado de Santa Uxía antes da instalación da escola nacional en Aspai. Dicíase que Antonio estaba resentido co novo mestre porque lle quitara o seu medio de vida e porque ademais castigara e expulsara a dous dos seus fillos da escola. O certo e que ambos foron detidos e acusados do atentado. No rexistro do seu domicilio “foron achados un frasco contendo ácido nítrico e unha cantidade de xofre”.

Noticia do xuízo na prensa.

Foron xulgados na Audiencia de Lugo nun proceso que comezou o 31 de xullo do ano seguinte e durou tres días, e no que chegaron a declarar 82 testemuñas. A pesar diso e ante a inexistencia de probas concluíntes, o tribunal emitiu un veredicto de inculpabilidade.

Recorrido o veredicto polo fiscal e a acusación particular, o xuízo volveu repetirse a principios de novembro co mesmo resultado. O crime quedou sen resolver.

A viúva de Aniceto, Cándida Gómez, non tiña dereito de pensión polo escaso tempo de servizos e os mestres de Chantada fixeron unha subscrición para axudala mentes se tramitaba o expediente para pedir ao Goberno a concesión dunha pensión extraordinaria e vitalicia, que se aprobou en xullo dese ano.

O fillo, José Antonio Pereira, ingresou na Escola Normal de Pontevedra grazas a unha bolsa e fíxose mestre en 1933. Foi mestre na parroquia de Santa Baia de Camba, na que nacera o seu pai, e un dos socios fundadores da Casa del Maestro de Pontevedra.